Taenia solium
Taenia solium | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Escólex de Taenia solium | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Taenia solium Linnaeus, 1758 |
Taenia solium, tamén chamada tenia do porco ou solitaria, é unha especie de verme platihelminto cestodo ciclofílido que parasita os porcos e os humanos.[1] No seu estado larvario causa a cisticercose. T. solium ten catro ventosas no seu escólex ("cabeza"; en realidade funciona como un órgano de fixación) e ademais dúas filas de tres ganchos. Outro verme similar que parasita os humanos é a Taenia saginata, á que tamén se lle chama solitaria.
Descrición
[editar | editar a fonte]T. solium é un animal triblástico acelomado. Ten normalmente de 2 a 3 m de lonxitude, pero pode chegar a ser máis longa.
O adulto é un verme plano en forma de fita dividido en segmentos chamados proglotes, de cor amarela abrancazada. Ten no seu extremo un escólex, órgano especializado na fixación (similar a unha "cabeza", pero sen boca), e os segmentos son máis grandes canto máis lonxe do escólex, Vive no intestino delgado, onde está ancorado á parede por medio do seu escólex piriforme con catro ventosas e un rostelo cunha dobre coroa de ganchos. O tamaño do escólex é similar ao da cabeza dun alfinete. Despois deste órgano de fixación hai un colo fino, porción xerminal que dá orixe a un conxunto de segmentos ou proglotes que forman o estróbilo ou cadea estrobilar. As proglotes máis próximas ao colo están inmaturos e conforme se afastan do mesmo presentan unha maduración progresiva. Cada unha das proglotes presenta ambos os aparatos reprodutores, con órganos masculinos e femininos ben diferenciados, polo que non só é hermafrodita o animal, senón que cada proglote o é tamén. Non ten aparato dixestivo, polo que se alimenta por absorción a través da pel dos nutrientes do intestino xa dixeridos polo hóspede. O animal fai unha vida anaerobia.
Cada proglote é unha unidade de reprodución autofecundante e independente, que produce ovos que conteñen embrións infectivos; as proglotes máis distais, que son as grávidos e maiores, presentan ramas uterinas ateigadas de ovos que lle dan un aspecto arboriforme; cada proglote contén unha media de 50.000 a 60.000 ovos. As proglotes da parte final do corpo despréndense do estróbilo en cadeas curtas, que se eliminan coas feces. Os ovos son esféricos, miden de 30 a 45 micrómetros e presentan varias membranas, e vitelo, que só se presenta nos ovos inmaturos do que obtén nutrientes. O vitelo cobre o embrióforo formando unha cuberta con bloques embriofóricos; estes bloques están unidos por unha proteína cementante, o que lle dá ao ovo unha aparencia física radiada; a membrana oncosferal recobre a oncosfera ou embrión hexacanto, chamado así porque presenta tres pares de ganchos.
T. solium ten un ciclo de vida moi similar a Taenia saginata. As súas larvas enquistadas ou cisticercos teñen tres posibles morfoloxías.[2] O máis común é o cisticerco chamado de "celulosa", que ten unha vesícula chea de líquido de 0,5 cm a 1,5 cm de longo e un excólex invaxinado. A forma "intermedia" dos cisticercos ten escólex, mentres que a forma "racemosa" non ten un escólex evidente pero é máis longo e moito máis perigoso. Os cisticercos teñen 60 mL de fluído, e un 13% dos pacientes poden ter no seu corpo os tres tipos morfolóxicos de cisticercos no seu cerebro.
Ciclo de vida
[editar | editar a fonte]Os seus ovos, que conteñen os embrióforos, saen ao medio ambiente coas feces de persoas infectadas. A composición dos ovos permítelles sobrevivir no medio ambiente, mesmo en condicións extremas de sequidade, xa que están formados por unha estrutura cementante que recobre todo o ovo e contén no seu interior o embrión ou oncosfera. Logo, en caso de que un hospede intermediario inxira os ovos, que son os porcos e xabarís, dito material cementante é dixerido no tracto dixestivo e o embrión é liberado, converténdose nunha oncosfera. Posteriormente, a oncosfera migra a través do tecido intestinal e chega ao sangue ou a linfa e invade a musculatura ou o sistema nervioso central do porco e alí establécese e desenvólvese ata atinxir a fase larvaria ou intermedia denominada cisticerco. Esta forma larvaria ten forma de vesícula que mide ata 5 cm e no seu interior alberga o escólex invaxinado, que contén a porción "cefálica" armada necesaria para que se fixe ao intestino. Despois, cando os cisticercos son inxeridos polo ser humano, ao comer carne de porco crúa ou pouco cociñada (unha boa cocción mata aos cisticercos), o escólex evaxínase e fíxase ao intestino pola súa dobre coroa de ganchos e as ventosas. Logo, ao cabo de aproximadamente tres meses de fixación no intestino, o parasito adulto ou tenia medra e chega á súa madurez. Como é hermafrodita, autofecúndase, as proglotes forman ovos, despréndense as proglotes terminais cargadas de ovos, que saen coas feces do hóspede e o ciclo volve a empezar. O verme pode permanecer no intestino durante anos se non hai tratamento. Vive un só individuo adulto en cada persoa afectada.
Ademais de pola inxestión de carne de porco con cisticercos, o home tamén se pode infectar directamente con ovos. Os ovos (ou as proglotes con ovos) proceden das feces humanas de persoas infectadas e por causa dunha mala hixiene poden chegar á comida. Tamén pode producirse unha autoinfección por proglotes que chegan ao estómago desde o intestino por peristaltismo inverso. Unha vez que se inxeriron os ovos, as oncosferas eclosionan no intestino, invaden as paredes intestinais, e migran aos músculos estriados ou tamén ao cerebro, fígado e outros tecidos, onde se desenvolven dando lugar a cisticercos. Nos humanos, os quistes poden causar serias complicacións se se localizan no cerebro, orixinando neurocisticercose.
Patoxénese
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Teníase e Cisticercose.
A parasitación por tenias adultas chámase teníase. A inxestión de ovos ou a rotura de proglotes con ovos de T. solium no intestino pode causar que as larvas migren aos tecidos do hóspede, onde se enquistan, e causan cisticercose. Os cisticercos poden localizarse no músculo, cerebro, fígado, ollo e outros tecidos.
Diagnose
[editar | editar a fonte]Con observación microscópica, os ovos só poden ser diagnosticados ao nivel de familia, pero se un útero dunha proglote se tingue con tinta chinesa o número de ramas uterinas visibles pode permitir identificar as especies: a diferenza dos úteros de Taenia saginata, os de T. solium só teñen de cinco a dez ramas en cada lado.
A diagnose require facer unha biopsia do tecido infectado e examinar as feces. Cando se atopan ovos de T. solium e proglotes nas feces a diagnose é teníase (infestación pola tenia) e non cisticercose. A cisticercose diagnostícase principalmente confirmando a presenza de ganchos de T. solium nas mostras. Os exames radiolóxicos, como os de raios X (que poden detectar larvas calcificadas no tecido muscular ou subcutáneo), e o escáner de tomografía computerizada, e a tomografía de resonancia magnética (que demostran a presenza de lesións cerebrais características) son tamén útiles.
Tratamento
[editar | editar a fonte]A infección por T. solium adulta trátase con niclosamida. Se hai neurocisticercose os fármacos utilizados son o praziquantel ou o albendazole. Estas drogas danan a pel dos parasitos internamente, facendo que se desintegren e sexan eliminados polo sistema inmunitario do hóspede.[3] Para a cisticercose, o tratamento con albendazole combinada con esteroides reduce a inflamación. Poden ser necesarias intervencións cirúrxicas para tratar as lesións no sistema nervioso central.[4][5]
Epidemioloxía
[editar | editar a fonte]T. solium encóntrase en todo o mundo. É máis frecuente nas áreas onde os humanos viven en estreito contacto cos porcos ou onde se come a carne de porco crúa ou pouco cociñada. Evítase se a carne foi ben cocida ou se foi conxelada a −10 °C durante 5 días. A cisticercose é frecuente en áreas onde hai unha escasa hixiene ao manipular a comida ou hai contaminación da auga e o solo con feces.[6] A teníase e a cisticersose son raras nos países musulmáns, xa que o islam (igual que o xudaísmo) non permite o consumo de carne de porco.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jaime Gállego Berenguer. Manual de parasitología: morfología y biología de los parásitos de interés sanitario. (Google books) [1]
- ↑ Rabiela, MT; Rivas, A; Flisser, A (1989). "Morphological types of Taenia solium cysticerci". Parasitology Today 5 (11): 357–359. PMID 15463154. doi:10.1016/0169-4758(89)90111-7.
- ↑ http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmedhealth/PMH0002366/
- ↑ Garcia HH, Pretell EJ, Gilman RH, Martinez SM, Moulton LH, Del Brutto OH, Herrera G, Evans CA, Gonzalez AE, Cysticercosis Working Group in Peru. (2004). "A trial of antiparasitic treatment to reduce the rate of seizures due to cerebral cysticercosis". N Engl J Med. 350 (3): 249–258. PMID 14724304. doi:10.1056/NEJMoa031294. Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2010. Consultado o 28 de xullo de 2013.
- ↑ Matthaiou DK, Panos G, Adamidi ES, Falagas ME. (2008). Carabin, Hélène, ed. "Albendazole versus Praziquantel in the Treatment of Neurocysticercosis: A Meta-analysis of Comparative Trials". PLOS Neglected Tropical Diseases 2 (3): e194. PMC 2265431. PMID 18335068. doi:10.1371/journal.pntd.0000194.
- ↑ Flisser A. (1988). "Neurocysticercosis in Mexico". Parasitology Today 4 (5): 131–137. PMID 15463066. doi:10.1016/0169-4758(88)90187-1.