Blini

Un blini[1] (en inglés: blintz; en ruso: блин, блины (pl.); en ucraíno: блинці, blyntsi) é unha torta eslava, elaborada cun amoado semellante ao dunha filloa e que tradicionalmente se serve enrolada e reenchida de crema agre, peixe afumado ou caviar.
Os blini fanse a base de fariña, ovos, leite e lévedo que pode comerse cocida no forno ou fritida, con ou sen recheo algún. É moi común na cociña eslava (rusa, ucraína, belarusa ou polonesa).
Os blini serven como base para diferentes tipos de peixes afumados (salmón, arenque, troita, sollo rei); smetana (crema agre) e ovos de peixe, e se acompañan con infusións, compota ou con viño. A bebida depende do tipo de recheo.

En Belarús existe unha versión sen fariña de cereais chamada de draniki, que se elabora fritindo en aceite de xirasol unha masa composta de pataca cocida e despois relada, cebola finamente picada, ovos, sal, pementa negra e un pouco leite; tradicionalmente cómense con smetana.
Os blini son un alimento moi antigo vencellado aos pobos eslavos dende a época precristiá; pola súa forma circular e a súa cor dourada eran asociados co sol, e por iso constituían un dos pratos principais das festas pagás de Maslenitsa -unha festa que celebra a fin do inverno equivalente ao entroido galego- e de Kupala -o solsticio de verán, a nosa noite de San Xoán-.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome galego en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia, Real Academia Galega
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |