Chuck Palahniuk
(2018) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de febreiro de 1962 (62 anos) Pasco, Estados Unidos de América (pt) |
Relixión | Ateísmo |
Educación | Universidade de Oregón |
Actividade | |
Campo de traballo | Actividade literaria, Prosa, literatura científica (pt) , xornalismo, vehicle design (en) e oficina mecânica (pt) |
Lugar de traballo | Portland |
Ocupación | escritor, ensaísta, guionista, xornalista, novelista, escritor de ciencia ficción |
Período de actividade | 1996 - |
Xénero artístico | Ficción, literatura de ficción, literatura de terror e sátira |
Movemento | Realismo sucio |
Influencias | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Sitio web | chuckpalahniuk.net |
|
Charles Michael Chuck Palahniuk, nado en Pasco (Washington) o 21 de febreiro de 1962,[1], é un novelista satírico estadounidense e periodista independente, residente en Portland (Oregón). É famoso pola súa galardoada novela Fight Club, que posteriormente David Fincher adaptou ao cine co título homónimo de Fight Club. A súa obra, similar en estilo á de Bret Easton Ellis, Irvine Welsh ou Douglas Coupland, fixo del un dos novelistas máis populares da Xeración X.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Carol e Fred Palahniuk (pronunciado Pôlənĭk), creceu coa súa familia nunha casa móbil en Burbank (Washington). Tralo divorcio dos seus pais, decote ía xunto cos seus tres irmáns a vivir cos seus avós no seu rancho gandeiro do leste de Washington[2].
Palahniuk graduouse en 1986 na Escola de Periodismo da Universidade de Oregón. Na súa etapa de estudante fixo as prácticas coa cadea de radio KLCC da National Public Radio en Eugene. Pouco despois trasladouse a Portland. Tras escribir para o periódico local durante un breve período, traballou como mecánico na compañía de camións Freightliner, onde permaneceu até que se lanzou a súa carreira literaria. Durante ese tempo escribiu manuais sobre reparación de camións e traballou unha breve temporada como periodista, ocupación á que non regresou até converterse nun novelista de éxito. Tras asistir informalmente a un seminario introdutorio gratuíto impartido pola organización Landmark Education, Palahniuk abandonou o traballo como periodista en 1988[3]. Palahniuk realizou traballos voluntarios nun albergue para persoas sen fogar; máis tarde, tamén colaborou nun hospicio como acompañante, proporcionando transporte para enfermos en fase terminal e levándoos a reunións de grupos de apoio. Deixou os traballos sociais trala morte dun paciente co que trabara amizade[4].
Palahniuk converteuse tamén en membro da rebelde Cacophony Society. É un participante habitual nos seus acontecementos, incluíndo o SantaCon (unha festa de Nadal pública que inclúe bromas e borracheiras) que se celebra anualmente en Portland. A súa participación na Cacophony Society inspirou algúns dos sucesos dos seus libros, tanto ficticios como reais[4]; de feito, a Cacophony Society é a base do Mayhem Project en Fight Club.
Palahniuk comezou a escribir ficción cando tiña máis de trinta anos, acudindo a obradoiros impartidos por Tom Spanbauer, aos que inicialmente asistiu para facer novas amizades. Spanbauer inspirou en boa medida o estilo minimalista de Palahniuk. O seu primeiro libro, Insomnia: If You Lived Here, You'd Be Home Already, nunca foi publicado debido á súa desilusión coa historia, se ben rescatou unha pequena parte e usouna en Fight Club. Cando intentou publicar a súa seguinte obra, Invisible Monsters, os editores rexeitárona por ser demasiado perturbadora. Isto levouno a escribir a súa novela máis coñecida, Fight Club, co obxecto de intentar perturbar o editor mesmo máis para que a rexeitase. Palahniuk escribiu esta historia no seu tempo libre mentres traballaba para Freightliner. Tras aparecer inicialmente como unha historia curta na recompilación Pursuit of Happiness (que sería o capítulo 6), Palahniuk ampliouna a unha novela, que, en contra das súas expectativas, o editor estivo disposto a publicar[5]. Aínda que a primeira edición recibiu críticas positivas e algúns premios, estivo pouco tempo á venda. Porén, o libro abriuse camiño até Hollywood, onde David Fincher completou a película Fight Club en 1999. Foi un fracaso nos cines, aínda que ocupou o primeiro posto de recadación na súa primeira fin de semana de exhibición nos Estados Unidos, pero converteuse axiña en película de culto tras ser lanzada en DVD. A novela foi reeditada varias veces en edición de peto: en 1999, en 2004 (cun novo prólogo do autor sobre o éxito da adaptación cinematográfica) e en 2005 (cun epílogo de Palahniuk).
En 1999 publicouse unha versión revisada de Invisible Monsters, así como a súa cuarta novela, Survivor. Poucos anos despois Palahniuk conseguiu o seu primeiro best-séller na lista do New York Times con Choke, algo que acadou con frecuencia cos seus seguintes libros. Nese ano tivo tamén unha forte traxedia persoal. O seu pai Fred comezara a saír con Donna Fontaine, unha muller á que coñecera a través dun anuncio de contactos baixo o título de Kismet e que denunciara a súa anterior parella, Dale Shackleford, por abuso sexual. Este xurou matala tan axiña saíse do cárcere. Palahniuk cre que mediante o seu anuncio de contacto Fontaine estaba a buscar un home que puidese protexela[6]. Tras ser liberado, Shackleford seguiu a Fontaine e a Fred Palahniuk até a casa dela en Kendrick (Idaho), disparoulles aos dous e arrastrou os seus corpos até a cabaña de Fontaine, á que prendeu lume. Na primavera de 2001, Shackleford foi declarado culpable de dous cargos de asasinato en primeiro grao e sentenciado a morte. Ao fío destes sucesos, Palahniuk comezou a traballar na novela Lullaby, para axudarse a superar o feito de axudar a decidir que Shackleford fose condenado a morte.
En setembro de 2003, durante unha entrevista con Karen Valby para Entertainment Weekly, Palahniuk mencionou, de maneira confidencial, información sobre a súa parella. Aínda que moita xente pensaba que estaba casado cunha muller (algúns periodistas afirmaban que tiña esposa), en realidade vivía cun home. Palahniuk, asumindo que Valby publicaría esa información sen o seu consentimento, colgou unha irada gravación de son na súa páxina web, explicando non só que é homosexual, senón tamén facendo comentarios negativos sobre Valby e un membro da súa familia. Porén, os temores do escritor resultaron infundados, pois Valby non revelou nada no seu artigo sobre a vida persoal de Palahniuk, fóra do feito de que non estaba casado. A gravación foi posteriormente retirada da rede, o que foi interpretado por algúns seguidores como que Palahniuk se avergonzaba da súa homosexualidade. Segundo Dennis Widmyer, o administrador da páxina, a gravación non foi retirada pola revelación da súa sexualidade, senón polo que dicía de Valby. Palahniuk publicou despois unha nova gravación, pedindo aos seus seguidores que non tomasen a mal estes sucesos; desculpouse así mesmo polo seu comportamento, afirmando que desexaría non gravar a primeira mensaxe[7].
En 2003, mentres estaba de xira para promocionar a súa novela Haunted, Palahniuk leu unha historia curta titulada "Guts", un relato de accidentes relacionados coa masturbación que aparece no libro. Informouse de que unhas 35 persoas se desmaiaron mentres oían a lectura, se ben é posible que moitos deses incidentes fosen representados por fans de Palahniuk como efecto humorístico[8]. A revista Playboy publicouno máis tarde, en marzo de 2004; Palahniuk ofreceulles sacar outra historia xunto con ese relato, pero os editores encontraron demasiado perturbador o segundo conto. No verán de 2004, na súa xira para promocionar Stranger Than Fiction: True Stories, volveu ler a historia á audiencia, elevando o total de desmaios a 53, e máis tarde a 60, durante a xira para promocionar a edición de peto de Diary. O último desmaio tivo lugar en novembro de 2004 en Durham (Carolina do Norte).
Estilo
[editar | editar a fonte]Os libros de Palahniuk anteriores a Lullaby teñen varias características comúns: os personaxes son xente marxinada dun ou outro xeito pola sociedade, e que decote reaccionan con agresividade autodestrutiva. O autor gusta de denominar este tipo de historia como ficción transgresiva. Mediante estes relatos intenta comentar os problemas actuais da sociedade, tales como o materialismo. Porén, coa controversia que rodea as obras literarias sobre ditos temas tralos atentados do 11-S, Palahniuk decidiu comezar a escribir usando un enfoque máis sutil para obter a mesma mensaxe. Desde Lullaby, as súas novelas son historias de horror satíricas. Aínda que diferentes dos anteriores libros na trama, seguen gardando moitas similitudes con obras anteriores.
Os relatos dos libros de Palahniuk adoitan empezar no final cronolóxico, co protagonista recordando os sucesos que o levaron ao punto en que o libro comeza. Lullaby usou unha variante, alternando cada poucos capítulos entre a narrativa lineal e a fin cronolóxica. Porén, entre as excepcións a esta estrutura inclúense Choke e Diary, que son máis lineais. Xeralmente hai un xiro fundamental na trama que se revela preto do final do libro relacionado dalgún modo co final cronolóxico, ao que Palahniuk se refire como «a pistola escondida»). As súas obras máis lineais, aínda que non empecen igual, inclúen tamén xiros parecidos na trama.
O estilo de Palahniuk inspírase en boa parte no de escritores como Gordon Lish ou Amy Hempel. No que o autor define como un enfoque minimalista, as súas obras usan un vocabulario limitado e frases curtas para imitar a forma en que falaría unha persoa normal contando unha historia. Nunha entrevista, afirmou que prefire escribir verbos en lugar de adxectivos. As repeticións de certas frases no relato das historias (ás que Palahniuk chama «retrousos») son un dos aspectos máis comúns do seu estilo, encontrándose dispersas na maioría dos capítulos das súas obras. Outra das súas características é o humor negro cínico e irónico que aparece en toda a súa obra. Palahniuk dixo que hai tamén algúns temas recorrentes na súa obra, como a cor ciano e a cidade de Missoula (Montana).
Cando non escribe ficción, Palahniuk tende a escribir obras curtas. Traballando como periodista independente entre libro e libro, escribe ensaios e reportaxes sobre diversos temas; ás veces participa nos sucesos sobre os que escribe, tendo estas obras moito traballo de campo. Tamén escribiu entrevistas a celebridades como Juliette Lewis ou Marilyn Manson. Estas obras aparecen en revistas e periódicos como Los Angeles Times ou Gear. Algúns destes relatos apareceron no seu libro Stranger Than Fiction: True Stories[4].
Obra
[editar | editar a fonte]Novela
[editar | editar a fonte]- Fight Club (1996).
- Survivor (1999).
- Invisible Monsters (1999).
- Choke (2001).
- Lullaby (2002).
- Diary (2003).
- Haunted'' (2005).
- Rant (2007).
- Snuff (2008).
- Pygmy (2009).
- Tell-All (2010).
- Damned'' (2011).
- Invisible Monsters Remix (2012)
Novela curta
[editar | editar a fonte]- "Fetch", en Dark Delicacies III (2009)
- "Loser", en Stories (2010)
- "Romance", en Playboy (2011)
Non ficción
[editar | editar a fonte]- Fugitives and Refugees: A Walk in Portland, Oregon (2003)
- Stranger Than Fiction: True Stories (2004).
- You Do Not Talk About Fight Club: I Am Jack's Completely Unauthorized Essay Collection (2008).
Premios
[editar | editar a fonte]- 1997: Premio da Pacific Northwest Booksellers Association por Fight Club.
- 1997: Premio á mellor novela Oregon Book por Fight Club[9].
- 2003: Premio da Pacific Northwest Booksellers Association por Lullaby[10].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Chuck Palahniuk F.A.Q. Arquivado 04 de outubro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ Jenkins, Emily: «Extreme Sport Arquivado 29 de maio de 2012 en Archive.is». The Village Voice, 19 de outubro de 1999. (en inglés).
- ↑ «Fight Club». The Observer, 8 de maio de 2005 (en inglés).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Palahniuk, Chuck. Stranger Than Fiction: True Stories. Nova York: Doubleday, 2004. ISBN 0-385-50448-9 (en inglés).
- ↑ Tomlinson, Sarah. «Is it fistfighting, or just multi-tasking? Arquivado 23 de decembro de 2009 en Wayback Machine.». Salon.com. 13 de outubro de 1999 (en inglés).
- ↑ «Palahniuk, Slapstick, Skyspace Arquivado 10 de febreiro de 2006 en Wayback Machine.». Studio 360, NPR. 12 de febreiro de 2006 (en inglés).
- ↑ Chalmers, Robert. «Chuck Palahniuk: Stranger than fiction Arquivado 09 de marzo de 2005 en Wayback Machine.». The Independent. 1 de agosto de 2004 (en inglés).
- ↑ «I dare you». The Guardian, 13 de marzo de 2004 (en inglés).
- ↑ Oregon Book Awards Arquivado 26 de decembro de 2005 en Wayback Machine.. Literary Arts, Inc. (en inglés).
- ↑ Pacific Northwest Booksellers Association Awards. http://www.pnba.org/awards.htm Arquivado 21 de xullo de 2005 en Wayback Machine.. (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Chuck Palahniuk |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fansite oficial (en inglés)