Saltar ao contido

José Altafini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé Altafini

(1974) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento24 de xullo de 1938 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Piracicaba, Brasil Editar o valor en Wikidata
Outros nomesMazzola Editar o valor en Wikidata
Altura176 cm Editar o valor en Wikidata
Peso77 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista (–1980), experto comentarista deportivo, comentarista deportivo, actor de dobraxe Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1954 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaBrasil
Italia Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1954–1956 Esporte Clube XV de Novembro 30(2)
1956–1958 SE Palmeiras 114(89)
1958–1965   A.C. Milan 205(120)
1965–1972   SSC Napoli 180(71)
1972–1976 Juventus FC 74(25)
1976–1979 FC Chiasso 60(18)
1979–1980 FC Mendrisio 20(11)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1957–1958   Brasil 8(4)
1961–1962   Italia 6(5)
Participou en
1962Mundial de Fútbol Chile 1962
xuño de 1958Mundial de Fútbol Suecia 1958 Editar o valor en Wikidata

Discogs: 3481829 FIFA: 174341 UEFA: 75253 Editar o valor en Wikidata

José João Altafini, nado en Piracicaba, São Paulo o 24 de xullo de 1938, é un exfutbolista brasileiro, de ascendencia italiana. Coñecido nos seus inicios no Brasil como Mazzola, debido á súa semellanza co centrocampista Valentino Mazzola, xogaba como dianteiro e tras militar no XV de Piracicaba e no Palmeiras, aos 20 anos deu o salto ao fútbol europeo, fichando polo Milan. Co club lombardo gañou varios títulos, entre eles a Copa de Europa na tempada 1962/63, na que anotou 14 goles, establecendo unha marca que estivo vixente durante máis de medio século ata que foi superada en 2014 por Cristiano Ronaldo.

Despois de sete anos no Milan, xogou outros sete no Napoli e catro na Juventus, antes de rematar a súa carreira no fútbol suízo. Prolífico goleador, é o cuarto máximo anotador da historia da Serie A, con 216 goles, os mesmos que Giuseppe Meazza e só superado por Piola, Totti e Nordahl.

Foi internacional coas seleccións do Brasil e de Italia, sendo un dos poucos futbolistas que participaron en dúas Copas do Mundo con dúas seleccións diferentes. Disputou o Mundial de 1958 cos brasileiros, proclamándose campión, e o de 1962 co equipo italiano. Trala súa retirada traballou como comentarista na televisión italiana.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Comezos no Brasil

[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia moi pobre, sendo fillo de Gioacchino Altafini e Maria Marchesoni, ambos italianos emigrados ao Brasil.[1] Xa aos nove anos alternaba a escola co traballo, ata que conseguiu o título de mecánico nun instituto profesional. Deu as súas primeiras patadas no XV de Piracicaba, equipo da súa cidade natal que presidía Mario Dedini, o dono do taller mecánico no que traballaba.[2] Por aquel entón era coñecido como Cuíca.[3]

En xullo de 1955 incorporouse aos equipos xuvenís do Palmeiras de São Paulo, equipo de tradición italo-brasileira, grazas á mediación de Idílio Gianetti.[2] Na sede do club estaba colocada unha foto do Grande Torino e, observando o parecido do rapaz co falecido Valentino Mazzola, recibiu o alcume de Mazzola.[3]

O 29 de xaneiro de 1956 debutou co primeiro equipo da man do adestrador Aymoré Moreira, entrando na segunda metade dun partido amigable ante o Catanduva. Marcou os dous goles do seu equipo, que perdeu 4-2,[4] establecendo así a marca aínda vixente de goleador máis novo da historia do club, con 17 anos, 6 meses e 5 días.

Coa camiseta do Palmeiras xogou dous Campionatos Paulistas (1956 e 1957), marcando 32 goles en 63 partidos. Marcou en total 90 goles en 126 partidos co club,[3] o que dá unha media de 0,71 goles por partido, un dos coeficientes máis altos da historia do club. Destacou especialmente na campaña 1957, na que anotou un total de 43 goles,[5] cinco deles nun mesmo partido ante o Noroeste (5-2). O 6 de marzo de 1958, foi, con dous goles, un dos protagonistas do histórico partido ante o Santos de Pelé, Pepe e Zito, no Torneo Río-São Paulo, que rematou con vitoria santista por 7-6.[4]

De cara ao Mundial de 1958 en Suecia, xogou e marcou nalgúns amigables preparatorios da selección brasileira en Italia, ante a Fiorentina e o Inter de Milán. Así, foi descuberto polos directivos do Milan, que o adquiriron por 135 millóns de liras.[6]

No equipo milanés, ao que chegou con só vinte anos, confirmou as súas habilidades como goleador na Serie A. Na súa primeira tempada no club fixo 28 goles en liga, sendo o segundo máximo anotador do campionato, só superado polos 33 de Angelillo. Mantívose entre os máximos goleadores nas seguintes tempadas, ata que se proclamou capocannoniere na 1961/62, empatado con Aurelio Milani a 22 goles. O 27 de marzo de 1960 converteuse no primeiro e único futbolista en marcar catro goles nun derbi de Milán, nun partido ante o Inter que rematou 5-3 a favor dos rossoneri.[7] O 12 de novembro de 1961 marcoulle outros catro goles á Juventus.[8]

En sete tempadas en Milán gañou dous títulos de liga (1958/59 e 1961/62) e a Copa de Europa 1962/63, a primeira na historia para un club italiano, rompendo así a hexemonía ibérica no torneo.[9] Tivo unha destacada actuación no torneo continental, anotando 14 goles, marca que non foi superada ata a tempada 2013/14, cando o conseguiu Cristiano Ronaldo, con 17 tantos.[10] Cinco dos goles conseguiunos nun mesmo partido, a vitoria por 8-0 contra o Union Luxembourg. Con todo, a súa actuación máis lembrada foi a da final no estadio de Webley, onde marcou os dous goles do seu equipo ante o Benfica de Eusébio, dándolle así o título ao Milan (2-1).[9]

En 1965, debido a polémicas con Amarildo e Paolo Ferrario,[11] deixou o Milan e fichou polo Napoli, onde xogou durante os seguintes sete anos, formando nos tres primeiros un destacado dúo co italo-arxentino Omar Sívori. Marcou un total de 97 goles co equipo napolitano en partidos oficiais,[12] incluído un de chilena nun partido contra o Torino.[13] Foi o máximo goleador do equipo en seis das sete tempadas que vestiu a camiseta azul, e os seus tantos contribuíron ao subcampionato de liga na tempada 1967/68, o mellor resultado da historia do club naquel entón.

No verán de 1972, con 34 anos, fichou pola Juventus xunto co seu compañeiro Dino Zoff. Malia a súa idade e a comezar como suplente dos titulares Pietro Anastasi e Roberto Bettega, acabou por ter un papel protagonista en Turín, e gañou dous títulos máis da Serie A, nas tempadas 1972/73 e 1974/75. Tamén contribuíu á consecución da Copa de Europa en 1973, a primeira na historia do club piemontés, marcando un gol en cuartos de final ante o Újpesti Dózsa húngaro, e dous tantos nas semifinais contra o Derby County inglés. Da súa militancia coa camisola branca e negra, lémbrase, en especial, o gol marcado en 1975 contra o seu exequipo, o Napoli, cando ambos conxuntos loitaban polo título. A Juventus acabou conquistando a liga, e Altafini pasou a ser alcumado pola afección napolitana core 'grato (corazón ingrato).[14][15]

Marcou un total de 216 goles na Serie A, ocupando o cuarto posto na lista de máximos goleadores da competición, só por detrás de Piola, Totti e Nordahl, e empatado con Giuseppe Meazza.[16] Ademais os seus 459 partidos na máxima categoría son a terceira cifra máis alta para un xogador nacido fóra de Italia, sendo só superado por Javier Zanetti e Samir Handanović.

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

Despois da súa longa etapa italiana, mudouse ao Canadá para xogar no Toronto Italia, equipo da National Soccer League. Co club de Toronto foi campión da tempada regular do campionato de 1976 pero perdeu a final ante o First Portuguese.[17]

De volta a Europa, fichou polo Chiasso suízo, que militaba na Segunda División do país. Grazas en parte aos seus goles, o equipo conseguiu o ascenso á Superliga. Xogou un ano máis co Chiasso na máxima categoría suíza, antes de rematar a súa carreira en 1980, aos 42 anos de idade, e despois dun cuarto de século como futbolista profesional, no Mendrisiostar, equipo da segunda división suíza.

Seleccións nacionais

[editar | editar a fonte]
Altafini co presidente brasileiro Lula, con motivo do 50º aniversario do primeiro título mundial da selección brasileira. Na camiseta, o seu histórico alcume, Mazzola.

O 16 de xuño de 1957, aos 18 anos e 327 días, debutou coa selección do Brasil, marcando un gol contra Portugal.[18] Os días 7 e 10 de xullo contribuíu á vitoria da súa selección na Copa Roca, xunto co debutante Pelé, marcando un gol máis.[18]

Disputou o Mundial de 1958 en Suecia, onde foi o segundo xogador máis novo da selección brasileira, despois de Pelé. Debutou no torneo no primeiro partido da canarinha, contra Austria, marcando dous goles. Tres días despois xogou contra Inglaterra, pero lesionouse e perdeu o seguinte partido. Regresou para os cuartos de final ante Gales, pero nas semifinais e na final, o adestrador Vicente Feola elixiu a Vavá no seu lugar, polo que tivo que ver dende o banco o triunfo dos seus compañeiros, que conquistaron o primeiro Mundial para o Brasil.[4]

Inmediatamente despois da Copa do Mundo, mudouse a Italia, polo que perdeu as opcións de volver ser convocado coa selección brasileira, que por aquel entón só convocaba a futbolistas que xogaban no propio país.

Grazas á súa ascendencia italiana, nacionalizouse facilmente, e en 1961 debutou coa selección italiana nun partido contra Israel, marcando un gol. Formou parte do equipo italiano no Mundial de 1962 en Chile, converténdose nun dos poucos futbolistas en participar en dúas Copas do Mundo con dúas seleccións diferentes, cousa que ata entón só fixeran Luis Monti e Attilio Demaria, e que en Chile farían tamén Puskás e Santamaría. Alí foi titular nos primeiros dous partidos, incluída a chamada Batalla de Santiago, a violenta derrota ante Chile que acabou deixando a Italia fóra na fase de grupos.

A responsabilidade da eliminación da azzurra foi atribuída indistintamente aos oriúndos (futbolistas de ascendencia italiana nacidos fóra do país), de xeito que o italo-brasileiro Altafini non volveu ser convocado, malia a contar só con 24 anos.

Despois da retirada

[editar | editar a fonte]

A partir dos anos 80 traballou como comentarista e analista de televisión diferentes canles como TMC, TELE +, Sky Sport, Rai Sport e Gazzetta TV. De 2001 a 2006, xunto con Fabio Santini, dirixiu o programa de radio Mai visto alla radio na emisora RTL 102.5 e despois, durante outros dous anos, o programa Cuore e batticuore xunto con Valeria Benatti.

Prestou a súa voz, xunto coa de Pierluigi Pardo, para os comentarios en italiano dos videoxogos de fútbol PES 2009, PES 2010 e PES 2011. En 2009, en colaboración con Pierluigi Pardo, publicou o libro Incredibile amici! - cuxo título fai referencia a unha das súas frases recorrentes durante as retransmisións.

En 2011 participou na dobraxe da versión italiana da película de animación Rio, na que interpreta a voz do bulldog Luiz. Realizou tamén a dobraxe na secuela, Rio 2, interpretación que lle valeu o premio Leggio d'oro como voz revelación en debuxos animados".[19]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

A finais dos anos 60, Altafini foi protagonista dun asunto amoroso que tivo un amplo eco na prensa rosa. O xogador, xa casado cunha moza brasileira naquel momento, namorouse de Annamaria Galli, esposa do seu compañeiro no Milan e no Napoli Paolo Barison. A muller, nai dos tres fillos do lateral esquerdo,[20] foi vivir con Altafini, deixando o seu marido. Isto causou un gran balbordo nunha Italia na que aínda non existía o divorcio.[21] Finalmente Altafini e Galli casaron en 1973.[22]

  1. "Nenhum brasileiro foi maior que José Altafini na Itália" (en portugués). Abril de 2010. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "Altafini, precursore del mercato di oggi: lo zio procuratore e i cambi di maglia" (en italiano). 28 de maio de 2021. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Mazzola". Sociedade Esportiva Palmeiras (en portugués). Consultado o 11 de abril de 2022. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Mazzola se despedia do Parque Antártica há exatamente 55 anos". Sociedade Esportiva Palmeiras (en portugués). 16 de abril de 2013. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  5. "Listas e Rankings". Sociedade Esportiva Palmeiras (en portugués). Consultado o 11 de abril de 2022. 
  6. "Milan, 115 anni di storia". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 15 de decembro de 2014. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  7. "Gol, emozioni e record del derby lungo un secolo". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 12 de febreiro de 2009. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  8. "Italy 1961/62". rsssf.com (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2022. 
  9. 9,0 9,1 "22 maggio 1963: il Milan conquista la prima Coppa dei Campioni. La favola dell'Abatino e del Coniglio". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 20 de maio de 2013. Arquivado dende o orixinal o 7 de xuño de 2013. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  10. "Cristiano Ronaldo deja en 17 goles su récord de la Champions League" (en castelán). 24 de maio de 2014. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  11. V.V. A.A. (18 de xullo de 1965). "Altafini". Il Calcio e il Ciclismo Illustrato (en italiano): 6. 
  12. "Successo azzurro al Friuli. Gol di insigne su rigore e di Bakayoko al 90esimo" (en italiano). 10 de xaneiro de 2021. Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2021. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  13. NapoliTube (7 de marzo de 2011). Napoli - Torino 2-2, serie a 1967-68 (YouTube). 
  14. "Juventus-Napoli: ecco perché Altafini divenne “core ‘ngrato”" (en italiano). 5 de abril de 2021. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  15. "Altafini: Napoli, non sono mai stato core ngrato" (en italiano). 19 de decembro de 2021. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  16. "Italy - All-Time Topscorers in Serie A". rsssf.com (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2022. 
  17. "1976 Season". thecnsl.com (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2022. 
  18. 18,0 18,1 "Seleção Brasileira (Brazilian National Team) 1957-1958". rsssfbrasil.com (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2022. 
  19. "Leggio d'oro 2014". antoniogenna.net (en italiano). Consultado o 11 de abril de 2022. 
  20. "Oggi l'estremo saluto a «Paolone» Barison" (PDF). l'Unità (en italiano). 20 de abril de 1979. p. 12. Consultado o 11 de abril de 2022. 
  21. "Da Sollustro alla lettera di lady Schilaci lacrime e soldi dietro i divorzi del pallone". Corriere della Sera (en italiano). 31 de outubro de 1992. p. 39. 
  22. "Per Altafini e Annamaria viaggio di nozze in Brasile". La Stampa (en italiano). 27 de xuño de 1973. p. 16. Consultado o 11 de abril de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]