Aspar
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 400 (Gregoriano) |
Morte | 471 (70/71 anos) Constantinopla, Turquía |
Causa da morte | homicidio |
Senador romano | |
Estratego | |
Cónsul romano | |
Actividade | |
Ocupación | político, militar |
Período de tempo | Baixo Imperio Romano e Antigüidade tardía |
Carreira militar | |
Rama militar | Exército bizantino |
Rango militar | Magister militum |
Familia | |
Familia | Amalos |
Fillos | Ardabur, Júlio Patrício |
Pai | Ardabúrio |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Allgemeine Deutsche Biographie |
Flavio Ardabur Aspar (en latín, Flavius Ardabur Aspar) nado cara ao 400 e finado no 471, foi un patricio romano oriental de orixe alana e goda[1] que foi magister militum ("Xefe de soldados") do Imperio Romano de Oriente. Como xeneral dun exército xermánico, fundamentalmente godo, ao servizo romano, exerceu unha grande influencia, durante case medio século, dende a década do 420 até a súa morte no 471, sobre os emperadores romano orientais Teodosio II, Marciano e máis León I quen, finalmente, o mandou matar. Ao servixo dos dous primeiros, loitou contra os vándalos en África, os persas en Armenia e os hunos nos Balcáns.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixe e primeiros anos
[editar | editar a fonte]O significado do nome Aspar segue a ser problemático. Relacionouse coa persa aswar (Avestan aspari)[2] e outros idiomas iranianos nos que significa "xinete".[3][4] Segundo outra hipótese, derivaría dunha raíz escito-sarmática, *spar, que significa "atacar".[5]
Seu pai foi un xeneral alano, Ardaburius[6], que fora cónsul e magister con Teodosio II. Desde moi cedo acompañou a seu pai no campo da batalla.
Reinado de Teodosio II
[editar | editar a fonte]No 424, Aspar e seu pai foron enviados a Italia nunha expedición para vencer o usurpador de occidente, Xoán Primicerius, e instalar a Gala Placidia e ao seu fillo, Valentiniano III, no trono. Aspar marchó sobre Aquilea coa cabalaría mentres o seu pai embarca coa infantaría para asediar Rávena. Aínda que Xoán capturou ao seu pai Ardaburius, este aproveitou a liberdade que se lle deu na cidade onde estaba preso para facer alianzas. Ardaburius entón avisou a Aspar de que se acheguase á cidade e, cando apareceu Aspar, a cidade entregouse ao mesmo tempo que Ardaburius capturou ao usurpador que foi morto por orde de Gala Placidia. Tres días despois, Aecio, que abrazara o partido de Xoán, apareceu cun exército de 60.000 hunos e Aspar presentou unha dura e sanguenta batalla de resultado incerto pero que supuxo a submisión de Aecio.[7]
Xunto ao seu pai, foi unha das figuras máis poderosas do imperio durante o reinado de Teodosio II.
No 431, recibiu o mando da frota romana e marchou a África para apoiar ao conde Bonifacio contra os vándalos de Xenserico. A expedición foi un total fracaso[8] polo que negociou un tratado de paz e retornou a Constantinopla onde obtivo o consulado no 434.[9] As súas orixes bárbaras e a súa relixión ariana impídenlle calquera posibilidade de levar aspirar ao título imperial polo que trata de controlalo dende un segundo plano.
No 441, venceu os persas, pero foi derrotado por Atila e os hunos fronte a Constantinopla non 443.
Reinado de Marciano
[editar | editar a fonte]Malia á derrota, no 450, chegou ao cumio do seu poder cando morreu Teodosio II, e comprendeu que non podía converterse en emperador pola súa relixión ariana. No canto diso, desempeñou o papel de facedor de reis co seu subordinado, Marciano, a quen fixo emperador tralo seu matrimonio con Pulqueria, irmá de Teodosio II. En troques, Marciano nomeouno patricio[8] e mantivo o seu poder, sendo nomeado magister militum per Orientem no 457.
Mentres seu fillo, Ardabur, foi quen de rexeitar un ataque árabe preto de Damasco, e el contiña aos bárbaros en Tracia, o 27 de xaneiro do 457, Marciano morreu e se sospeitou que Aspar puido provoca-lo seu envelenamento.[7] Dado que Aspar non podía ser emperador polo rexeitamento que provocaba por ser ariano e bárbaro, o Senado ofreceulle o cargo que non aceptou. O episodio foi narrado, posteriormente, por Teodorico o Grande nun sínodo celebrado en Roma no 501, indicando que Aspar se negou declarando cripticamente: "Temo que crearía unha tradición imperial".[10] Daquela, o candidato máis evidente era Antemio, que era magister militum e xenro de Marciano, mais a elección non se refrendou pola oposición de Aspar. Finalmente, este, escolleu a un soldado descoñecido das súas tropas.
Reinado de León I
[editar | editar a fonte]No mesmo, 457, organizou o acceso ao trono de León I, un tribuno tracio dunha das súas unidades militares[10] a cambio de que nomease como césar a seu fillo Patricio. Porén, León foi esquecendo a promesa e Aspar tívolla que lembrar en varias ocasións.
No 459, Aspar construíu unha das grandes cisternas que caracterizan Constantinopla e que aínda leva o seu nome, a cisterna de Aspar. Durante o terrible incendio que asolou Constantinopla no 465, Aspar dirixiu a loita contra o lume[11] e, se cremos ao cronista Xoán Zonaras, el mesmo participou na extinción levando auga sobre os seus ombreiros.
Pola súa orixe bárbara Aspar representaba, aos ollos dos romanos, unha tutela cada vez máis inaceptable dado que este mesmo era a mesma situación ca no Imperio romano de Occidente, na época baixo o control de Ricimer. Gobernou co apoio de Teodorico Estrabón e os ostrogodos que lle proporcionaban unha garda bucellarii. Teodorico, futuro rei dos ostrogodos, que pasou a súa infancia en Constantinopla como refén, recibiu as ensinanzas e os a tutela de Aspar.
Porén, León I, a mediados dos anos 460, para escapar do control dos mercenarios alanos e xermanos no seu exército e que exercían unha forte influencia, enrolou a moitos soldados isaurianos para contrarrestar o poder dos exércitos xermanos nas súas tropas imperiais. O emperador recibiu na Corte o xefe dun clan isauriano, Tarasicodissa, que lle proporcionou información sobre un complot de Ardabur cos persas.[12][13] O isauriano adoptou o nome grego de Zenón e casou, no 466, con Ariadna, unha das fillas do emperador.[14] A partir dese momento, Zénon situouse contra o bando Aspar e creou un corpo de garda de excubitores formado só por súbditos do Imperio: isaurianos, tracios e ilirios.
No 470, nun episodio da loita polo poder entre Aspar e o xeneral isauriano Zenón, Aspar persuadiu ao emperador para que cumprise a promesa anterior co seu fillo e, a maiores do nomeamento, lle dese en matrimonio á súa filla Leoncia. No entanto, dado que o clero e a xente de Constantinopla non consideraban que un ariano fose elixible para se converter en emperador e, cando se coñeceu a noticia dos nomeamentos, producíronse disturbios no hipódromo da cidade dirixidos polo xefe dos monxes acemetas (monxes que non dormen), Marcelo: Aspar e León tiveron que prometer aos bispos que Patricio se convertería á ortodoxia antes de converterse en emperador e só despois da conversión casaría con Leontia.
No 471, Aspar e seu fillo seguían a conspirar contra o emperador e tentaron subornar os soldados de León, os excubitores isaurios. Ao non ter éxito, León chamounos a palacio onde nunha emboscada foi asasinado xunto co seu fillo Ardabur polos eunucos de palacio.[15] Coa súa morte, rematou a influencia xermánica na corte de Constantinopla[8] e comeza a isauria.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Tivo cinco fillos de tres matrimonios: Ardabur, Patricio e Ermenerico coa irmá de Teodorico Estrabón,[16] que era ostrogoda, e dúas fillas das que se descoñecen os nomes. Teodorico o Grande era o seu sobriño e Aspar converteuse no seu mestre e coidador.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Wolfram (1997), p. 197.
- ↑ Kanga (1909), p. 260.
- ↑ Basirov, Oric (26 de abril de 2001). "The Origin of the Pre-Imperial Iranian Peoples". cais-soas.com (en inglés). Consultado o 16 de agosto de 2021.
- ↑ Bachrach (1973), p. 98.
- ↑ Alemany 2000, p. 113
- ↑ Williams, p. 45.
- ↑ 7,0 7,1 Michaud 1854, p. 328
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Editores da Enciclopedia Británica (1 de xaneiro de 2021). "Flavio Ardaburius Aspar". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 16 de agosto de 2021.
- ↑ 9,0 9,1 Bunson (1994), p. 38.
- ↑ 10,0 10,1 Croke (2005), p. 150.
- ↑ Khazdan (1991)
- ↑ Chastagnol (1976), p. 63
- ↑ Jones 1964, p. 466
- ↑ Ostrogorsky 1977, p. 61
- ↑ Michaud 1854, p. 329
- ↑ Wolfram, p. 32.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alemany, Agustí (2000). Sources on the Alans. A Critical Compilation (en inglés). Leiden - Boston - Colonia: Brill. ISBN 9789004114425.
- Bachrach, Bernard S. (1973). A history of the Alans in the West; from their first appearance in the sources of classical antiquity through the early Middle Ages (en inglés). Minneapolis: University of Minnesota Press.
- Bunson, Matthew (1994). Encyclopedia of the Roman Empire (en inglés). Nova York: Facts on File Inc. ISBN 9780816021352.
- Chastagnol, André (1976). La fin du monde antique (en francés). Paris: Nouvelles Éditions Latines.
- Jones, A.H.M. (1964). The Later Roman Empire, 284-602 (en inglés) I. Hoboken, NJ: Blackwell.
- Kanga, Kavasji Edalji (1909). An English-Avesta Dictionary. Mumbai: Fort Printing Press.
- Kazhdan, Alexander P., ed. (1991). Oxford Dictionary of Byzantium (3 vols.) (en inglés) (1ª ed.). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-504652-6. LCCN 90023208.
- Michaud, M. (1854). Biographie universelle ancienne et moderne (en francés). II (Antiga e Moderna) (9ª ed.). París: Chez Madame C. Desplaces.
- Williams, Stephen; Friell, Gerard (1999). The Rome That Did Not Fall (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 9780415154031.
- Wolfram, Herwig (1988). History of the Goths (en inglés). Os Ánxeles: University of California Press. ISBN 0-520-06983-8.
- Wolfram, Herwig (1997). The Roman Empire and Its Germanic Peoples (en inglés). Os Ánxeles: University of California Press. ISBN 0-5200-8511-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Teodosio II e Flavio Anicio Petronio Máximo |
|
Sucesor: Teodosio II e Valentiniano III |