Saltar ao contido

Combustible

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antracita

Un combustible ou combustíbel[1] é calquera substancia que reacciona co osíxeno de forma violenta, con produción de calor, chamas e gases. Supón a liberación dunha enerxía da súa forma potencial a unha forma utilizable (por ser unha reacción química, que se coñece como enerxía química). En xeral trátase de algo susceptible de queimarse, pero hai excepcións que se explican a continuación.

Hai varios tipos de combustibles. Entre os combustibles sólidos inclúense o carbón, a madeira e a turba. O carbón quéimase en caldeiras para quentar auga que pode vaporizarse para mover máquinas a vapor ou directamente para producir calor utilizable en usos térmicos (calefacción). A turba e a madeira utilízanse principalmente para a calefacción doméstica e industrial, inda que a turba se utilizou para a xeración de enerxía: as locomotoras que empregaban madeira como combustible eran comúns no pasado.

Entre os combustibles fluídos, áchanse os líquidos como o gasóleo, o queroseno ou a gasolina (ou nafta) e os gasosos, como o gas natural ou gas licuado de petróleo (GLP), representados polo propano e o butano. As gasolinas, gasóleos e ata os gases, úsanse para motores de combustión interna.

Inda que pouco utilizado, é tamén combustible o hidróxeno, e amais é limpo, pois ó combinarse co osíxeno deixa como residuo vapor de auga.

Nos corpos dos animais, o combustible principal está constituído por carbohidratos, lípidos, proteínas, que proporcionan enerxía para os músculos, o crecemento e os procesos de renovación e rexeneración celular.

Impropiamente chámase tamén combustibles ás substancias empregadas para producir a reacción nuclear no proceso de fisión, cando este proceso non é propiamente unha combustión.

Tampouco é propiamente un combustible o hidróxeno, cando se utiliza para proporcionar enerxía (e en grandes cantidades) no proceso de fusión nuclear, no que se funden atomicamente dous átomos de hidróxeno para converterse nun de helio, con gran liberación de enerxía. Este medio de obter enerxía non foi dominado inda polo ser humano (máis ca na súa forma máis violenta, a bomba nuclear de hidróxeno, coñecida como Bomba H) pero no universo é común posto que é a fonte de enerxía das estrelas.

Os combustibles fósiles son mesturas de compostos orgánicos mineralizados que se extraen do subsolo co obxecto de producir enerxía por combustión. A orixe deses compostos son seres vivos que morreron fai millóns de anos. Considéranse combustibles fósiles ó carbón, procedente de bosques do período carbonífero, o petróleo e o gas natural, procedentes doutros organismos.

Características

[editar | editar a fonte]

A principal característica dun combustible é o seu poder calorífico, ou as quilocalorías desprendidas pola combustión completa dun quilogramo do combustible.

Táboa dos Elementos máis utilizados como combustibles

Combustible kcal/kg
Acetileno 11.600 kcal/kg
Propano
Gasolina
Butano
11.000 kcal/kg
Gasóleo 10.200 kcal/kg
Fuel-oil 9.600 kcal/kg
Antracita 8.300 kcal/kg
Coque 7.800 kcal/kg
Alcohol de 95º 6.740 kcal/kg
Lignito 4.800 kcal/kg
Turba 4.700 kcal/kg
Hulla 4.000 kcal/kg
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Combustible.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]