Saltar ao contido

Betacismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O betacismo é un fenómeno e proceso fonético por mor do cal confluíron foneticamente os sons [b] e [v] provocando que a oposición entre os fonemas /b/ e /v/ desaparecese

A confusión de b e v nos textos medievais

[editar | editar a fonte]

O [w] (wau) latino, no latín vulgar, converteuse en fricativa bilabial sonora, confundíndose co resultado de -B- intervocálico latino [β], como o proba a gran cantidade de trocos, nesta posición, das grafías con que se representaban "b" e "v": PLEBES NON PLEVIS (Appendix probi). De aí, Ralph Penny (Gramática histórica del español. Ariel 1993) induce que a pronunciación máis probable de ambas era a fricativa sonora, pronunciación que herdou probablemente a lingua medieval da área galega e que adoitaba representarse mediante "v" ou "u": Enas verdes ervas, vi anda'las cervas,... Percibimos isto con máis claridade na cantiga de amor de Vidal, nela faise rimar en consoante ervas con servas:

Moir', e faço dereito,

por ua Dona d'Elvas
que me trage tolheito,
como a quem dam as ervas.
Des que lh'eu vi o peito
branco dix'aas sas servas

.........

Con respecto ó B- e V- iniciais, desde as máis antigas inscricións tamén se rexistran confusións gráficas. Para Ralph Penny isto suxire que se podían chegar a neutralizar no latín vulgar (Appendix Probi: BACCULUS NON VACLUS, VAPULO NON BAPLO). Con todo, a confusión plena destes dous fonemas parece ser posterior, pois na lingua medieval a vacilación non etimolóxica das grafías en posición inicial é moito menor ca en posición intervocálica. A neutralización en posición inicial deu un paso adiante cando o fonema /b/ adoptou unha articulación fricativa, por fonética sintáctica, ó ir precedido por unha vogal.

Segundo Ralph Penny, non se pode asegurar en español a desfonoloxización completa ata o século XV, cando algúns poetas deste período poñen en rima palabras como grave / sabe. Así e todo, o proceso de desfonoloxización, se reparamos na cantiga de Vidal, debeu, evidentemente, iniciarse antes.