Raymonde de Laroche
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Élise Léontine Deroche 22 de agosto de 1882 4.º arrondissement de Paris, Francia (pt) |
Morte | 18 de xullo de 1919 (36 anos) Le Crotoy, Francia |
Causa da morte | morte accidental, accidente ou incidente de aviación |
Lugar de sepultura | Cemiterio do Père-Lachaise, 92 48°51′40″N 2°23′50″L / 48.861167, 2.397153 Grave of Laroche (en) |
Actividade | |
Ocupación | aviadora |
Outro | |
Título | Barón |
Cónxuxe | Jacques Vial (1915–1917) |
Premios | |
| |
Elise Raymonde Deroche, coñecida como Raymonde de Laroche, nada en París o 22 de agosto de 1882 e finada en Le Crotoy o 18 de xullo de 1919, foi unha piloto francesa, primeira muller do mundo que recibiu unha licenza para pilotar aeroplanos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Nada en París o 22 de agosto de 1882, Raymonde Deroche era a filla dun fontaneiro. De nena sentía cariño polos deportes e cando foi crecendo tamén polas motocicletas e os automóbiles. De moza converteuse en actriz e usou o nome artístico de "Raymonde de Laroche". Inspirada polas demostracións de Wilbur Wright de 1908 de voo en París e coñecendo varios aviadores, incluído o artista reconvertido en aviador Léon Delagrange, que aparentemente foi o pai do seu fillo André, de Laroche decidiu comezar a voar ela mesma.[1]:9–10
Logros de aviación
[editar | editar a fonte]En outubro de 1909, de Laroche pediu ao seu amigo, o aviador e construtor de aeroplanos Charles Voisin, que lle ensinase a voar. O 22 de outubro de 1909 de Laroche acudiu á base de operacións dos irmáns Voisin en Chalons, 140 km ao leste de París. Na aeronave de Voisin podía sentar só unha persoa, polo que ela mesma manexou o avión mentres el estaba no chan e lle daba instrucións. Despois de que ela dominou a rodaxe polo campo de aviación, levantou a nave e voou 270 metros.[1]:11–13 O voo de de Laroche adoita ser citado como o primeiro dunha muller nunha nave máis pesada có aire; existen evidencias de que outras dúas mulleres, P. Van Pottelsberghe e Thérèse Peltier, voaran o ano anterior con Henri Farman e Delagrange respectivamente como pasaxeiras, mais non como pilotos.[2]
Décadas máis tarde, o xornalista de aviación Harry Harper escribiu que ata que de Laroche fixo o seu celebrado voo no Voisin, ela só voara unha vez, por un curto salto como pasaxeira; cando tomou os controis por primeira vez, Charles Voisin prohibíralle expresamente intentar un voo; despois de rodar dúas veces polo campo, engalou, voando a "dez ou quince pés de altura" e mantivo os controis con "boa e rápida precisión".[3]
Aínda que Gabriel Voisin escribiu, "... o meu irmán [estaba] completamente baixo o seu polgar",[4] a historia de de Laroche como unha muller obstinada que fixo o voo tras escasa preparación e contra as ordes de Voisin case con seguridade é unha versión máis romántica do que realmente pasou. A revista Flight, unha semana despois do voo, informou: "Por algún tempo, a Baronesa estivo a tomar leccións de M. Chateau, o instrutor Voisin, en Chalons, e o venres da semana pasada puido tomar a roda por primeira vez. Esta viaxe inicial ao aire foi só unha moi breve, e foi recuperada a terra firma despois de 270 metros".[5] Flight tamén foi responsable de outorgarlle o título de "Baroness" ("Baronesa") de Laroche, cando ela non era nobre de nacemento.[1]:9 Flight engadiu que o seguinte día circulou polo campo de voo dúas veces, "sendo os xiros realizados con suma facilidade. Durante o voo de aproximadamente 6 km había un forte vento con refachos, mais despois de dous xiros a Baronesa dixo que non a molestou, e que tiña a máquina completamente baixo o seu control".[5]
O 8 de marzo de 1910,[1]:14 de Laroche converteuse na primeira muller da historia que recibiu unha licenza de piloto cando o Aero-Club de France lle entregou a súa licenza co número 36 da Fédération Aéronautique Internationale (Federación Internacional de Aeronáutica, F.A.I.).
De Laroche participou en encontros aeronáuticos en Heliópole en Exipto, ademais de en San Petersburgo, Budapest e Rouen. Durante o espectáculo de San Petersburgo foi felicitada persoalmente polo tsar Nicolao II. Alí foi presentada de novo como "Baroness" de Laroche. A partir de aí, o título comezou a ser empregado de forma xeral.[1]:16
En xullo de 1910, de Laroche estaba a participar nun espectáculo dunha semana en Reims. O 8 de xullo, o seu avión estrelouse, e sufriu feridas tan graves que a súa recuperación foi posta en dúbida. Porén, dous anos despois estaba recuperada de novo e volveu voar. O 26 de setembro de 1912, ela e Charles Voisin sufriron un accidente. Voisin faleceu e de Laroche resultou ferida de gravidade.[6]
O 25 de novembro de 1913 de Laroche gañou a Copa Femina do Aero-Club de Francia por un voo sen escalas de longa distancia de máis de 4 horas de duración.[7]
Durante a primeira guerra mundial, como o voo era considerado demasiado perigoso para as mulleres, serviu como chofer militar, levando oficiais dende a retagarda ata a fronte baixo o fogo.[1]:20
En xuño de 1919 de Laroche estableceu dúas marcas de altitude femininas,[8] un de 4800 metros e tamén a marca de distancia con 323 km.[1]:21
Falecemento
[editar | editar a fonte]O 18 de xullo de 1919,[9] de Laroche, enxeñeira de talento, foi ao campo de aviación de Le Crotoy como parte do seu plan para converterse na primeira muller piloto de probas.[10] Ela estaba nunha aeronave experimental (descoñécese se ela a pilotou); na aproximación para a aterraxe, o avión caeu en picado e chocou, matando a de Laroche e o copiloto.[1]:21
Legado
[editar | editar a fonte]Hai unha estatua de de Laroche no Aeroporto de París–Le Bourget en Francia.[11]
Entre o 6 e o 12 de marzo de 2010, para celebrar o centenario das mulleres piloto con licenza, mulleres de oito países de tres continentes empregaron vinte tipos de aeronaves para establecer un novo récord do mundo: 310 mulleres se introduciron na pilotaxe nunha semana.[12]
A Women of Aviation Worldwide Week ten lugar anualmente durante a semana que inclúe o 8 de marzo, que marca o aniversario da licenza de pilot de Raymonde de Laroche.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Lebow, Eileen F. (7 de abril de 2003). Before Amelia: Women Pilots in the Early Days of Aviation. Brassey's. ISBN 978-1-57488-532-3. Consultado o 7 de marzo de 2011.
- ↑ "Early Aviators – Peltier Biography". Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2017. Consultado o 12 de maio de 2019.
- ↑ Air Trails, xullo de 1953. "The Brave Baroness – First Licensed Ladybird" por Harry Harper.
- ↑ Voisin, G.: Mes 10000 Cerfs-Volants. Editions Table Ronde, 1960. ISBN 2-7103-2012-6.
- ↑ 5,0 5,1 Flight, page 695, 30 de outubro de 1909.
- ↑ "Early Aviators – Charles Voisin Biography". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 12 de maio de 2019.
- ↑ "Mme de Laroche gagne la Coup Femina". La Revue aérienne (en francés). 10 de decembro de 1913. p. 669. Consultado o 29 de novembro de 2017.
- ↑ University of Houson, "Engines of our Ingenuity, No. 1813: Raymonde de Laroche", artigo sen data de John H. Lienhard, consultado o 27 de marzo de 2008.
- ↑ Polacco, Michel (2 de novembro de 2017). Pourquoi des avions s'écrasent-ils encore ? [Why are planes crashing again?] (en francés). Hachette. p. 22. ISBN 9782851209764.
- ↑ "Raymonde de Laroche". Women in Aviation and Space History. National Air and Space Museum. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2022. Consultado o 28 de febreiro de 2019.
- ↑ "The Baroness of Flight". Historic Wings. 8 de marzo de 2013. Consultado o 28 de febreiro de 2019.
- ↑ "Women Pilots' Record: 310 First Flights". AVweb. 1 de abril de 2010. Arquivado dende o orixinal o 4 de abril de 2010.
- ↑ "WOAW - Frequently Asked Questions". Women of Aviation Worldwide Week. Consultado o 28 de febreiro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Raymonde de Laroche |