Nakota
O termo Nakota (ou Nakoda ou tamén Nakona) é o endónimo utilizado polos pobos orixinarios de América do Norte, que xeralmente reciben o nome de Assiniboine[1] (ou Hohe), nos Estados Unidos, e de Stoney, no Canadá .
Son tribos de fala dakota[2] que se separaron das ramas principais da nación síux en tempos pasados. Movéronse dende o territorio orixinal até os bosques da Minnesota actual e rexións cara ao norte e ao noroeste: Montana e Dacota do Norte dos actuais Estados Unidos e Manitoba, Saskatchewan e Alberta do Canadá actual. Máis tarde, por mor da competencia polos mesmos recursos convertéronse en inimigos dos seus antigos "aliados" da súa familia lingüística (en cada un dos dialectos síux -nakota, dakota e lakota- significan "amigo" ou "aliado").
Historia da denominación errónea
[editar | editar a fonte]Historicamente, os estudosos clasificaron as tribos pertencentes á nación síux (ou dakota nun sentido amplo) en tres grandes grupos lingüísticos:
- Dakota (propiamente), que era o grupo máis oriental (o orixinal) e que se denominaba Isáŋyathi o Isáŋathi (de aí, o nome europeizado de Santee);
- Nakota, de quen se dicía que comprendían as dúas tribos centrais de yankton e yanktonai, e
- Lakota, que formou o grupo máis occidental e chamouse Thítȟuŋwaŋ (nome europeizado en Teton).
Esta foi a clasificación tradicionalmente admitida que moi poucos académicos criticaron. Entre os escasos eruditos que a criticaron destaca a yankton Ela Cara Deloria (nada en 1888) que foi unha das primeiras en sinalar "a falacia de designar aos grupos yankton-yanktonai como nakota".[3]
Mais en 1978, Douglas R. Parks, A. Wesley Jones, David S. Rood e Raymond J. DeMallie dedicáronse á investigación lingüística sistemática nas reservas síux e assiniboine para establecer a dialectoloxía precisa da lingua síux. Aseguráronse de que tanto os santee como os yankton/yanktonai referíanse (e refírense) a eles mesmos polo autónimo "Dakota". O nome de nakota (ou nakoda ) era, e é, uso exclusivo dos assiniboine e dos seus familiares canadenses, os stoney.[4] A literatura académica posterior, con todo, especialmente se non é producida por especialistas lingüísticos, en moi rara ocasión recolle as investigacións de Parks e DeMallie.[5]
As súas conclusións foron plenamente confirmadas pola investigación de campo realizada, durante 23 anos, por Jan Ullrich que tivo como conclusión a compilación, en 2008, do seu dicionario Lakota.[3] Segundo Ullrich, o erro na denominación nome dos yankton-yanktonai,
"comezou cos misioneros de mediados do século XIX entre os santee, que aplicaron en exceso unha regra de distribución fonética. Debido a que o dialecto yankton-yanktonai usa o sufixo -na onde os santee usan -da e os lakota usan -la , os misioneros pensaron que a distribución "l" - "d" - "n" aplicábase a tódalas posicións dentro das palabras.[6] Polo tanto, crían que os yankton-yanktonai chamábanse a si mesmos nakota en lugar de dakota. Desafortunadamente, a suposición inexacta dunha división de Lakota-Dakota-Nakota perpetuouse en case todas as publicacións desde entón".[7]
Porén este erro tivo unha grande influencia sobre algúns nativos lakota e dakota e, mesmo, a xente moza dos yankton e yanktonai adoptaron o costume de empregar a denominación de "Nakota" coma un termo de autoafirmación para diferenciarse dos santee e dos teton.[8] O cambio non pode considerarse como unha regresión terminolóxica posterior causada polo feito de que a xente xankton-yanktonai vivía xunto cos santee nas mesmas reservas.[9]
Os textos máis antigos que documentan os dialectos síux están desprovistos de referencias históricas a nakota. Ullrich sinala en particular que o dicionario inglés-Dakota de John P. Williamson (1902) enumera a dakota como o nome propio do pobo dakota, pero non menciona nakota. Aínda así, Williamson traballara extensamente cos yankton e, a miúdo, incluía no seu dicionario as variantes dos yankton para as entradas propias dos santee.[3]
Os assiniboine separáronse moi cedo da agrupación yankton-yanktonai e a súa fala chamada tamén nakota, volveuse máis distintiva e inintelixíbel para os falantes de lakota e dakota.
Na actualidade, as diferentes tribos refírense a si mesmos, nas súas linguas maternas, como:
- Dakhóta (ou Dakhód) - os santee
- Dakȟóta (ou Dakȟód) - os yankton e yanktonai
- Lakȟóta (ou Lakȟól) - os teton (esta denominación caeu en desuso e agora, simplemente, chámanse a si mesmos Lakȟóta)
- Nakhóta (Nakhóda ou Nakhóna[10]) - os assiniboine
- Nakhóda (ou Nakhóta) - os stoney
Tendencias actuais
[editar | editar a fonte]Recentemente, os assiniboine e, especialmente, os stoney comezaron a minimizar a ruptura e separación histórica dos dakota e reclamaron unha certa identidade coa tradición síux xa que non se pode falar de nación síux como tal pois, historicamente, as tribos Siouan estaban bastante descentralizadas e operaban en bandas independentes. A tendencia pódese ver nos sitios oficiais dos stoney de Alberta, por exemplo.[11] na autodenominación da Alexis Nakota Sioux First Nation[11] (en galego: Primeira nación Alexis Nakota Síux) ou na reivindicación de Nakoda First Nation (en galego: Primeira Nación Nakoda) da súa ascendencia síux e o valor da súa lingua materna: "Como descendentes das grandes nacións síux, os membros da tribo stoney de hoxe prefiren levar a cabo a súa conversación e asuntos tribalis na lingua materna siouan".[12] As tribos assiniboine e stoney de Saskatchewan tamén reivindican a súa identificación coa tradición sioux.[13]
Os cumios
[editar | editar a fonte]As tribos assiniboine-stoney apoiaron os recentes intentos "pan-Sioux" de revivir as linguas nativas. Os seus representantes asisten aos cumes anuais "Lakota, Dakota, Nakota Language Summits"[14] que, dende 2008, son patrocinados por Tusweca Tiospaye[15] (Dragonfly Community), a organización sen fins de lucro lakota para a promoción e o fortalecimiento do idioma que promoven a campaña "Uniting the Seven Council Fires to Save the Language"[16] (en galego: "Unión do Consello dos Sete Lumes para salvar o idioma"). Os promotores lakota recoñecen unha orixe común cos pobos nakota: o Cumio da Lingua de 2008[14] supuxo un esforzo por unir os pobos síux lakota, dakota e nakota tanto dos Estados Unidos como do Canadá para revitaliza-las linguas lakota, dakota e nakota. No cumio de 2009, na lista de tribos que conforman o "Consello dos Sete Lumes" incluían a assiniboine e stoney no "Fire" dos yanktonai. Posteriormente, as dúas tribos nakota cambiáronse ao final da lista e a expresión "Also includes the Stoney and Assiniboine People" se mantivo.[17] A longa separación dos pobos deu lugar a que as súas linguas se desenvolvesen de xeito independente e cada vez máis diferenciadas até o punto de que xa non son mutuamente intelixíbeis. Os falantes de lakota ou dakota enténdese dificilmente cos assiniboine; e nin uns nin outros se entenden cos stoney.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Assiniboine". Ethnologue. Languages of the world. Consultado o 03-08-2018.
- ↑ "Dakota". Etnologue. Languages of the world. Consultado o 03-08-2018.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Ullrich (2008), p.2
- ↑ Un resumo das investigacións está en Parks/DeMaillie (1992), na bibliogafía.
- ↑ Ve-las obras de Gibbon (2003) e Palmer (2008) na bibliografía.
- ↑ O erro dos misioneiros foi motivado polo feito de que, en lakota, a letra "d" substitúese polo "l" dun xeito tan sistemático que desapareceu do alfabeto (véase Ullrich, páxina 693).
- ↑ Ullrich (2008), p. 2
- ↑ DeMallie (2001), p. 750
- ↑ Unha idea semellante é a apoiada por James H. Howard, que, aínda que admitiu que hoxe en día tódolos síux dos grupos oriental e central empregan para si mesmos (e para toda a nación) o nome de Dakhóta, postula que o termo Nakhóta, simplemente "caeu en desuso" entre yankton e yanktonai (op.cit., p. 4).
- ↑ Ver uso do termo "Nakona" polos assiniboin da comunidade de Fort Peck (http://fpcctalkindian.nativeweb.org)
- ↑ 11,0 11,1 "ALEXIS NAKOTA SIOUX NATION". alexisnakotasioux.com. Consultado o 03-08-2018.
- ↑ "Bearspaw, Chiniki, Wesley Nakoda Nations (Stoney)". web.archive.org. (arquivo orixinal : http://www.treaty7.org.ws011.alentus.com/BearspawChinikiWesleyNakodaNations.aspx). Archived from the original on 16 de outubro de 2017. Consultado o 03-08-018.
- ↑ "Our Languages". web.archive.org. (arquivo orixinal: http://www.sicc.sk.ca/heritage/sils/ourlanguages/hohenakota/history/name_game.html). Archived from the original on 27-09-2011. Consultado o 03-08-2018.
- ↑ 14,0 14,1 "Bringing Nations Together to Strengthen Language: Successful 2008 Lakota Dakota Nakota Language Summit". web.archive.org. (arquivo orixinal:http://www.tuswecatiospaye.org/summit ). Archived from the original on 13-08-2009. Consultado o 03-08-2018.
- ↑ "Thuswéčha Thióšpaye"
- ↑ "Tusweca Tiospaye 2009 Lakota Dakota Nakota Language Summit. "Uniting the Seven Council Fires to Save the Language"". web.archive.org. (arquivo orixinal: http://www.tuswecatiospaye.org/summit). Archived from the original on 13-08-2009. Consultado o 03-08-2018.
- ↑ "2009 Lakota Dakota Nakota Language Summit". web.archive.org. (web orixinal: http://www.tuswecatiospaye.org/2009-summit). Archived from the original on 11-12-2009. Consultado o 03-08-2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- DeMallie, Raymond J. (2001). "Sioux until 1850". En Sturtevant, William C. Handbook of North American Indians: Plains. Vol. 13, parte 2. Washington, D.C.: Smithsonian Institution. ISBN 0-16-050400-7.
- Gibbon, Guy E. (2003). The Sioux: the Dakota and Lakota nations (en inglés). Malden: Blackwell Publishers. ISBN 1-55786-566-3.
- Howard, James H. (1984). The Canadian Sioux (en inglés). Lincoln: University of Nebraska Press. ISBN 0-8032-2327-7.
- Palmer, Jessica D. (2008). The Dakota peoples: a history of the Dakota, Lakota, and Nakota through 1863 (en inglés). Jefferson: McFarland & Company, Inc., Publishers. ISBN 0786431776.
- Parks, Douglas R; DeMallie, Raymond J. (1992). "Sioux, Assiniboine and Stoney Dialects: A Classification". Anthropological Linguistics (en inglés) (Department of Anthropology, Indiana University) 34 (nº 1-4 -Special Issue, Florence M. Voegelin Memorial Volume-): 233–255. ISSN 0003-5483.
- Ullrich, Jan (2008). New Lakota Dictionary : Lakhótiyapi-English / English-Lakhótiyapi & Incorporating the Dakota Dialects of Santee-Sisseton and Yankton-Yanktonai (en inglés) (2ª ed.). Bloomington: Lakota Language Consortium. ISBN 0-9761082-9-1.