Selección de rugby de Suráfrica
Suráfrica | |||
---|---|---|---|
Alcume(s) | Springboks Bokke | ||
Emblema | Gacela e protea | ||
Unión | SA Rugby | ||
Adestrador | Rassie Erasmus | ||
Capitán | Siya Kolisi | ||
Mais caps | Eben Etzebeth (131) | ||
Máximo anotador | Percy Montgomery (893) | ||
Máis ensaios | Bryan Habana (67) | ||
| |||
Ranking World Rugby | |||
Actual | 1º (11 de novembro de 2024) | ||
Estrea internacional | |||
Suráfrica 0−4 Illas Británicas Porto Elizabeth, Suráfrica; 30 de xullo de 1891 | |||
Maior vitoria | |||
Suráfrica 134−3 Uruguai East London, Suráfrica; 11 de xuño de 2005 | |||
Maior derrota | |||
Nova Zelandia 57−0 Suráfrica Auckland, N. Zelandia; 16 de setembro de 2017 | |||
Copa do Mundo | |||
Participacións | 8 (primeira en 1995) | ||
Mellor resultado | Campións (4 veces) (1995, 2007, 2019, 2023) |
A selección de rugby de Suráfrica (popularmente coñecida coma os Springboks ou Bokke) é o equipo nacional que representa a Suráfrica nas competicións absolutas masculinas de rugby. Os Springboks visten camisola verde co colo dourado, pantalón branco e medias verdes. O seu emblema tradicional é o Springbok (un tipo de gacela) e mais recente é a Protea (planta floral típica do sur de África) que é un emblema nacional en xeral. Suráfrica leva xogando ao rugby dende 1891, cando un combinado das Illas Británicas fixo unha xira polo país, xogando os Springboks o seu primeiro partido o 30 de xullo. O actual adestrador do equipo é Rassie Erasmus.
A selección de Suráfrica gañou a Copa do Mundo de Rugby en catro ocasións: 1995, 2007, 2019 e 2023, sendo a selección cun maior número de títulos, e ocupa o primeiro posto na clasificación oficial de World Rugby.[1] Aínda que Suráfrica foi parte na creación do Mundial de Rugby, os Springboks non foron autorizados a participar nas dúas primeiras edicións de 1987 e 1991 debido á loita contra o apartheid.
Á parte de participar cada catro anos na Copa do Mundo, os Springboks compiten cada ano no Rugby Championship (o antigo Tri Nations), que teñen gañado en cinco edicións: 1998, 2004, 2009, 2019 e 2024. Ademais Suráfrica ten recibido 14 xiras dos British and Irish Lions (selección dos mellores xogadores de Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda) dende 1891 até 2021, sendo eventos moi seguidos polos medios, e nas que os Springboks gañaron 9 das 14 series disputadas: 1903, 1910, 1924, 1938, 1962, 1968, 1980, 2009 e 2021.[2]
Os Springboks se caracterizan por un xogo de desgaste físico, de presión ó rival con placaxes dominantes e patadas a seguir, que contrasta co estilo do seu máximo rival histórico, os All Blacks de Nova Zelandia, que se caracterizan por levar a cabo un rugby expansivo con xogo á man.
A selección de rugby de Suráfrica recibiu o Premio Laureus como mellor equipo do deporte mundial nos anos 2008[3] e 2020[4], e estivo entre os candidatos en 2010[5] e 2024[6]. Os Springboks son o único equipo de rugby que acadou ese recoñecemento dúas veces.[7]
Historia
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]A historia da selección de rugby de Suráfrica comeza en 1889 cando se funda a South African Rugby Board. O seu comité decidiu que o mellor xeito de promocionar este deporte sería convidar a un equipo das Illas Británicas para que viaxase a terras surafricanas e levase a cabo unha xira de varias semanas por todo o territorio da República Surafricana, da Colonia de Natal, do Estado Libre de Orange e da Colonia do Cabo (Suráfrica non existiu como unidade política até 1910) como xa fixera en 1888 por terras australianas e neozelandesas. En 1890 a proposta foi aceptada pola Rugby Football Union e o 9 de xullo de 1891 o combinado de xogadores británicos xa estaba en Cidade do Cabo disputando o primeiro encontro da xira contra un equipo local. Durante a súa estadía os británicos disputaron un total de vinte encontros, tres deles contra a selección de Suráfrica. O primeiro dos tres encontros da selección de Suráfrica contra o combinado británico levouse a cabo o 30 de xullo de 1891 na cidade de Port Elizabeth, caendo os locais por 4 a 0. O segundo encontro da selección surafricana tivo lugar en Kimberley o 29 de agosto de 1891, novamente con vitoria británica por 3 a 0. O terceiro encontro da serie tivo lugar en Cidade do Cabo o 5 de setembro de 1891, con resultado de 4 a 0 a prol do conxunto británico. Durante aquela xira os británicos concederon un trofeo chamado Currie Cup ao equipo que consideraron merecedor polo seu bo desempeño no terreo de xogo, que foi a parar ao equipo de Griqualand West. Ese trofeo inspirou a creación dun torneo entre provincias surafricanas no que se poñería en xogo a Currie Cup, que a día de hoxe segue sendo a máxima competición nacional de rugby no país. A popularidade do rugby medrou rapidamente en Suráfrica a partir da xira británica de 1891, que foi replicada novamente en 1896 e 1903. O 12 de setembro de 1903 é a data da primeira vitoria dos Springboks, que tivo lugar no estadio de Newlands, en Cidade do Cabo, no terceiro encontro das series contra o equipo das Illas Británicas.
Apartheid
[editar | editar a fonte]Incluso antes de que as leis do apartheid fosen promulgadas en Suráfrica os Springoboks foran sempre un equipo formado por xogadores de cor branca. O equipo converterase nun símbolo de división racial neste Estado, mais despois das primeiras eleccións abertas de 1994, o partido gobernante Congreso Nacional Africano (ANC) instituíu a política de cambio no deporte surafricano. Neste contexto, a transformación pode definirse como "unha completa alternancia da aparencia ou carácter do rugby surafricano", converténdose oas Springboks nun equipo máis representativo de toda Suráfrica.
Na Copa do Mundo de 1995 gañado por Suráfrica só participou un xogador non branco, Chester Williams. Isto continuou durante as grandes citas da selección nos mundiais de 1999 e 2003. Noa final do mundial de 2007 participaron dous xogadores non brancos. A pesar de que existe un sistema de cotas para fomentar a participación de xogadores non brancos na Super 14 (liga de rugby do país) e aos equipos de ámbito provincial hai por agora moitos máis xogadores brancos de rugby en Suráfrica, a transformación está sendo lenta en palabras do presidente da SARU Oregan Hoskins. Porén, a presión política sobre os adestradores e administradores para seleccionar a xogadores non brancos, dezaseis dos trinta e cinco novos Sprinboks seleccionados polo ex-adestrador John White eran non brancos. O ministro do Parlamento Butana Komphela expresou a opinión de moitos políticos do país cando dixo: "O deporte non pode ser excluído dos imperativos da potenciación e a transformación"[8].
Os símbolos
[editar | editar a fonte]Equipamento
[editar | editar a fonte]Suráfrica xoga con camisola verde, pantalóns brancos e medias verdes. O seu xersei leva bordado o emblema da SA Rugby (Federación Surafricana de Rugby) na esquina superior dereita e na manga tradicionalmente adoita levar un colar dourado. O equipamento está elaborado por Canterbury of New Zealand e o seu patrocinador na camisola é a compañía química Sasol. A camisola verde foi utilizada por primeira vez cando o equipo das Illas Británicas fixeron a súa xira surafricana en 1896[9]. Na primeira xira dos Boks polo Reino Unido e Irlanda entre 1906 e 1907 os surafricanos levaron un xersei verde con cores brancas e pantalóns e medias azuis. Unha réplica desta vestimenta foi utilizada en 2006 contra Irlanda en Dublín para conmemorar o centenario da xira[10].
Springboks
[editar | editar a fonte]O alcume de springbok e o logotipo datan da xira de 1906 e 1907 pola Gran Bretaña. A gacela (springbok, un tipo de antílope) foi elixido para representar ao equipo polo capitán da selección neses intres, Paul Ross, nunha tentativa de evitar que a prensa británica se inventase o seu propio nome. O emblema non estaba só restrinxido para o equipo de xogadores de cor branca, o primeiro equipo nacional de cores usouno en 1939 e o primeiro equipo de cor negra en 1950[9]. Despois da caída do apartheid en 1992 engadiuse ao logo a flor da protea. Cando o ANC foi electo en 1994 o nome do equipo non foi cambiado a Proteas como noutros deportes debido exclusivamente á intervención do Presidente Nelson Mandela[11].
En decembro de 2008, a SARU decidiu colocar a protea no lado esquerdo da camisola dos Boks, ao igual que outros equipos nacionais surafricanos, e mover o springbok cara ao lado dereito[12]. A nova camisola será estreada na xira dos Brithish and Irish Lions de Suráfrica en 2009[13].
Estadios representativos dos Springboks
[editar | editar a fonte]Os Springboks disputan os seus encontros como local en varios estadios arredor de toda Suráfrica. No Mundial de 1995 o estadio principal no que se disputou a final e no que gañaron a súa primeira Copa do Mundo foi o estadio Ellis Park de Xohanesburgo, con capacidade para 62.567 espectadores.
Outros recintos que acollen habitualmente os encontros dos Springboks son[14] o estadio Loftus Versfeld de Pretoria, o estadio Kings Park de Durban, o estadio Free State de Bloemfontein, o estadio Nelson Mandela Bay de Porto Elizabeth, o estadio Mbombela de Nelspruit e o estadio de Green Point en Cidade do Cabo, que tomou o relevo do estadio Newlands, pechado en 2020.
O primeiro partido internacional de Suráfrica foi no St George's Park Cricket Ground de Porto Elizabeth en 1891. O Ellis Park foi construído en 1928, acollendo en 1955 unha marca de 100.000 espectadores nun partido amigábel entre Suráfrica e os Britsh Lions.
Dise dos Boks que teñen unha notábel vantaxe sobre outras localizacións fora da casa cando xogan a unha grande altitude na montañosa rexión do Highveld. Nos partidos no Ellis Park, Loftus Versfeld ou no Vodacom Park dise que se presentan problemas físicos, influíndo ademais nun gran número doutros factores coma a traxectoria do balón ao patealo. Os expertos discrepan sobre se é real o desafío físico ou só se debe a un estado psicolóxico.
Estadio | Cidade | Capacidade | Último encontro ▲ | |||
---|---|---|---|---|---|---|
Mbombela Stadium | Nelspruit | 43.500 | 28 de setembro de 2024 | |||
Cape Town Stadium | Cidade do Cabo | 58.310 | 7 de setembro de 2024 | |||
Ellis Park Stadium | Xohanesburgo | 62.567 | 31 de agosto de 2024 | |||
Free State Stadium | Bloemfontein | 46.000 | 20 de xullo de 2024 | |||
Kings Park Stadium | Durban | 54.000 | 13 de xullo de 2024 | |||
Loftus Versfeld Stadium | Pretoria | 51.762 | 6 de xullo de 2024 | |||
Nelson Mandela Bay Stadium | Porto Elizabeth | 46.000 | 21 de agosto de 2021 | |||
Newlands Stadium † | Cidade do Cabo | 51.900 | 23 de xuño de 2018 |
- † O histórico estadio de Newlands, construído en 1888, foi pechado en 2020.
Rexistros
[editar | editar a fonte]Suráfrica na Copa do Mundo
[editar | editar a fonte]Os Springboks non participaron nas dúas primeiras edicións da Copa do Mundo por mor do boicot deportivo que se exercía sobre Suráfrica a causa das súas políticas de segregación racial, coñecidas como apartheid. En 1993 foille concedida a Suráfrica a organización da edición de 1995, que ía ser a primeira na que participase. O debut foi contra os vixentes campións, Australia, con vitoria local por 27 a 18. Naquela primeira participación os Springboks gañaron tódolos encontros disputados, eliminando a Francia nas semifinais por 19 a 15 e derrotando na final a Nova Zelandia por 15 a 12 cun drop de Joel Stransky no tempo engadido. Aquel equipo estaba capitaneado por Francois Pienaar e liderado por xogadores como Joost van der Westhuizen, André Joubert, Mark Andrews, Ruben Kruger e Kobus Wiese. O máximo anotador de ensaios do equipo foi Chester Williams, símbolo da integración dos xogadores negros nos Springboks tralo remate do apartheid. O adestrador era Kitch Christie.
Na edición de 1999 Suráfrica viña dunha racha de 17 vitorias seguidas entre 1997 e 1998. Na fase de grupos gañou os seus encontros con solvencia, eliminou a Inglaterra en cuartos de final por 44 a 21 co protagonismo de Jannie de Beer que anotou cinco drops (récord histórico), pero nas semifinais fronte a Australia caeron no tempo engadido por 27 a 21, recibindo a súa primeira derrota en Copas do Mundo. No encontro polo terceiro e cuarto posto volveron a enfrontarse á Nova Zelandia de Jonah Lomu, Andrew Mehrtens, Christian Cullen, Justin Marshall e Jeff Wilson entre outros, gañando os Springboks por 22 a 18. O capitán daquel equipo que acadou o terceiro posto na Copa do Mundo de 1999 era Joost van der Westhuizen. O adestrador era Nick Mallett.
A edición de 2003 pode considerarse a peor participación de Suráfrica nunha Copa do Mundo. Na fase de grupos gañou tres encontros e perdeu un contra Inglaterra por 25 a 6. Nos cuartos de final tivo como rival a Nova Zelandia e caeu por 29 a 9 quedando eliminado. O capitán daquel equipo era Corné Krige, e o adestrador era Rudolf Straeuli, quen foi obrigado a dimitir ao facerse públicas as queixas dos xogadores polas prácticas militares que levara a cabo para preparar ó equipo.
Na Copa do Mundo de 2007 os Springboks gañaron tódolos encontros que disputaron, incluíndo dúas vitorias contra os vixentes campións, Inglaterra, a primeira por 36 a 0 na fase de grupos, e a segunda por 15 a 6 na final disputada en París. Aquela selección dirixida por Jake White e capitaneada por John Smit tiña como principais xogadores a Percy Montgomery (máximo anotador de puntos do torneo con 105), Bryan Habana (máximo anotador de ensaios do torneo con 8), Schalk Burger (mellor xogador do Mundo en 2004), Fourie du Preez, Victor Matfield e Os du Randt, que xa fora campión en 1995.
A edición de 2011 foi a segunda na que os Springboks caeron eliminados antes das semifinais. Na fase de grupos gañaron os catro encontros disputados, pero nos cuartos de final caeron por 11 a 9 fronte a Australia. O equipos estaba dirixido por Peter de Villiers e capitaneado por John Smit. Morné Steyn foi o máximo anotador de puntos do torneo pero non foi abondo.
En 2015 o torneo comezou cunha inesperada derrota fronte a Xapón por 32 a 34, pero Suráfrica rematou primeiro de grupo con tres vitorias no resto dos partidos. En cuartos de final eliminaron a Gales por 23 a 19, e nas semifinais caeron por 20 a 18 contra os vixentes campións, Nova Zelandia. No encontro polo terceiro e cuarto posto bateron por 24 a 13 a Arxentina. O capitán daquel equipo era Jean de Villiers pero caeu lesionado e a capitanía pasou a Fourie du Preez e Victor Matfield. Heyneke Meyer era o adestrador.
Na edición de 2019 o equipo viña de gañar o Rugby Championship pero debutou na Copa do Mundo caendo contra os All Blacks por 23 a 13. Gañou o resto dos encontros da fase de grupos e nos cuartos de final bateu a Xapón por 26 a 3. Nas semifinais derrotou por 19 a 16 a Gales clasificándose para a final. Inglaterra había eliminado a Nova Zelandia na outra semifinal, de xeito que a final volveu a enfrontar a surafricanos e ingleses, como en 2007. O resultado final de 32 a 12 foi favorable ós Springboks, que acadaron a súa terceira Copa do Mundo capitaneados por Siya Kolisi, e con xogadores como Pieter-Steph du Toit (mellor xogador do Mundo en 2019), Eben Etzebeth, Faf de Klerk e Duane Vermeulen (mellor xogador da final). Cheslin Kolbe e Makazole Mapimpi anotaron os dous ensaios de Suráfrica na final, e Handré Pollard foi o máximo anotador de puntos do torneo. O adestrador era Rassie Erasmus.
En 2023 Suráfrica rematou a fase de grupos en segunda posición por mor dunha derrota contra Irlanda por 13 a 8. Nos cuartos de final derrotaron ó equipo anfitrión, Francia, por 29 a 28. Nas semifinais derrotaron a Inglaterra por 16 a 15, clasificándose para a súa cuarta final mundialista. O seu rival foi Nova Zelandia, como na edición de 1995. O resultado da final foi de 12 a 11 para Suráfrica, conquistando a súa cuarta Copa do Mundo en catro finais disputadas. Tanto en cuartos de final, como en semifinais e na final Suráfrica gañou as eliminatorias por 1 punto. Siya Kolisi capitaneou de novo ós Springboks, que nesta ocasión tiñan como adestrador a Jacques Nienaber.
Edición | Xog. | Gañ. | Emp. | Per. | Resultado | Seleccionador | |||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2023 | 7 | 6 | 0 | 1 | Campións do Mundo | Jacques Nienaber | |||
2019 | 7 | 6 | 0 | 1 | Campións do Mundo | Rassie Erasmus | |||
2015 | 7 | 5 | 0 | 2 | Terceiros | Heyneke Meyer | |||
2011 | 5 | 4 | 0 | 1 | Cuartos de final | Peter de Villiers | |||
2007 | 7 | 7 | 0 | 0 | Campións do Mundo | Jake White | |||
2003 | 5 | 3 | 0 | 2 | Cuartos de final | Rudolph Straeuli | |||
1999 | 6 | 5 | 0 | 1 | Terceiros | Nick Mallett | |||
1995 | 6 | 6 | 0 | 0 | Campións do Mundo | Kitch Christie | |||
1991 | - | - | - | - | Non participou | ||||
1987 | - | - | - | - | Non participou |
Suráfrica gañou catro das oito edicións da Copa do Mundo nas que participou, dúas veces derrotando a Inglaterra na final (2007 e 2019) e outras dúas veces derrotando a Nova Zelandia na final (1995 e 2023). É o equipo que gañou máis veces o Mundial malia que non lle foi permitido participar nas edicións de 1987 e 1991.
Os Springboks disputaron un total de 50 encontros na Copa do Mundo dos que gañaron 42 e perderon 8.
Suráfrica nas Xiras dos British and Irish Lions
[editar | editar a fonte]As Xiras dos British and Irish Lions por Suráfrica, Nova Zelandia ou Australia son o segundo evento máis importante e seguido polos medios dentro do deporte do rugby, cunha tradición que se remonta a 1888. Os Lions son unha selección de xogadores de Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda que cada catro anos viaxa a unha das tres grandes potencias do hemisferio Sur para realizar unha xira de varias semanas na que se enfrontan a equipos locais, provincias ou franquías profesionais e que remata cunha serie de tres ou catro partidos oficiais contra a selección do país visitado. Das catorce xiras dos Lions por Suráfrica, os Springboks gañaron as series en nove ocasións, o equipo das Illas Británicas en catro ocasións, e remataron en empate unha vez.
Edición | Xog. | Gañ. | Emp. | Per. | Resultado | Seleccionador | |||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2021 | 3 | 2 | 0 | 1 | Gañadores das series | Jacques Nienaber | |||
2009 | 3 | 2 | 0 | 1 | Gañadores das series | Peter de Villiers | |||
1997 | 3 | 1 | 0 | 2 | Perdedores das series | Carel du Plessis | |||
1980 | 4 | 3 | 0 | 1 | Gañadores das series | Nelie Smith | |||
1974 | 4 | 0 | 1 | 3 | Perdedores das series | Johan Claassen | |||
1968 | 4 | 3 | 1 | 0 | Gañadores das series | Johan Claassen | |||
1962 | 4 | 3 | 1 | 0 | Perdedores das series | Izak van Heerden | |||
1955 | 4 | 2 | 0 | 2 | Series empatadas | Danie Craven | |||
1938 | 3 | 2 | 0 | 1 | Gañadores das series | - | |||
1924 | 4 | 3 | 1 | 0 | Gañadores das series | - | |||
1910 | 3 | 2 | 0 | 1 | Gañadores das series | - | |||
1903 | 3 | 1 | 2 | 0 | Gañadores das series | - | |||
1896 | 3 | 1 | 0 | 3 | Perdedores das series | - | |||
1891 | 3 | 0 | 0 | 3 | Perdedores das series | - |
Suráfrica no Tri Nations/Rugby Championship
[editar | editar a fonte]Os Springboks participan cada ano no Rugby Championship (orixinalmente Tri Nations), torneo de seleccións do hemisferio Sur no que se enfrontan a Nova Zelandia, a Australia e dende 2012 tamén a Arxentina. Suráfrica gañou o torneo en cinco ocasións: 1998, 2003, 2009, 2019 e 2024. No ano 2020 non participou por mor da pandemia do Covid. Suráfrica é a única selección que gañou a Copa do Mundo e o Rugby Championship o mesmo ano (2019).
Edición | Xog. | Gañ. | Emp. | Per. | Resultado | Seleccionador | |||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2024 | 6 | 5 | 0 | 1 | Campións | Rassie Erasmus | |||
2023 | 3 | 2 | 0 | 1 | 2º | Jacques Nienaber | |||
2022 | 6 | 4 | 0 | 2 | 2º | Jacques Nienaber | |||
2021 | 6 | 3 | 0 | 3 | 3º | Jacques Nienaber | |||
2020 | - | - | - | - | Non participou | - | |||
2019 | 3 | 2 | 1 | 0 | Campións | Rassie Erasmus | |||
2018 | 6 | 3 | 0 | 3 | 2º | Rassie Erasmus | |||
2017 | 6 | 2 | 2 | 2 | 3º | Allister Coetzee | |||
2016 | 6 | 2 | 0 | 4 | 3º | Allister Coetzee | |||
2015 | 3 | 0 | 0 | 3 | 4º | Heyneke Meyer | |||
2014 | 6 | 4 | 0 | 2 | 2º | Heyneke Meyer | |||
2013 | 6 | 4 | 0 | 2 | 2º | Heyneke Meyer | |||
2012 | 6 | 2 | 1 | 3 | 3º | Heyneke Meyer | |||
2011 | 4 | 1 | 0 | 3 | 3º | Peter de Villiers | |||
2010 | 6 | 1 | 0 | 5 | 3º | Peter de Villiers | |||
2009 | 6 | 5 | 0 | 1 | Campións | Peter de Villiers | |||
2008 | 6 | 2 | 0 | 4 | 3º | Peter de Villiers | |||
2007 | 4 | 1 | 0 | 3 | 3º | Jake White | |||
2006 | 6 | 2 | 0 | 4 | 3º | Jake White | |||
2005 | 4 | 3 | 0 | 1 | 2º | Jake White | |||
2004 | 4 | 2 | 0 | 2 | Campións | Jake White | |||
2003 | 4 | 1 | 0 | 3 | 3º | Rudolph Straeuli | |||
2002 | 4 | 1 | 0 | 3 | 3º | Rudolph Straeuli | |||
2001 | 4 | 1 | 1 | 2 | 3º | Harry Viljoen | |||
2000 | 4 | 1 | 0 | 3 | 3º | Nick Mallett | |||
1999 | 4 | 1 | 0 | 3 | 3º | Nick Mallett | |||
1998 | 4 | 4 | 0 | 0 | Campións | Nick Mallett | |||
1997 | 4 | 1 | 0 | 3 | 2º | Carel du Plessis | |||
1996 | 4 | 1 | 0 | 3 | 2º | Andre Markgraaff |
Xogadores
[editar | editar a fonte]A seguinte táboa amosa os xogadores convocados polo seleccionador Rassie Erasmus durante a tempada 2024 na que os Springboks recentemente proclamados campións do mundo por cuarta vez voltarán ó terreo de xogo nos tests internacionais de xullo que se disputan no hemisferio Sur, posteriormente competirán por gañar o Rugby Championship durante os meses de agosto e setembro, e rematarán a tempada nos tests internacionais de novembro que se disputan no hemisferio Norte.
Equipo 2024
[editar | editar a fonte]Máis partidos
[editar | editar a fonte]A seguinte listaxe recolle os rexistros máis notábeis de partidos xogados coa selección surafricana. A lista inclúe xogadores dos últimos 30 anos, é preciso sinalar que unha clasificación por número de selección non depende só da calidade do xogador senón só do número de partido disputados internacionalmente. Co nacemento da copa do mundo en 1987 a periodicidade dos partidos variou de xeito destacábel. En letra grosa xogadores que seguen en activo na selección de Suráfrica.
- 131 - Eben Etzebeth
- 127 - Victor Matfield
- 124 - Bryan Habana
- 117 - Tendai Mtawarira
- 111 - John Smit
- 109 - Jean de Villiers
- 102 - Percy Montgomery
- 98 - Willie Le Roux
- 92 - Siya Kolisi
- 89 - Joost van der Westhuizen
Máis ensaios
[editar | editar a fonte]Bryan Habana é o xogador que conseguiu máis ensaios coa selección de Suráfrica. Quince dos seus sesenta e sete ensaios foron anotados en Copas do Mundo, cifra récord que comparte cos neozelandeses Jonah Lomu, Julian Savea e Will Jordan. Cómpre destacar tamén a Joost van der Westhuizen, o medio de melé que anotou máis ensaios na historia do rugby internacional.
- 67 - Bryan Habana
- 38 - Joost van der Westhuizen
- 32 - Jaque Fourie
- 32 - Makazole Mapimpi
- 27 - Jean de Villiers
- 26 - Breyton Paulse
- 25 - Percy Montgomery
- 24 - JP Pietersen
- 21 - Pieter Rossouw
- 21 - Malcolm Marx
Máis puntos
[editar | editar a fonte]A maior marca de puntos marcados cos Springboks posúea Percy Montgomery con 893 puntos, unha cifra nada habitual nun xogador que non ocupaba a posición de apertura.
- 893 - Percy Montgomery
- 772 - Handré Pollard
- 742 - Morné Steyn
- 335 - Bryan Habana
- 331 - Elton Jantjies
- 312 - Naas Botha
- 240 - Joel Stransky
- 221 - Braam van Straten
- 190 - Joost van der Westhuizen
- 181 - Jannie de Beer
No Salón da Fama de World Rugby
[editar | editar a fonte]Os seguintes ex xogadores da selección de rugby de Suráfrica foron elixidos para formar parte do Salón da Fama de World Rugby:
- Danie Craven
- Barry Heatlie
- Bennie Osler
- Frik du Preez
- Francois Pienaar
- John Smit
- Danie Gerber
- Hennie Muller
- Joost van der Westhuizen
- Morne du Plessis
- Naas Botha
- Os du Randt
- Bryan Habana
Adestradores
[editar | editar a fonte]O concepto contemporáneo de adestrador da selección ou de seleccionador nacional non sempe existiu no rugby, por iso non é posible facer unha listaxe completa de seleccionadores dende os comezos até o presente. En ocasións os seleccionadores eran directivos e os adestradores eran os xogadores máis veteranos, ou mesmo non era preciso seleccionar un equipo porque os xogadores que tiñan a posibilidade de viaxar para xogar un encontro internacional eran os xustos. O rugby foi un deporte non profesional até 1995. O cargo de seleccionador tampouco era preciso trantándose dunha selección moi illada xeográfricamente que ás veces non xogaba ningún encontro durante catro ou cinco anos. Polo tanto a seguinte listaxe comeza en 1992, ano no que Suráfrica foi readmitida no rugby internacional trala abolición do apartheid, e ano dende o cal os Springboks comezaron a xogar ano tras ano como un equipo estructurado, non improvisado:
Nome | Período | Partidos | Vitorias | Empates | Derrotas | % vitorias | Éxitos |
---|---|---|---|---|---|---|---|
John Williams | 1992 | 5 | 1 | 4 | 0 | 20% | |
Ian McIntosh | 1993–1994 | 12 | 4 | 2 | 6 | 33% | |
Kitch Christie | 1994–1995 | 14 | 14 | 0 | 0 | 100% | Copa do Mundo de 1995 |
Andre Markgraaff | 1996 | 13 | 8 | 0 | 5 | 61% | |
Carel du Plessis | 1997 | 8 | 3 | 0 | 5 | 37% | |
Nick Mallett | 1997–2000 | 38 | 27 | 0 | 11 | 71% | Tri Nations 1998 |
Harry Viljoen | 2000–2001 | 15 | 8 | 1 | 7 | 53% | |
Rudolf Straeuli | 2002–2003 | 23 | 12 | 0 | 11 | 52% | |
Jake White | 2004–2007 | 54 | 36 | 1 | 17 | 66% | Copa do Mundo de 2007, Tri Nations 2004 |
Peter de Villiers | 2008–2011 | 48 | 30 | 0 | 18 | 62% | Xira dos Lions 2009, Tri Nations 2009 |
Heyneke Meyer | 2012–2015 | 48 | 32 | 2 | 14 | 66% | |
Allister Coetzee | 2016–2017 | 25 | 11 | 2 | 12 | 44% | |
Rassie Erasmus | 2018–2019 | 26 | 17 | 1 | 8 | 65% | Copa do Mundo de 2019, Rugby Championship 2019 |
Jacques Nienaber | 2020–2023 | 39 | 27 | 0 | 12 | 69% | Copa do Mundo de 2023, Xira dos Lions 2021 |
Rassie Erasmus | 2024– | 13 | 11 | 0 | 2 | 84% | Rugby Championship 2024 |
Na listaxe sobresaen os nomes dos catro seleccionadores que conquistaron a Copa do Mundo de Rugby: Kitch Christie en 1995, Jake White en 2007, Rassie Erasmus en 2019 e Jacques Nienaber en 2023; así como Peter de Villiers que en 2009 gañou as Lions Series e o Tri Nations, e Nick Mallett que en 1998 gañou o Tri Nations e que acadou 17 vitorias consecutivas, récord mundial naquela época.
Jake White en 2004 e 2007, e Rassie Erasmus en 2019, recibiron o premio ó Adestrador do Ano de World Rugby sendo seleccionadores de Suráfrica.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ranking World Rugby (en inglés)
- ↑ British & Irish Lions history (en inglés)
- ↑ Team of the year 2008 winner (en inglés)
- ↑ Team of the year 2020 winner (en inglés)
- ↑ Team of the year 2010 nominee (en inglés)
- ↑ Team of the year 2024 nominee (en inglés)
- ↑ Laureus World Sport Awards - Past Winners (en inglés)
- ↑ Springboks keep up search for the right blend of colour coordination (en inglés)
- ↑ 9,0 9,1 A unidade do símbolo: o Springbock vs a Protea (en inglés)
- ↑ Boks to wear original strip against Irish (en inglés)
- ↑ Strains show as nation cheers on the Boks (en inglés)
- ↑ Springbok badge to move to right Arquivado 18 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ New Springbok jersey to be launched in time for British & Irish Lions tour Arquivado 20 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ Ticket information, na páxina web dos Springboks. (en inglés)