Tizón de Nadal
O tizón de Nadal[1] ou cepo de Nadal[2] (tamén cachopo de Nadal[3]) é un gran madeiro que na Noiteboa se prende na lareira coidadosamente limpa e varrida. É unha tradición ancestral galega e doutras partes do centro e oeste de Europa ligada a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno. Simboliza destruír o vello para dar paso ao novo.
Os cepos de Nadal en Europa
[editar | editar a fonte]Esta tradición considérase unha das máis antigas tradicións de Nadal.[4] É un costume que se remonta polo menos ao século XII.[4][5][6] e que chegou até o século XIX ou comezos do XX[7][8][9] e estaba moi espallada en varios países europeos, dende Escandinavia e a Gran Bretaña até os Alpes e a península balcánica e o norte da Península Ibérica, chegando até Galiza[5][6][7][10][11][12] O costume cumpríase na Noiteboa, cando o cabeza da familia –cunha cerimonia determinada, xeralmente un brinde– acendía na lareira un gran tronco de madeira, que se deixaba arder até o día de Reis (Epifanía)[5][6][7][10][12][13][14]; os restos do cepo eran preservados, xa que se lles atribuían propiedades máxicas e críase que favorecían a colleita, o gando, a fertilidade e a saúde das mulleres, ademais de protexer fronte aos raios nas treboadas,[5][7][10][15] e moitas veces reutilizábanse para prender o tizón do ano seguinte [16]
Segundo cada cultura, a árbore escolleita para a tradición cambia: os franceses preferían árbores froiteiras, os ingleses o freixo, o piñeiro ou o carballo, os escoceses a faia, os serbios e os galegos o carballo etc.[15]
A evidencia de que é unha tradición moi antiga e espallada evidénciase en que nalgunhas linguas europeas o termo utilizado para describir o cepo atópase nas palabras que fan referencia ao Nadal, coma no lituano kalėdos, que significa literalmente 'a noite do cepo',[10] ou 'noiteboa' en croata badnjak, que tamén significa 'cepo',[17] ou nalgúns alcumes para as festas de Nadal coma "Festa del Ceppo", utilizado na Toscana.[9][10][16]
Desta tradición provén o doce chamado tronco de Nadal, moi común nos países francófonos, onde é coñecido coma bûche de Noël.[12][14][18]
Tradición galega
[editar | editar a fonte]O Nadal galego ancestral, inserido na tradición cristiá desde o século IV, ten tamén unha palpábel relación co agrario, cando o labrego, debido ao mal tempo e os días curtos, concentra o seu esforzo en traballos artesanais dentro da casa ou en labores coma a matanza do porco. Avós, fillos e netos reúnense a carón do lume onde, segundo os contos, tamén se congregaban as ánimas dos antepasados mortos na Noiteboa. Costumes que, xunto cos cantos, os donativos etc., conforman as tradicións de Nadal que hoxe se conservan. Entre os pobos celtas galaicos existía o costume de manter unha candea acesa en honra á deusa Nai Terra durante o solsticio de inverno, usando os restos da candea do ano anterior. Debía arder doce horas para traer boa sorte. Baseada nesta tradición xurdiu unha das tradicións máis antigas e de maior raizame en Galiza.[Cómpre referencia]
En Galiza o madeiro debe ficar aceso na lareira até Aninovo. Nalgúns lugares, coma en Becerreá, todo o ano, dándolle lume todos os días aínda que fose por pouco tempo. Despois déixase apagar, mais consérvase durante o resto do ano para acendelo de novo durante as treboadas ou cando se ventaba unha desgraza na casa, como elemento protector do fogar. Nalgunhas comarcas para facer o cepo usábase o chamado “lume novo”, pois as brasas deste lume facíanse nas lareiras das casas queimando toxo, despois bendicíase esa leña miúda o Sábado Santo no adro da igrexa e gardábase para dar sorte á familia, tornándose a prender pola Noiteboa. Arredor deste lume de Nadal cantábanse panxoliñas, contábanse historias da Santa Compaña, de mouros, serpes, encantos, contos de risa etc., mentres os cativos xogaban. Tamén se pensaba que nesa noite as ánimas dos defuntos antergos da familia estaban presentes arredor do lume.[19]
A madeira preferida en Galiza era o carballo, mais tamén se empregaba a faia, o bidueiro ou o freixo. Conta a tradición que se se conseguía que o tizón fixese brasa acesa toda a noite, e chegaba ao amencer con calor, habería sorte todo o ano.[20]
Xoán Xosé Pérez Labaca escribiu sobre un costume dos celtas que consistía en acender unha candea o día do solsticio de inverno, que tiña que arder durante medio día seguido para traer boa sorte á casa. E engade:
"Hai quen pensa que desa costume xurdiu unha das tradicións que máis arraigou en Galicia que é o chamado 'lume novo', que era acender na lareira un tronco e, podendo, o mellor sería unha cañota de carballo. Este lume novo era chamado noutros lugares o 'tizón', o 'cepo' ou o 'cachopo'. Este lume debía estar aceso ó longo de todo o ano para dar luz e calor e vén representar a quentura do fogar en contraposición co frío do exterior da casa".
Vicente Risco defíneo así:
É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arreder o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman 'tió', no que baten os nenos da casa para que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellosVicente Risco: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979); vol. I, 255-777.
Ademais de seren protectoras e cun certo carácter sagrado, as cinsas do tizón de Nadal parecían ser boas para curar as febres. O culto ao lume está ben presente na cultura popular galega, coma na doutras latitudes. Poida ser que este tizón de Nadal sexa unha reliquia dese culto pagán que terminou sendo prohibido, sen éxito, polas Sinodais de Mondoñedo no século XVI por consideralo rito gentílico (Eladio Rodríguez, citando a Murguía).[21] O tizón de Nadal pasou a linguaxe popular nalgunhas zonas de Galiza onde se lle chamaba "cepo do Nadal" a un home pequeno e gordo.[22]
Orixe e historia
[editar | editar a fonte]Dende o culto exipcio de Horus ao indo-iranio de Mitra, pasando polas culturas clásicas, practicamente todos os pobos da antigüidade, solemnizaron con diversos festexos e rituais ígneos a chegada do solsticio de inverno, con cacharelas, queima de cepos, bonecos etc., animando o sol para que renacese. Na cultura celta apañábase un tronco, principalmente de carballo, que se adornaba con acivro, hedra, visgo e outras plantas bravas sempre verdes; era colocado nun lugar destacado da vivenda e os familiares pedían desexos tocando a casca e ofrecéndolle agasallos (doces e pequenos obxectos). Na noite do solsticio, a nai ou a avoa, colocaba o toro na lareira e prendíalle lume, utilizando para isto un tizón medio carbonizado do tronco do ano anterior. Despois deixábase arder amodo mentres se partillaban entre todos os agasallos ofrecidos ao tronco. Da súa combustión procurábase gardar outro tizón para acender o tronco do vindeiro ano, e as cinsas conservábanse coma talismán contra diversos males coma enfermidades, treboadas, secas, pestes etc. Este ritual sobreviviu durante séculos en multitude de culturas, sincretizándose coas novas crenzas.[23]
O costume do cepo de Nadal referénciase por vez primeira en Alemaña no ano 1184.[5] Dende Alemaña a tradición pasa a Escandinavia, aos Alpes italianos, á península Balcánica e ao norte da Península Ibérica, onde chega até Galiza.[5] O uso en Inglaterra, é referenciado por vez primeira no século XVII.[5] Menciónao o poeta Robert Herrick, que fala dunha tradición moi consolidada en Devon.[5] Despois a tradición pasou aos Estados Unidos e o Canadá.[5]
En Galiza xa Eladio Rodríguez falaba desta tradición: Nalgunhas comarcas da provincia de Lugo bótase a noite de Nadal no lume da lareira un groso cepo que se ha acender todos os días procurando que dure todo o ano. Este cepo ten certo carácter sagrado, pois se conserva fervorosamente para facelo arder cando ameaza pedrisco, unha tempestade, unha treboada ou algunha má calamidade pública. Tamén nas montañas lucenses de Cervantes hai a crenza de que a noite de defuntos veñen as ánimas a se quecer co cepo que se deixa a arder na lareira. Esta mesma crenza existe na comarca de Tui, e de aí que nesa noite se bote tamén un gran leño no lume[24].
Coa revolución industrial e os cambios no agro a partir de finais do século XIX e comezos do XX, empezaron a desaparecer as lareiras (en Galiza na segunda parte do século XX), sendo substituídas por cociñas de ferro ou estufas a carbón, polo que a tradición de queimar o tronco foi ficando no rural e só nalgúns lugares moi concretos. No resto de lugares, substituíuse por un pequeno toro enfeitado con pólas de acivro e candeas coma adorno de Nadal.
En Francia, durante o século XIX, o pasteleiro Pierre de Lacam decidiu reconverter o "Bûche de Nöel" dándolle un xiro comercial á tradición. Así naceu o doce chamado tronco de Nadal.
Significado
[editar | editar a fonte]Trátase case con certeza dun rito de orixe precristiá,[25] ao que os estudosos teñen dado diferentes interpretacións.
Segundo Wilhelm Mannhardt (Der Baumkultus der Germanen und ihrer Nachbarstämme, 1875), o cepo representa o espírito da vexetación, e a súa queima, a luz solar que fornece calor durante todo o vindeiro ano.[26]
Outros estudosos ven no acendido reminiscencias de tradicións anuais do lar sagrado, que representa á vez o centro da vida familiar coma morada dos espíritos dos antergos.[26]
Segundo a interpretación cristiá, o cepo é un símbolo para quecer o neno Xesús[27] e o lume representa o feito da redención de Cristo, sacrificado para salvar a Humanidade.[11][28]
Ritos europeos relacionados
[editar | editar a fonte]Illas Británicas
[editar | editar a fonte]Nas Illas Británicas coñécese coma yule log e consiste, igual ca en Galiza, nun madeiro grande que é queimado como parte central das celebracións de Yule ou Nadal. Asóciase ao festival do solsticio de inverno ou dos doce días de Nadal, a Noiteboa, o día de Nadal ou a Doceava Noite (a noite de Reis). O yule log está tamén relacionado co ashen fagot típico de Devon.[29] A tradición británica importouse da Europa continental na Idade Moderna, posibelmente dende Flandres, en Bélxica.
O cepo de Nadal non só era visto como unha protección máxica polos labregos británicos, senón tamén rivalizaban entre veciños por queimaren o tizón máis grande.
As tradicións do cepo de Nadal comezaron a desaparecer en Inglaterra a finais do século XIX e principios do XX, coma ocorreu en Galiza; segundo o historiador Ronald Hutton, a redución do traballo rural tradicional e os cambios na agricultura provocaron a ruptura co tradicional e a abertura a novas realidades; porén a sobremesa do doce Tronco de Nadal converteuse nunha verdadeira tradición no Reino Unido, así como en moitos lugares francófonos.
No folclore inglés, o Papá Noel adoita carrexar un tizón de Nadal.[30]
Países francófonos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Tronco de Nadal.
O Bûche Noël é típico en Francia e Valonia, de onde pasou ao Quebec e ao Líbano, e é unha sobremesa doce que deriva da tradición do tizón de Nadal. Non se sabe cando se comezou a elaborar este Tronco de Nadal, aínda que xa se facía en 1945, e aparentemente a tradición de biscoitos enrolados con marmeladas remóntanse ao século XIX.
Italia
[editar | editar a fonte]En Italia o tizón de Nadal é chamado Ceppo di Natale e atópase principalmente no norte de Italia, na zona dos Alpes. Na Toscana faise a Festa del Ceppo.
Alemaña
[editar | editar a fonte]Tamén na Alemaña o Christklotz (literalmente "cepo de Nadal") é unha tradición desas datas, e coa mesma orixe. Quéimase o tronco dun carballo ou dun freixo na lareira por Noiteboa.
Balcáns
[editar | editar a fonte]O Badnjak, figura central das celebración de Nadal serbias, é o madeiro que a familia comeza a queimar solemnemente na lareira da mañá da véspera de Nadal. A árbore usada é preferibelmente un carballo novo de toro dereito; a queima acompáñase de pregarias para que o Aninovo traia moita ledicia, amor, sorte, riqueza e alimento, e o tronco arde durante todo o Nadal. Hoxe en día, xa que moitos serbios viven en vilas e cidades, o badnjak represéntase simbolicamente cunhas pólas de carballo que se poñen nas casas, igrexas, e negocios. A orixe do badnjak explícase con referencias ao nacemento de Xesús Cristo; porén moitos estudosos lígano a herdanzas da vella relixión eslava.
En Bulgaria, o cepo é chamado Budnik (bg:Бъдник) e constitúe unha parte importante das celebracións de Nadal. Tradicionalmente mándase un mozo da familia ao monte, ben vestido, a cortar un carballo, un umeiro ou unha pereira brava, que se usa coma Budnik. Faise unha pregaria de perdón antes de cortar a árbore e carrexala no ombreiro dereito sen que toque o chan. Un indicador da importancia do ritual é que a Noiteboa en Bulgaria coñécese coma Budnik ou Véspera de Budnik (bg:Бъдни вечер). Nalgunhas rexións, cando o home regresa pregunta, "Ti glorificas ao novo deus?" tres veces e recibe unha resposta afirmativa, "Glorificámolo, benvido". Logo faise un buraco nun dos extremos do budnik e énchese cun crisma de viño, aceite cociñado ou incenso; os extremos cóbrense cun pano branco antes de queimalo.[31] Considérase que este madeiro ten poderes sandadores especiais e debe de arder toda a noite. Crese que a calor e a luz que bota simbolizan a chegada de Cristo, recibindo con calor a chegada da Virxe María e os familiares antergos. Ás veces o lume apágase pola mañá cedo cun pouco viño. Coma en Galiza, as cinsas son gardadas para facer sinais da cruz ou para as botar nas leiras e viñedos e así ter mellores colleitas.
Península Ibérica
[editar | editar a fonte]A tradición do tizón de Nadal existe especialmente no norte da Península, os Pireneos cataláns e aragoneses, o País Vasco, Asturias, Galiza e norte de Portugal. Pero nas diversas zonas da antiga Celtiberia, de norte a sur, o costume estivo tamén moi estendido até hai ben pouco. Pola comarca de Sierra Mágina (Xaén), chamábanlle ao tronco "Nochebueno". Tratábase neste caso dun tronco de Oliveira “santificado” con auga bendita, augardente, ou aceite. As casas enfeitábanse con grilandas de hedra ou acivro e ramas de visgo para se protexeren de visitas indesexábeis. Na Noiteboa, xunto ao cepo deixábanse doces para os rapaces e despois o madeiro era acendido polo membro máis vello e o máis novo da familia. Sentados derredor, cantábanse panxoliñas e contábanse antigas historias. Os tizóns ou cinsas gardábanse para os botar á rúa durante as treboadas.
País Vasco
[editar | editar a fonte]No País Vasco recibe diversos nomes segundo as comarcas, gabon-zuzia, gabon-subila, gabon zuria ou porrondoko (tronco grande) etc., e as súas cinsas teñen tamén poderes máxicos. Os nenos identifican o tronco co Olentzero, un personaxe saído das crenzas pirenaicas, equivalente ao Apalpador galego.
Portugal
[editar | editar a fonte]En Portugal coñécense coma os madeiros, lenhos, cepos, galheiros, fogueiras do natal ou fogueiras do Galo as grandes fogueiras que se acenden no centro da aldea, na praza principal ou no adro da igrexa na véspera de Nadal. A tradición comeza coa recolla dos madeiros, que fan os rapaces da vila durante a noite. Na Noiteboa, despois da misa, as xentes da aldea reúnense á volta da fogueira para danzar e cantar. En moitas aldeas as fogueiras mantíñanse acesas ininterrompidamente até o día de Reis. A tradición do madeiro ten a mesma orixe que o tizón nos cultos pagáns, na celebración do solsticio de inverno, no que se acendían enormes cacharelas ao ar libre. Era tradición, nalgunhas rexións, que a leña, os carros para transportala, e cadansúa xunta fosen roubados, de xeito igual ca na tradición de San Xoán galega e outros roubos rituais, nas fogueiras dos santos populares e nas fogueiras da Pascua galego-portuguesas.
Norte de Aragón e Cataluña
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Tió de Nadal.
No norte de Cataluña existe a tradición do Tió de Nadal e no norte de Aragón o Tizón de Nadal, da mesma orixe que a tradición británica e galaica, mais neste caso con influencias xudías, e que consiste en "fer cagar el tió" (facer cagar o tizón), o tronco envolveito nun cobertor e alimentándoo para que colla peso uns días antes do Nadal. Na Noiteboa baten nel cun pau para que "cague" os agasallos ou doces dos nenos. Os rapaces cantan: "Tió, caga torró. Si no en vols cagar, un cop de bastó". (Tizón, caga turrón. Se non o queres cagar, un golpe de bastón). Na Provenza chámaselle Cacho fiò.
En Aragón, o cepo coñécese coma Tronca de Nadal ou Tizón de Nadal. Coa súa queima a familia procura propiciar a bonanza dos seus membros e a prosperidade para a súa facenda. A “toza” máis grande do anllar resérvase para o Nadal e nun buraco agóchanse as lambetadas. Pola Noiteboa os rapaces fan o mesmo ca en Cataluña, cantando: "Tronca de Nadal, manda al mayoral que nos de confites la noche pascual", ou o menos elegante: "Caga tronca, caga ya, los dulces de Nadal". Xa no século XVII, a abadesa do mosteiro de Casbas (Huesca), Ana Abarca de Bolea, recollía esta tradición: "Toz la claman buena noche, dirálo la colazión y lo tizón de Nadal, que ye nombrado tizón".
Na actualidade a tradición catalano-aragonesa fica reducida á contorna infantil. O “Tió” é un madeiro “humanizado”, tocado coa típica barretina e un rostro sorrinte pintado nun extremo do madeiro.[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Tizón de Nadal". Tesauros del Patrimonio cultural de España (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2018.
- ↑ O cepo de Nadal Arquivado 15 de agosto de 2020 en Wayback Machine., xornal Vieiros.
- ↑ Lume novo de Nadal, La Voz de Galicia, 27 de decembro de 2015.
- ↑ 4,0 4,1 cfr. Yul Log su Noel Noel Noel
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 cfr. Bowler, Gerry, Dizionario universale del Natale [The World Encyclopledia of Christmas], ed. italiana a cura di C. Corvino ed E. Petoia, Newton Compton, Roma, 2003, p. 96
- ↑ 6,0 6,1 6,2 cfr. Happywink: Yule log
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 cfr. Miles, Clement A., Storia del Natale [Christmas in Rituals and Traditions Christian and Pagan], ed. italiana a cura di Laura Mazzolini, Odoya, Bologna, 2010, p. 181
- ↑ cfr. Cattabiani, Alfredo, Calendario, Mondadori, Milano, 2003, p. 78
- ↑ 9,0 9,1 cfr. Cattabiani, Alfredo, Florario, Mondadori, 1996-1998, p. 306
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 cfr. Heinberg, Richard, I riti del solstizio [Celebrate the Solstice], Edizioni, Mediterranee, Roma, 2001, p. 100
- ↑ 11,0 11,1 cfr. Cattabiani, Alfredo, Calendario, cit., p. 79
- ↑ 12,0 12,1 12,2 cfr. Ich will Weihnachten: Der Christklotz Arquivado 19 de decembro de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ cfr. Di Lorenzo, Antonio, Babbo Natale, la Befana, il presepe, la cometa e... i dolci delle feste tra leggende e verità, Egon Edizioni, Vicenza, 2006, p. 72
- ↑ 14,0 14,1 cfr. Culture.gov.fr: Noël > bûche de Noël
- ↑ 15,0 15,1 cfr. Bowler, Gerry, op. cit., p. 98
- ↑ 16,0 16,1 cfr. Bowler, Gerry, op. cit., p. 97
- ↑ "Badnjak - Croatian-English Dictionary". Glosbe (en inglés). Consultado o 7 de febreiro de 2019.
- ↑ cfr. Bowler, Gerry, op. cit., p. 78
- ↑ "Costumes e tradicións do Nadal: O Tizón do Nadal – Lembrando a Galicia". Lembrando a Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2019. Consultado o 7 de febreiro de 2019.
- ↑ "El tizón de Nadal". Cosas de meiga (en castelán). Consultado o 7 de febreiro de 2019.
- ↑ "Web de Nadal en Galicia". Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2010. Consultado o 17 de decembro de 2013.
- ↑ Constantino García González (1985): "Glosario de voces galegas de hoxe", Universidade de Santiago, Verba, anexo 27
- ↑ 23,0 23,1 ‘’Sagrados leños célticos: Olentzero, Tió, Nochebueno y Tizón de Nadal’’ - http://rah7alkaest.blogspot.com.es/2012/12/sagrados-lenos-olentzero-tio-nochebueno.html
- ↑ "Cepo" En Eladio Rodríguez González : "Diccionario enciclopédico gallego-castellano", Galaxia, Vigo
- ↑ cfr. The History of Christmas: Yule log Arquivado 26 de decembro de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ 26,0 26,1 cfr. Miles, Clement A., op. cit., p. 183
- ↑ cfr. Cattabiani, Alfredo, Florario, cit., p. 307
- ↑ cfr. Di Lourenzá, Antonio, op. cit., p. 73
- ↑ "Ashen Faggot". Legendary Dartmoor. Legendarydartmoor.co.uk. 28 de outubro de 2007. Consultado o 20 de febreiro de 2013.
- ↑ "American Christmas Origins". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2011. Consultado o 17 de decembro de 2013.
- ↑ Komitska, Anita. "Бъдник". Коледа (en Bulgarian). Asen Gramenov. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 2009-09-05.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- O tizón de Nadal, un rito de boa fortuna Arquivado 12 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine. - Revista Biosbardia - 12/01/2019