Saltar ao contido

IES Monelos

IES Monelos
O Edificio coa aparencia antiga, no 2001
Enderezo
Rúa Montes, A Coruña
Datas
Creación1966
Apertura1969
Edificio actualsi
Educación
EnsinanzasEducación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato
Xestión
TipoPúblico
Xunta de Galicia
DirectorAntonio Orosa
Na rede
http://www.edu.xunta.es/centros/iesmonelos/

O Instituto de Ensinanza Secundaria Monelos é un centro de educación secundaria e de bacharelato pertencente á rede pública de institutos da Xunta de Galicia, situado no Barrio de Monelos, na cidade da Coruña.

A súa construción foi prevista durante a ditadura franquista polo Boletín Oficial do Estado do 27 de agosto de 1966, para dar unha liña alternativa como continuación do Instituto Masculino (IES Salvador de Madariaga), e aínda que na actualidade funciona como extensión do CEIP San Francisco Javier, tamén recibe gran parte de alumnos do CEIP Juan Fernández Latorre e estudantes do IES Ramon Otero Pedrayo para o nivel de bacharelato. O Instituto abriu por primeira vez as súas portas o 1 de outubro de 1969 albergando os 5 niveis do antigo bacharelato. Coa denominación orixinal de "Instituto Nacional de Bachillerato" (INB) mudou a Instituto Nacional de Bacharelato Mixto (INBM) na transición, o de Instituto de Bacharelato (IB) tralo traspaso de competencias en materia de educación do Ministerio á Consellería, e finalmente o de Instituto de Educación Secundaria (IES) trala impantación da LOXSE en 1998, actualmente coa LOMCE en vigor segue a se denominar como Instituto de Educación Secundaria. O edificio actual ten tres andares e é o resultado de tres reformas e ampliacións sucesivas. Tamén dispón, separado do edificio principal, dun pavillón polideportivo cuberto.

Nel estudaron persoas de relevancia no mundo da cultura como Manuel Rivas, Xurxo Lobato ou Óliver Laxe e impartiron clases outras como Luz Pozo Garza, Xavier Seoane, Antón Capelán, Mercedes Queixas, Ánxeles Penas ou Xosé Antón Fraga. Neste centro edítase a revista escolar Camiño do Corgo, de edición trimestral dende o ano 1998.

Oferta educativa

[editar | editar a fonte]

No instituto de Monelos impártense todos os cursos da Educación Secundaria Obrigatoria, e ofrece as modalidades de Humanidades e Ciencias Sociais, e a de Ciencias da Natureza e da Saúde para o Bacharelato, dispoñendo habitualmente de dous liñas en cada curso da ESO, e outras dous para cada modalidade do Bacharelato.

Ademais, no centro impártense clases da Escola Oficial de Idiomas polas tardes para alumnos de 3º e 4º da ESO.

Proxecto Defrit

[editar | editar a fonte]

O IES Monelos é o unico instituto de España participante no proxecto europeo DEFRIT. Esta publicación nace no ano 1991 no instituto alemán de Hozlgerlingen, coa intención de publicar un xornal en varias linguas a nivel europeo. Inicialmente os países que fundaron o proxecto foron tres, Alemaña (DE), Francia (FR), e Italia (IT), do que saíu o nome DEFRIT, ao que se uniría en 1992 o Instituto de Monelos, polo que se lle outorgou a letra "E" de Alemaña para simbolizar a España, e quedando libres o R de Francia (que ocuparía posteriormente Romanía) e o T de Italia, aínda sen ocupar.

Actualmente os centros educativos que participan neste proxecto son, por orde de adhesión:

  1. Schönbuch-Gymnasium, Holzgerlingen (Alemaña)
  2. Lycée Jules Supervielle, Oloron-Sainte-Marie (Francia)
  3. Liceo scientifico Federico II de Svevia, Altamura (Italia)
  4. IES Monelos, A Coruña (España)
  5. Sch. 70, Ekaterimburgo (Rusia)
  6. Ÿcoal² Lenau, Timisoara (Romanía)
  7. German Saturday School, Montreal (Canadá)
  8. Deutsche Botschaftsschule, Teherán (Irán)
  9. Broxbourne School, Broxbourne Herts (Inglaterra)

Concurso de Fotografía Xurxo Lobato

[editar | editar a fonte]

Este concurso de fotografía organízao a asociación de exalumnos do instituto, vai destinado a alumnos de ESO e Bacharelato de toda Galicia, especialmente aos alumnos do propio centro. O concurso é de tema libre, cun máximo de tres fotografías presentadas por cada participante.

Comezou no ano 2004, cando ó director do centro e ó fotógrafo e exalumno Xurxo Lobato se lles ocorreu poñer en marcha esta idea co apoio da Deputación da Coruña.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]