Saltar ao contido

Osteolaemus tetraspis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Osteolaemus tetraspis

Crocodilo anano
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Crocodylidae
Xénero: Osteolaemus
Cope, 1861
Especie: O. tetraspis
Nome binomial
Osteolaemus tetraspis
Cope, 1861
Área de distribución do crocodilo anano en verde
Área de distribución do crocodilo anano en verde

Área de distribución do crocodilo anano en verde
Subespecies
  • O. t. tetraspis Cope, 1861
  • O. t. osborni (Schmidt, 1919)

Osteolaemus tetraspis, xeralmente chamado crocodilo anano, é un crocodilo africano que é a especie de menor tamaño dos crocodilos existentes (pero hai caimáns ananos de tamaño similar ou menores: Paleosuchus). Estudos recentes identificaron nesta especie tres poboacións xeneticamente diferenciadas, e para algúns autores as subespecies deberían ser elevadas ao nivel de especies.

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Osteolaemus tetraspis actualmente considérase que é unha soa especie, a única do xénero Osteolaemus, na que se recoñecen dúas subespecies:

  • O. t. tetraspis Cope, 1861
  • O. t. osborni (Schmidt, 1919)

A segunda das subespecies tivo unha complicada historia taxonómica. Describiuna primeiro Schmidt en 1919 como Osteoblepharon osborni, baseándose nuns poucos espécimes da cunca superior do río Congo no que agora é a República Democrática do Congo. Porén, Inger nunha publicación de 1948 atopou que os espécimes tiñan insuficientes características distintivas como para xustificar unha separación xenérica de Osteolaemus e denominou os espécimes Osteolaemus osborni. Posteriormente, Wermuth e Mertens (1961), reduciunos á categoría de subespecies na que están agora.

Evidiencias recentes obtidas por análise de ADN indican que hai tres poboacións suficientemente diferentes de Osteolaemus e que merecen todas o recoñecemento como especies separadas. Propuxéronse os nomes O. tetrapis, O. osborni e unha terceira especie que aínda non foi nomeada.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome do xénero Osteolaemus sgnifica 'garganta ósea', e deriva do grego antigo όστεον 'óso' e λαιμός 'garganta'. Este nome débese aos osteodermos que ten entre as escamas do pescozo e ventre.

O epíteto específico tetraspis, significa "catro escudos", do grego antigo τετρα 'catro' e ασπίς 'escudo', xa que na parte dorsal do pescozo ten catro grandes escamas de tipo escudo.

O nome dunha das subespecies, osborni, déuselle en honor ao paleontólogo norteamericano Henry Fairfield Osborn.[2]

O nome máis frecuentemente usado para el na literatura, crocodilo anano, débese ao seu reducido tamaño dentro do grupo dos crocodilos.

Características

[editar | editar a fonte]
Cranio da colección do Children's Museum of Indianapolis.

Os crocodilos ananos alcanzan unha lonxitude media de adultos de 1,5 m, aínda que a lonxitude máxima rexistrada nesta especie foi de 1,9 m. Os espécimes adultos pesan tipicamente entre 18 e 32 kg, e as femias máis grandes chegan a pesar 40 kg e os machos máis grandes, 80 kg.[3][4] Os adultos son dunha cor negra uniforme no dorso e partes laterais coa parte inferior amarelada con manchas negras. Os xuvenís teñen un bandeado marrón máis claro no corpo e cola e padróns amarelos na cabeza.

Como resultado do seu pequeno tamaño e elevada vulnerabilidade á predación, esta especie ten un pescozo moi acoirazado, así como o dorso e a cola, e teñen tamén osteodermos no ventre e na parte inferior do pescozo.

Osteolaemus ten un fociño curto, tan longo coma largo, similar ao dun caimán anano de Cuvier, probablemente como resultado de que ocupan un nicho ecolóxico similar. A dentición consiste en catro dentes premaxilares, 12 ou 13 na maxila e 14 ou 15 no óso dentario.

A subespecie O. t. tetraspis ten cores máis claras, un morro máis bicudo e elevado na punta, e está máis aocirazado que O. t. osborni.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Crocodilo anano no Zoo de Carolina do Norte

Viven en rexións tropicais baixas subsaharianas de África occidental e África central occidental. A súa distribución solápase en gran medida coa do crocodilo Mecistops ataphractus, e abrangue desde países tan ao oeste como Senegal, chegando á República Centroafricana polo leste, e polo sur chega a Angola. A subespecie O. t. tetraspis encóntrase principalmente nas partes máis occidentais da súa área, mentres que O. t. osborni está restrinxido á selva da República Democrática do Congo.

Viven en lagoas permanentes e pantanos e áreas con ríos de correntes lentas da selva, aínda que hai informes da súa presenza en lagoas illadas da sabana, onde escavan buratos para estivar durante a estacón seca.

Bioloxía e comportamento

[editar | editar a fonte]

É unha especie lenta, tímida e principalmente nocturna. Como todos os crocodilianos, é un predador de vertebrados, grandes invertebrados como crustáceos, e cando se lles presenta a oportunidade, prea. Cazan principalmente dentro ou preto da auga, aínda que en áreas con cuberta vexetal substancial, poden ampliar o seu padrón de alimentación a zonas terrestres facendo grandes incursións, especialmente seguindo as chuvias.

Na cunca do río Congo as subespecies demostran estacionalidade no seu réxime dietario, alimentándose de peixes durante as inundacións da estación húmida. Cando se enfrontan a unha escaseza de comida durante a estación seca, os individuos pasan a comer crustáceos, e o seu consumo de comida xeralmente redúcese.

Debido á súa natureza solitaria e nocturna, escavan buratos nos que agocharse e descansar durante o día, que poden ás veces ter unha entrada baixo a auga. Cando un individuo carece das condicións axeitadas para escavar o burato, xeralmente viven entre raíces de árbores das beiras das lagoas.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Só interaccionan estreitamente na estación reprodutora, as femias constrúen niños con forma de morea ao principio da estación húmida, que vai de maio a xuño. Os niños sitúanos preto da auga e son moreas de vexetación húmida en descomposición no que se incuban os ovos debido á calor xerada pola descomposición do material vexetal. Poñen un pequeno número de ovos, xeralmente uns 10, aínda que en casos extremos chegan a poñer 20, e tardan en incubarse de 85 a 105 días. As crías ao eclosionaren miden 28 cm. As femias vixían os niños durante o período de incubación, e unha vez que os ovos eclosionan, vixían as crías durante un período de tempo descoñecido, xa que as crías poden ser depredadas por un gran número de depredadores (aves, peixes, mamíferos e réptiles, incluíndo outros crocodilos).

Conservación

[editar | editar a fonte]

Son unha especie pouco coñecida, así que a diferenza dos seus parentes máis estudados, os conservacionistas non saben como se están safando as súas poboacións da crecente presión humana sobre os ecosistemas onde están presentes. Os datos dos que se dispón mostran certo grao de declive, debido á caza para obter a súa carne ou á perda de hábitats debido á deforestación. Porén, están moi espallados, polo que non están en perigo.

Aínda que as súas peles se usan para fabricar localmente produtos de coiro, son peles de baixa calidade, polo que hai pouco interese na súa crianza en catividade ou aplicar un programa de uso sostible.

  1. Eaton, Mitchell J.; Andrew Martin; John Thorbjarnarson; George Amato (marzo de 2009). "Species-level diversification of African dwarf crocodiles (Genus Osteolaemus): A geographic and phylogenetic perspective". Molecular Phylogenetics and Evolution 50 (3): 496–506. PMID 19056500. doi:10.1016/j.ympev.2008.11.009. 
  2. Beolens, Bo; Michael Watkins; Michael Grayson (2011). The Eponym Dictionary of Reptiles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. xiii + 296 pp. ISBN 978-1-4214-0135-5. (Osteolaemus osborni, p. 196).
  3. [1]
  4. [2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]