Kipá
A kipá (hebreo כִּפָּה, "cúpula, parte superior", plural kipot; tamén coñecida polo seu nome yídish, yarmulke) é unha pequena gorra ritual empregada para cubrir parcialmente a cabeza, usada tradicionalmente polos homes xudeus, e ultimamente aceptada tamén polas correntes non ortodoxas para uso feminino.
Características
[editar | editar a fonte]A kipá - ou calquera outro chapeu, gorro ou peza que cubra total ou parcialmente a cabeza - é de uso obrigatorio (mesmo para non xudeus ou xentís) ao entrar e permanecer en determinados lugares de culto xudeu, como sinagogas, cemiterios ou lugares sacros, ou en situacións de pregaria, celebración ou estudo canónico. Os homes xudeus observantes, emporiso, visten kipá durante todo o día e en toda ocasión.
A kipá é de tea ou lá ben tecida, e confecciónase hoxe en día das máis diversas cores, tamaños e deseños, para todos os gustos, situacións e modas.
Así e todo, aínda se estila usar kipá branca para celebracións de xúbilo, como shabat, festas ou vodas, e negra en sinal de doo. É posible situar a un xudeu practicante dentro de determinada rama ou corrente do xudaísmo, en base á cor, ao tamaño ou ao material do que está feita a kipá que leva posta.
O costume de levar kipá non provén dun precepto ou mandamento propiamente dito, a diferenza do talit ou chal ritual, ou dos tefilín ou filacterias; aínda que se arraigou co paso dos séculos, ao momento de converterse nun dos atributos máis emblemáticos do xudaísmo. Aínda así, as súas orixes son igualmente milenarias, e remóntanse ao Talmud (Maséjet Kidushín, "Tratado de casamentos", 31:1), simbolizando a necesidade de ter presente en todo momento que Deus está porriba dos homes e as cousas; e só pretende que a cabeza non quede descuberta ante Deus.[1]
No servizo do Templo de Xerusalén os sacerdotes Cohanim tiñan prohibido traballar coa cabeza descuberta, esta é unha das orixes deste costume.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Jabad Lubavitch - Vestimentas Xudías". Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2019. Consultado o 16 de maio de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Kipá |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A KipáArquivado 11 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (en castelán)