Dino Zoff
Dino Zoff, nado en Mariano del Friuli (Gorizia) o 28 de febreiro de 1942, é un exfutbolista italiano que xogaba como porteiro. Considerado un dos mellores gardametas de todos os tempos,[1][2][3] foi o xogador de máis idade en gañar a Copa do Mundo, a que levantou como capitán da selección italiana en 1982, con 40 anos, 4 meses e 13 días.[4] Tamén levou o premio ao mellor porteiro do torneo, do mesmo xeito que fixera na Eurocopa de 1968, que tamén conquistou coa azzurra, converténdose no único xogador italiano que gañou tanto o Mundial como a Eurocopa.[5] Triunfou tamén coa Juventus, gañando seis títulos da Serie A, dúas Copas Italia e unha Copa da UEFA, ademais de acadar dúas finais da Copa de Europa. En 1973, ano no que estivo a piques de conseguir un triplete co equipo de Turín, quedou segundo nas votacións para o Balón de Ouro, sendo superado só por Johan Cruyff.
Foi nomeado o terceiro mellor porteiro do século XX pola IFFHS, só por detrás do soviético Lev Iashin e do inglés Gordon Banks.[6] Posúe o récord de máis minutos sen encaixar un gol en torneos internacionais (1.142), marca que estableceu entre 1972 e 1974.[7][8] Con 112 partidos, é o sexto xogador da selección italiana por número de encontros disputados. En 2004, Pelé incluíuno na súa lista dos 100 mellores futbolistas vivos. Ese mesmo ano quedou quinto na enquisa do Xubileo de Ouro da UEFA, e foi elixido como o mellor xogador italiano dos últimos 50 anos.
Despois de retirarse como futbolista traballou como adestrador, gañando coa Juventus unha Copa da UEFA e dúas Copas Italia na tempada 1989/90. Tamén dirixiu á selección italiana, coa que chegou á final da Eurocopa de 2000, caendo ante Francia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Mariano del Friuli, Friúl-Venecia Xulia, no seo dunha familia de agricultores. Seguindo os consellos de seu pai, estudou para mecánico por se acaso a súa carreira futbolística non acabase tendo éxito. Interesado tamén noutros deportes, os seus dous principais modelos a seguir eran o ciclista Fausto Coppi e o atleta Abdon Pamich.[3][9]
Udinese, Mantova e Napoli
[editar | editar a fonte]Con catorce anos realizou probas co Inter de Milán e coa Juventus, pero foi rexeitado por falta de estatura.[3] Cinco anos despois, tendo medrado 33 centímetros (segundo el debido á inxestión diaria de oito ovos recomendada pola súa avoa Adelaida),[3][10] debutou na Serie A co Udinese o 24 de setembro de 1961, nunha derrota por 5-2 ante a Fiorentina.[11] Xogou só catro partidos na súa primeira tempada co Udinese, na que o equipo descendeu á Serie B. Na seguinte tempada converteuse no porteiro titular e contribuíu ao ascenso á Serie A, antes de fichar polo Mantova en 1963. Militou catro tempadas no club lombardo, disputando un total de 134 partidos.[12]
As súas actuacións co Mantova na máxima categoría chamaron a atención dos grandes clubs do país, mentres que o seleccionador Edmondo Fabbri, incluso considerou levalo como suplente para o Mundial de 1966, aínda que finalmente optou por Enrico Albertosi, Roberto Anzolin e Pierluigi Pizzaballa. En 1967, Zoff foi traspasado ao Napoli a cambio do seu compañeiro Claudio Bandoni e de 130 millóns de liras. Xogou cinco campañas en Nápoles, acumulando 190 partidos e acadando un crecente recoñecemento en Italia. Durante este etapa debutou coa selección italiana e disputou a Eurocopa de 1968 e a Copa do Mundo de 1970.[9][11][13]
Juventus
[editar | editar a fonte]Tralo seu éxito no Napoli e na selección nacional, en 1972, con 30 anos de idade, foi fichado pola Juventus, club no que xogou durante os seguintes once anos, sempre ás ordes de Trapattoni. No ano da súa chegada gañou a súa primeira Serie A e acadou as finais da Copa Italia e da Copa de Europa, sendo titular en ambas e perdendo as dúas, ante Milan e Ajax respectivamente. Tamén en 1973 disputou a Copa Intercontinental, caendo ante o Independiente, e quedou segundo nas votacións para o Balón de Ouro, só por detrás de Johan Cruyff. En 1977 conquistou a Copa da UEFA, despois de superar na final ao Athletic Club cuxa portería defendía o histórico Iribar.[14][15] Gañou seis campionatos da Serie A, dúas Copas Italia e unha Copa da UEFA.
Disputou un total de 479 partidos coa Juventus e ocupou a portería do equipo en tódolos partidos de liga celebrados nos seus once anos en Turín. Deste xeito é o futbolista que máis partidos consecutivos xogou na historia da máxima categoría italiana, cun total de 332 xornadas seguidas (2 co Napoli e 330 coa Juventus).[16] Sumou ademais 74 encontros na Copa Italia, 71 en competicións europeas e 4 noutras competicións de clubs. Actualmente é o sexto xogador con máis encontros disputados coa camiseta da Juventus.[17]
A tempada 1982/83, na que gañou a Copa Italia, foi a última da súa carreira. O 25 de maio de 1983 xogou o seu derradeiro partido, capitaneando a Juve na final da Copa de Europa diante do Hamburgo en Atenas. O equipo italiano caeu derrotado por 1-0 despois de que Zoff fose sorprendido por un disparo dende fóra da área de Felix Magath.[11]
Récords
[editar | editar a fonte]No momento da súa retirada, con 41 anos, Zoff era o futbolista de máis idade en ter xogado na Serie A, así como o xogador con máis partidos na máxima categoría italiana (570). Mantivo ambas marcas durante máis de 20 anos ata a tempada 2005/06, cando os récords foron superados polo porteiro da Lazio Marco Ballotta e o defensa do Milan Paolo Maldini respectivamente. Tamén conseguiu a marca de menos goles encaixados nunha tempada, sendo superado anos máis tarde por Sebastiano Rossi, e a de máis minutos consecutivos sen encaixar un gol (907), que só superaron posteriormente Rossi e Gianluigi Buffon.[18][19] Ostenta aínda o récord de máis partidos consecutivos disputados na Serie A (332), unha xeira que non se interrompeu desde o 21 de maio de 1972 (nun empate a 0-0 na casa co Napoli contra o Bologna) ata a súa última aparición na liga coa Juventus en 1983, 11 anos despois.[11] Con 41 anos e 86 días, Zoff é tamén o xogador de maior idade que disputou unha final da Copa de Europa/Liga de Campións.[20]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]En 1963 participou coa selección italiana sub-23 nos Xogos Mediterráneos celebrados en Nápoles, gañando a medalla de ouro. O 20 de abril de 1968, con 26 anos, debutou coa selección absoluta, tamén en Nápoles, na vitoria por 2-0 contra Bulgaria da clasificación para a Eurocopa de 1968.[21] Durante a fase final do torneo quitoulle a titularidade a Enrico Albertosi e Italia conquistou a Eurocopa.[22] Zoff gañou o título despois de só catro partidos internacionais e levou o premio ao mellor porteiro do torneo. Con todo, quedou fóra do once titular italiano na Copa do Mundo de 1970, sendo suplente de Albertosi durante todo o torneo, no que Italia caeu na final ante o Brasil. Volveu ao once inicial por diante de Albertosi no Mundial de 1974, onde o seu equipo decepcionou ao quedar eliminado na primeira fase.[9][17]
A partir de 1972, Zoff converteuse no número 1 indiscutible de Italia, e participou no Mundial de 1978, logrando o cuarto posto, despois de manter a portería a cero en tres partidos. Italia foi eliminada nas semifinais, nunha derrota por 2-1 ante os Países Baixos.[17] Foi tamén o porteiro titular de Italia na Eurocopa de 1980, rematando o torneo en cuarto lugar unha vez máis: Encaixou un só gol, no partido polo terceiro posto, e foi elixido de novo como porteiro do torneo.
Entre as Eurocopas de 1968 e 1980 bateu o récord de máis minutos consecutivos sen recibir un gol en dita competición, marca que mantivo ata que foi superada en 2012 por Iker Casillas. Tamén estableceu o récord de máis minutos sen encaixar nos partidos de clasificación da Eurocopa, sendo superado en 2011 polo seu compatriota Buffon. Con todo, aínda mantén o récord de minutos imbatido en encontros da Eurocopa incluíndo partidos da clasificación, conseguindo manter a portería a cero durante 784 minutos entre 1975 e 1980. Ademais, xunto a Casillas, Buffon e Thomas Myhre, é o porteiro con menos goles encaixados nunha única edición da Eurocopa, despois de recibir un só gol na de 1968.
O maior logro da carreira de Zoff, con todo, chegou no Mundial de España de 1982, onde, con 40 anos e 133 días, capitaneou á selección italiana ata a vitoria final, o que o converteu no gañador máis lonxevo da historia do torneo. Nos minutos finais do último partido da segunda rolda realizou a parada máis célebre da súa vida, contra a selección favorita, o Brasil, detendo o balón sobre a liña da portería tras un disparo de cabeza de Oscar, conseguindo así manter o 3-2 e avanzar ás semifinais da competición.[11][23] O 11 de xullo no estadio Santiago Bernabéu, converteuse no xogador de máis idade en participar nunha final da Copa do Mundo,[24] e tamén en conquistala, tras derrotar por 3-1 a Alemaña Occidental. As súas destacadas actuacións valéronlle o premio ao mellor porteiro do Mundial.
Durante o voo de regreso dende España nun avión DC-9, Zoff, Sandro Pertini (presidente da República), Causio e Bearzot foron inmortalizados nunha foto que se fixo inmediatamente moi popular, mentres botaban unha partida ao xogo italiano de cartas chamado scopone scientifico.[25][26]
A día de hoxe, Dino Zoff continúa a ostentar o récord de máis minutos sen encaixar un gol nun partido internacional, con 1142 minutos, marca que estableceu entre 1972 e 1974, xeira que chegou á súa fin tras un espectacular gol do xogador haitiano Manno Sanon durante o Mundial de 1974. Zoff disputou o seu último partido con Italia o 29 de maio de 1983, nunha derrota por 2-0 ante Suecia nun partido de clasificación para a Eurocopa de 1984. No momento da súa retirada era o xogador con máis encontros internacionais da historia do seu país (112), ocupando na actualidade o oitavo lugar total e o segundo entre os porteiros, por detrás de Gianluigi Buffon.[9][17]
Amplamente considerado como un dos mellores porteiros de todos os tempos,[27][28] en 1999 foi elixido nunha enquisa pola IFFHS como o terceiro mellor gardameta do século XX, só por detrás de Lev Iashin (1º) e Gordon Banks. (2º), así como o mellor porteiro italiano do século e o segundo mellor porteiro europeo do século - só por detrás de Yashin.[9]
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Trala súa retirada como xogador iniciou unha carreira como adestrador, incorporándose nun principio ao corpo técnico de Giovanni Trapattoni na Juventus, como adestrador de porteiros. Con todo, esta experiencia resultou insatisfactoria para el.[9] Posteriormente adestrou ao equipo olímpico italiano, a súa primeira experiencia como adestrador principal, e levou o equipo a clasificarse para os Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl, antes de facerse cargo da Juventus, á que adestrou entre 1988 e 1990.[9] Dirixiu o equipo piemontés durante dúas tempadas, acabando ambas na cuarta posición da liga. Na tempada 1989/90 proclamouse campión tanto da Copa da UEFA como da Copa Italia, despois de derrotar en senllas finais á Fiorentina de Francesco Graziani e ao Milan de Arrigo Sacchi respectivamente. A pesar deses dous éxitos, foi destituído en 1990.[9]
A continuación pasou á Lazio, onde exerceu como adestrador durante catro tempadas, conseguindo clasificar o equipo para competicións europeas despois de 15 anos de ausencia, ao rematar quinto na tempada 1992/93. En 1994 deixoulle o posto de adestrador ao checo Zdeněk Zeman e aceptou converterse no novo presidente do club, que era propiedade de Sergio Cragnotti. Presidiu a entidade ata 1998 e durante a campaña 1996/97, trala destitución de Zeman, exerceu a dobre función de presidente/adestrador. En 1998, xa con Sven-Göran Eriksson no banco, o seu equipo gañou a Copa Italia ante o Milan e chegou á final da Copa da UEFA, onde caeu fronte ao Inter.[11]
En 1998 foi nomeado seleccionador italiano. Aínda que o equipo continuou sendo cauteloso e ben organizado defensivamente, Zoff utilizou un estilo de xogo máis aberto, fluído e ofensivo que o empregado polos seus predecesores no cargo, Cesare Maldini e Arrigo Sacchi. Zoff conseguiu a clasificación para a Eurocopa de 2000 e fixo debutar a xogadores novos como Francesco Totti, Gianluca Zambrotta, Stefano Fiore, Massimo Ambrosini, Christian Abbiati, Marco Delvecchio e Vincenzo Montella.[29][30][31] Aínda que Italia non estaba entre as favoritas por mor da súa xuventude, o equipo de Zoff acadou a final da Eurocopa, onde caeu ante a campioa do mundo, Francia, adestrada por Roger Lemerre. Delvecchio adiantou ao equipo de Zoff no minuto 55 e cando parecía que a vitoria sería para Italia, Francia empatou no último minuto de tempo de desconto por medio de Wiltord, forzando unha prórroga que se decantou a favor dos franceses grazas ao gol de ouro de David Trezeguet.[32]
A pesar do subcampionato europeo, Zoff dimitiu uns días despois da final, tras as fortes críticas do presidente do Milan e político Silvio Berlusconi.[33] Con todo, foi elixido pola revista World Soccer como o mellor adestrador do ano.[34]
Uns meses despois de deixar a Nazionale, regresou á Lazio. Con Eriksson como técnico, o equipo romano viña de gañar na tempada anterior a Serie A, a Copa Italia e a Supercopa de Italia, pero en xaneiro de 2001 o sueco deixou o equipo para centrarse na selección inglesa. Zoff non puido repetir os seus éxitos, obtendo como mellor resultado o terceiro posto na liga. Acabou dimitindo pouco despois do inicio da tempada 2001/02, debido a un mal inicio de liga.[11] En 2005 foi nomeado adestrador da Fiorentina en substitución de Sergio Buso. A pesar de salvar ao equipo do descenso na última xornada, foi destituído do posto.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Annamaria Passerini, coa que tivo un fillo, Marco, nacido en 1967.[9][13]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Xogador
[editar | editar a fonte]Juventus
- Serie A (6): 1972/73, 1974/75, 1976/77, 1977/78, 1980/81, 1981/82.
- Copa Italia (2): 1978/79, 1982/83.
- Copa da UEFA (1): 1976/77.
Italia
- Copa do Mundo (1): 1982.
- Eurocopa (1): 1968.
Adestrador
[editar | editar a fonte]Juventus
- Copa Italia (1): 1989/90.
- Copa da UEFA (1): 1989/90.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "CAMPIONI – Happy Birthday Dino Zoff" (en italiano). 28 de febreiro de 2012. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "E se Buffon fosse più bravo di Zoff?". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 8 de setembro de 2008. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Cox, Michael (1 de agosto de 2014). "Dino Zoff: The quiet genius". ESPN (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "63. Dino Zoff" (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "I 70 anni di Dino Zoff" (en italiano). Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "IFFHS' Century Elections". rsssf.org (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ Graham, Neale (9 de febreiro de 2009). "The best goalkeepers of all time" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2016. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "When Haiti’s Emmanuel Sanon punctured Italy’s Dino Zoff’s record". FIFA (en inglés). 19 de maio de 2023. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 "Italy’s towering guardian". FIFA (en inglés). 27 de febreiro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2015. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ "Casciaro e Ibrahimović scrivono la storia". UEFA (en italiano). 7 de febreiro de 2014. Consultado o 9 de decembro de 2023.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 Maffei, Fabrizio. "ZOFF, Dino". Enciclopedia dello Sport (2002) (en italiano). Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ "Dino Zoff" (PDF). uniparmaclub.it (en italiano). Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ 13,0 13,1 "Biografia di Dino Zoff". cinquantamila.it (en italiano). Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ Ottomano, Giuseppe (29 de agosto de 2016). "IRIBAR Josè: il gemello di Zoff" (en italiano). Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ "“Casillas va a tener un papel estelar”". El País (en castelán). 12 de xuño de 2014. Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ Campanale, Susy (13 de novembro de 2011). "Zoff shares Buffon record" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 "Dino Zoff - I was there". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 1 de outubro de 2007. Consultado o 13 de decembro de 2023.
- ↑ Campanale, Susy (12 de mar. de 2016). "Zoff: ‘Buffon is the best’" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ "Gianluigi Buffon sets new Serie A record of 973 minutes without conceding a goal" (en inglés). 21 de marzo de 2016. Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ "Juventus rallies around stricken legend Dino Zoff" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2023.
- ↑ "Convocazioni e presenze in campo". Federación Italiana de Fútbol (en italiano). Consultado o 13 de decembro de 2023.
- ↑ Bianchi, Fabio (18 de outubro de 2002). "Zenga e Tacconi: quando la rivalità era uno spettacolo". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 13 de decembro de 2023.
- ↑ "DINO ZOFF (1942- )". Sports Illustrated (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2005. Consultado o 13 de decembro de 2023.
- ↑ "Record e Curiosità". la Repubblica (en italiano). Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "Musei. Apre ai visitatori il Dc 9 su cui volarono Pertini e Wojtyla" (en italiano). 4 de abril de 2017. Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "Aperte le visite all'aereo Dc-9 sul quale viaggiarono il presidente Pertini e Papa Wojtyla" (en italiano). 8 de abril de 2017. Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "Dino Zoff". planetworldcup.com (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "Is Bayern Munich's Manuel Neuer the best goalkeeper ever?" (en inglés). 12 de maio de 2015. Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "Juventus rallies around stricken legend Dino Zoff". Thescore.com (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "CALCIO - COMPETIZIONI PER NAZIONALI". Enciclopedia dello Sport (en italiano). 2002. Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ Veltroni, Walter (12 de setembro de 2015). "Zoff: «Berlusconi, Bearzot e Totti. Vi svelo tutto»" (en italiano). Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ Suardi, Flavio. "2000, Italia battuta in finale. L'Europeo alla Francia". Il Sole 24 Ore (en italiano). Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "Furious Zoff resigns" (en inglés). 4 de xullo de 2000. Consultado o 15 de decembro de 2023.
- ↑ "World Soccer Awards – previous winners" (en inglés). 14 de decembro de 2012. Consultado o 15 de decembro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador no sitio web da Federación Italiana de Fútbol (en italiano).
- Nados en 1942
- Nados na provincia de Gorizia
- Futbolistas de Italia
- Gardametas de fútbol
- Xogadores do Udinese Calcio
- Xogadores do SSC Napoli
- Xogadores do Juventus FC
- Xogadores da selección de fútbol de Italia
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1970
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1974
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1978
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1982
- Futbolistas gañadores da Eurocopa
- FIFA 100
- Adestradores de fútbol de Italia
- Adestradores do Juventus FC
- Adestradores do SS Lazio
- Adestradores da selección de fútbol de Italia
- Adestradores do ACF Fiorentina