Bicarbonato amónico
Bicarbonato amónico | |
---|---|
Hidroxenocarbonato de amonio | |
Outros nomes hidroxenocarbonato de amonio, hidroxenotrioxidocarbonato de amonio, sal de corno de cervo (hartshorn), AmBic, levedante químico amónico, E503 | |
Identificadores | |
Número CAS | 1066-33-7 |
ChemSpider | 13395 |
UNII | 45JP4345C9 |
Número RTECS | BO8600000 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | NH4HCO3 |
Masa molecular | 79,056 g/mol |
Densidade | 1,586 g/cm3 |
Punto de fusión | 419 °C; 786 °F; 692 K |
Solubilidade en auga | 11,9 g/100 mL (0 °C) 21,6 g/100 mL (20 °C) 36,6 g/100 mL (40 °C) |
Solubilidade | insoluble en metanol |
Perigosidade | |
Pictogramas GHS | [1] |
declaración de perigosidade GHS | 302[1] |
Principais perigos | Decomponse liberando amoníaco |
NFPA 704 | |
Punto de inflamabilidade | Non inflamable |
Compostos relacionados | |
Outros anións | Carbonato amónico |
Outros catións | Bicarbonato de sodio bicarbonato de potasio |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
O bicarbonato amónico é un composto inorgánico coa fórmula (NH4)HCO3, simplificada como NH5CO3. Quimicamente é un sal bicarbonático do ión amonio. É un sólido incoloro que se descompón facilmente a dióxido de carbono, auga e amoníaco.
Produción
[editar | editar a fonte]O bicarbonato amónico prodúcese por combinación do dióxido de carbono e amoníaco:
- CO2 + NH3 + H2O → (NH4)HCO3
Como o bicarbonato amónico é termicamente inestable, a solución e reacción debe manterse fría, o que permite a precipitación do produto como un sólido branco. En 1997 producíronse unhas 100 000 toneladas desta maneira.[2]
O amoníaco en forma de gas pasado por unha solución acuosa forte do sesquicarbonato (unha mestura 2:1:1 de (NH4)HCO3, (NH4)2CO3 e H2O) convértese no carbonato amónico normal ((NH4)2CO3), que se pode obter en condición cristalina a partir dunha solución preparada a uns 30 °C. Este composto ao expoñelo ao aire libera amoníaco e reverte a bicarbonato amónico.
Sal de corno de cervo
[editar | editar a fonte]As composicións que conteñen carbonato amónico coñécense desde hai moito tempo. Antes eran producidas comercialmente nalgúns países co nome de sal volátil ou sal de corno de cervo (hartshorn). Obtíñase pola destilación seca de materia orgánica nitroxenada como pelos, corno ou coiro. Ademais de bicarbonato amónico, este material contiña carbamato amónico (NH4CO2NH2) e carbonato amónico ((NH4)2CO3). Ás veces chámase sesquicarbonato de amonio. Posúe un forte cheiro amoniacal, e ao dixerilo con alcohol, o carbamato disólvese deixando un residuo de bicarbonato de amonio.[2]
Unha descomposición similar ten lugar cando o sesquicarbonato se expón ao aire.
Usos
[editar | editar a fonte]O bicarbonato amónico úsase na industria alimentaria como axente levedante químico (gasificante) para produtos enfornados (número E: E503), como galletas e galletas salgadas, e na China en boliños ao vapor e galletas chinesas de améndoa. Era de uso doméstico común antes de que se impuxese o bicarbonato sódico. Na China denomínase lévedo oloroso de uso culinario comestible. Moitos libros de receitas (especialmente en países escandinavos) poden referirse aínda a el co antigo nome de corno de cervo ou sal de corno [3][4] (por exemplo, en finés, "hirvensarvisuola"; en noruegués, "hjortetakksalt"; en danés, "hjortetakssalt"; en sueco, "hjorthornssalt", e en alemán, "Hirschhornsalz"). Aínda que se nota un certo cheiro a amoníaco durante a cocción, este disípase rapidamente sen deixar despois ningún cheiro ou sabor. Utilízase por exemplo nas galletas "drömmar" suecas, nas galletas danesas de Nadal (Hjortetakssalt) e nos Lebkuchen alemáns. En moitos casos pode substituírse por bicarbonato sódico ou úsase unha combinación de ambos, dependendo da composición da receita e as necesidades de levedado.[5] Comparado co bicarbonato sódico ou o potásico, o sal de corno ten a vantaxe de producir máis gas a igual cantidade de axente, e de non deixar ningún gusto salgado ou xabonoso no produto final, xa que se descompón totalmente e auga e produtos gasosos que se perden durante a cocción. Porén, non se pode utilizar para produtos de forno masivos e húmidos, como o pan normal ou biscoitos, xa que parte do amoníaco queda atrapado dentro da masa e pode causar un sabor desagradable.
Utilízase frecuentemente na China como fertilizante de nitróxeno barato, pero agora está sendo pouco a pouco substituído por urea pola súa maior calidade e estailidade. Este composto utilízase como un compoñente na produción de compostos para a extinción de lumes (escumante), produtos farmacéuticos, tinguiduras, pigmentos e fertilizante básico fonte de amoníaco. O bicarbonato amónico é aínda amplamente utilizado na industria do plástico e o caucho, e na fabricación de cerámicas, en curtidos con cromo de peles, e na síntese de catalizadores.[6][7]
Tamén se usa para tamponar solucións a un pH lixeiramente alcalino durante a purificción química, como na Cromatografía líquida de alta resolución. Como se descompón completamente en produtos volátiles permite recuperar rapidamente o composto de interese por secado por conxelación.
Reaccións
[editar | editar a fonte]Disólvese en auga para dar unha solución medianamente alcalina. É insoluble en acetona e alcohois.
O bicarbonato amónico descomponse a uns 36 °C en amoníaco, dióxido de carbono e auga nun proceso endotérmico e así causa unha diminución da temperatura da auga:
- NH4HCO3 → NH3 + H2O + CO2.
Cando se trata con ácidos, tamén se produce dióxido de carbono:
- NH4HCO3 + HCl → NH4Cl + CO2 + H2O.
A reacción con bases produce amoníaco.
Reaccióna con sulfatos de metais alcalinotérreos para precipitar os seus carbonatos:
Tamén reacciona con haluros de metais alcalinos, dando o bicarbonato do metal alcalino e haluro de amonio:
Seguridade
[editar | editar a fonte]O bicarbonato amónico é un irritante da pel, ollos e sistema respiratorio. Os efectos sobre a saúde a curto prazo poden producirse inmediatemente ou pouco despois da exposición a este produto. Respirar vapores de bicarbonato amónico pode irritar as fosas nasais, garganta e pulmóns causando tose, respiración sibilante e falta de aire. A exposición repetida pode causar bronquite, que se presenta con tose e falta de aire ao respirar. Os efectos sobre a saúde poden ocorrer algún tempo despois da exposición e poden durar meses ou anos.
Non se estableceron límites de exposición para o bicarbonato amónico, pero isto non significa que a substancia sexa inocua. Recoméndanse precaucións ao traballar con este produto que deberían seguirse en todo momento.
Sempre que sexa posible, as operacións deberían ser en lugar pechado e recoméntase a ventilación cunha tubaxe de escape no sitio da liberación do composto. Se non se usan estes dispositivos, son necesarios respiradores. Recoméndase usar roupa protectora, e cambiar a roupa e lavala ben inmediatamente despois da exposición.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Sigma-Aldrich Co. Retrieved on 2022-027-09.
- ↑ 2,0 2,1 Zapp, Karl-Heinz; Wostbrock, Karl-Heinz; Schäfer, Manfred; Sato, Kimihiko; Seiter, Herbert; Zwick, Werner; Creutziger, Ruthild; Leiter, Herbert (2000). "Ammonium Compounds". Ullmann's Encyclopedia of Industrial Chemistry. ISBN 3527306730. doi:10.1002/14356007.a02_243.
- ↑ "Naturfag : Hornsalt øvelse" [Science: Hornsalt exercise] (en Norwegian). Studenttorget.no. 26 de novembro de 2003. Consultado o 3 de marzo de 2013.
- ↑ Naturfag : Hornsalt øvelse. studenttorget.no (in Norwegian)
- ↑ "What is hartshorn?". Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2007. Consultado o 2007-03-19.
- ↑ CAMEO Ammonium bicarbonate
- ↑ Mangalore Chemicals Ammonium Bi Carbonate Arquivado 09 de agosto de 2017 en Wayback Machine.
- ↑ Bicarbonate, Ammonium. "Hazardous Substance Fact Sheet" (PDF). New Jersey Department of Health and Senior Services.