Rocha hipoabisal
As rochas hipoabisais, subvolcánicas ou filonianas son rochas ígneas intrusivas que se orixinan cando o magma ou fluídos hidrotermais mineralizados se abren paso cara á superficie a través de fisuras de trazado irregular ou gretas e fallas de bordos planos e solídifícanse no seu interior formando filóns, masas de rocha de contorno tabular.[1][2] Xeralmente o magma forma pequenas masas tabulares (entre uns poucos centímetros e uns cantos centenares de metros). A maioría das rochas filonianas presentan unha textura porfírica, afanítica ou granofídica, con cristais que non teñen unha medida uniforme porque se formaron en fases distintas: os minerais con temperatura de fusión máis alta foron cristalizando lentamente no interior da Terra e o resto, de forma máis rápida dentro dos filóns, onde a rocha encaixante está cada vez máis fría.
Algúns exemplos de rochas filonianas son as aplitas (de composición parecida á do granito, con diferentes proporcións de cuarzo, plaxioclasio e ortosa, e con textura equigranular <2mm), os pórfiros (con matriz vítrea ou microcristalina) e as pegmatitas (con grandes cristais >1cm).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Rocas Ígneas". Universidade Autónoma de Madrid. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2010. Consultado o 9 de xuño de 2010.
- ↑ Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. «roca filoniana». Vocabulario Científico y Técnico. Consultado o 10 de xullo de 2020.