Saltar ao contido

Diamante mandarín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diamante mandarín

Parella en Ontario, Canadá.


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Estrildidae
Xénero: Taeniopygia
Especie: T. guttata
Nome binomial
'Taeniopygia guttata'
Reichenbach, 1862

O diamante mandarín (Taeniopygia guttata), tamén coñecido como diamante cebra de Timor[2] ou pimpín cebra, é unha especie de ave paseriforme orixinaria de Australia, característica pola súa plumaxe de suave cor crema e peteiro e patas de forte cor avermellada.[3][4]

Hai dúas subespecies de diamante mandarín: Taeniopygia guttata guttata, de tamaño máis pequeno, que habita desde Indonesia até as costas australianas; e Taeniopygia gutatta castanotis, que se atopa en Australia continental e é de tamaño máis grande.

O diamante mandarín introduciuse tamén nos Estados Unidos e Portugal.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Distribúese polas illas Menores da Sonda, tales como as de Sumba, Flores, Timor e outras de máis reducida dimensión. A subespecie australiana, T. g. castanotis, áchase presente en boa parte do continente, especialmente na rexión seca do interior. Non se atopa nas húmidas selvas chuviosas das zonas costeiras.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

O diamante mandarín é un paxaro moi sociable e é posible velo formando bandadas compostas por parellas cuxo número oscila entre as 25 e 100.

A dispoñibilidade de auga en superficie constitúe un factor crucial na estrutura da súa forma de vida xa que se manteñen o máis preto posible dos puntos nos que se atopa. O diamante mandarín adaptouse moi ben ás terras áridas e que como consecuencia diso é capaz de beber auga cun contido moito máis elevado de sal que a maioría das demais especies. Así mesmo tamén conta coa capacidade de reter a auga cando a maioría dos paxaros elimínana a través dos ouriños, o cal fai posible que esta especie poida resistir durante longos períodos de tempo sen beber.

O diamante mandarín, xunto con outras especies exóticas que conseguen sobrevivir en condicións propias do deserto, bebe mergullando o pico na auga e succionándoa, dun modo parecido ás pombas. Isto permítelles beber con maior rapidez (e abandonar con presteza a charca onde corren o perigo de sufrir un ataque por parte dalgún depredador) e igualmente aproveitar as pequenas pingas depositadas na vexetación, nos recunchos das rocas e noutros puntos que non serían tan fáciles de alcanzar de facer uso de métodos convencionais propios doutros paxaros. O diamante mandarín bebe cara á metade do día mentres que outras especies fano ao amencer ou durante as primeiras horas da mañá.

É unha ave moi bulideira, o seu canto é un forte "beep", moi parecido a cando se fai soar un patito de goma, que soando repetidamente conforma unha canción con certo grao de complexidade. Cada ave ten un canto distinto, aínda que diamantes da mesma liña sanguínea exhibirán cantos parecidos.

O diamante mandarín macho comezará a cantar na puberdade. O seu canto partirá como algúns sons soltos, pero a medida que crecen vaise perfeccionando. Durante ese proceso irá aprendendo sons da súa contorna, moitas veces usando o canto do seu pai ou doutros machos como inspiración.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Nas rexións áridas do interior de Australia a choiva non ten carácter estacional, como sucede no caso nas zonas costeiras, e resulta totalmente impredicible cando aparecerá. Como resultado desta situación, o diamante mandarín vese condicionado pola meteorología en canto ao seu ciclo de cría e debido a tal circunstancia comeza a construír o seu niño axiña que empeza a chover. Este ciclo áchase tan ligado ás precipitacións que a especie pode chegar a ter dúas ou tres postas nun ano ou pola contra non realizar ningún se non chega a choiva. O vínculo que une á parella é forte, e crese que se establece para toda a vida ata que un dos dous morre, nese caso o que sobrevive buscará un novo compañeiro.

Nas áreas de Australia en que as condicións climatolóxicas son menos rigorosas, a cría máis regular e ten lugar xeralmente ao longo de todo o ano coa soa excepción dos meses máis fríos do inverno.

Construción do niño

[editar | editar a fonte]

As choivas darán lugar a que fagan a súa aparición as plantas gramíneas coas que se alimenta o diamante mandarín, e tamén moitos insectos, por cuxo motivo non perde tempo e procede a construír o seu niño. Púidose observar que naqueles lugares en que a dispoñibilidade de auga é máis segura ao longo de todo o ano, é a femia en solitario a que constrúe o niño mentres que o macho leva a cabo o labor de transportar os materiais.

Con todo, tratándose da parte interna, ambos contribúen ao seu acabado, o cal indubidablemente se debe á necesidade de imprimir certa celeridade ao ciclo de cría. Os puntos elixidos para instalar o niño varían considerablemente e o mesmo ocorre coa súa calidade. Ante todo, o maior grao de preferencia inclínase polos arbustos espesos pero convén sinalar que o diamante mandarín instalarao en calquera lugar que estime apropiado, incluído o chan entre a herba. Tamén pode ocorrer que se decida por antigos niños doutros paxaros, ocos existentes nas árbores, termiteoros, postes e inclusos grandes niños constituídos por ramallada e previamente ocupados por aves de presa.

A parte externa do niño áchase formada por poliñas ou raíces que derivan cara a outras de tipo máis suave e de menor dimensión a medida que se van achegando ao momento en que terá lugar a cría dos pitos, o cal se acha recuberto de plumas, anacos de herba, pelos de coello e calquera outro material que a parella poida conseguir. O niño pode estar rematado por unha cúpula pero tamén poida que careza de cuberta e certamente podemos dicir que non responde á bela estrutura que caracteriza o das especies de auténticos teceláns.

O número de ovos dunha posta pode estar entre os 3 e os 7. Son de cor branca puro e o seu tamaño é así mesmo variable, mesmo dentro dunha mesma posta, pero o seu tamaño medio rolda os 15 mm.

Incubación

[editar | editar a fonte]

Os ovos son incubados por ambos os proxenitores que os incuban por quendas de aproximadamente unha hora e media. Cada un deles abandona o niño ao ouvir o canto de chamada da súa parella cando esta se aproxima e deste xeito a substitución non ten lugar no interior. Durante a noite, en cambio, ambos os paxaros permanecen dentro. A incubación xeralmente iníciase unha vez que foi posto o cuarto ovo e dura entre 12 e 15 días, o cal depende da temperatura reinante.

Emancipación

[editar | editar a fonte]

Os novos pitos crecen con moita rapidez, xeralmente áchanse en condicións de abandonar o niño ao alcanzar as tres semanas de idade. Regresan con todo de forma continuada para pasar a noite xunto aos seus pais que osseguen alimentando ata que teñen dez días máis, en cuxo momento xa son plenamente independentes.

No devandito instante poden abandonar o niño para buscar o seu propio lugar no que poder pasar a noite ou tamén cabe que utilicen o niño dos seus pais se a femia decide que querería un novo para a súa próxima posta.

Os exemplares novos de diamante mandarín comezan a súa muda ao chegar á idade de 8-9 semanas e finaliza despois de que transcorra un período de 4-7 semanas, o cal supón que se achan en condicións de cría no ámbito silvestre tras cumprir os tres meses aproximadamente.

Sociabilidade

[editar | editar a fonte]

O diamante mandarín é extremadamente sociable e diso teñen clara percepción os que integran unha comunidade. Visítanse mutuamente nos seus niños sen que xurda ningún problema pero non toleran a presenza doutros exemplares da súa mesma especie se proveñen doutra comunidade. Mostran gran valentía na defensa dos seus niños contra os membros doutras especies, mesmo aqueles que cabe que sexan de tamaño algo maior que eles.

Son moi cautos e non permiten que as persoas se lles acheguen a distancias moi curtas como no caso doutros paxaros. Adaptáronse, con todo, á vida urbana e é posible atopalos ao redor de moitos asentamentos humanos, onde se aproveitan en forma plena dos cultivos agrícolas e da dispoñibilidade de auga.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

As gramíneas constitúen a base da dieta do diamante mandarín. As súas sementes son recollidas no chan ou ben picoteadas en voo directamente da planta e non se sabe de ningún caso no que se aferrasen a elas como é habitual en moitas outras especies. Consomen as sementes tanto de plantas nativas como introducidas e tamén inxiren un reducido número de diversos insectos, incluídos os térmites. Poden comer anacos de cenoria, mazá e tamén leituga. Deben tomar auga todos os días, porque se lles falta só un día, morren por deshidratación.

  1. BirdLife International (2012). "Taeniopygia guttata". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. De Juana, E; Del Hoyo, J; Fernández-Cruz, M; Ferrer, X; Sáez-Royuela, R; Sargatal, J (2010).
  3. Clayton, N.S.; Birkhead, T. (1989). "Consistency in the Scientific Name of the Zebra Finch" (PDF). Auk 106: 750–750. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xullo de 2012. Consultado o 08 de setembro de 2015. 
  4. "Pinzón Cebra (Taeniopygia guttata) (Vieillot, 1817)". avibase. Consultado o 12 de marzo de 2013.