Bandeira da Unión Europea
Bandeira da Unión Europea | |
---|---|
Características | |
Uso | |
Proporción | 2:3 |
Adopción | 26 de maio de 1986 |
Cores | Azul Amarelo |
A bandeira da Unión Europea consta de doce estrelas douradas sobre fondo azul e está vencellada á representación da Unión Europea. Nun comezo, sería o símbolo empregado polo Consello de Europa, quen adoptaría a bandeira o 8 de decembro de 1955 inspirándose probablemente nalgún dos múltiples deseños que se atribúen a Arsène Heitz, pintor de Estrasburgo, co propósito manifesto de que fose utilizada polo maior número de organizacións posible, fomentando así a integración de Europa.
Historia
[editar | editar a fonte]En 1955 a Unión Europea existía soamente baixo a forma de Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (formada por seis Estados membros). Pero o Consello de Europa, que tiña un maior número de membros, creouse varios anos antes co obxectivo de defender os dereitos humanos e promover a cultura e integración de Europa. Deste xeito, o Consello de Europa adoptaría o actual deseño e fomentaría a súa utilización por parte doutras institucións europeas.
Coincidindo co centenario do nacemento de Robert Schuman, a Comunidade Europea (CE) adoptouna o 26 de maio de 1986, pasando a ser empregada por todas as institucións europeas. Máis tarde, logo da firma do Tratado de Maastricht en 1992 polo que se establecía a Unión Europea, o emblema pasou a ser parte integrante das institucións vencelladas á UE, así como as vencelladas ao Consello de Europa. Algunhas asociacións católicas sosteñen que a bandeira europea está baixo a influencia da arte relixiosa católica. En verdade, Arsène Heitz, o deseñador da bandeira, segundo o seu testemuño, dixo que se inspirou no halo duodecaestelado co que a arte relixiosa católica representaba á Virxe María (Apocalipse 12:1).[1] Particularmente inspirouse na representación vista na capela da Medalla Milagrosa en París: a Virxe María con manto azul, rodeada de doce estrelas.
Deseño
[editar | editar a fonte]- Deseño e proporción da estrela: A estrela debe obterse a partir dun pentágono regular, alongando cada un dos lados da figura para crear as puntas. Así, cada punta será un triángulo equilátero que posúe un lado común con respecto ao pentágono orixinal. Cada unha das estrelas terá, segundo o devandito, cinco puntas. O tamaño da estrela virá determinado polo raio da circunferencia na que queda inscrita, do xeito que tal radio será 1/3 con respecto á lonxitude da diagonal do rectángulo da bandeira.
- Deseño e proporcións da bandeira: A bandeira será un rectángulo cuxa base terá unha lonxitude dunha vez e media a altura. As diagonais do rectángulo coincidirán cun dos lados de catro dos pentágonos que darán lugar ás estrelas.
- Situación das estrelas: As doce estrelas de cinco puntas están dispostas en círculo, de xeito que a súa localización responde á situación das horas na esfera dun reloxo. Así, cada estrela deberá de ter unha separación igual con respecto ás dúas máis próximas, e gardar unha equidistancia con respecto ao centro da circunferencia. A distancia entre o centro da estrela circunscrita e o centro da circunferencia que trazan as doce estrelas deberá de ser un sexto da lonxitude da diagonal do rectángulo da bandeira.
- Orientación das estrelas: A orientación das estrelas debe seguir a mesma dirección trazando así sete liñas paralelas respecto da altura da bandeira, así como perpendiculares con respecto á liña que marca o ancho da bandeira.
Simboloxía
[editar | editar a fonte]Círculo
- Representación da unidade e da integridade.
- Segundo a filosofía grega, o círculo representa o símbolo da perfección.
- Símbolo de igualdade, xa que toda estrela garda igual distancia con respecto ao centro da circunferencia.
Número doce
- Doce é o número de países integrantes da Unión no ano 1986 cando se fixou definitivamente o deseño da bandeira.
- O reloxo ten doce horas. A situación tradicional das horas coincide co deseño da bandeira.
- O ano, segundo o calendario gregoriano, divídese en doce meses.
- No Novo Testamento, Xesús rodeouse de doce apóstolos.
- De vita Caesarum de Suetonio, crónicas sobre os doce primeiros césares da Roma imperial.
- Os deuses maiores do Olimpo, segundo a mitoloxía grega, eran doce.
- A base do Dereito romano foron, nas súas orixes, as doce táboas da lei.
- O zodíaco está composto por doce signos.
- As doce tribos de Israel.
- O 12 é un número composto, que ten os seguintes factores propios: 1, 2, 3, 4 e 6. Como a suma dos seus factores é 16 > 12, trátase dun número abundante.
- O poliedro de 12 caras recibe o nome de dodecaedro. O dodecaedro regular ten as caras en forma de pentágonos regulares, e dentro del se pode inscribir un icosaedro regular.
- A Lúa xira arredor da Terra doce veces por ano.
- Utilización tradicional do sistema duodecimal no canto do sistema métrico decimal.
- Os doce traballos de Hércules na mitoloxía grega.
Erros frecuentes
[editar | editar a fonte]Os erros máis frecuentes á hora de representar a bandeira da Unión Europea adoitan consistir na adición dun maior número de estrelas ao conxunto, debido á falsa crenza de que cada estrela representa un Estado. A pesar diso, coas recentes ampliacións e co número cada vez maior de estados que pertencen á UE, é un erro que vai caendo pouco a pouco en desuso.
Outro dos fallos que máis se cometen consiste en situar un número correcto de estrelas, na posición adecuada, pero orientadas erroneamente. As estrelas haberán de trazar unha liña perpendicular respecto á base cunha punta superior, non podendo ter, baixo ningún concepto, orientacións distintas. É frecuente ver as estrelas representadas rotando dependendo da súa posición na circunferencia.
-
Elaboración errónea na orientación das estrelas.
-
Elaboración errónea na orientación das estrelas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ .The Economist (2004-10-28) Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.