Saltar ao contido

Padal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización do padal

O padal ou ceo da boca é unha estrutura dos animais vertebrados, incluíndo os humanos. Esta estrutura da glote separa a cavidade oral da cavidade nasal: é unha zona de rozamento cuxa interacción lingua-padal permite articular sons.

Constitúe a parede superior ou teito da cavidade oral. Está dividido en dúas partes, a bóveda palatina ou padal óseo, nos seus dous terzos anteriores, e o padal brando ou veo do padal, no seu terzo posterior. No centro e na parte máis posteroinferior do veo do padal atópase pendurada a úvula ou pinguel.

Histoloxía

[editar | editar a fonte]

O padal presenta unha porción xinxival ou enxiva, unha zona graxa e unha zona glandular no padal duro e o padal brando. Ambas as dúas metades do padal únense no rafe medio.

O padal, na zona da enxiva e no rafe medio do padal duro presenta unha mucosa sésil, é dicir, sen submucosa, cunha lámina propia directamente unida ao periósteo. O epitelio da mucosa sésil é plano pluriestratificado. Se aparece cornificación no padal brando hai patoloxía.

A zona graxa do padal duro presenta unha submucosa con graxa, en tanto que a zona glandular presenta pequenas glándulas salivares menores. O padal duro atópase ricamente innervado.

O padal brando presenta músculo esquelético. O padal brando está interposto entre a boca e as foxas nasais. Así, o epitelio que reviste a porción do padal brando que dá cara ás fosas nasais é igual ao que as reviste a elas mesmas, de tipo prismático pseudoestratificado, en tanto que o epitelio que dá cara á boca é plano pluriestratificado con probable paraqueratose. O padal brando presenta submucosa. No padal brando todas as glándulas son de tipo mucoso.

Patoloxía

[editar | editar a fonte]