Ursula von der Leyen
Ursula Gertrud von der Leyen, nada como Ursula Gertrud Albrecht en Ixelles, Bruxelas, o 8 de outubro de 1958, é unha política alemá, presidenta da Comisión Europea dende 2019. Von der Leyen está afiliada á Unión Demócrata Cristiá (CDU), partido de centro-dereita do cal é unha das vicepresidentas.[1] Foi a primeira muller no cargo de ministra de Defensa de Alemaña, entre 2013 e 2019, despois de liderar os ministerios de Traballo e Asuntos Sociais, entre 2009 e 2013, e de Familia, Terceira Idade, Mulleres e Xuventude, entre 2005 e 2009. É luterana e licenciada en economía e doutora en medicina.[2][3]
En 2 de xullo de 2019, en concorrencia coas eleccións europeas de maio, o Consello Europeo nomeou von der Leyen presidenta da Comisión Europea, decisión que veu ser aprobada polo Parlamento Europeo o 16 de xullo. Von der Leyen, a primeira muller que foi nomeada para o cargo, asumiu as funcións o 1 de novembro de 2019.[4][5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Familia, educación e profesión
[editar | editar a fonte]Ursula von der Leyen naceu o 8 de outubro de 1958, en Ixelles, Bruxelas, onde viviu ata aos 13 anos. É descendente do Barón Ludwig Knoop, fabricante de panos da cidade de Bremen[6] e empresario de éxito do século XIX. É filla de Heidi Adele Albrecht e de Ernst Albrecht. Creceu con cinco irmáns e unha irmá e, entre 1964 a 1971, asistiu á Escola Europea de Bruxelas I, institución en que estudan moitos fillos de funcionarios comunitarios en Bruxelas.[7] O seu pai foi un dos primeiros funcionarios públicos das institucións europeas, a partir de 1958. Entre 1976 e 1990, o seu pai foi ministro-presidente do estado da Baixa Saxonia.[8]
En 1971, a familia mudouse a Lehrte, na rexión alemá de Hannover, cando o seu pai pasou a ser director executivo da empresa alimentaria Bahlsen. En 1976, rematou o ensino secundario en Lehrte, pasando no exame final (Abitur) en matemáticas e ciencias. Proseguiu estudando economía, entre 1977 e 1980, nas universidades de Göttingen e Münster. Entre 1978 e 1979, no auxe da ameaza de grupos terroristas comunistas na Alemaña Occidental e dada a notoriedade do seu pai, este enviouna a Londres, onde se matriculou na London School of Economics. Alí empregou o pseudónimo de Rose Ladson e tivo protección de Scotland Yard.)[9]
A partir de 1980 e durante sete anos, estudou medicina na Facultade de Medicina de Hannover. Presentou a súa tese de doutoramento en 1991. Foi acusada de plaxio na tese.[10][11][12] Traballou como médica axudante na maternidade da Universidade de Hannover entre 1988 e 1992. Entre 1992 e 1996, viviu en Stanford, California, onde volveu a estudar economía. Ao regresar a Alemaña, foi investigadora axudante en medicina social, facendo investigacións sobre o sistema de saúde no departamento de epidemioloxía da Facultade de Medicina de Hannover, de 1998 a 2002.
Carreira política
[editar | editar a fonte]En marzo de 2003, foi elixida para o parlamento estatal da Baixa Saxonia; en novembro de 2005, foi nomeada ministra de Asuntos Sociais, Mulleres, Familia e Saúde dese estado. En decembro de 2004, converteuse en membro do Consello Federal da CDU, o órgano máis alto do partido conservador. O 17 de agosto de 2005, foi nomeada por Angela Merkel para o equipo de competencia da CDU/CSU nas eleccións federais de 2005, nas áreas de familia e saúde. O 22 de novembro do mesmo ano, Ursula von der Leyen foi designada Ministra Federal de Familia, Anciáns, Mulleres e Xuventude pola chanceler Angela Merkel no seu primeiro goberno.
En febreiro de 2007, provocou, debido a algunhas presións de política familiar (como a esixencia dunha enorme expansión de lugares de xardíns de infancia) debates controvertidos sobre a misión da familia. Os ataques viñeron principalmente do seu propio partido e dalgúns representantes do socio de coalición, a CSU. Pola contra, recibiu apoio, no ámbito do debate, do Presidente Federal e dos políticos de partidos da oposición, especialmente da SPD, de parte da economía alemá e dalgúns representantes da igrexa.
Ministra de Familia
[editar | editar a fonte]Tralas eleccións federais en Alemaña en 2009, cando os partidos concordaran nun acordo de coalición, Ursula von der Leyen foi, o 28 de outubro de 2009, designada unha vez máis ministra de Familia, no segundo goberno de Angela Merkel.
Ministra de Traballo e Solidariedade Social
[editar | editar a fonte]Despois da renuncia do ministro Franz Josef Jung o 27 de novembro de 2009, Ursula von der Leyen asumiu o Ministerio de Traballo e Solidariedade Social, ata o final do período lexislativo en 2013.[13][14]
Mesmo fóra das súas habilidades ministeriais, no medio da crise do euro, en 28 de agosto de 2011, declarou á televisión pública alemá, ARD, que a crise da zona euro só podería superarse fortalecendo a unión política do continente, coa creación dos "Estados Unidos da Europa". A prensa alemá apuntou a Ursula von der Leyen como unha posíbel sucesora de Angela Merkel.[15]
Ministra de Defensa
[editar | editar a fonte]Despois das eleccións federais o 22 de setembro de 2013, Ursula von der Leyen foi escollida pola chanceler Angela Merkel como a primeira muller na historia da República Federal de Alemaña a liderar o importante Ministerio de Defensa e, con iso, a Bundeswehr, as Forzas Armadas Alemás.[16]
Presidenta da Comisión Europea
[editar | editar a fonte]O 2 de xullo de 2019 o Consello Europeo nomeou a Von der Leyen para o cargo de presidenta da Comisión Europea. O Parlamento Europeo confirmou o seu nome o 16 de xullo de 2019,[4][17] asumindo as funcións o 1 de novembro de 2019.
Predecesor: Jean-Claude Juncker |
Presidenta da Comisión Europea 2019 - |
Sucesor: ' |
Vida privada
[editar | editar a fonte]Está casada con Heiko von der Leyen, profesor de medicina, director executivo dunha compañía de enxeñaría médica e membro da familia von der Leyen, unha familia aristocrática de industriais da seda.[18] Coñeceu o seu marido no coro da universidade de Göttingen e teñen 7 fillos: David (1987), Sophie (1989), Donata (1992), as xemelgas Victoria e Johanna (1994), Egmont (1998) e Gracia (1999). Ata o ano 2014 a familia viviu nunha casa preto de Hannover.[19]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Membros do Conselho do partido CDU Arquivado 21 de abril de 2013 en Wayback Machine. recuperado 28 de agosto 2011 (de)
- ↑ http://www.dw.de/pela-primeira-vez-alemanha-tem-mulher-no-comando-das-for%C3%A7as-armadas/a-17301577
- ↑ Biografia[Ligazón morta] recuperado 28 de agosto 2011 (en)
- ↑ 4,0 4,1 Barigazzi, Jacopo; Herszenhorn, David M.; Bayer, Lili (2 de xullo de 2019). "EU leaders pick Germany’s von der Leyen to lead Commission". Consultado o 2 de xullo de 2019.
- ↑ sapo.pt. "Alemã Ursula von der Leyen eleita presidente da Comissão Europeia". Consultado o 16-7-2019.
- ↑ Bloehte, Holger. "Der denkmalgeschützte Bau drohte zu verfallen: Altes Knoop-Mausoleum für 90000 Euro restauriert". Bild (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2012. Consultado o 22 de xuño de 2016.
- ↑ Cabral, Ivo (3 de xullo de 2019). "Así es Von der Leyen, primera mujer al frente de la Comisión Europea". Público. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2019. Consultado o 5 de xullo de 2019.
- ↑ [1] Arquivado 04 de outubro de 2015 en Wayback Machine.Fundación Konrad Adenauer, Historia da CDU : Curriculo de Ernst Albrecht, xuño de 2012
- ↑ Valero, Carmen (2 de xullo de 2019). "Ursula von der Leyen: la primera mujer al frente de la Comisión Europea". El Mundo. Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2019. Consultado o 5 de xullo de 2019.
- ↑ Ursula von der Leyen: Kritiker bewerten Arbeit als „eindeutiges Plagiat“, Die Welt, 28 de setembro 2015
- ↑ Trotz Plagiaten: Darum darf von der Leyen ihren Doktor behalten, Lena Greiner, Matthias Gebauer, Verena Töpper, 9 de marzo 2016, Spiegel Online
- ↑ "Plagiatsaffäre - Alle Fälle von A-Z | Business And Science" (en alemán). Consultado o 2019-09-09.
- ↑ spiegel.de, 27/11/09: Von der Leyen wird Arbeitsministerin, consultado o 27 de novembro de 2009
- ↑ folha.uol.com.br, 27/11/09: Ministro alemão renuncia após escândalo sobre Afeganistão, consultado o 27 de novembro de 2009
- ↑ Será a nova ministra da Defesa alemã a sucessora de Merkel? Artigo no "Público" 16 de decembro 2013, recuperado 12 de febreiro 2014
- ↑ [2]Deutsche Welle : Pela primeira vez, Alemanha tem mulher no comando das Forças Armadas, 17 de decembro 2013
- ↑ sapo.pt. "Alemã Ursula von der Leyen eleita presidente da Comissão Europeia" (en portugués). Consultado o 16-7-2019.
- ↑ "Ursula von der Leyen" (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2016. Consultado o 18 de agosto de 2016.
- ↑ "Merkel Succession Beckons After Von der Leyen’s Defense Posting" (en inglés). Consultado o 18 de agosto de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ursula von der Leyen |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina da Comisión Europea
- Páxina web oficial de Ursula von der Leyen Arquivado 21 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. (en alemán)