Pirámide estratificada
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Governación de Guiza, Exipto | |||
Localización | Zawyet el-Aryan (pt) | |||
| ||||
Características | ||||
Dimensións | 17 () m | |||
Material usado | Calcaria | |||
Superficie | 84 m² | |||
A pirámide estratificada (en árabe: il-haram il-midawwar, الهرم المدور), tamén coñecida como pirámide de Jaba, é unha pirámide con chanzos en ruínas que se construíu durante a Dinastía III de Exipto (2686-2613 a. C.) e está situada na necrópole de Zawyet el-Aryan, preto do Cairo (Exipto). Non se sabe con certeza quen ordenou a súa construción, aínda que se atribúe ao faraón Jaba. A arquitectura da estrutura é moi similar á do complexo funerario de Sejemjet e por iso pódese datar con total seguridade na época da dinastía III.
A pirámide foi escavada a principios do século XX por dous equipos diferentes que ofreceron datos contraditorios sobre o tamaño da estrutura e o número de cámaras subterráneas. As escavacións non acharon obxectos arqueolóxicos de valor, nin tampouco restos de ningún enterramento real, polo que non está claro se a pirámide foi usada para enterrar a un faraón ou simplemente foi abandonada despois da morte prematura do soberano.
No momento da súa construción a pirámide estaba rodeada dunha necrópole composta por numerosas mastabas pertencentes a altos funcionarios da dinastía III. No lado leste da pirámide levantouse un templo mortuorio e a varios centos de metros de distancia debeu existir un templo do val. Na actualidade, a pirámide atópase dentro dunha zona militar de acceso restrinxido, o que impediu prospeccións arqueolóxicas en tempos recentes.
Historia das investigacións
[editar | editar a fonte]A pirámide estratificada foi examinada e os seus arredores explorados en 1839 polo enxeñeiro e exiptólogo británico John Shae Perring. Pouco despois, en 1848, a pirámide foi identificada como tal polo exiptólogo e lingüista prusiano Karl Richard Lepsius, que a incluíu no número XIV da súa pioneira lista de pirámides.[1][2] Case catro décadas despois, en 1886, o exiptólogo francés Gaston Maspero buscou sen éxito a entrada ás pasaxes subterráneas da pirámide, a cal foi localizada polo arqueólogo Jacques de Morgan en 1896.[3] Este último levou a cabo escavacións na pirámide, pero detívose cando tan só despexara os primeiros chanzos da escaleira de descenso.[4][5]
En 1900 o exiptólogo italiano Alessandro Barsanti realizou novas investigacións no lugar,[3] grazas ás cales descubriu o conduto de descenso vertical que leva á cámara sepulcral. Barsanti, vendo que varios corredores e cámaras parecían inacabados e estaban baleiros, considerou que a pirámide nunca se usara.[3] Pouco despois, entre 1910 e 1911, os arqueólogos estadounidenses George Andrew Reisner e Clarence S. Fisher tamén traballaron no xacemento,[6] escavando os exteriores norte e leste da pirámide, así como o cemiterio que a rodea.[2][4][5][7] As dimensións da estrutura estimadas por Barsanti, Reisner e Fisher difiren notablemente, e mesmo o número de cámaras subterráneas que contabilizaron tamén é distinto.[8] Desde 1970 a pirámide queda dentro dunha zona militar de acceso restrinxido e por iso non se puido emprender ningunha campaña arqueolóxica posterior ao traballo superficial de Reisner e Fisher,[4][5] razón pola cal non se sabe con exactitude que hai debaixo da pirámide estratificada. Ademais, o exterior da estrutura graduada está moi deteriorado e parcialmente cuberto de area, o que impide facer estimacións precisas das súas dimensións.[8]
Descrición
[editar | editar a fonte]A pirámide estratificada está moi próxima á necrópole de Zawyet el-Aryan, 8 km ao suroeste de Gizeh e 7 km ao norte de Saqqara.[4][5][9] A estrutura principal levántase sobre un outeiro xusto por encima da chaira aluvial do río Nilo.[9]
Superestrutura
[editar | editar a fonte]A pirámide ten unha base cadrada de 84 m de lado, dimensións algo inferiores ás das pirámides de chanzos de Zoser e Sejemjet. Baseándose nas dimensións da pirámide de Zoser, o arqueólogo francés Jean-Philippe Lauer estimou que a Pirámide estratificada estaba destinada a contar con cinco chanzos e podería terse elevado até os 42 ou 45 metros de altura.[10] Na actualidade só se aprecian dous chanzos e a súa altura é de 17 m. O estado ruinoso da estrutura permite ver o seu núcleo, que é un montículo formado por bloques irregulares e cascallos extraídos da zona.[6] Este núcleo está rodeado dun pequeno muro de 2,6 m de espesor feito da mesma pedra e que á súa vez queda envolto por catorce capas de ladrillos de barro unidos con morteiro de arxila, tamén de 2,6 m de anchura, colocados case en vertical cun ángulo de inclinación de 68°.[6][4][5]
Se a pirámide chegou a terminarse ou non, é motivo de discrepancia entre os estudosos. O exiptólogo Rainer Stadelmann cre que a estrutura si se rematou, pero outros, como Miroslav Verner, pensan que se deixou inacabada debido á morte prematura do faraón.[4][5] O feito é que non hai restos do revestimento pétreo exterior que adoitaban ter as pirámides, algo que apoia a idea de que nunca se rematou.[9] Na base da pirámide acháronse ladrillos de barro que non pertencen á súa estrutura e interpretáronse como restos dunha rampla de construción.[9]
Subestrutura
[editar | editar a fonte]A disposición das estruturas subterráneas da pirámide é moi semellante á do complexo funerarxo de Sejemjet. Por iso o exiptólogo estadounidense Mark Lehner e outros suxeriron que ambas pirámides deberon construírse na mesma época.[9]
A entrada ao complexo subterráneo está situada na cara leste, unha disposición que non se volvería a repetir até a construción da pirámide de Sesostris II, case mil anos despois. Os exiptólogos Vito Maraglioglio e Celeste Rinaldi propuxeron que esta peculiaridade foi elixida polos arquitectos exipcios coa finalidade de deixar libre a cara norte da pirámide para levantar alí un templo.[11] Aidan Dodson demostrou porén que nesta disposición a rampla de construción incidiría «na edificación dun templo na cara norte de forma aínda máis prexudicial». No seu lugar, opina que esta atípica entrada no lado leste é o resultado do desexo dos arquitectos de permitir un acceso sinxelo ás cámaras de almacenamento da pirámide, situadas inmediatamente debaixo desta entrada oriental.[8]
O acceso conduce inmediatamente a unha empinada escaleira de 36 m e logo cara a abaixo a un corredor que se dirixe ao oeste. Este corredor termina nun conduto vertical recto, en cuxa parte superior comeza o denominado corredor superior, unha pasaxe inacabada que se dirixe ao sur, cara ao interior da pirámide. No fondo do conduto vertical hai un cruzamento en forma de T. Cara á esquerda, este cruzamento leva ao sur ao corredor inferior, na metade do cal hai unha estreita escaleira, tanto que un sarcófago apenas pasaría, e ao final do mesmo ábrese a cámara sepulcral do faraón. Na zona da escaleira, Barsanti debuxou outra galería que pasaba sobre a cámara funeraria, pero esta non aparece nos debuxos realizados por Reisner e Fisher.[4][5] Cara á dereita do cruzamento en forma de T está o sistema de galerías en forma de U, que visto en planta ten forma de peite porque dá acceso a unha fileira de 32 cámaras, posiblemente para almacenar o enxoval funerario.[4][5] A galería que atoparon os arqueólogos estaba «limpa e baleira, tal e como deberon deixala os obreiros».[9]
A cámara funeraria está situada a 26 m baixo terra, ten unha planta case cadrada de 3,63 m × 2,65 m e un teito de 3 m de altura. Non se atoparon no seu interior restos de ningún sarcófago, o que unido á galería e as cámaras completamente baleiras fai pensar nunha prematura morte do faraón.[9]
Complexo funerario e necrópole
[editar | editar a fonte]Complexo funerario
[editar | editar a fonte]Curiosamente, o complexo funerario da pirámide estratificada non conserva restos dun muro perimetral, algo que estaba presente en todos os recintos piramidais do Antigo Exipto. Isto podería deberse a que as súas pedras fosen retiradas ao longo do tempo ou simplemente é que ese muro nunca se levantou porque debía ser das últimas partes en construírse. No lado oriental da pirámide, os fragmentos duns muros de ladrillo poden indicar a existencia dun templo mortuorio, pero os restos arqueolóxicos son tan precarios que na actualidade é imposible facer unha reconstrución. O mesmo sucede coas ruínas dun edificio situado a varios centos de metros da pirámide, e que podería tratarse do templo do val. Se eses restos son dun templo do val, a súa orientación leste–oeste sería única entre todos os complexos piramidais exipcios.[2][4][5][6]
Necrópole
[editar | editar a fonte]A pirámide estratificada está rodeada por un total de cinco cemiterios que datan das dinastías I, II, III, XVIII e o período romano.[6] De todos eles, só o da dinastía III contén grandes tumbas e catro delas son mastabas construídas de ladrillo. Reisner e Fisher observaron que isto é o que se espera atopar xunto á pirámide dun faraón, grandes enterramentos correspondentes á familia real e os oficiais da corte.[6] En particular, douscentos metros ao norte da pirámide hai unha gran mastaba, hoxe coñecida como Mastaba Z500, na cal se atoparon oito cuncos de mármore que teñen inscritos o serej do faraón Jaba.[4][5] Por tanto, Reisner e Fisher chegaron á conclusión de que «se as mastabas pertenceron a xente relacionada co faraón que construíu a pirámide, é probable que o nome dese soberano fose Jaba».[6]
-
A pirámide vista desde o leste, xusto antes das escavacións de Reisner e Fisher en 1910-1911.
-
Cara norte da pirámide, 1910.
-
Muros de ladrillo da pirámide estratificada, 1910.
-
Paredes de ladrillo case verticais, 1910.
Datación e atribución
[editar | editar a fonte]A arquitectura da pirámide estratificada permite datala con seguridade entre os reinados dos faraóns Sejemjet e Sneferu, iniciador da dinastía IV. Rainer Stadelmann, Miroslav Verner e Jean-Philippe Lauer comparan a súa configuración coa doutras pirámides de chanzos como as de Zoser e Sejemjet e coinciden en supoñer que tivo en orixe cinco corpos de altura, do mesmo xeito que as súas contemporáneas. A pirámide estratificada xunta nun mesmo lugar os complexos desenvolvementos da súa estrutura subterránea coa sinxeleza dos métodos de construción empregados na superestrutura. Segundo estes exiptólogos, esta pirámide é unha versión claramente avanzada da pirámide soterrada de Sejemjet.[4][5][10] O problema sen resolver da pirámide estratificada é a cuestión de quen a construíu. Varios estudosos sosteñen que foi probablemente o faraón Jaba da dinastía III,[2][4][5][6][7][9][10][12] conclusión que se basea no achado dos cuncos e vasos de mármore co seu serej na Mastaba Z500, situada xusto ao norte da pirámide. Rainer Stadelmann vai máis aló e identifica a Jaba co faraón Huny, último soberano da dinastía III. Esta hipótese fundaméntase na súa lectura do Canon Real de Turín, unha lista de faraóns recompilada ao final da época ramésida, ao redor do 1300 a. C., é dicir, uns 1400 anos despois do reinado de Huny. O Canon de Turín outórgalle a Huny un reinado longo de 24 anos, un tempo que segundo Stadelmann é máis que suficiente para erixir unha obra como a pirámide estratificada. Tamén argumenta que os monumentos reais das tres primeiras dinastías exipcias presentan o nome de Horus dos faraóns nun serej e unicamente despois rexistrábase o nome co que reinaban ou o que tiñan de nacemento. Así, o serej de Jaba podería ser en realidade o nome de reinado de Huny e a pirámide estratificada sería a súa tumba.[4][5] Esta conclusión non é compartida por moitos exiptólogos, que pensan que en realidade Huny é o construtor da pirámide de Meidum, sinalan que a pirámide estratificada está sen acabar e identifican a Jaba co faraón Hudjefa II mencionado no Canon Real de Turín.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lepsius 1849, p. 128.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Lehner 1996, pp. 507-522.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Barsanti 1901, pp. 92-94.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 Stadelmann 2007, pp. 425-431.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 Verner 1999, pp. 174-177.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Reisner & Fisher 1911, pp. 54-59.
- ↑ 7,0 7,1 Dunham 1978.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Dodson 2000, pp. 81-90.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Lehner 2008, p. 96.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Lauer 1962, pp. 19-22.
- ↑ Maragioglio & Rinaldi 1963, pp. 41-49.
- ↑ Malek 2000, pp. 87, 482.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pirámide estratificada |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barsanti, Alexandre (1901). Ouverture de la pyramide de Zaouiet el-Aryân. Annales du service des antiquités de l'Égypte (en francés) 2. El Cairo: Institut français d'archéologie orientale.
- Dodson, Aidan (2000). The Layer Pyramid of Zawiyet El-Aryan Its Layout and Context. Journal of the American Research Center in Egypt (en inglés) 37. American Research Center in Egypt.
- Dunham, Dows (1978). Zawiyet el-Aryan - The Cemeteries Adjacent To The Layer Pyramid (en inglés). Boston: Museum of Fine Art. ISBN 978-0-87846-108-0.
- Lauer, Jean-Philippe (1962). Les pyramides à degrés (IIIe Dynastie). Histoire monumentale des pyramides d'Égypte. Bibliothèque d'étude (en francés). París: Institut français d'archéologie orientale.
- Lehner, Mark (1996). Peter Der Manuelian, ed. Z500 and The Layer Pyramid of Zawiyet-el-Aryan (PDF) (en inglés). Boston: Museum of Fine Arts. Studies in Honor of William Kelly Simpson. ISBN 978-0878463909.
- Lehner, Mark (2008). The Complete Pyramids (en inglés). Londres: Thames & Hudson. ISBN 978-0-500-28547-3.
- Lepsius, Karl Richard (1849). Denkmäler aus Aegypten und Aethiopien (en alemán). Berlín: Nicolaische Buchhandlung.
- Malek, Jaromir (2000). Ian Shaw, ed. The Oxford History of Ancient Egypt (en inglés). Oxford University Press. ISBN 0-19-815034-2.
- Maragioglio, Vito; Rinaldi, Celeste Ambrogio (1963). L'architettura delle Piramidi Menfite II. La Layer pyramid di Zauit-el-Aryan e le minori piramidi attribuite alla III dinastia (en italiano). Rapallo: Tipografia Canessa.
- Reisner, George A.; Fisher, Clarence S. (1911). The Work of the Harvard University - Museum of Fine Arts Egyptian Expedition (Zawiyet el-Aryan Pyramid) (PDF). Bulletin of the Museum of Fine Arts (BMFA) (en inglés) IX. Boston: Museum of Fine Arts. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de abril de 2014. Consultado o 25 de marzo de 2020.
- Stadelmann, Rainer (2007). Zahi A. Hawass, Janet Richards, ed. King Huni: His Monuments and His Place in the History of the Old Kingdom. The Archaeology and Art of Ancient Egypt. Essays in Honor of David B. O’Connor (en inglés). El Cairo: Consejo Supremo de Antigüedades de Egipto.
- Verner, Miroslav (1999). Die Pyramiden (en alemán). Wiesbaden: Rowohlt. ISBN 3-499-60890-1.