Saltar ao contido

Juan Jacobo Durán Loriga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJuan Jacobo Durán Loriga

Juan Jacobo Durán Loriga
Biografía
Nacemento17 de xuño de 1854 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte3 de decembro de 1911 Editar o valor en Wikidata (57 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónAcademia de Artillaría
Actividade
Ocupaciónmilitar
Membro de
Xénero artísticomatemáticas
Familia
CónxuxeConsuelo Salgado Guitián Editar o valor en Wikidata
FillosAntonio, José, Pilar, Miguel, Consuelo e Carmen Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDiccionario bio-bibliográfico de escritores, (vol:1, p.373) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1089397 BUSC: duran-loriga-juan-jacobo-1854-1911


Juan Jacobo Durán Loriga, nado na Coruña o 17 de xuño de 1854 e finado na mesma cidade o 3 de decembro de 1911, foi un matemático galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

En 1869, cando tiña 15 anos, ingresou na Academia de Artillaría, da que sairía catro anos máis tarde co grao de tenente primeiro. Pouco despois, debido á súa alta capacitación, foi proposto para desempeñar a Cátedra de Mecánica pero rexeitou o ofrecemento por motivos de saúde e, sobre todo, porque quería vivir na Coruña.

Destinado na súa cidade natal, deixou o exército sendo comandante. Debido á súa grande paixón polas matemáticas, fundou unha academia na que se facía a preparación para o ingreso no exército e as escolas de enxeñería e arquitectura.

Durante moitos anos dedicouse ao estudo das matemáticas. En 1888 obtivo a medalla de ouro e diploma na Exposición Universal de Barcelona. Chegou a ser membro de numerosas institucións nacionais e estranxeiras e publicou múltiples traballos de investigación matemática.

Referencias familiares

[editar | editar a fonte]

Juan Jacobo é o maior dos cinco fillos do matrimonio formado por Ricardo Durán Lira e Josefa Loriga Taboada (a familia Durán era unha familia de mariños e a familia Loriga era unha familia de artilleiros). Este matrimonio casou na Igrexa Castrense da Coruña o 12 de agosto de 1853 e Juan Jacobo foi bautizado na mesma igrexa o 18 de xuño de 1854.

Durán Loriga casou con Consuelo Salgado Guitián, coa que tivo seis fillos: Antonio, José, Pilar, Miguel, Consuelo e Carmen. No ano 1886, o matrimonio aparece censado na Praza de María Pita, 17, 1º e no ano 1894, na mesma praza, pero no número 20.

Consideración nacional e internacional

[editar | editar a fonte]
Tumba de Durán Loriga no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

A consideración mostrada pola comunidade matemática internacional cara á figura de Juan Jacobo Durán Loriga queda patente na gran cantidade de amigos que tiña dentro do mundo matemático.

Na súa biblioteca destacan numerosos libros con dedicatorias manuscritas dos seus correspondentes autores. Así mesmo, Durán Loriga publica múltiples traballos en revistas estranxeiras, redactados por el mesmo nas linguas propias dos países nos que serían publicados.

Entre os matemáticos de sona internacional cos que tivo relación, pódese citar a Henri Poincaré e, sobre todo, a Charles Hermite.

Colaborou nas revistas españolas, Gaceta de Matemáticas e Progreso Matemático, e en diversas publicacións estranxeiras. Os seus traballos foron editados por diversas institucións e publicacións españolas, francesas, portuguesas, italianas, belgas, alemáns, holandesas,... Participou nos congresos de Zaragoza e Valencia, da Asociación Española para o progreso das Ciencias e nos da Association Française.

O 25 de decembro de 1904 pronunciou unha conferencia titulada Una conversación sobre Matemáticas, que se celebrou no salón de actos da Reunión de Artesáns da Coruña, organizada pola Academia de Belas Artes; a conferencia tivo unha importante repercusión social e a prensa fíxose eco, ofrecendo varios reportaxes sobre ela. Nesta conferencia, Durán Loriga fixo unha alegación a favor das mulleres matemáticas, citando á Marquesa de Châtelet, Marie-Sophie Germain, Maria Gaetana Agnesi e Sofia Kovalewska.

Foi membro da Real Academia de Ciencias de Madrid, socio fundador da Sociedad Matemática Española, Societé Mathematique de France, Associatión Française por l’avancement des Sciences, Circolo Matemático di Palermo, Sociedade Científica Antonio Alzate (México), Profesor honorario do Real Instituto de Lisboa Profesor honorario da Universidade de Tempio (Italia).

Foi nomeado académico da Real Academia Galega en xullo de 1910, e chegou a entregar o seu discurso de ingreso mais non puido tomar posesión ao falecer o 3 de decembro de 1911[1].

  • Tablas balísticas para el tiro directo. A Coruña, 1886.
  • Tablas balísticas para el tiro curvo. A Coruña, 1887.
  • Teoría elemental de las formas algebraicas. Segovia, 1889.
  • Tres capítulos de geometría superior. A Coruña, 1891.
  • Nota matemática sobre las funciones simétricas simples (suma de potencias) de las raíces de una ecuación. El Progreso Matemático, tomo II, páxs. 221-223. 1892.
  • Nota matemática sobre las progresiones. El Progreso Matemático tomo IV, páxs. 33-37. 1894.
  • Nota sobre el triángulo. El Progeso Matemático, tomo IV, páxs. 313-316. 1894.
  • Breve nota matemática sobre el triángulo. El Progreso Matemático, tomo V, páxs. 70-73. 1895.
  • Sobre la potencia del triángulo. El Aspirante, 1896.
  • Sur les cercles radicaux. Journal de mathématiques élémentaires, 1896.
  • Seconde note sur les cercles radicaux et anti-radicaux. Journal de mathématiques elementaires, 1897.
  • Notes de Geometrie. Congreso de Saint-Etienne, 1897.
  • Sur les cercles remarquables du triangle. Congreso de Nantes, 1898.
  • Notas Matemáticas. El Progreso Matemático, ano II, páxs. 121-127. 1900.
  • Charles Hermite. Le Matematiche pure ed applicate, anno I, num. 2. 1901.
  • Sui parametri della equacione del cerchio in coordinate baricentriche. Le Matematiche pure ed applicate, anno I, num. 4-5. 1901.
  • Sopra una trasformacione per rette isobariche. Le Matematiche pure ed applicate, tomo II, núm. 6-7. 1902.
  • Sur les triangles isogonologiques. Congreso de Montauban, 1902.
  • Las medianas isogonales y los puntos ciclomedianos. Gaceta de Matemáticas elementales, ano II, núm. 5. 1904.
  • Una conversación sobre la Matemática. A Coruña, 1905.
  • Sobre los residuos cuadráticos. Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, tomo V, núm. 2. 1906.
  • Nota necrológica acerca del matemático belga José María de Tilly. Gaceta de Matemáticas Elementales, 1906.
  • Nota necrológica acerca del matemático francés G. de Longchamps. Gaceta de Matemáticas Elementales, 1906.
  • Sobre una transformación geométrica. Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, tomo VI, núm. 6. 1907.
  • La Enseñanza de la matemática. Congreso de Zaragoza, 1908.
  • Notas de Geometría. Congreso de Zaragoza, 1908.
  • El vocabulario de las voces técnicas matemáticas. Congreso de Zaragoza, 1908.
  • Sobre un problema de física. Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, 1909.
  • Sobre un problema de física (segunda parte). Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas Físicas y Naturales de Madrid, 1910.
  • Sobre el estudio de las funciones elípticas. Congreso de Valencia, 1910.
  • Notas Matemáticas. Congreso de Valencia, 1910.
  • Sursum Corda. Revista de la Sociedad Matemática Española, tomo I, páxs. 21-25. 1911.
  • Un artículo bibliográfico y varias disgresiones. Revista de la Sociedad Matemática Española, tomo I, páxs. 131-138. 1911.
  • Sobre una curva transcendente, generalización de la tractriz de Leibniz. A Coruña, 1911.
  • "Discurso que el Sr. D. Juan Jacobo Durán Loriga tenía escrito y dispuesto para su recepción como académico de número". Boletín da Real Academia Galega (56): 184–200. 1911. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2023. Consultado o 21 de setembro de 2022. 

Curva de Durán Loriga

[editar | editar a fonte]
Curva de Durán Loriga.

En 1909 Durán Loriga presentou o artigo "Sobre un problema de Física”, onde propón a resolución dun problema que xorde no ámbito familiar. Relatouno do seguinte xeito no discurso preparado para a súa entrada na Real Academia Galega:

Hai aproximadamente un par de anos, unha vez rematada a cea en familia, dispúñase unha das miñas fillas a apagar un dos focos da lámpada do comedor, de intensidade de 16 buxías, para deixar só os tres de cinco que formaban os vértices dun triángulo equilátero, do que o centro era o primeiro; aínda que por esta vez ocorréuselle preguntarme se prefería apagar o do centro ou os outros tres.

Durán Loriga trata de atopar o lugar xeométrico dos puntos do plano que reciben a mesma luz dos tres primeiros focos que do foco central e obtén unha curva de forma parecida á dun trevo, e cuxo nome científico é "Cuártica de clase 12 e xénero 3, bitanxente á recta do infinito nos puntos cíclicos, con 24 puntos de inflexión e 24 tanxentes dobres".

A curva descuberta por Durán Loriga chamou a atención dalgúns matemáticos estranxeiros, coma o profesor Lerch, de Praga, Retali e Gomes de Teixeira. Nesa época a teoría de cuárticas distaba moito de estar rematada, aínda que xa traballaran nela matemáticos do mérito de Euler, Plücker e Zeuthen.

Efemérides

[editar | editar a fonte]

Centenario do seu nacemento

[editar | editar a fonte]

O 3 de decembro de 1954 celebrouse, no Pazo Municipal, un acto conmemorativo do primeiro centenario do seu nacemento presidido polo Gobernador Civil e no que participan diversas autoridades civís, militares, culturais e educativas.

O reitor da Universidade de Santiago, Luis Legaz Lacambra, propuxo a creación dun premio para investigacións científicas, co nome do ilustre matemático.

Por indisposición do catedrático Ramón María Aller Ulloa, encargouse de facer unha descrición científica de Durán Loriga, o profesor de Ciencias da Universidade de Santiago, Enrique Vidal Abascal.

Sesquicentenario (150 anos) do seu nacemento

[editar | editar a fonte]

Para celebrar esta efeméride, o Club Matemático Durán Loriga -coordinado polos profesores do IES Otero Pedrayo, Santiago López Arca e Gonzalo Temperán Becerra-, xunto con outras entidades locais: AGAPEMA, Biblioteca Municipal de Estudos Locais e Forum Metropolitano, organizaron unha serie de actividades[Cómpre referencia]:

  • Exposición: Juan Jacobo Durán Loriga, matemático coruñés.
  • Conferencia do profesor da Universidade de Zaragoza, Mariano Hormigón Blánquez, titulada: Durán Loriga y la matemática de su tiempo.
  • Conferencia do Profesor Ricardo Moreno Castillo do Instituto Gregorio Marañón de Madrid e da Facultade de Matemáticas da Universidade Complutense de Madrid.

Autores que estudaron a súa vida e obra

[editar | editar a fonte]
  • Heliodoro Gallego Armesto (1872-1934), matemático e xeógrafo, autor dun traballo titulado Don Juan Jacobo Durán Loriga (Santiago, 1920).
  • David Fernández Diéguez (1875-1936), catedrático de matemáticas de Ensino Medio coruñés, que escribiu un traballo titulado Don Juan Jacobo Durán Loriga, na Revista da Sociedade Matemática Española (1912).
  • Ricardo Mariño Caruncho (1912-2003), matemático da Universidade da Laguna, autor de Estudio Genealógico sobre Durán Loriga e tiña, en preparación, Vida e obra de Durán Loriga.
  • Ricardo Moreno Castillo (1950-) , matemático e filósofo, que fixo a súa tese de doutoramento en filosofía sobre Pensamento matemático galego, onde fai un estudo pormenorizado da obra de Duran Loriga.
  • Santiago López Arca e Gonzalo Temperán Becerra, coordinadores do Club Matemático Durán Loriga, autores da exposición: Durán Loriga, matemático coruñés(2000) e editores do boletín de divulgación matemática DOUSPIERRE, onde se fai un seguimento da vida e obra de Durán Loriga.
  • Eduardo L. Ortiz, profesor emérito do Departamento de Matemáticas no Imperial College London, especialista en Hstoria da Ciencia, que pronunciou o 24 de novembro de 2001 unha conferencia na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago co título Durán Loriga e a integración de España nas redes inlernacionais de investigación matemática: 1890-1910 [2].
  1. Durán Loriga, Juan Jacobo (2017). [Sobre a matemática]. Real Academia Galega. 
  2. Año Internacional de las Matemáticas

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]