Nesotragus
Nesotragus é un xénero de mamíferos artiodáctilos da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos creado no ano 1846 polo naturalista sueco Von Dueben, nun traballo publicado na revista Ofvers. K. VetenskAcad. Förh. Stockholm, 3 (7): 221.[1][2]
Inicialmente incluía as especies Nesotragus moschatus Von Dueben, 1846 e N. livingstonianus Kirk, 1865.[3]
Pero máis tarde o xénero foi abandonado, e ambas as dúas especies foron incluídas no xénero Neotragus C. H. Smith, 1827.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome Nesotragus está formado polos elementos do latín científico neso- e -tragus. O primeiro é un calco do prefixo grego antigo νῆσο- nễso-, derivado de νῆσος nễsos, 'illa', e o segundo elemento está tirado do substantivo do grego antigo τράγοσ trágos, 'bode', 'cabrón', 'castrón', 'chibo'.[4] Literalmente, 'bode que está no medio', 'bode intermedio'.
Unha nova vida para Nesotragus
[editar | editar a fonte]No ano 2014, os investigadores Eva V. Bärmann, da Universidade de Cambridge, e o seu colega Tim Schikora, do Centro de Investigación da Biodiversidade e o Clima de Frankfurt, nun estudo da polimorfía do xénero Neotragus, afirmaron que, a pesar de que as especies de antílopes ananos se reuniron comunmente na tribo dos neotraguinos debido á súa aparencia morfolóxica xeral, as análises filoxenéticas demostraron que non todos están estreitamente relacionados, polo que suxeriron restrinxir o nome de Neotragini ao xénero tipo Neotragus. No seu estudo utilizaron secuencias do citocromo b mitocondrial e medicións lineais do cranio para investigar máis a fondo a similitude das tres especies de Neotragus. Estas análises apoian a estreita relación de N. moschatus e N. batesi. Porén, Neotragus pygmaeus, a especie tipo —que nunca antes se incluíra nas análises filoxenéticas— non está estreitamente relacionada. Segundo estes autores, podería compartir un antepasado común máis recente con outro "antílope anano", o Oreotragus oreotragus, e cos duiqueros do taxon Cephalophini. Polo tanto, suxeriron resucitar o xénero Nesotragus von Dueben, 1846 para Nesotragus moschatus e N. batesi, e deixando a Neotragus pygmaeus como a única especie do seu xénero.[5]
Porén, a maioría dos autores non consideran válido o xénero Nesotragus.[2][6][7][8][9]
Aínda que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza inclúe, na páxina Neotragus, as tres especies Neotragus batesi,[10] Neotragus pygmaeus[11] e Nesotragus moschatus, na páxina de Nesotragus moschatus os asesores da UICN indican que esta especie foi incluída no xénero Neotragus, xunto con Neotragus batesi e N. pygmaeus, por varios autores, pero que alí se inclúe no xénero monotípico Nesotragus[12] seguindo a Ellerman et al. (1953),[13] e Kingdon (2013).[14]
Clasificación das tres especies, segundo Bärmann & Schikora
[editar | editar a fonte]Polo tanto, segundo estes autores, a clasificación das tres especies citadas quedaría así:
- Tribo Nesotragini Gray, 1872
- Xénero Nesotragus Von Dueben, 1846
- Nesotragus batesi de Winton, 1903
- Nesotragus moschatus (Von Dueben, 1846)
- Xénero Nesotragus Von Dueben, 1846
- Tribo Neotragini Sclater & Thomas, 1894
- Xénero Neotragus Hamilton Smith, 1827
- Neotragus pygmaeus (Linnaeus, 1758)
- Xénero Neotragus Hamilton Smith, 1827
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nesotragus Von Dueben, 1846 en BGIF.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Nesotragus von Düben, 1846 en Interim Register of Marine and Nonmarine Genera (IRMING).
- ↑ Groves, Colin & Grubb, Peter 2011.
- ↑ Nesotragus no Merriam Webster Dictionary.
- ↑ Eva V. Bärmann and Tim Schikora (2014): "The polyphyly of Neotragus – Results from genetic and morphometric analyses". Mammalian Biology 79 (4): 283-286.
- ↑ Nesotragus Von Dueben, 1846 no ITIS.
- ↑ Neotragus C. H. Smith, 1827. (Incúe Nesotragus) en MSW.
- ↑ Neotragus batesi de Winton, 1903 Arquivado 24 de outubro de 2018 en Wayback Machine. en Catalogue of Life: 24th September 2018. Species 2000.
- ↑ Neotragus moschatus (Von Dueben, 1846) Arquivado 24 de outubro de 2018 en Wayback Machine. en Catalogue of Life: 24th September 2018. Species 2000.
- ↑ IUCN (2016-01-07). "Neotragus batesi: IUCN SSC Antelope Specialist Group: The IUCN Red List of Threatened Species 2016: e.T14603A50190946" (en inglés). doi:10.2305/iucn.uk.2016-1.rlts.t14603a50190946.en.
- ↑ IUCN (2016-01-07). "Neotragus pygmaeus: IUCN SSC Antelope Specialist Group: The IUCN Red List of Threatened Species 2016: e.T14602A50190835" (en inglés). doi:10.2305/iucn.uk.2016-1.rlts.t14602a50190835.en.
- ↑ IUCN (2016-01-07). "Nesotragus moschatus: IUCN SSC Antelope Specialist Group: The IUCN Red List of Threatened Species 2016: e.T14604A50191073" (en inglés). doi:10.2305/iucn.uk.2016-1.rlts.t14604a50191073.en.
- ↑ Ellerman, J. R., T. C. S. Morrison-Scott and R. W. Hayman (1953): Southern African Mammals 1758-1951: A Reclassification. London: British Museum, London. ISBN 978-0-5650-0189-6.
- ↑ Kingdon, J. S. (2013): "Genus Nesotragus". En: J. S. Kingdon and M. Hoffmann (eds), Mammals of Africa. Vol VI. London / Oxford: Bloomsbury Natural History. ISBN 978-1-4081-2257-0.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Groves, Colin & Grubb, Peter (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
- Grubb, Peter (2001): "Review of Family-Group Names of Living Bovids", Journal of Mammalogy 82 (2): 374-388. (Resume).
- Heinichen, Irmgard G. (1972): "Preliminary Notes on the Suni, Nesotragus moschatus and Red Duiker, Cephalophus natalensis" Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine., Zoologica Africana 7 (1): 157-165.
- Hintsche, Stefan (2012): Taxonomía dos bóvidos en sthco.de