Manfredo de Hohenstaufen
Manfredo de Hohenstaufen, ou Manfredo de Sicilia, nado en 1232 en Venosa (Basilicata) e finado o 26 de febreiro de 1266 en Benevento (Campania), foi rei de Sicilia, o último soberano suabo deste Reino. Era fillo ilexítimo de Frederico II Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico e Bianca Lancia, ou Lanzia. Foi rexente de seu sobriño Conradino en 1254, e máis tarde rei de Sicilia de 1258. Morreu durante a batalla de Benevento, derrotado polas tropas francesas de Carlos de Anjou.
Está indisolubelmente ligado á cidade de Manfredonia, na Puglia, que fundou o día de san Xurxo de 1256 e que lle deu o seu nome como signo de prestixio e poder.
que probabelmente casou co emperador pouco antes da morte deste.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Manfredo naceu e viviu a súa infancia en Venosa,[2] cidade da Basilicata. Era fillo ilexítimo do emperador do Sacro Imperio Frederico II Hohenstaufen, e Bianca Lancia.[3] que casou co emperador só un pouco antes da súa morte e, polo tanto, plenamente lexitgimado, a pesar de que a Curia romana Curia descoñecese ese vínculo matrimonial, movida polo seu profundo odio cara á casa de Hohenstaufen.
O futuro rei estudou en París e Boloña, e de seu pai aprendeu o amor á poesía e á ciencia, amor que mantivo como rei. Dise que o emperador tiña unha particular predilección entre todos os seus fillos por Manfredi e por Enzo, ambos os dous nacidos de relacióes extraconxugais.
Frederico consideraba a Manfredo como fillo lexgítimo, e por iso nomeouno príncipe de Taranto con outros feudos menores; nomeouno tamén o seu lugartenente en Italia, en particular a do Reino de Sicilia, até que chegara o herdeiro lexítimo, o medio irmán de Manfredo, Conrado IV de Hohenstaufen, Rei de romanos, que naquel momento estaba ocupado en Alemaña. Aínda que Palermo era a capital do seu Reino, Manfredo preferiu como morada o castelo de Lagopesole, cuxa construción fora comezada polos seus antepasados normandos, e que foi terminada polo seu pai.[4]
Aínda que daquela Manfredo só tiña dezaoito anos de idade, acatou con fidelidade o que lle encomendara seu pai e, cando Conrado viaxou a Italia meridional en 1252, a súa autoridade foi rápida e xeralmente recoñecida.
Cando Conrado morreu en maio de 1254, Manfredo, despois de rexeitar entregarlle o Reino de Sicilia ao papa Inocencio IV, aceptou a rexencia de Conradino, o xove fillo de Conrado.
Pero en 1258, tras facer correr o rumor da morte de Conradino, asumiu o poder como rei de Sicilia, sendo coroado en Palermo o 10 de agosto daquel mesmo ano. O rumor era infundado, pero o novo rei, sustentado polo pobo, non abdicou a pasar das presións dos enviados de Conrado V. Porén, ante a forza dos partidarios do papa no reino de Sicilia volveu tomar a posición de rexente, e abriu negociacións co papa Inocencio e, por un tratado asinado en setembro de 1254, a Puglia pasou a estar baixo a autoridade papal.
Máis adiante o papa Alexandre IV, a quen a alianza que tiña Manfredo cos árabes lle parecía unha grande ofensa á relixión cristiá, declarou nula a súa coroación e ademais excomungouno. Manfredo organizou entón unha coalición coa Italia central e setentrional contra o papado. Así, xunto aos xibelinos de Siena derrotou aos güelfos de Florencia o 4 de setembro de 1260. Os florentinos recoñeceron a Manfredo como protector da Toscana.
Despois, o novo papa, Urbano IV, solicitou a axuda de Carlos I de Anjou, irmán do rei Lois IX de Francia, ofrecéndolle a coroa de Sicilia a cambio de que expulsase a Manfredo dos territorios do papado no sur de Italia. Manfredo, vista a alianza, publicou o Manifesto aos Romanos no que reclamaba a autoridade, xa non só sobre Italia, senón tamén sobre todo o Sacro Imperio.
O 26 de febreiro de 1266, na batalla de Benevento, Manfredo foi derrotado e morto polas tropas francesas. Carlos de Anjou foi coroado rei de Sicilia en Roma nese mesmo ano, poñendo así fin ao dominio deste reino pola casa de Hohenstaufen e inaugurando a dinastía Anxevina.
Matrimonios e descendencia
[editar | editar a fonte]A primeira muller de Manfredo foi Beatriz de Savoia, filla do conde Amadeu IV de Savoia e Margarida de Borgoña, a finais de 1248 ou principios de 1249, a data é incerta.[6] Manfredo e Beatriz tiveron unha filla:
- Constanza (1249-1302), que casou con Pedro III de Aragón e foi a nai de Afonso III de Aragón, Xaime II de Aragón e Isabel de Aragón.
Casou en segundas nupcias con Helena Ducas, filla de Miguel II Comneno Ducas, déspota de Epiro. Tiveron os seguintes fillos:
- Beatriz de Sicilia (1258 - antes de 1307) casada, en primeiro lugar, con Rainer Gherardesca, e en segundas nupcias con Manfredo IV de Saluzzo.
- Frederico de Sicilia (1259 - última mención en vida en 1312).
- Henrique de Sicilia (1260 - 31 de outubro de 1318).
- Enzo de Sicilia (1261 - 1301).
- Flordelis de Sicilia (1266 - última mención en vida en 1297).
Predecesor: Conrado II (Conradino) |
Rei de Sicilia 1258-1266 |
Sucesor: Carlos de Anjou |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Encyclopædia Britannica — Eleventh edition". 1911. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 10 de outubro de 2016.
- ↑ Mario Bernabò Silorata (1993): Federico II di Svevia: saggezza di un imperatore. Firenze: Convivio, p. 17. ISBN 88-4043-818-1.
- ↑ A maternidade de Bianca non está unanimemente aceptada; Frederico podería ter concibido a Manfredo con outra muller, e despois lexitimado ao seu herdeiro casando con Bianca, probabelmente en 1248, in articulo mortis, aínda que a Curia non recoñeceu esta lexitimidade.
- ↑ Tommaso Pedio (1994):Storia della Basilicata raccontata ai ragazzi. Congedo Editore, p. 57. ISBN 88-8086-007-0.
- ↑ O tari era unha moeda de ouro árabe e dos normandos e os suabos de Sicilia, e cuñada en prata durante o dominio aragonés de Sicilia e despois do da monarquía hispánica, e que perdurou até o século XVIII.
- ↑ Walter Koller (2007): Manfredi, re di Sicilia Dizionario Biografico degli Italiani. Volume 68.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manfredo de Hohenstaufen |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bogdan, Henry (2003): Histoire de l'Allemagne de la Germanie à nos jours. Perrin. ISBN 2-262-02106-6.
- Quatriglio, Giuseppe (2002): Mille anni in Sicilia - Dagli Arabi ai Borboni. Marsilio. ISBN 88-317-6405-5.
- Runciman, Steven (2009): Las Vísperas Sicilianas Ed. Reino de Redonda. ISBN 978-84-933656-7-7
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Walter Koller (2007): Manfredi, re di Sicilia Dizionario Biografico degli Italiani. Volume 68, en Treccani (en italiano). Consultado o 10 de outubro de 2016.