Compota
A compota[1] (do francés compote, xurdido a partir do verbo latino componere ‘compor’)[2] é unha preparación doce elaborada con froitas cocidas nun almibre[3]. Adoita tomarse coma sobremesa caseira, e tradicionalmente se ten feito especialmente de mazá e de pera, mais que se fai igualmente de distintas froitas (pexego, albaricoque, marmelo, ruibarbo, froitas vermellas). É un alimento de consumo habitual en países como Francia e Alemaña, sendo tamén moi tradicional en Galicia. Consiste en cocer pouco tempo a froita enteira ou en anaquiños con azucre.
As compotas de froita esmagada empréganse frecuentemente nas dietas infantís (aínda que neste caso adoitan posuír menor contido de azucre, ademais de seren enriquecidas con vitaminas diversas, en especial a C). Tamén se emprega en caso de gastroenterite, por ser así a froita máis dixestíbel.
Definición industrial
[editar | editar a fonte]Segundo a Regulamentación Técnico-Sanitaria española para a elaboración e venda de conservas vexetais (R.D. 2420/1978), a compota defínese como "a conserva de froitas ou hortalizas, enteiras ou partidas en anacos, aos que se lles incorporou unha solución azucrada, cunha gradación final inferior a 14º Brix".
Por outra banda, segundo o Código Alimentario Español, compota é "a confección preparada con froita enteira ou partida en anacos regulares e con solución azucrada. Non conterá unha riqueza superior ao 15 por 100 de azucres, expresada en sacarosa". Segundo o mesmo Código Alimentario Español, dáse o nome xenérico de confeccións de froita a"os produtos obtidos a partir de froitas frescas ou dos seus zumes sometidos ou non a un proceso de preparación mecánica previo, tratadas, en todo caso, por cocción con ou sen materias azucradas, e que se conservan posteriormente mediante procedementos axeitados".
A compota en Galicia
[editar | editar a fonte]En moitas cidades, vilas e aldeas de Galicia, a compota é unha das sobremesas típicas da Noiteboa. Faise xeralmente de peras ou mazás, con azucre e canela en rama, e adóitaselle engadir viño branco á auga.
Na illa de Ons chámanlle compota a unha especie de pan feito con ovos batidos aos que se lles incorpora galleta de pan trigo esmiuzada, fariña, azucre, cravo, comiño, canela, pementa e outras especies; unha cebola picada, pirixel, touciño rustrido e unha pouca nébeda. Posto todo nunha pota, introdúcese no forno, coidando de que este estea ben quente, para que a compota se coza até ficar dura. Despois córtase coma se fose pan, cómese no xantar, e é propia dos días de Entroido e Pascua[4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
- ↑ "Compota". Portal das Palabras. Consultado o 29 de agosto de 2016.
- ↑ Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
- ↑ Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo