Neoptólemo
Neptólemo, na mitoloxía grega, foi o fillo de Aquiles e Deidamía, filla do rei de Esciros, Licomedes. Coñécese tamén co nome de "Pirro" pois, cando o tivo, Aquiles estaba agochado entre as doncelas da corte de Licomedes, baixo o nome de "Pirra" [1]. Tamén se di que era fillo de Aquiles con Ifixenia, filla de Agamenón, á quen salvou de ser ofrecida en sacrificio para pedir ós deuses que axudaran á frota aquea contra Troia.
Aquiles en Esciros
[editar | editar a fonte]Cando se comezou a preparar a Guerra de Troia, Aquiles quixo participar na expedición. Pero un oráculo advertira á nai, Tetis, que Aquiles morrería nesta guerra e, para evitalo, escondérono na corte de Licomedes, onde viviu entre as fillas do rei disfrazado de muller. Recibía neste lugar o nome de Pirra e por iso, o fillo que tivo cunha delas, Neoptólemo, este foi coñecido como Pirro[2]. Ulises foi buscalo á corte de Esciros, disfrazado de comerciante e con agasallos para as fillas do rei: roupas, alfaias, etc., incluíndo tamén unha lanza e un escudo. Tras entregar os regalos, Ulises fixo tocar unha chamada de alarma, e Aquiles non dubidou en rachar as súas roupas de muller e coller as armas para saír en defensa do palacio mentres as mulleres fuxían asustadas. Deste xeito desvelou a súa identidade e Ulises convenceuno para acudir á guerra, cumprindo así o seu destino.
Guerra de Troia
[editar | editar a fonte]Licomedes era o avó de Neptólemo e criouno na súa corte mentres Aquiles loitaba na Guerra de Troia. Xa morto Aquiles, o adiviño Héleno, coñecedor dos oráculos de Troia, advertiu ós gregos que nunca poderían conquistar a cidade mentres Neoptólemo non loitara con eles, e ademais armado co arco e as frechas de Heracles; ou ben foi o adiviño Calcante, que só fala da necesidade das armas de Heracles. Igualmente, debía traerse a escápula de Pélope [3] e roubar a imaxe de Atenea, chamada Paladio, por representar a Palas, pois a cidade sería inexpugnable mentres permanecera no interior [4].
Ulises e Diomedes[5] foron buscalo e, aínda que Licomedes se negaba, o mozo [6] marchou con eles a Troia. No camiño cara Troia, pararon na illa de Lemnos, onda Filoctetes [7], quen herdara as armas de Heracles, e tamén os acompañou a Troia.
[O divino Heracles convence a Filoctetes a acudir á Guerra] "Ve con eles a Troia... Pero lembra, non podes tomar Troia sen Neoptólemo, o fillo de Aquiles, como tampouco pode facelo el sen ti".(Robert Graves, px. 645)
Este episodio, cando Ulises e Neoptólemo recrutan a Filoctetes para que acuda á guerra de Troia, constitúe o argumento da traxedia Filoctetes, de Sófocles.
Xa en Troia, Neoptólemo comportouse como un novo Aquiles, protagonizando diversas fazañas coas armas do seu pai, que lle entregara Ulises[8], causando numerosas baixas entre os troianos. Foi un dos guerreiros que entrou na cidade dentro do cabalo de Troia.
"Sinón libera ós gregos encerrados no ventre e corre ás agachadas os ferrollos de piñeiro. Aberto á brisa devólveos o cabalo e lánzanse ledos da baleira madeira os xefes Tesandro e Esténelo e Ulises cruel, baixando pola corda tendida, e Acamante e Toante e o pélida Neoptólemo e Macaonte o primeiro, e Menelao e Epeo, o propio urdidor da trampa".(Virxilio: Eneida II, 258-264)
Entre outros, matou a Eurípilo (fillo de Télefo)[9] e ó fillo de Heitor, Astianacte [10], aínda un meniño; con este asasinato, Neoptólemo buscaba extinguir por completo a dinastía de Príamo.
A tradición di que matou a Polites ante os ollos do seu pai, Príamo, e logo a este, levando o seu cadáver, decapitado, e deixándoo descompoñerse sobre a tumba de Aquiles, prohibindo que o soterraran. Virxilio, Hixino e Pseudo-Apolodoro din que foi el quen matou a Príamo, que se protexía no altar de Zeus [11].
Nalgúns vasos gregos únense estes dous actos nun mesmo momento: Neoptólemo mata a Príamo golpeándoo co corpo do sen neto, Astianacte. Así, por exemplo, nunha ánfora ática de figuras negras conservada no Museo Británico (c. 550 a. C.)[12].
A maiores, tomou a Andrómaca, agora viúva de Heitor, como botín de guerra; tamén se di que levou como refén ó propio Eneas, polo que lle pagaron un bo rescate [13]. Finalmente, inmolou a Políxena, filla de Príamo, sobre o sepulcro do seu pai, Aquiles, pois o espírito deste así o reclamaba.[14]
Vida posterior
[editar | editar a fonte]O regreso de Troia, segundo Homero, fíxoo por terra e uns días despois do resto dos soldados gregos, por consello de Tetis (avoa súa).
"En canto a Neoptólemo, aparéceselle Tetis e ínstalle a quedarse dous días e ofrecer sacrificios; así pois, quédase. Os demais fanse á mar e son sorprendidos por unha tormenta en torno a Tenos, pois Atenea pedira a Zeus que enviara unha treboada contra os helenos, e afundiron moitas naves".(Pseudo-Apolodoro, Epítome VI, 5)
Esta precaución salvouno do desastre que acompañou á volta dos outros, por causa das tormentas enviadas por Atenea que, por exemplo, afundiron tódalas naves de Menelao. Segundo outras tradicións foi o adiviño Héleno quen lle advirtiu e logo o acompañou na viaxe de regreso a Iolco; en agradecemento, Neoptólemo cedeulle á súa nai Deidamía, ó morrer, e pediulle que casara con ela.
Tras herdar o reino do seu avó Peleo e matar ós fillos de Acasto, que expulsara a Peleo de Ftía, marchou cara Epiro. Alí atopou uns parentes e levantou unha cidade.
É coñecido que cando Ulises regresou a Ítaca matou a tódolos pretendentes que acosaban á súa dona Penélope. Os familiares destes promoveron unha liorta contra Ulises e o seu sogro Laertes que tivo que deter Atenea, pero denunciárono por asasinato. Nomeouse xuíz a Neoptólemo, quen decideu que Ulises abandonara o reino por espazo de dez anos, sendo substituído polo seu fillo Telémaco, a quen os denunciantes deberían indemnizar polos saqueos cometidos.
O rei dos amimneos, Harpálico, foi atacado por Neoptólemo no seu regreso de Troia, pero a filla, Harpálice, unha valorosa guerreira, logrou salvalo, aínda que gravemente ferido, e facer fuxir a Neoptólemo [15].
Menelao, daquela rei de Esparta, déralle á súa filla, Hermíone, como esposa[16]. Non tivo fillos coa ela, pero si coa escrava Andrómaca: Moloso [17], Pielo e Pérgamo. Por celos de Andrómaca, Hermíone fixo vir ó seu antigo prometido, Orestes [18], para matar ó seu marido, e deste xeito matouno en Ftía ou en Delfos, a onde fora Neoptólemo para preguntar a razón da esterilidade de Hermíone; ou ben para ofrecer ó deus parte do seu botín de guerra. Outros din fora para esixir contas a Apolo, e unha compensación, pola xenreira que o deus tiña contra o seu pai Aquiles, a quen lle causara a morte ó dirixir a frecha disparada por Paris [19], e que de feito, a Pitia ordenara ós sacerdotes de Delfos matar a Neoptólemo, como continuación da animosidade de Apolo contra Aquiles e os seus descendentes; se ben se asegura que cando se lle denegou a petición de explicacións e o pago de ningunha compensación, el incendiou e saqueou o templo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pirra, alcumada a Loura, foi a esposa de Deucalión e filla de Epimeteo e Pandora.
- ↑ Hixino 97.15.
- ↑ Pélope era o fillo de Tántalo, quen o matou, parteu en cachos e cociñou para un banquete ofrecido ós deuses. Tódolos deuses recoñeceron a orixe da carne que lles ofreceu e rexeitaron comer, menos Deméter, que comeu a escápula esquerda antes de darse de conta. Zeus condenou a un castigo eterno a Tántalo e ordenou a Hermes recoller tódalas partes de Pélope. Volveuno a ferver a resucitouno, cunha escápula de marfil para substituír á que comera Deméter. E resucitou tan fermoso que Poseidón se namorou del e nomeouno o seu copeiro.
- ↑ Pseudo-Apolodoro, Epítome V, 10-11.
- ↑ Algunhas fontes inclúen tamén a Fénix.
- ↑ Algúns din que só contaba con doce anos de idade (Graves, 746). Pero cómpre advertir que houbo unha primeira viaxe contra Troia, que fracasou, e logo o ataque definitivo, oito anos despois. Deste xeito, Neoptólemo tería nesta segunda ocasión vinte anos, de aí o sobrenome de Xove guerreiro.
- ↑ Filoctetes era un dos compañeiros de armas de Heracles. Cóntase que o axudou a levantar a pira funeraria onde foi morrer o heroe e o único que se atreveu a plantar lume na pira; Heracles, agradecido, doulle o seu arco e as súas frechas. Pola contra, Pseudo-Apolodoro di que foi Peante, un pastor, quen a prendeu (II, 7, 7). Foi abandonado na deshabitada illa de Lemnos por cousa dunha ferida no pé, infectada e cheirenta, que lle provocara a picada dunha serpe.
- ↑ Graves, px. 747; Apolodoro, Epíotome V.11.
- ↑ Odisea XI, 519.
- ↑ Ou ben fíxoo Ulises (Graves, px. 760).
- ↑ Hixino: Fábulas 113, 4; Pseudo-Apolodoro, Epítome V, 21; Virxilio: "Agora morre. Así dicindo, arrastrouno ata o altar [a Príamo], tremendo e esvarando no sangue do seu fillo, coa esquerda colleu o seu cabelo, desenvaiñou coa destra a súa espada brillante e afundiuna no costado ata a empuñadura" (Eneida II, 550-553).
- ↑ Esteban Santos, Alicia: "De princesas a esclavas en Troya (Heroínas de la mitología griega III)", en Cuadernos de Filología Clásica nº 17 (2007), 45-75.
- ↑ Graves, px. 757. Non obstante, a tradición máis popular di que Afrodita, nai de Eneas, díxolle a este que fuxise da cidade, que non morrese inutilmente, pois Troia xa non existía e para el reservárase outro futuro. E así, Eneas puido salvarse marchando cun grupo de troianos.
- ↑ Graves, px. 760-761.
- ↑ Hixino, 193.
- ↑ Odisea iV, 5.
- ↑ Hixino dálle o nome de Anfíalo. É o único autor que non o nomea Moloso.
- ↑ O avó de Hermíone, Tindáreo, déralla como esposa a Orestes, fillo de Agamenón, pero Orestes estaba maldito e casárona con Neoptólemo. Trala morte deste, Orestes e Hermíone puideron casar.
- ↑ Ou disparouna el mesmo, disfrazado de Paris.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Neoptólemo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, (en castelán).
- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, (en castelán).
- HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, (en castelán).
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, (en castelán) [a numeración segue a utilizada neste texto].
- Sófocles (2021). Tragedias (Áyax. Las Traquinias. Antígona. Edipo rey. Electra. Filoctetes. Edipo en Colono). Gredos. ISBN 9788424939458. (en castelán)
- VIRXILIO: Eneida. Alianza Editorial, 1ª Ed 1986, (en castelán) [a numeración segue a utilizada neste texto].