Saltar ao contido

Perseidas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha Perseida multicolor atravesando o ceo á esquerda da Vía Láctea.
Perseidas no 2010 sobre o Very Large Telescope do Observatorio austral europeo no deserto de Atacama (Chile).
Unha Perseida en 2007.

As Perseidas, popularmente coñecidas como as Bágoas de San Lourenzo, son unha chuvia de meteoros de actividade alta. O seu período de actividade é longo e esténdese entre o 17 de xullo e o 24 de agosto. O seu máximo é o 12 de agosto con Taxa Horaria Zenital (THZ) 100, o que a converte na terceira maior chuvia do ano e fai que máis das 3/4 partes dos meteoritos observados esa noite sexan Perseidas[1]. Porén, é a máis popular e observada no hemisferio norte debido a que transcorre en agosto, mes de bo tempo e de vacacións por excelencia.

Características

[editar | editar a fonte]

Son meteoros de velocidade alta (59 km/s) que radian da Perseus ou Perseo. Polo tanto, a súa alta declinación (+58 º) non permite a súa observación en rexións meridionais, xa que dende o Ecuador se alcanzan tan só os 32º de altura.

A intensidade desta chuvia de meteoros e a época do ano na que se produce (na que a visibilidade adoita ser boa), fan que as Perseidas sexan unha das chuvias de estrelas fugaces máis populares e sinxelas de contemplar para todo o mundo. Levan contemplándose ao menos dende o ano 69 a.C.[1]

As Perseidas son tamén coñecidas co nome de bágoas de San Lourenzo, porque o 10 de agosto é o día deste santo. Na idade medieval e o renacemento, as Perseidas tiñan lugar a noite en que se lle recordaba, de tal xeito que se asociaron coas bágoas que verteu San Lourenzo ao ser queimado na fogueira, concretamente nunha grella.

A pesar de ser as máis vistas, son inferiores en número a outras 'chuvias de estrelas' (por exemplo, as Leónidas poden acadar ata 1000 meteoros/hora).[1]

O corpo proxenitor das Perseidas é o cometa 109P/Swift-Tuttle, descuberto por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle o 19 de xullo de 1862, posúe un diámetro de 9,7 quilómetros e a súa órbita ao redor do Sol dura un período de 135 anos.

A súa última aparición tivo lugar en 1992, producíndose en 1993 un pico de actividade con THZ 300. Desde entón, a actividade descendeu progresivamente ata o nivel normal.

  1. 1,0 1,1 1,2 "La cámara de meteoros de la ESA captura las perseidas". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2020-08-18. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]