Western Union
- Para a película homónima véxase Western Union (filme)
Western Union (WU) é unha compañía multinacional que ofrece servizos financeiros e de comunicación. Ten a súa sede nos Estados Unidos, en Greenwood Village, Colorado, e a sede de mercadotecnia internacional e servizos financeiros en Montvale, Nova Jersey.
Aínda que na actualidade non se ofrece, o servizo de transmisión de telegramas da Western Union foi o máis coñecido do mercado estadounidense.
A empresa ofrece varios servizos, como transferencias de diñeiro persoa a persoa, ordes de diñeiro e servizos comerciais. O 5 de decembro de 2005 a empresa contaba con máis de 250.000 puntos de venda en 195 países diferentes do mundo, xerando ese ano uns beneficios da orde dos 3.000 millóns de dólares.
Historia
[editar | editar a fonte]A Western Union foi fundada en Rockester, Nova York, en 1851, co nome de The New York and Mississippi Valley Printing Telegraph Company.
Despois de que Jeptha Wade adquirira unha serie de compañías da competencia, a empresa cambiou o nome para Western Union Telegraph Company en 1856 despois da insistencia de Ezra Cornell (un dos fundadores da Universidade Cornell) para que o nome da compañía reflectira a unión das liñas telegráficas que ían "de costa a costa".
E así, en 1861, a Western Union completou a primeira liña telegráfica transcontinental. En 1865 fundou a compañía Telégrafo Ruso Americano, nun intento de unir América con Europa. Esta liña pasaba por Alasca, Siberia e finalmente chegaba a Moscova.
En 1871 a compañía introduciu o seu servizo de transferencia de diñeiro, sobre a base da súa extensa rede de telégrafos.
En 1879, a Western Union saíu do negocio da telefonía despois de perder un preito de patentes con Bell. Como o teléfono estaba empezando a substituír o telégrafo, a transferencia de diñeiro pasou a ser o seu principal negocio.
A partir de 1974 a Western Union converteuse na primeira empresa de telecomunicacións de América en manter a súa propia frota de satélites de comunicacións xeosincrónica.
Debido á diminución dos beneficios e ás débedas, Western Union comezou lentamente a desfacerse das telecomunicacións a partir de comezos do decenio de 1980. E grazas á desregulación no momento, a compañía comezou a enviar diñeiro fóra do país.
Participación nas primeiras redes de computadoras
[editar | editar a fonte]Western Union participou na Automatic Digital Network (AUTODIN), unha aplicación militar para a comunicación que empezou a desenvolverse na década de 1960 e que se converteu na precursora da moderna Internet (que xurdiu nos anos 1990). Nos Estados Unidos, o Defense Message System (DMS) substituíu a AUTODIN no ano 2000.
AUTODIN era un servizo moi primitivo que utilizaba lectores de tarxetas perforadas para enviar e recibir datos a través de liñas de transmisión simétrica.
Western Union fracasou nos seus intentos de enxeñar un substituto (o AUTODIN II), o que permitiu o desenvolvemento dun aceptábel sistema de conmutación de paquetes de rede BBN (o promotor de ARPANET), que se converteu no fundamento da actual Internet.
AUTODIN deixou de funcionar en 2000, cando había anos que xa estaba obsoleto.
A fin dos telegramas
[editar | editar a fonte]A principios de 2006, a Western Union fixo público o seguinte anuncio na súa web:
"Con efectos do 27 de xaneiro de 2006, Western Union suspende todos os telegramas e os servizos de mensaxaría comercial. Lamentamos cualquera inconveniente que isto poida causarlle e lle damos as grazas polo seu leal patrocinio. Se vostede ten algunha pregunta ou dúbida, póñase en contacto cun representante do servizo ao cliente".[1]
Isto puxo fin á era dos telegramas, que se iniciara en 1851 coa fundación da compañía, The New York and Mississippi Valley Printing Telegraph Company, e que abarcou 155 anos de servizos ininterrompidos. A Western Union informou de que o envío de telegramas se reducira a un total de só 20.000 ao ano, debido á competencia doutros servizos de comunicación como o correo electrónico. Os empregados foron informados da decisión a mediados de xaneiro.
Un problema novo: o bloqueo dalgunhas transaccións
[editar | editar a fonte]Western Union bloquea as transaccións sospeitosas de conexións terroristas, como parte da súa participación na guerra contra o terrorismo. Na práctica, isto significa que moitas veces se denega o servizo a algúns remitentes que especifican destinatarios con nome árabe. Tamén se bloquean transaccións de persoas sen eses nomes, baseándose en criterios que a empresa se nega a revelar.
Actualmente, nas transferencias que se envían pola Western Union é obrigatorio confirmar a identidade do remitente. Ocasionalmente, a transferencia falla, e o servizo de atención ao cliente informara ao remitente de que a transacción "no se axusta aos nosos requisitos". O custo da transacción, porén, segue sendo a cargo do cartón bancario do remitente, que se devolve posteriormente.[2]
Loita contra as fraudes electrónicas
[editar | editar a fonte]A Western Union aconsella aos seus clientes que non envíen diñeiro a persoas descoñecidas. A pesar dos seus esforzos en concienciar aos seus usuarios do problema,[3] os estafadores seguen usando a Western Union para a fraude electrónica.[4]
A Western Union foi obrigada a manter rexistros das transferencias para evitar o lavado de diñeiro. Porén, esta información só se pode obter cunha orde xudicial, e por iso casos como a estafa nixeriana ou a estafa romanesa séguense producindo a través da Western Union, porque unha vez que o diñeiro chega ao estafador estranxeiro, resulta case imposíbel de recuperar.[5] A compañía puxo a disposición dos clientes que pensan que puideron ser estafados unha dirección de correo electrónico: [email protected].
Por esta razón, prohibiuse como método de pago en eBay.[6][7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ US, Mensaxe orixinal.
- ↑ Flemming Funch, "Ming the Mechanic: Western Union sucks"
- ↑ BBC News Western Union únese á loita contra a fraude (en inglés)
- ↑ Derbyshire, David: eBay-er Beware, National Post (Canada), 3-3-2007.
- ↑ Internet Crime Schemes Arquivado 06 de marzo de 2012 en Wayback Machine. – Internet Crime Complaint Center
- ↑ Taylor, Ben: "The ebay racketeers", Daily Mail (Londres), 29-10-2005. Cita: "A pasada noite foron encarcerados tres inmigrantes romaneses que estafaran aos clientes de eBay case 300.000 libras. Na máis grande fraude de internet do seu tipo, a cuadrilla de malfeitores enganou a 3.000 concursantes, aos que arrogantemente describiron como "idiotas", para que pagaran por bens que non existían. Vítimas de todo o mundo entregaron sumas de até 5.000 libras para toda clase de cousas, desde entradas para concertos até a compra de motos, a través de diñeiro transferido pola Western Union".
- ↑ Brown, David: "Fraudsters Targeted In New eBay Crackdown", The People, 18-12-2005. Cita: "A poxa xigante protexerá aos clientes prohibindo o uso de transferencias de diñeiro en liña. Agora eBay importará a prohibición —apoiada pola Western Union e xa en vigor nos Estados Unidos— ao Reino Unido, desde o 15 de xaneiro, e informará aos postores de que utilicen sistemas de pago seguro, que verifiquen a identidade dos usuarios, e que poida así tranquilizar tanto aos compradores como aos vendedores".