Literatura de cordel
A literatura de cordel é un xénero de literatura popular feito en verso e de orixe tanto escrita coma oral. Recibe o seu nome polos chamados pregos de cordel.
Historia e características
[editar | editar a fonte]O termo cordel provén do xeito da comercialización dos "folletos" en Galicia e Portugal, onde os pregos das obras se colgaban en cordas.[1] Tivo a súa orixe na Península Ibérica e foi unha literatura moi popular nos séculos XV e XVI, estendeuse polas colonias europeas e americanas dos reinos da península.[2]
Os pregos de cordel, emparentados cos romances e as coplas de cegos, teñen rimas como os romances e podían levar ilustracións. As estrofas adoitaban ser de dous, seis ou dez versos, eran recitados ou cantados polos vendedores (normalmente invidentes) nas prazas das feiras, acompañados en ocasións de instrumentos como a zanfona, o violín, ou a viola de man.
Cómpre destacar que na literatura de cordel portuguesa as estrofas máis comúns son a "quadra" ou "quadritíha" (catro versos heptasílabos con rima nos pares); a "sextilha" (seis versos e similar estrutura); a "séptima" (seguindo o esquema [-,a,-,a,b,b,a]; e o popular "martelo agalopado", composto con décimas de heptasílabos ou decasílabos.[2]
En canto ó contido, Joaquín Marco diferencia dous grandes bloques dentro dos pregos poéticos: os pregos literarios (romances de cativos, novelescos, cancións amorosas, milagres etc.), e os pregos históricos (relacións, crimes, de carácter político etc.).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ De Oliveira, José Luís (2018-04-07). "A relação da literatura de cordel na antroponímia dos fantoches populares portugueses". Jangada: crítica literatura artes (10): 4–18. ISSN 2317-4722. doi:10.35921/jangada.v0i10.77.
- ↑ 2,0 2,1 Maderuelo, Rafael Díaz (1989-01-01). "Algunos caracteres de la literatura de Cordel en Brasil.". Revista Española de Antropología Americana (en castelán): 193–193. ISSN 1988-2718.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Academia Brasileira de Literatura de Cordel Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. (en portugués)