Saltar ao contido

Xerarquía dos xéneros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escena de xénero. Louis Le Nain, Familia campesiña, tamén chamado De volta do bautizo, 1642, óleo sobre lenzo, Museo do Louvre, París.
Retrato. Piero della Francesca, Díptico do duque de Urbino, h. 1465-1470, Témpera sobre táboa, Galería Uffizi, Florencia.
Paisaxe. Jan Vermeer, Vista de Delft, h. 1660-1661, óleo sobre lenzo, Mauritshuis, A Haia.
Bodegón. Juan Sánchez Cotán, Bodegón do cardo, 1602, óleo sobre lenzo, Museo do Prado, Madrid.

Unha xerarquía dos xéneros é calquera formalización que ordena segundo o seu valor ou categoría diferentes tipos de xéneros artísticos. As xerarquías máis coñecidas son sustentadas polas academias europeas entre o século XVII e a Idade Moderna, e delas a xerarquía que para os xéneros pictóricos sostivo a Academia francesa que desempeñou un papel central na arte académica.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O debate sobre a estética da pintura, que continuou obtendo adhesións dende o Renacemento, radicou na importancia da alegoría: empregábanse elementos pictóricos como a liña e a cor para transmitir unha idea ou tema unificador último. Por esta razón adoptouse na arte o idealismo, de xeito que as formas naturais xeneralizaríanse, e á súa vez subordinaríanse á unidade da obra de arte. O obxectivo era transmitir unha verdade universal a través da imitación de la belle nature. Moitos teóricos da época disentían, como Gotthold Ephraim Lessing, que sostivo que a alegoría era imperfecta e baseábase nunha analoxía equivocada entre as artes plásticas e a poesía que afundía as súas raíces no devandito horaciano ut pictura poesis («como a pintura así é a poesía»).

O ano 1667, André Félibien historiógrafo, arquitecto e teórico do clasicismo francés nun prólogo das Conferencias da Academia codifica a pintura clásica por temas pictóricos: «a historia, o retrato, a paisaxe, as mariñas, as flores e os froitos». A pintura de historia era considerada un grande genre e incluía as pinturas con temas relixiosos, mitolóxicos, históricos, literarios ou alegóricos. Encarnaban algunha interpretación da vida ou portaban unha mensaxe intelectual ou moral. Os deuses e as deusas das mitoloxías antigas representaban diferentes aspectos do psiquismo humano, as figuras relixiosas representaban diferentes ideas, e a historia, como as demais fontes, representaban unha dialéctica ou xogo de ideas. Durante longo tempo, especialmente durante a Revolución francesa, a pintura de historia a miúdo centrábase na representación dun espido masculino heroico; aínda que isto decaeu no século XIX.

Tomando como base aquela xerarquía clasifícase de máis a menos nobre os seguintes xéneros:

Segundo a Academia, os retratos, paisaxes e bodegóns eran inferiores porque eran sinxelas representacións de obxectos externos, sen forza moral ou imaxinación artística. A pintura de xénero -nin ideal en estilo, nin elevada no tema- foi admirada pola súa habilidade, inxenuidade e mesmo o seu humor, pero nunca se confundiu coa grande arte. A xerarquía dos xéneros tamén tivo unha correspondencia coa xerarquía dos formatos: formato grande para a pintura de historia, pequeno para os bodegóns.

Félibien argumentou que o pintor debía imitar a Deus, cuxa obra máis perfecta é o home, e mostra grupos de figuras humanas e elixía temas da historia e a fábula. «Debe», escribe Félibien, «como os historiadores, representar grandes acontecementos, ou como os poetas, suxeitos que agradarán; e subindo aínda máis alto, ser hábil para ocultar baixo o veo da fábula as virtudes dos grandes homes e os misterios máis exaltados».

O pintor británico sir Joshua Reynolds nos seus Discourses dos anos 1770 e 1780, reiterou o argumento de que o bodegón tiña a posición inferior na xerarquía dos xéneros baseándose en que interfería co acceso do pintor ás formas centrais, aqueles produtos dos poderes generalizadores da mente. No cume reinaba a pintura de historia, centrada no corpo humano: a familiaridade coas formas do corpo permitía á mente do pintor, ao comparar innumerables exemplos da forma humana, abstraer daqueles os trazos centrais ou típicos que representan a esencia ou ideal do corpo.

Malia estar Reynolds de acordo con Félibien sobre a orde natural dos xéneros, sostiña que unha obra importante de calquera xénero pictórico podía producirse en mans dun xenio: «Sexa a figura humana, un animal ou mesmo obxectos inanimados, non hai nada, non importa cuán pouco prometedor en aparencia, que non poida alzarse á dignidade, transmitir sentimento e producir emoción, en mans dun pintor de xenio. O que se dicía de Virxilio, que mesmo o esterco tirábao ao chan con dignidade, pode aplicarse a Tiziano; calquera cousa que tocaba, non importa cuán humilde por natureza, e habitualmente familiar, por unha especie de maxia, el investíao de grandeza e importancia».

Aínda que as academias europeas normalmente insistían estritamente nesta xerarquía, nos seus dominios, moitos artistas foron capaces de inventar xéneros novos e únicos que acadaban os temas máis baixos á importancia da pintura de historia. O propio Reynolds logrou isto ao inventar un estilo de retrato que se chamou Grand Manner (Grande estilo) onde halagaba aos seus modelos ao asemellalos a personaxes mitolóxicos. Jean-Antoine Watteau inventou un xénero que se chamou fêtes galantes (festas galantes) onde amosaría escenas de entretementos cortesáns en ambientacións arcádicas; estas a miúdo tiñan unha calidade alegórica e poética que se consideraba que as ennobrecía. Claudio de Lorena practicou un xénero chamado o paisaxe ideal, onde unha composición basearíase vagamente na natureza e dotábaa de ruínas clásicas como unha ambientación dun tema histórico ou bíblico. Combinaba artisticamente paisaxe e pintura de historia, deste xeito lexitimaba o primeiro. É sinónimo do termo paisaxe histórica que recibiu recoñecemento oficial na Academia Francesa cando se estableceu un Premio de Roma para este xénero en 1817. Finalmente, Jean Siméon Chardin foi capaz de crear bodegóns considerados con tanto encanto e beleza como para ser colocados xunto aos mellores temas alegóricos. Con todo, consciente desta xerarquía, Chardin comezou a incluír figuras na súa obra ao redor de 1730, principalmente mulleres e nenos.

Estes xéneros menores foron o campo no que destacaron as mulleres pintoras, pois até mediados do século XIX, foron incapaces en gran medida de pintar cadros de historia. Isto ocorría así porque a Academia, para protexer a súa modestia, non lles permitía participar no proceso final da formación artística, a do pintar do natural. Podían traballar a partir de relevos, láminas, moldes e dos antigos mestres, pero non cun modelo espido. Por iso, en lugar diso, animouselles a participar nas formas inferiores de pintura como o retrato, a paisaxe e as escenas de xénero. Considerábanse xéneros máis femininos por considerar que chamaban máis a atención da vista que da mente.

Esta xerarquía sobre todo tiña sentido para a Academia. Os particulares preocupábanse basicamente de facer pintar o seu retrato. No século XIX, pintores e críticos comezaron a rebelarse contra numerosas normas da Academia Francesa, entre elas, a preferencia pola pintura de historia. Entre os novos estilos como o realismo ou o impresionismo buscaron representar o momento actual e a vida cotiá como o ollo a vía, e desprendida de significados históricos. Triunfou a paisaxe, mesmo nos encargos oficiais. En 1850, a «paisaxe campestre» (escena natural que suscita unha emoción no artista, e este quere transmitila ao espectador) vólvese preponderante en relación coa «paisaxe heroica» (no cal se desenvolve unha escena histórica ou mitolóxica). Os realistas a miúdo escolleron a pintura de xénero e os bodegóns, mentres que os impresionistas con maior frecuencia centráronse nas paisaxes. A pintura de historia obtivo menos favor cando se puxo de moda en Europa a arte e a cultura xaponeses, na forma de Xaponismo no Xapón dábase unha importancia significativa a obxectos de laca e porcelana.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]