Lucio Cornelio Sila
Lucio Cornelio Sila, c. 138 a. C – 78 a. C., foi un político e xeneral romano, membro dunha antiga familia patricia romana de modesta fortuna.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Recibiu unha boa educación e era un apaixonado da literatura e das artes. Sila dilapidou os seus primeiros anos nunha vida de pracer, pero comezou a súa carreira política tras herdar unha fortuna de grande envergadura de parte da súa madrasta.
Loitou co exército de Mario na guerra contra Iugurta, no 107, e grazas ás súas habilidades diplomáticas conseguiu que Bocco lle entregase a Iugurta. Sila permaneceu ao mando de Mario durante a guerra entre os cimbros e os teutóns ata o 102 a.C. Daquela abandonou a Mario para servir co Quinto Cátulo, conseguiu a vitoria de Campi Raudii en 101 a. C. Sila fracasou en ser elixido pretor para o 98 pero grazas a unha serie de cuantiosos subornos foi elixido no 99 a.C.
Sila iniciou a súa carreira (107 a.C) servindo como cuestor durante a guerra contra o rei de Numidia, Iugurta, baixo as ordes de Caio Mario. O rei númida levaba anos acosando os romanos con grande éxito, e a pesar do avance logrado por Mario, o duro conflito prolongábase. Sila foi enviado na calidade de embaixador a parlamentar co sogro do esquivo monarca númida, o tamén rei Bocco de Mauritania, co cal trabou amizade e logrou convencer para que traizoase a Iugurta, apresándoo para os romanos (105 a.C). O evento proporcionou a Sila un gran prestixio militar e unha considerable popularidade tanto co cónsul coma cos soldados, atribuíndoselle a fin da guerra. Plutarco afirma que esta circunstancia foi o comezo da fricción entre Mario e Sila, posto que aquel se volveu envexoso do éxito do seu subordinado e este non facía senón atizar o lume cunha actitude fachendosa que atopou eco entre algunhas persoas, inimigos políticos de Mario.
A situación de extremo perigo creada pola invasión de cimbros e teutóns adiou as posibles diferenzas entre xeneral e subordinado, e Sila permaneceu baixo as ordes de Mario nas sucesivas campañas dos anos 104 a.C e 103 a.C. Dirixiu con éxito unha expedición contra os tectosagos, matando o seu caudillo Cepilo, e pouco despois, como tribuno militar, destacaría tamén ao negociar un tratado cos marsos e dirixir extraoficialmente o exército do cónsul Lutacio Catulo -un dos protexidos de Mario- contra os cimbros, que ameazaban o norte de Italia. Derrotounos en Vercellae no ano 101 a.C., dando mostras ao mesmo tempo da súa capacidade para o combate e a organización.
Finalmente, a disputa con Mario manifestouse en toda a súa amplitude trala vitoria sobre os cimbros: Catulo e Sila parecen reclamar máis crédito pola súa actuación en Vercellae do que Mario estaba disposto a conceder. En circunstancias tan nimias e puerís -expresa Plutarco- fundamentouse o odio de ambos, que máis tarde conduciu aos desmandos da Guerra Civil e despois á tiranía e á perversión de todo o Estado. Porén, o conflito entre Mario e Sila desenvolveuse máis lentamente do que Plutarco e outros autores parecen admitir, e non adquiriu o carácter de aberta hostilidade ata moito máis tarde.
Despois de moitas loitas, de modificar as leis do Senado, de cuñar moeda co seu nome e de crear moitos aliados e inimigos, retirouse da política; influíu na súa decisión unha profecía que escoitara había xa moito tempo en Cilicia, segundo a cal morrería no cumio do poder. Viviu unha vida tranquila, aínda que extravagante, dedicada ao estudo e ao pracer, en Campania, escribindo as súas memorias en vinte e dous libros que foron editados por Lúculo. No 78 casou de novo e morreu.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Quién es quién en la Antigua Roma. John Hazel . Ediciones archivos acento, 2002.