Lisa Randall
Lisa Randall, nada en Nova York o 18 de xuño de 1962, é unha física teórica estadounidense, especializada na física de partículas e cosmoloxía. Traballou en varios dos modelos de teoría de cordas que tratan de explicar o funcionamento íntimo do universo. A súa achega máis coñecida neste eido é o modelo de Randall-Sundrum ou modelo RS publicado en 1999 xunto con Raman Sundrum.[1] Foi a primeira muller en ocupar un posto no departamento de física da Universidade de Princeton e a primeira muller Física Teórica no MIT e na Universidade Harvard.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nada no barrio de Queens en Nova York, conseguiu o primeiro premio no concurso de talentos científicos Westinghouse de 1980, á idade de 18 anos. Licenciada (BA) en Harvard en 1983 e doutorada en física de partículas en 1987 baixo a dirección de Howard Georgi. Entrou a formar parte da Academia Americana de Artes e Ciencias en 2004. Foi nomeada pola revista Newsweek no número "Who's next" de xaneiro de 2006 como "unha das máis prometedoras físicas teóricas da súa xeración"
En 2010, Lisa Randall investiga sobre física de partículas e cosmoloxía na Universidade Harvard, onde traballa como profesora de física teórica. A súa investigación céntrase nas partículas elementais e as forzas fundamentais, incluíndo unha variedade de modelos que supoñen espazos con varias dimensións adicionais, sendo o máis coñecido o Modelo de Randall-Sundrum. Tamén traballou noutros eidos como a supersimetría, o modelo estándar, a inflación cósmica ou a relatividade xeral. O seu libro "Warped Passages" foi engadido na lista dos 100 libros máis notables do ano 2005 polo New York Times.
Logo de obter o seu doutoramento en Harvard, exerceu como profesora no MIT e na Universidade de Princeton antes de volver a Harvard en 2001.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sundrum, Raman (1999-05-04). "Large Mass Hierarchy from a Small Extra Dimension" (17). doi:10.1103/PhysRevLett.83.3370.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lisa Randall |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lisa Randall na IMDb (en inglés).