Sanmao
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de marzo de 1943 Chongqing (República da China) |
Morte | 4 de xaneiro de 1991 (47 anos) Taipei (Taiwán) |
Causa da morte | suicidio |
Educación | Chinese Culture University (en) Universidade de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | escritora, guionista, tradutora, novelista, letrista |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Biographical Dictionary of Chinese Women: The Twentieth Century |
Sanmao (chinés tradicional e simplificado: 三毛; pinyin: Sānmáo), nada en Chongqing o 26 de marzo do 1943 e finada en Taipei o 4 de xaneiro do 1991, foi unha escritora taiwanesa, unha das máis recoñecidas da literatura taiwanesa do século XX. O seu nome de nacemento era Chen Ping, e tamén foi coñecida como Echo Chen. Escribiu máis de vinte libros, moitos deles autobiográficos. Tamén foi autora de cancións e dun guión cinematográfico. Ademais, traduciu a Mafalda ao chinés.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Sanmao naceu o 26 de marzo do 1943 en Chongqing, no condado de Dinghai, provincia de Zhejiang. Filla de Chen Yiqing, un avogado de éxito, e de Miao Jinlan, foi a segunda filla do matrimonio tras a súa irmá Chen Tianxin. Foi seguida por dous irmáns menores, Chen Sheng e Chen Jie.
Logo da vitoria da guerra contra o Xapón, a familia mudouse a Nanjing, e posteriormente a Taipei, debido á derrota do Kuomintang fronte ao Partido Comunista da China.[3] Alí, matriculouse na Escola Primaria Nacional Chung Cheng, e despois na Escola Secundaria de Nenas de Taiwán, no 1954. Durante estes anos, achégase ao eido da literatura, e comeza a ler revistas como Penhui e Xiandai wenxue ("A literatura moderna"), que a introducen a escritores como Émile Zola, Albert Camus ou Chen Yingzhen.
Unha das súas profesoras, Gu Fusheng, enviou en decembro do 1962 un artigo de Sanmao ao editor en xefe da revista Xiandai Wenxue, Bai Xianyong, o que supuxo un fito na vida da escritora. A peza, que levaba por título Confusión, foi publicada no décimo quinto número, o que animou a Sanmao a continuar escribindo. Tratábase dunha historia de pantasmas que posuía unha sensibilidade infrecuente. A obra mencionaba a película estadounidense Jennie's Portrait, na que aparecía Taipei. Sanmao comezou a enviar artigos a xornais e revistas. No 1963, escribiu "gústame perseguir pantasmas e crear unha beleza tráxica; cando as pantasmas se fan reais, comezo a fuxir".
Comezou estudos de Filosofía na Universidade da Cultura Chinesa de Taiwán. No 1967, viaxou a España para estudar castelán. Posteriormente, ingresou na Facultade de Artes e Filosofía da Universidade de Madrid. Alí, coñeceu ao seu futuro marido, José María Quero, por aquel entón estudante de Secundaria.
Nesta época, estivo tamén en Alemaña para estudar na Escola Alemá de Lingua e Literatura Xermanas. En nove meses, obtivo unha capacitación para ensinar alemán. Comezou a estudar cerámica. Logo, visitou os Estados Unidos, matriculándose na Universidade de Illinois (Chicago). Así mesmo, viaxou por diversos países europeos, como Alemaña Oriental, Polonia, Iugoslavia, a República Checa e Dinamarca.
No 1971, regresou a China, traballando como profesora do Departamento de Alemán e Filosofía do Instituto Cultural Chinés. Ao ano seguinte, volveu a España, onde iniciou unha relación con José María Quero, que xa rematara o servizo militar obrigatorio e obtivera a licenza de submarinista profesional. A parella trasladouse ao Sáhara español, casando no Aaiún no 1974.
Alcume
[editar | editar a fonte]Aínda que o seu nome de nacemento era Chen Maoping 陳懋平, sendo nova comezou a omitir a grafía 懋, abreviando a Chen Ping 陳平.[4][5] Tamén adoptou o nome inglés Echo, co que asinou as súas primeiras caligrafías e pinturas. Segundo o seu relato Yuji bu zai lai 雨季不再来 ("A tempada de chuvias non chega", 1966), Echo era o nome en inglés do seu mestre de arte, Gu Fusheng.
Sanmao 三毛, que significa "tres pelos", foi un pseudónimo tomado pola autora dun coñecido personaxe de banda deseñada chinesa, un rapaz vagabundo e orfo. Este foi o nome que utilizou para firmar as súas obras a partir da súa estadía no Sáhara.[6]
Éxito como escritora
[editar | editar a fonte]O 6 de outubro do 1974, a súa obra Hotel da China foi publicada no xornal Lianhe. Este traballo, que emprega o deserto do Sáhara como pano de fondo para describir un matrimonio exótico, resultou ser moi diferente do resto de artigos publicados nese número, o que atraeu unha gran cantidade de lectores. Dende entón, os seus relatos publicáronse con regularidade, e varios deles reuníronse en compilacións como Sahala de gushi 撒哈拉的故事 ("Historias do Sáhara", 1976), Daocaoren shouji 稻草人手記 ("Anotacións dun espantallo", 1977) ou Kuqi de luotuo 哭泣的駱駝 ("O pranto do camelo", 1977). Todos eles tiveron moi boa acollida na comunidade chinesa.
En novembro do 1975, Marrocos organizou a chamada Marcha verde e, en febreiro do ano seguinte, España retirouse do Sáhara Occidental. Sanmao e José trasladáronse ás Illas Canarias. Alí, viviron no barrio de Playa del Hombre, na cidade de Telde (Gran Canaria), e en Puerto de la Cruz, en Tenerife. Sanmao continuou escribindo e publicando en chinés, recollendo en diarios as súas experiencias vitais.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]O 30 de setembro do 1979, durante unha visita dos pais de Sanmao á illa da Palma para coñecer ao esposo da súa filla, José María Quero faleceu practicando pesca submarina nunha praia local. O cabido insular da Palma erixiu no 2014 un miradoiro literario na zona como homenaxe á escritora.[7][8] Os restos de José María Quero descansan no cemiterio de Santa Cruz da Palma, un lugar de culto para os admiradores de Sanmao.[9][10]
Tras o pasamento do seu marido, Sanmao regresou a Taiwán para vivir temporalmente con seus pais. En novembro do 1981, viaxou por Centroamérica e América do sur por encargo dos seus editores. Estas experiencias foron recollidas en escritos posteriores. Entre 1981 e 1984, impartiu conferencias na Universidade da Cultura Chinesa de Taiwán, mentres se dedicaba tamén á escrita. Residiu por tempadas no continente americano, aínda que volvía de xeito esporádico á vivenda que posuía en Gran Canaria.
O 4 de xaneiro do 1991, Sanmao ingresou no Hospital de Veteranos de Taipei por unha hiperplasia endometrial. Ante a imposibilidade de durmir sen medicación, foron aumentándolle as doses. Finalmente, a escritora suicidouse no propio hospital aos 47 anos de idade, aínda que a familia negou sempre o sucedido.
Entre 1976 e o seu falecemento no 1991, Sanmao publicou máis de 20 libros e traduciu ao chinés Mafalda, do humorista gráfico arxentino Quino.
Sanmao e o Sáhara
[editar | editar a fonte]A comezos dos 70, Sanmao liu un artigo sobre o deserto do Sáhara na revista National Geographic, e díxolle aos seus amigos que quería viaxar por el. No 1976, publicou Sahala de gushi 撒哈拉的故事, baseado nas súas experiencias vivindo alí con José María Quero. O libro era un relato de vida e amor no deserto, que contribuíu a definir a voz e perspectiva únicas de Sanmao. Tivo moito éxito en Taiwán, Hong Kong e a China. A autora continuou escribindo a súa vida no Sáhara en nas Canarias.[11]
Sobre a súa chegada ao Sáhara, escribiu:
Mirei ao meu redor a area sen límites a través da cal o vento laiaba, o ceo no alto, a paisaxe maxestosa e tranquila (...) Foi tebroso, o ocaso luxaba o deserto co vermello do sangue fresco, unha fermosura dolorosa. A temperatura semellaba de comezos do inverno. Eu esperaba un sol abrasador, mais no seu lugar atopei unha franxa de desolación poética.Sahala de gushi 撒哈拉的故事 (1976)
Foi unha das moitas experiencias que trasladou aos seus ensaios e poesía, e cuxa influencia perduraría entre as xeracións de mulleres novas de Taiwán e a China, que vían na súa prosa a unha muller segura de si mesma que realizaba incursións intrépidas, así coma transgresións das normas sociais establecidas.
Os seus traballos realizaban tamén un retrato do pobo saharaui, nómades que viviran no deserto durante xeracións.[12] Sanmao presentou a vida destes grupos, moitas veces cunha mirada crítica cara algún dos seus costumes, como as cerimonias de voda tradicionais.[12]
Estilo
[editar | editar a fonte]As obras de Sanmao son consideradas realistas e emotivas, cunha aparencia orixinal da vida e da sabedoría. Os clarescuros da súa infancia e a súa complicada mocidade deron unha nota de tristura á súa escrita. Esta sensibilidade para a dor mantívose na persoa de Sanmao e tivo un impacto significativo na súa obra posterior. Partindo da realidade da vida, Sanmao amosou o carácter contraditorio e unificado das persoas en diversos aspectos. Así mesmo, destacou por buscar o seu propio lugar no mundo, no canto de centrarse nos bens materiais e nas expectativas sociais.
As súas obras, sexan de poesía ou en prosa, conteñen unha beleza delicada. A súa prosa, que oscila entre a memoria e a ficción, ten unha elegancia lacónica que contén ecos da xeración beat.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O seu poema máis famoso, Ganlanshu 橄欖樹 ("A oliveira"), inspirou múltiples cancións. No 2013, o grupo español de hard rock Local 9 compuxo unha canción baseada na vida de Sanmao e José María Quero, titulada "Sólo puedo anidar en ti" ("Só podo aniñar en ti").
En setembro do 2016, estreouse nas Illas Canarias o primeiro documental sobre a vida da escritora, Sanmao: la vida es el viaje ("Sanmao: A vida é a viaxe"), da cineasta canaria María Jesús Alvarado, coñecida artisticamente coma Susi Alvarado.[13]
No 2018, o Cabido insular da Palma impulsou unha ruta turística que evoca a presenza da escritora na illa.[14] No 2019, foi recoñecida cun obituario no New York Times.[15] O 8 de marzo do mesmo ano, a súa frase "Un ten que ter cando menos un soño, así que hai unha razón para ser forte" foi obxecto dun Google Doogle co gallo do Día Internacional da Muller.[16] En outubro do 2020, estreouse a película Sanmao: la novia del desierto ("Sanmao: a noiva do deserto"), dirixida por Marta Arrivas e Ana Pérez de la Fuente.[17]
Traducións
[editar | editar a fonte]- Diaris del Sàhara (2016). Tradución ao catalán de Sara Rovira-Esteva e Irene Tor Carroggio. :Rata_.[18]
- Diaris de les Canàries (2017). Tradución ao catalán de Mireia Vargas-Urpí. :Rata_.[19]
- Diaris d'enlloc (2019). Tradución ao catalán de Mireia Vargas-Urpí. :Rata_.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "España reencuentra a San Mao, la autora que nos amó y dio a conocer en China". La Vanguardia (en castelán). 2016-12-08. Consultado o 2024-01-14.
- ↑ Sanmao (2016). Diarios del Sáhara (en castelán). :Rata_. ISBN 978-84-944891-7-4.
- ↑ Sanmao (2016). Diarios del Sáhara (en castelán). :Rata_. ISBN 978-84-944891-7-4.
- ↑ "Writer - Chen Mao-ping (Sanmao)". Ministry of Culture (en inglés). 2023-11-17. Consultado o 2024-01-24.
- ↑ "Autora superventas - Chen Mao-ping (Sanmao)". Ministerio de Cultura (en castelán). 2020-02-04. Consultado o 2024-01-24.
- ↑ Sanmao (2016). Diarios del Sáhara (en castelán). :Rata_. ISBN 978-84-944891-7-4.
- ↑ "El mirador literario dedicado a Sanmao ya es una realidad". El Apurón. 2014-06-15. Consultado o 2024-01-24.
- ↑ Ahora, La Palma (2013-07-22). "Mirador literario dedicado a Sanmao en La Fajana". elDiario.es (en castelán). Consultado o 2024-01-24.
- ↑ "La tragedia que hundió para siempre la vida de San Mao". diariodeavisos.elespanol.com (en castelán). 2017-09-03. Consultado o 2024-01-24.
- ↑ Time, El. "Recuerdan la memoria de José María Quero con una intervención en el cementerio capitalino". El Time (en castelán). Consultado o 2024-01-24.
- ↑ "Cuando San Mao tuvo la casa más bonita del desierto - by SUA PRENSA - Medium". web.archive.org. 2021-06-03. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2021. Consultado o 2024-01-25.
- ↑ 12,0 12,1 Sanmao (2016). Diarios del Sáhara (en castelán). :Rata_. ISBN 978-84-944891-7-4.
- ↑ Aranda, Carmen Delia (2016-09-19). "Susi Alvarado estrena su documental sobre ‘San Mao’". Canarias7 (en castelán). Consultado o 2024-01-26.
- ↑ "Know .... the route San Mao". Visit La Palma (en inglés). Consultado o 2024-01-26.
- ↑ Ives, Mike; Li, Katherine (2019-10-23). "Overlooked No More: Sanmao, ‘Wandering Writer’ Who Found Her Voice in the Desert". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-01-26.
- ↑ "Sanmao's 76th Birthday Doodle - Google Doodles". doodles.google (en inglés). Consultado o 2024-01-26.
- ↑ Martínez, Beatriz (2020-10-08). "'Sanmao: la novia del desierto': tras los pasos de la leyenda china del Sáhara". elperiodico (en castelán). Consultado o 2024-01-26.
- ↑ "Pàgina Rata Individual". Grup Enciclopèdia (en catalán). Consultado o 2024-01-26.
- ↑ "Pàgina Rata Individual". Grup Enciclopèdia (en catalán). Consultado o 2024-01-26.
- ↑ "Pàgina Rata Individual". Grup Enciclopèdia (en catalán). Consultado o 2024-01-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sanmao (La literatura china traducida en España)