Saltar ao contido

Nelinho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nelinho
Información persoal
Nome Manoel Rezende de Mattos Cabral
Nacemento 26 de xullo de 1950
Lugar de nacemento Río de Xaneiro
Altura 180 centímetros
Posición Lateral dereito
Carreira xuvenil
1965 Olaria
1965–1970 America
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1970 America
1970–1971 Barreirense 6 (0)
1971 Anzoátegui
1972 Bonsucesso
1972 Remo 10 (0)
1973–1980 Cruzeiro 410 (43)
1980–1981 Grêmio 2 (1)
1981–1982 Cruzeiro 17 (4)
1982–1987 Atlético Mineiro 274 (52)
Selección nacional
1974–1980 Brasil 21 (6)
Adestrador
1993 Atlético Mineiro
1994 Cruzeiro
Na rede
FIFA: 63908 UEFA: 100609 Editar o valor en Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Manoel Rezende de Mattos Cabral, coñecido como Nelinho, nado no Río de Xaneiro o 26 de xullo de 1950, é un exfutbolista brasileiro que xogaba como lateral dereito.[1] Desenvolveu case toda a súa carreira entre o Cruzeiro e o Atlético Mineiro, disputando máis de 700 partidos oficiais. Foi 21 veces internacional coa selección brasileira, coa que disputou dúas Copas do Mundo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu no Río de Xaneiro, sendo fillo de inmigrantes portugueses procedentes de Ovar, no distrito de Aveiro. Alcumado Nelinho, comezou a xogar ao fútbol no Olaria da súa cidade natal, antes de asinar o seu primeiro contrato profesional co America. En 1970 trasladouse a Portugal para xogar no Barreirense, recomendado polo adestrador brasileiro Otto Glória, pero deixou o país pouco despois, temendo ser chamado para o servizo militar. Tras un breve paso polo Deportivo Anzoátegui de Venezuela volveu ao Río de Xaneiro para xogar no histórico rival do Olaria, o Bonsucesso, que logo o cedeu ao Remo. Despois das súas boas actuacións no Brasileirão de 1972, foi fichado polo Cruzeiro para a tempada seguinte.[2]

Militou durante os seguintes sete anos no club de Belo Horizonte, co que gañou o Campionato Mineiro catro veces entre 1973 e 1977, e a Copa Libertadores de 1976, marcando nos dous partidos da final ante o River Plate. Foi elixido tres veces no equipo ideal do Campionato Brasileiro, recibindo a chamada Bola de Prata, en 1975, 1979 e 1980.

Despois dunha breve etapa no Grêmio, co que gañou un Campionato Gaúcho, volveu a Belo Horizonte para xogar de novo no Cruzeiro. Disputou un total de 411 partidos co club, marcando 105 goles.[3] É o xogador que máis goles marcou de falta na historia do club.[2]

Atlético Mineiro

[editar | editar a fonte]

Deixou o Cruzeiro en 1982, por mor do regreso ao banco do adestrador Yustrich, co que tiña unha mala relación, e fichou entón polo máximo rival do club, o Atlético Mineiro.[2] Pasou o resto da súa carreira no club alvinegro, gañando outros catro Campionato Mineiros e foi de novo galardoado coa Bola de Prata en 1983.[4]

Selección brasileira

[editar | editar a fonte]

Foi 21 veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou en abril de 1974. Ese mesmo ano e despois de só dous encontros, foi convocado por Zagallo para o Mundial de 1974, onde foi o lateral dereito titular nos tres partidos da primeira fase.

Volveu formar parte do equipo brasileiro no Mundial de 1978 e no partido polo terceiro posto marcou un célebre gol contra Italia cun disparo co exterior do pé dende o lateral da área, dándolle ao balón un efecto que o fixo bordear ao gardameta Dino Zoff e acabar dentro da rede. Está considerado como un dos mellores goles da historia das Copas do Mundo.[1][5]

Marcou un total de seis goles coa selección,[6] coa que tamén participou en dúas Copas América, e gañou unha Copa do Atlântico.

Trala retirada

[editar | editar a fonte]

Despois de retirarse do fútbol uniuse ao Partido Democrático Trabalhista e foi elixido deputado do Estado de Minas Xerais en 1987. Tras un tempo na política volveu brevemente ao fútbol e adestrou o Atlético Mineiro en 1993 e o Cruzeiro en 1994.

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Cruzeiro
Grêmio
Atlético Mineiro
Selección brasileira
Individual
  1. 1,0 1,1 Enciclopédia do Futebol Brasileiro (en portugués) 2. Río de Xaneiro: Aretê Editorial. 2001. pp. 307–309. ISBN 85-88651-01-7. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "O Craque disse e eu anotei" (en portugués). 22 de marzo de 2013. Consultado o 3 de outubro de 2022. 
  3. "Fábio chega à marca de 900 partidas com a camisa do Cruzeiro" (en portugués). 8 de outubro de 2020. Consultado o 3 de outubro de 2022. 
  4. "Bola de Prata (Placar Magazine)". rsssfbrasil.com (en inglés). Consultado o 3 de outubro de 2022. 
  5. "Nelinho's swerving stunner (78). 100 great World Cup moments". FIFA (en inglés). Consultado o 3 de outubro de 2022. 
  6. Napoleão, Antônio Carlos; Roberto, Assaf (2006). Seleção Brasileira 1914–2006 (en portugués). São Paulo: Mauad X. p. 281. ISBN 85-7478-186-X. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]