Saltar ao contido

Lentisco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O lentisco[1][2] ou aroeira[3] (Pistacia lentiscus) é un arbusto perenne fanerógamo do xénero Pistacia, na familia das anacardiáceas, de follas coriáceas, con flores de cor amarela tirando a vermella, do cal se extrae unha resina branca moi aromática, o mástique.[4]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Medra nas matogueiras secas e pedrentas da Europa mediterránea, norte de África e Oriente Próximo. Resiste mal as fortes xeadas e se desenvolve sobre todo tipo de solos, podendo medrar ben en zonas calcarias e incluso salitrosas ou salinas, isto fai que sexa máis abundante xunto ao mar. Mora en forestas claras, devesas, formacións de aciñeiras, maquis, garrigas, foces, canóns, e abas rochosas de toda a área mediterránea. Medra con mirtos, carballos carrascos, palmeiras ananas, alaternos, e silvamares e serve de protección e alimento a paxaros e outra fauna exclusiva deste ecosistema. É unha especie pioneira moi rústica espallada polos paxaros e abundante en ambientes secos mediterráneos.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Gota de resina.
Mástique (resina).

Trátase dun arbusto ou arboriña dioica, plantas macho e femia independentes, sempre verde de 1 a 5 m de altura, cun forte cheiro a resina. Medra a xeito de mato e a medida que envellece, desenvolve toros grosos e gran cantidade de pólas grosas e longas. En áreas axeitadas, cando se lle deixa medrar libremente e faise vello, adoita converterse nunha arboriña de até sete metros. As accións levadas a cabo polo ser humano, como a curta, o pastoreo e os lumes, impiden moitas veces o seu desenvolvemento.

As follas son alternas, coriáceas e compostas paripinnadas (sen folíolo terminal) con 6-12 folíolos dun verde intenso. Presenta flores miudiñas, as masculinas con 5 estames, as femininas con estilo trífido. O froito é unha drupa, primeiro vermella e despois negra ao madurecer, duns 4 mm de diámetro.

Na época clásica empregouse coma goma de mascar; do seu látex elabórase unha goma aromática chamada mástique, usada en medicina odontolóxica e para facer vernices. Tamén se emprega para aromatizar licores.

En zonas turísticas mediterráneas xunto con palmeiras ananas e algunhas plantas exóticas, é elixida para repoboar xardíns e resorts, por mor da súa fortaleza e atractivo aspecto. Ao contrario que outras especies de Pistacia, conserva as súas follas ao longo de todo o ano cun aspecto san e vizoso. Introduciuse coma ornamental en México, onde se naturalizou e lle ve con frecuencia en zonas suburbanas e principalmente en zonas semiáridas.

Está emparentada co escornacabras (Pistacia terebinthus) co que hibrida facilmente nas zonas en contacto; P. x saportae Burnat (P. lentiscus x P. terebinthus) que ten follas imparipinnadas, con folliñas semipersistentes, a terminal subsésil e ás veces reducida. Porén, ocupan biotopos distintos e escasamente solapados. O lentisco aparece en zonas máis baixas e achegadas ao mar, mentres que o escornacabras medra en zonas máis elevadas e montañosas como o Sistema Ibérico, onde resiste mellor as xeadas.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Pistacia lentiscus foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 1026. 1753.[6]

Sinonimia
  • Lentiscus massiliensis Fourr.
  • Lentiscus vulgaris Fourr.
  • Terebinthus lentiscus (L.) Moench[7]

Nome vulgar

[editar | editar a fonte]

A planta recibe os nomes vulgares en galego de: almecegueira, aroeiro, aroeira, charneca, laderno e lentisco[8].

  1. Nome vulgar da especie en galego segundo o Vocabulario de ciencias naturais, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lentisco.
  3. Resultado da busca "aroeira" no Dicionario de dicionarios
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mástique.
  5. "Lentisco". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2010. Consultado o 15 de xullo de 2013. 
  6. "Lentisco". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 15 de jxullo de 2013. 
  7. Lentisco en PlantList
  8. Nomes vulgares galegos para a especie en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992), Xunta de Galicia

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  1. AFPD. 2008. African Flowering Plants Database - Base de Donnees des Plantes a Fleurs D'Afrique.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]