Amán
عَمَّان (ar) | ||||
Epónimo | Amonitas (pt) | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
| ||||
Estado | Xordania | |||
Gobernación | Amã (província) (pt) | |||
Capital de | ||||
Poboación | ||||
Poboación | 4.007.526 (2015) (2.385,43 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 1.680 km² | |||
Altitude | 776 m | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Organización política | ||||
• Xefe do goberno | Yousef Shawarbeh (pt) (2017–) | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 11110–17198 | |||
Fuso horario | ||||
Outro | ||||
Irmandado con | ||||
Páxina web | ammancity.gov.jo | |||
Amán[1] ou Aman[2] (Árabe: عمان ʿAmmān), a capital do reino de Xordania, con máis de 1 200 000 habitantes, é o centro comercial, industrial e administrativo do país.
Historia
[editar | editar a fonte]A historia urbana de Amán ten por berce o Jebel al-Qal'a (a Cidadela), un outeiro rico en auga e dominante dos arredores. Ocupado con asentamentos dende o neolítico (achados do quinto milenio antes da nosa era), primeiro nun socalco intermedio e despois (cara ao 2200 aC) trasladado ó superior xa con muralla e terrapléns defensivos (2000-1550 aC), semella ter rematado coma recinto sacro cun pequeno asentamento retirado do socalco máis baixo do outeiro (1550-1200 aC)[3].
Capital dos amonitas
[editar | editar a fonte]O lugar volta a adquirir relevo (en torno ao 1000 aC) coma capital, citada frecuentemente na Biblia, do reino rival dos israelitas na outra beira do Xordán, os amonitas, e co nome de Rabbat Ammon. No século VIII e VII aC, coma vasalo do imperio neoasirio, o reino amonita e a súa capital experimentaron unha gran prosperidade. Un novo recinto amurallado arredor de todo o outeiro, templos e pazo real asemade cunha rica estatuaria o testifican.
Grega e romana
[editar | editar a fonte]Trala caída no poder dos babilonios (582 aC) o reino amonita desaparece. Foi renomeada Filadelfia polos gregos da dinastía tolemaica (Tolomeo II Filadelfos, 283-246 aC) e coma tal pasou ao poder romano no século I aC (unha das integrantes da rexión da Decápolis).
Pero o reflorecemento da vila non tivo lugar ata o século II da nosa era[4]. Probablemente coma cidade intermedia na ruta entre Petra e Palmira, foi reconstruída có característico estilo clásico monumental do urbanismo romano: no val do pequeno río Sayl ao pé da Cidadela de Rabbat Ammon corría, de leste a oeste, un decumanus máximus porticado pola beira norte do río; na beira sur o foro co gran Teatro (6000 espectadores) na ladeira do outeiro veciño e o Odeón[5]. Uns propileos servían de entrada monumental ó acceso á antiga Cidadela novamente amurallada, na que os romanos concibiron unha acrópole presidida polo templo de Hércules.
Máis ao oeste, por un val perpendicular ó do río, unha nova rúa columnada remataba preto dunha gran fonte monumental (nympheum). Xusto no seu encontro co decumanus foi construída a basílica catedral cando o cristianismo deveu a relixión do imperio e Filadelfia en sé episcopal (polo menos dende o 325)[6]. No ano 363 un gran terremoto destruíu a Cidadela e os templos pagáns non foron reconstruídos, converténdose o outeiro no barrio bizantino da vila arredor de dúas igrexas.
A nova Cidadela dos Omeias
[editar | editar a fonte]Co establecemento do Califato Omeia na próxima Damasco a vila (que árabes preislámicos renomearan Amman no século VI) foi unha importante capital provincial. No 730 comezou a reconstrución da Cidadela onde se erixiu un conxunto palaciano con mesquita no socalco superior[7][8][9]. A mesquita do venres da vila foi erixida no val a carón da antiga catedral cristiá.
A prosperidade durou pouco: novos terremotos e o traslado da capital califal a Bagdad cos abásidas (750) foron deixando progresivamente na ruína e abandono a Cidadela. Para o tempo das cruzadas (s. XII) Amán era xa unha vila sen importancia e no século XIV practicamente abandonada.
Capital de Xordania
[editar | editar a fonte]En 1887 tivo lugar o renacemento de Amán coma cidade cando o Imperio Otomán recolocou refuxiados musulmáns do norte do Cáucaso (circasiáns que fuxiran da Rusia tsarista) no terreo da antiga vila en ruínas. Pero foi a construción, na primeira década do século XX, do ferrocarril entre Damasco e Medina (en principio para facilitares a peregrinación á Meca) o que puxo novamente a Amán no mapa[10].
Precisamente a estación foi a primeira sede do novo Emirato de Transxordania (xermolo do Reino de Xordania) cando Abdullah I elixiu a vila como a súa capital en 1921, que se mantivo coma unha pequena cidade ata despois da segunda guerra mundial[11].
En 1949, trala formación do estado de Israel, unha primeira vaga de refuxiados palestinos fixo medrar considerablemente a súa poboación. O fenómeno reproduciuse de maneira dramática en 1967 coa Guerra dos Seis Días e dende entón con cada un dos graves conflitos na rexión (os últimos as guerras do Golfo).
Coma consecuencia Amán ten acadado nunhas décadas as proporcións de metrópole pero cunha absoluta falla do planeamento axeitado, o que xera os problemas habituais (amoreamento, ausencia de infraestruturas e servizos) nas urbes do terceiro mundo[12].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Goretti Sanmartín Rei et al. Servizo de Normalización Língüística, Universidade da Coruña, ed. Criterios para o uso da lingua (PDF). p. 134. ISBN 84-9749-199-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de setembro de 2013. Consultado o 03 de abril de 2014.
- ↑ Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1303. ISBN 9788482887524.
Aman (Xordania)
- ↑ Planta da Cidadela de Amán; "Rabbath of the Ammonites", Timothy Harrison (pdf. páx. 16) [1][Ligazón morta]
- ↑ Planta de Filadelfia na época romana; "Philadelphia of the Decapolis", Alastair Northedge (ibídem páx. 28)
- ↑ Vista dende a Cidadela das ruínas do foro de Filadelfia co Teatro e o Odeón (fotografía de 1867) [2] Arquivado 17 de outubro de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ Vista dende a Cidadela das ruínas do suroeste de Filadelfia: os restos do nymphaeum, a catedral e a mesquita omeia; en primeiro termo os propileos de ascenso á "acrópole" do Jebal al-Qal'a (fotografía de 1867) [3] Arquivado 17 de outubro de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ Vista de paxaro da Cidadela dende o norte coa traza do Pazo Omeia en primeiro termo [4]
- ↑ Planta do complexo palaciano omeia
- ↑ "El palacio omeya de Amman: Investigación arqueológica y restauración, 1989-1997"; Antonio Almagro Gorbea [5]
- ↑ Vista de Amán nas primeiras décadas do s. XX (ao fondo o outeiro da Cidadela); foto da celebración dos 100 anos da municipalidade [6]
- ↑ Vista de Amán dende a Cidadela (anos corenta)
- ↑ Mapas esquemáticos coa expansión de Amán dende 1925
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Amán |