Saltar ao contido

Lanzarote

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaLanzarote
Imaxe

EpónimoLanceloto Malocello Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 29°02′06″N 13°38′06″O / 29.035, -13.635
EstadoEspaña
Comunidade autónomaIllas Canarias
ProvinciaLas Palmas Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación152.289 (2019) Editar o valor en Wikidata (192,53 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie791 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Código NUTSES708 Editar o valor en Wikidata

Páxina webcabildodelanzarote.com Editar o valor en Wikidata

Lanzarote é unha illa española que fai parte do arquipélago das Illas Canarias, situado no océano Atlántico fronte das costas africanas. Pertence á provincia das Palmas. A capital da illa e a cidade máis poboada é Arrecife.

O nome Lanzarote pode vir do mariño xenovés Lanceloto Malocello, quen visitou a illa no século XIV.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Charco Verde, Yaiza.

É a máis setentrional e oriental das illas do arquipélago canario. É coñecida habitualmente como "illa dos volcáns" e identifícase co manto volcánico que se estende ao longo de toda a superficie debido á grande actividade volcánica de principios do século XVIII.

Atópanse a unha distancia de 1.000 km da Península Ibérica e a 140 da costa africana. Ten unha superficie de 845,93 km² e unha poboación de 147.023 habitantes (2017),[1] sendo os nativos da illa case a metade dos chegados desde outros lugares. Xunto á illa atópanse os illotes ou illas menores de Alegranza, La Graciosa, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste, que forman o arquipélago Chinijo, administrativamente dependente de Lanzarote.

O pico máis elevado da illa é Peñas del Chache, no concello de Haría, con 671 m de altitude.[2]

Lanzarote foi declarada en 1993 Reserva da Biosfera pola UNESCO, converténdose na segunda do arquipélago canario, mais por primeira vez un territorio no seu conxunto foi considerado Reserva da Biosfera pola Unesco, incluíndo todos os núcleos de poboación.[3] Ademais, a Rede Canaria de Espazos Naturais Protexidos recolle nesta illa un total de 13 medios naturais, que representa máis do 40% do territorio insular, entre os que destaca o Parque Nacional de Timanfaya. Os espazos naturais protexidos da illa son:[4]

Parques Nacionais
Parques Naturais
Reservas Naturais Integrais
Monumentos Naturais
Paisaxes Protexidas
Sitios de Interese Científico

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A explicación do nome da illa de Lanzarote é das máis claras e aceptadas de todos os topónimos do arquipélago canario. Existe consenso entre os historiadores en que o nome procede do navegante xenovés Lanceloto Malocello, quen a visitou por primeira vez no primeiro terzo do século XIV e de cuxa presenza, aparentemente, atoparon algunha pegada os primeiros conquistadores normandos: o castelo de Guanapay, o máis antigo de Lanzarote, construído sobre unha antiga torre edificada en 1312 por Malocello. A illa denomínase "Insula de Lançarotus Marocelus" no primeiro portolano que recolle ás Illas Canarias máis ou menos na súa forma actual, o do mallorquino Angelino Dulcert, de 1339. Noutras cartas e mapas posteriores esta denominación sofre alteracións fonéticas, pero non cabe dúbida de que o nome actual deriva do ilustre visitante italiano que no seu día se detivo nela.

O vocábulo aborixe Titerogakaet parece que foi o empregado polos maxos para se referir á illa antes da súa conquista. Trátase dun termo de orixe bérber que foi emparentado co tuareg tetergaget, "a que está queimada", ou ben cos vocábulos titerok e akaet, que significarían "Montaña Colorada". Do mesmo xeito, a toponimia insular está infestada de voces de orixe indíxena, como Yaiza, Tinajo, Teguise, Timanfaya ou Guatiza, que comparten protagonismo con lugares de nome hispánico como San Bartolomé ou Puerto del Carmen.

Climograma de Lanzarote.

As temperaturas máximas en Lanzarote oscilan entre 22º e 25º, as mínimas non descenden de 12º no inverno e a media de precipitacións é duns 200 mm anuais. As precipitacións varían dos 250 mm en Famara a tan só 50 mm na zona da Costa do Rubicón. O clima é moito máis amornado do que correspondería pola súa latitude xeográfica. Hai dous elementos climáticos que determinan a benignidade atmosférica: os alisios e a corrente fría das Canarias. O vento é practicamente permanente na illa. Nos meses de verán poden presentarse tormentas de vento con area procedentes do deserto ou siroco (tamén chamado calixe), con temperaturas de ata 46º (2004) e visibilidade moi reducida.

Lanzarote está inmersa na zona climática cálida e seca que se corresponde coa súa latitude, incluída no cinto de altas presións subtropicais. O seu clima é subdesértico, caracterízase por ter un réxime pluviométrico escaso (pluviosidade <200 mm anuais), atribuíble fundamentalmente á especial orografía da illa, xa que a súa escasa altura impide a retención da humidade que conteñen os ventos alisios, exceptuando as zonas máis altas (Os Ajaches e os Riscos de Famara). Esta característica impide a existencia de choivas orográficas, tan abundantes nas illas occidentais, xa que non existen obstáculos montañosos de envergadura que poidan deter o chamado «mar de nubes».

Datos climáticos para Aeroporto de Lanzarote (1981–2010)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Anual
Temperatura máxima en °C 27,9 29,0 32,7 36,3 42,6 40,7 42,9 43,6 40,5 37,1 34,2 27,5 43,6
Media máxima en °C 20,7 21,3 22,9 23,5 24,6 26,3 28,2 29,1 28,6 26,7 24,2 21,8 24,8
Media diaria en °C 17,4 17,9 19,0 19,6 20,8 22,6 24,3 25,2 24,7 23,0 20,7 18,6 21,1
Media mínima en °C 14,0 14,3 15,0 15,7 16,8 18,8 20,4 21,2 20,8 19,4 17,2 15,4 17,4
Temperatura mínima en °C 8,0 9,0 8,3 9,5 11,5 12,4 15,4 16,6 15,5 12,0 10,9 9,0 8,0
Chuvia media mm 16,5 18,2 12,5 5,2 1,5 0,1 0,0 0,5 2,2 9,9 14,7 29,3 110,6
Media de días con chuvia (≥ 1.0 mm) 3 3 2 1 0 0 0 0 0 2 3 4 18
Humidade relativa media (%) 68 68 66 66 66 66 68 68 70 71 69 71 68
Media de horas de sol mensuais 203 201 241 255 297 292 308 295 248 235 207 196 2 978
[Cómpre referencia]

Poboación aborixe de Lanzarote

[editar | editar a fonte]
A chamada "quesera de Zonzamas", conxunto de canles elaboradas polos maxos.

A illa de Lanzarote era coñecida xa na antigüidade polos fenicios e os romanos. Calcúlase que a illa está poboada desde hai polo menos dous milenios. Antes da conquista castelá, a illa estivo poboada por un grupo aborixe denominada maxos (en castelán majos ou mahos), un pobo bérber que vivía do pastoreo, a pesca e dunha agricultura moi limitada.[5] A hipótese máis probable sobre o poboamento da illa apunta a ondas migratorias sucesivas desde o norte de África. O nome orixinal da illa é Tyterogakat ou "Tytheroygatra", que se traduciu como a queimada empregando un topónimo xeográfico bérber tuareg de Alxeria central.

Pouco se coñece dos primeiros poboadores da illa debido á escaseza de achados arqueolóxicos e de enterramentos prehistóricos. Esta case ausencia de restos arqueolóxicos pode deberse á propia natureza volcánica da illa, sepultando as erupcións volcánicas vivendas, utensilios etc dos primeiros poboadores. Outra causa pode ser tamén o saqueo a que foi sometida a illa por parte dos primeiros conquistadores.[6]

As descricións que fixeron os primeiros europeos que visitaron a illa na Baixa Idade Media falan de homes de raza branca, altos, musculosos, de gran beleza, e había moitos louros entre eles...., nunha visión bastante idealizada dos habitantes da illa. Os datos que se coñecen dos aborixes da illa son indirectos e pouco fiables. A fonte documental máis importante é -Le Canarien-, un relato escrito polos capeláns domésticos dos franconormandos Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle durante a invasión da illa en 1402. Malia existiren algunhas inscricións aborixes nunha escrita tifinagh, non se puideron traducir, polo que as fontes arqueolóxicas son imprescindibles para lograr un maior coñecemento a respecto destas sociedades.

Economía e sociedade

[editar | editar a fonte]

Os antigos maxos vivían do pastoreo, o marisqueo de ribeira, a recolección de froitos e tiñan unha agricultura moi limitada, que se centraba principalmente cultivo do trigo mourisco. Non coñecían os metais e perderan os coñecementos sobre a navegación oceánica. Vivían en covas ou chozas de pedra semienterradas (casas fondas), vestían peles de cabra sen curtir e alimentábanse de gofio, carne de cabra e peixe. Case todas as crónicas recollen o seu carácter apracible e hospitalario e a súa afección á música e o baile.[7]

A organización social estaba adaptada ás condicións da illa, pobre en recursos de todo tipo. A xerarquía era patriarcal e hereditaria, exercida por reis que eran elixidos polos nobres, e a xustiza extremadamente dura segundo os primeiros visitantes europeos, administrábase na praza pública ou "tagoror". Outros datos a respecto da estrutura social indican unha adaptación á escaseza permanente de recursos. A procreación estaba limitada polo infanticidio feminino, práctica utilizada para lograr un control de poboación nunha illa de recursos escasos. Probablemente froito da práctica do infanticidio feminino, en determinado momento a poboación feminina chega a ser menor que a masculina, o cal levaría a que se desen casos de poliandría nos que cada muller tiña tres maridos que alternaban mes por mes (triandria), isto podería supor, doutra banda, unhas normas de residencia matrilocais.[Cómpre referencia]

A conquista de Lanzarote

[editar | editar a fonte]

Primeiras expedicións

[editar | editar a fonte]

As illa de Lanzarote era coñecida no mundo antigo. Foi visitada polos fenicios, que buscaban a orchilla, a prezada tinguidura vermella que crece nas rocas orientadas ao norte da illa. O único testemuño documental da época medieval, moi dubidoso, é a famosa viaxe de San Borondón. En 1312 o navegante xenovés Lanceloto Malocello redescubriu a illa de Lanzarote para Europa e deulle o seu actual nome, que aparece por primeira vez no mapa portolano de Angelino Dulcert en 1339. Durante os seguintes cincuenta anos organízanse varias expedicións, máis ben razzias, que buscan escravos, peles e tinguiduras. Comeza con isto o declive da poboación aborixe. En 1377 o biscaíño Ruiz de Avendaño, comandante corsario da frota castelá, naufraga tras unha tormenta na illa de Lanzarote, onde é recibido polo rei Zonzamas, que lle ofrece a hospitalidade de leito coa raíña Fayna. Desta relación nace a princesa Ico, branca e loura, nai do último rei de Lanzarote, Guardafia. En 1393, o nobre castelán Almonáster chega a Lanzarote. Cando regresa á península leva consigo nativos e algúns produtos agrícolas.

As primeiras expedicións europeas de saqueo á busca de escravos paraban primeiro en Lanzarote e La Graciosa, por ser as illas máis próximas á Península Ibérica. Isto contribuíu a unha diminución demográfica durante o século XIV, de maneira que cando chegaron as primeiras expedicións de conquista a poboación estaba en claro retroceso.

Conquista castelá

[editar | editar a fonte]
Gravado da expedición de Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle á Illa de Lanzarote.

A conquista definitiva da illa prodúcese coa expedición dos mercenarios e aventureiros normandos Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle. Béthencourt, dono de varios señoríos, concibiu a idea de conquistar as Illas Canarias, para o cal obtivo o dereito de conquista por parte do rei Henrique III de Castela, en cuxa corte tiña influencias, conseguindo así o patrocinio da Coroa de Castela. Para emprender a conquista das illas, Béthencourt reuniu fondos propios e algúns alleos que puido recadar para armar varios barcos.[8]

A expedición partiu do porto francés de La Rochelle en 1402 con aproximadamente 250 homes, a maior parte deles franconormandos. Despois de pasar polos portos da Coruña e Cádiz, a expedición chegou ao illote de Alegranza, aínda que coa tripulación xa reducida a menos da metade. Poucos días despois os expedicionarios chegaron a Lanzarote, onde non atoparon resistencia dos nativos e o mesmo rei Guadarfía ofreceu a Béthencourt os seus servizos e respectos, pasando así a illa a estar baixo a protección do nobre normando. Posteriormente, os expedicionarios establecéronse na Costa do Rubicón, no sur da illa, onde se establecería tamén a diocese Rubicense.[8]

Despois da conquista, a illa de Lanzarote serviu como base para as posteriores incursións á illa de Fuerteventura. Os colonos franconormandos decatáronse nestas incursións de que precisarían reforzos para poder conquistar Fuerteventura, polo que Béthencourt volveu para Castela, deixando na illa un destacamento baixo o mando de de la Salle no castelo de Rubicón. Porén, durante o tempo que Béthencourt permaneceu fora, de la Salle tivo que facer fronte a varias dificultades durante o seu mandato interino, entre elas a escaseza de alimentos que provocou unha insurrección encabezada por un dos seus homes que quedaran en Rubicón mentres el se atopaba capturando lobos mariños na illa de Lobos. Os sublevados roubaron víveres e prenderon a lanzaroteños para a súa venda, entre outras malfeitorías, mais o líder (identificado como Bertín Berneval) embarcou nunha nave pirata e fuxiu para Europa. Como consecuencia desta insurrección, os lanzaroteños rebeláronse contra o poder normando, aínda que estes non tardaron en renderse, e posteriormente en bautizarse.[8] Tras sucesivos fracasos na conquista doutras illas e dado o escaso interese comercial que espertaba Lanzarote entón, Jean de Bethencourt cede o señorío da illa ao seu parente Maciot de Béthencourt.

O señorío feudal

[editar | editar a fonte]

Lanzarote convértese nun señorío feudal que pasa de man en man dos descendentes de Bethencourt a nobres andaluces como o Conde Niebla, Hernán de Peraza e Pedro Barba. Nestes primeiros anos levará á illa un importante continxente repoboador de orixe berberisca, que se fusionará coa poboación aborixe e cos colonizadores europeos.

Durante as seguintes centurias a illa manterá unha estrutura de poder feudal, ata a abolición do señorío polas cortes de Cádiz en 1812. Dada a proximidade coa costa africana, Lanzarote será obxectivo dos ataques de piratas berberiscos e europeos. En 1586 o corsario berberisco Amurat toma a illa con cincocentos homes e captura á familia do señor. En 1618 Soliman invade e arrasa a illa. Sir Walter Raleigh, durante a súa última expedición á busca do Dourado, ataca Arrecife en 1617 e arrasa a cidade. A poboación refúxiase durante os ataques na Cueva de los Verdes.

Historia moderna da illa

[editar | editar a fonte]

A erupción de Timanfaya

[editar | editar a fonte]
Timanfaya

"O día 1 de setembro 1730, entre as nove e as dez da noite, a terra abriuse en Timanfaya, a dúas leguas de Yaiza...e unha enorme montaña levantouse do seo da terra", segundo o testemuño do párroco Lorenzo Curbelo. A illa transformouse por completo. Dez pobos quedaron enterrados (Tingafa, Montaña Blanca, Maretas, Santa Catalina, Jaretas, San Juan, Pena de Palmas, Testeina e Rodeos) e durante seis anos a lava estendeuse pola zona sur cubrindo un cuarto da illa e enchendo as veigas próximas de cinzas volcánicas. En 1824, de novo, comezan as erupcións en Timanfaya. Producíronse terribles fames negras e boa parte da poboación viuse obrigada a emigrar. Desde entón a paisaxe transformouse grazas ás técnicas agrícolas de cultivo sobre lapillis (rofe) volcánicos, que os conejeros empregan para captar a humidade dos alisios.

Actividade económica

[editar | editar a fonte]

Durante a segunda metade do século XVIII introduciuse o cultivo da barrilla ou eslamiada, unha planta rastreira rica en álcalis que se empregaba para a fabricación de xabón. De América chega a Lanzarote o cultivo da cochinilla en tuneras, a papa e o tomate. A cochinilla foi durante algún tempo unha da industrias máis importantes da illa. Aínda poden verse as plantacións nas vilas de Guatiza e Mala. De Europa chegan as viñas, con que se fabrica o viño malvasía, o preferido polo personaxe de Shakespeare Falstaff.

Século XX

[editar | editar a fonte]

Durante o século XX a economía da illa pasou de depender da agricultura e a salgadura de peixe a depender case exclusivamente do turismo.

A figura de César Manrique foi clave para que o desenvolvemento turístico da illa non destruíse a paisaxe orixinal, ademais de ser o creador dalgúns dos lugares de maior interese da illa: Os jameos da auga, o Monumento ao Campesiño, o Miradoiro do Río e o Taro de Tahiche; con todo, o modelo desarrollista dos últimos anos está producindo unha deterioración da paisaxe e do medio ambiente da illa, a pesar de que a esta sexa declarada Reserva Mundial da Biosfera. Esta economía concentrada no turismo e o sector da construción levou a Lanzarote de ser unha illa que emigraba a ser unha illa que vive unha enorme inmigración, froito da cal experimentou un espectacular aumento demográfico. A pesar de que adoite ter maior impacto nos medios a inmigración procedente de África continental polas condicións de inseguridade en que esta ten lugar, o maior continxente de poboación procede, con todo, do continente europeo.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Nacionalidades estranxeiras (2011)[9]
Posición Nacionalidade Poboación
Reino Unido Reino Unido 8.026
Colombia 4.566
Alemaña Alemaña 4.404
Marrocos Marrocos 4.384
Italia Italia 2.182
República Popular da China 1.280
Ecuador 1.211
Romanía Romanía 1.143
Portugal Portugal 872
10ª Cuba 781
11ª República Dominicana 748
12ª Arxentina 724
13ª Irlanda Irlanda 696
14ª India India 678
15ª Francia 665

A demografía lanzaroteña estivo marcada nos últimos anos do século XX e primeiros do XXI por un espectacular aumento da poboación. Entre 1996 e 2006, a taxa de crecemento da illa foi dez veces superior ao total da poboación española, e o dobre que a do total das Canarias. Nos últimos 25 anos Lanzarote creceu en máis do dobre en canto a número de habitantes, pasando de 65.503 en 1988 a 141.953 en 2013. Se a iso se suma a media de turistas que diariamente se encontran na illa (52.655 en 2013), a poboación total ascende a 194.608 habitantes.[1]

Este vertixinoso aumento de poboación débese a que Lanzarote rexistra a taxa bruta de natalidade máis alta das Canarias (12,7 por mil) e a segunda taxa bruta de mortalidade máis baixa (4,3 por mil), por detrás de Fuerteventura, debido á xuventude da súa poboación (índice de xuventude do 16,8%, e idade media de 33,2 anos), cunha alta concentración de idades comprendidas entre os 25 e os 39 anos, que supoñen case a metade do total da poboación da illa.[10] Porén, o crecemento da poboación de Lanzarote veu determinado especialmente pola inmigración, á cal se debe o 83% do aumento da poboación da última década. Isto fixo que por cada habitante de Lanzarote nacido na illa haxa, en 2007, outro procedente de fora da mesma. Os residentes con nacionalidade distinta á española supoñen máis da cuarta parte da poboación insular, con 36.768 estranxeiros censados en 2013. Tamén ten sido numerosa a inmigración dende a España peninsular, con 22.072 censados procedentes doutras Comunidades Autónomas en 2007.[11] As colonias estranxeiras máis numerosas na illa son, nesa orde, as orixinarias do Reino Unido, Colombia, Marrocos e Alemaña.

Política

[editar | editar a fonte]

A illa de Lanzarote é unha das sete circunscricións electorais nas que se divide as Canarias. Na illa elíxense 8 dos 60 deputados que conforman o Parlamento das Canarias.[12] Amais, Lazarote constitúe un distrito electoral propio nas eleccións ao Senado de España, elixindo a un senador.[13]

O Cabido de Lanzarote, con sede na capital da illa, Arrecife, é a máxima institución insular, con amplas competencias en diversas materias.

Concellos

[editar | editar a fonte]
Ponte das Bolas coa casa do concello de Arrecife, a capital da illa.

A illa de Lanzarote está dividida en 7 concellos:

Escudo Concello Superficie[14] Poboación (2013)[15] Mapa
Arrecife 22,72 km² 55.673 hab.
Haría 106,59 km² 4.782 hab.
San Bartolomé 40,90 km² 18.541 hab.
Teguise 263,98 km² 21.152 hab.
Tías 64,61 km² 20.451 hab.
Tinajo 135,28 km² 5.783 hab.
Yaiza 211,85 km² 15.571 hab.

Economía

[editar | editar a fonte]

Dedicada no pasado fundamentalmente á agricultura e a pesca no banco pesqueiro canario-sahariano, actualmente a economía da illa vira en torno ao sector servizos, fundamentalmente á potente industria turística. A esta actividade comeza a engadirse a viticultura, de importante peso nos séculos anteriores e que se relanzou coa creación da Denominación de orixe para os viños de Lanzarote.

Transportes

[editar | editar a fonte]

Transporte aéreo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Aeroporto de Lanzarote.
Vista do Aeroporto de Lanzarote.

A illa conta cun aeroporto, o Aeroporto de Lanzarote, situado no municipio de San Bartolomé, a uns 5 Km da capital da illa, Arrecife.[16] O Aeroporto de Lanzarote conecta a illa con outras illas do arquipélago canario, así como con outras cidades do Estado español e destinos de Europa.[17] En 2013 pasaron polo aeroporto un total de 5 334 598 pasaxeiros, o que supón un incremento sobre o ano anterior, con 5 168 775 pasaxeiros.[16]

Transporte marítimo

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Porto de Arrecife.

O principal porto da illa é o Porto de Arrecife, situado na capital da illa, e que malia ter nacido como porto eminentemento pesqueiro, o crecemento da industria turística levouno a converterse no terceiro porto das Canarias en mercadorías e o primeiro en pesca fresca.[18] O principal tráfico do porto son os contedores e cruceiros de turismo, ocupando un posto destacado no tráfico de cruceiros turísticos no Atlántico Oriental, cun total de 300.949 pasaxeiros en tránsito en 2010.[18][19]

Ao sur da illa, na localidade de Playa Blanca no municipio de Yaiza, existe outro porto de pasaxeiros e vehículos que conecta coa localidade de Corralejo (Fuerteventura) e que rexistrou un total de 879.241 embarcos e desembarcos en 2007.[20] Ao norte, o porto de Órzola conecta a illa de Lanzarote co porto de Caleta de Sebo, na illa de La Graciosa.[21] Por outra banda, o porto de Puerto del Carmen no concello de Tías, realiza excursións náuticas de carácter turístico.[22] Na illa existen outros pequenos portos deportivos que non teñen servizo de viaxeiros.

Lanzarote foi o escenario de numerosos filmes e series de televisión, filmándose na illa total ou parcialmente moitos filmes de éxito internacional, destacando:

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 "Real Decreto 1039/2017, de 15 de diciembre, por el que se declaran oficiales las cifras de población resultantes de la revisión del Padrón municipal referidas al 1 de enero de 2017" (PDF). 15 de decembro de 2017. 31 de decembro de 2017. 
  2. ISTAC (ed.). "Altitud máxima y longitud de las costas" (en castelán). Archived from the original on 27 de maio de 2009. Consultado o 3 de xullo de 2014. 
  3. Cabildo de Lanzarote (ed.). "RESERVA DE BIOSFERA" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2009. Consultado o 3 de xullo de 2014. 
  4. Goberno das Canarias (ed.). "Red Canaria de Espacios Naturales Protegidos - Lanzarote -" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2014. Consultado o 3 de xullo de 2014. 
  5. turismolanzarote.com (ed.). "HISTORIA. En la Antigüedad" (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2014. 
  6. webdelanzarote.com (ed.). "Historia de Lanzarote" (en castelán). Consultado o 17 de xuño de 2014. 
  7. turismolanzarote.com (ed.). "GENTES Y COSTUMBRES" (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2014. 
  8. 8,0 8,1 8,2 GEVIC (ed.). "Conquista de las islas orientales" (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2014. 
  9. Cabildo de Lanzarote (ed.). "Población extranjera residente en Lanzarote por país y continente de origen, y municipio de residencia (enero 2011)" (en castelán). Consultado o 17 de xuño de 2014. 
  10. Cabildo de Lanzarote (ed.). "Indicadores demográficos relacionados con la estructura por edades de la poboación de Lanzarote (2013). Comparación con Canarias" (en castelán). Consultado o 17 de xuño de 2014. 
  11. Cabildo de Lanzarote (ed.). "Población de derecho de Lanzarote según lugar de nacimiento y residencia (2007)" (en castelán). Consultado o 17 de xuño de 2014. 
  12. Parlamento das Canarias (ed.). "Lista de Diputados por circunscripción" (en inglés). Consultado o 15 de xullo de 2014. 
  13. Senado de España (ed.). "Senadores por procedencia geográfica. Comunidad Autónoma de Canarias" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2014. Consultado o 15 de xullo de 2014. 
  14. Instituto Canario de Estadística (ed.). "Superficie, perímetro, longitud de costa, altitud y distancia a la capital por municipios de Canarias" (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2014. 
  15. Goberno das Canarias (ed.). "Padrón 1-1-2013. Entidades y núcleos o diseminados. Adeje. Población por sexo" (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2014. [Ligazón morta]
  16. 16,0 16,1 AENA (ed.). "Aeropuerto de Lanzarote. Presentación" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2014. Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  17. AENA (ed.). "Aeropuerto de Lanzarote. Destinos del Aeropuerto" (en castelán). Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  18. 18,0 18,1 Ministerio de Fomento (ed.). "Puestos de Arrecife" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2008. Consultado o 13 de xullo de 2014. 
  19. Centro de Datos do Cabildo de Lanzarote (ed.). "Pasajeros en el Puerto de Arrecife. Evolución (1990-2010)" (en castelán). Consultado o 4 de xullo de 2014. 
  20. Centro de Datos do Cabildo de Lanzarote (ed.). "Movimiento de pasajeros en la línea Playa Blanca (Lanzarote)-Corralejo (Fuerteventura) según compañía (2007)" (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2014. 
  21. www.biosferaexpress.com (ed.). "Ferry de línea regular Órzola (Lanzarote) - Caleta del Sebo (La Graciosa)" (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2014. 
  22. Centro de Datos do Cabildo de Lanzarote (ed.). "Movimiento de vehículos y pasajeros en los Puertos de Lanzarote competencia del Gobierno de Canarias (abril 2014)" (en castelán). Consultado o 4 de xullo de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]