Antropoloxía social
A antropoloxía social é o constituínte dominante da antropoloxía no Reino Unido e a súa Mancomunidade de Nacións e a maioría de Europa (Francia en particular), onde se distingue da antropoloxía cultural.[1][2] Nos Estados Unidos, a antropoloxía social está subsumida á antropoloxía cultural (ou dentro da antropoloxía sociocultural, denominación relativamente nova).
En contraste coa antropoloxía cultural, a cultura e a súa continuidade (incluíndo narrativas, rituais e o comportamento simbólico asociado con estas) foron tradicionalmente consideradas como a "variable" dependente pola antropoloxía social, incrustadas no seu contexto histórico e social, incluíndo a súa diversidade de posicións e perspectivas, ambigüidades, conflitos e contradicións da vida social; máis que a variable independente (explicativa).
No pasado, os temas de interese dos antropólogos sociais incluían as convencións, a organización económica e política, o dereito e a resolución de conflitos, os patróns de consumo e intercambio, o parentesco e as estruturas familiares, as relacións de xénero, a maternidade e a socialización e a relixión. No presente, os antropólogos sociais tamén se interesan por temas como a globalización, a violencia étnica, os estudos de xénero, o trans nacionalismo e as experiencias locais que del se desprenden e as culturas emerxentes do ciberespazo; e tamén poden mediar conflitos de intereses entre defensores do medio ambiente e responsables do desenvolvemento económico.[3][4] Algúns antropólogos británicos e americanos, entre os que se atopan Gillian Tett e Karen Ho, que estudaron a Bolsa de Valores de Wall Street, proporcionaron unha explicación alternativa sobre a crise financeira de 2007–2010 fronte ás explicacións técnicas vinculadas ás teorías políticas e económicas.[5]
As diferenzas entre as perspectivas da antropoloxía sociocultural británica, francesa e americana diminuíron para dar paso cada vez máis a diálogos e préstamos de teorías e métodos. Os antropólogos sociais e culturais, ademais dalgúns socioculturais, atópanse na maioría de institutos de antropoloxía. Por iso, os nomes formais das institucións xa non necesitan reflectir o contido de disciplinas que estudan ó completo. Algúns, como o Institute of Social and Cultural Anthropology (Instituto de Antropoloxía Social e Cultural en inglés) de Oxford cambiou o seu nome para reflectir o cambio de composición.[6] Outros como o Departamento de Antropoloxía Social da Universidade de Kent converteuse simplemente en Antropoloxía.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dianteill, Erwan, "Cultural Anthropology or Social Anthropology? A Transatlantic Argument", L’Année sociologique 1/2012 (Vol. 62),p. 93-122.
- ↑ "Benchmark Statement Anthropology (UK)" (PDF). QAA (UK). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de setembro de 2013. Consultado o 03 de maio de 2018.
- ↑ "The Department of Anthropology at Harvard University". Fas.harvard.edu.
- ↑ Hendry, Joy.1999. An Introduction to Social Anthropology: Other People's Worlds. Londres: Macmillan Press Ltd
- ↑ Ho, Karen (2009): "Disciplining Investment Bankers, Disciplining the Economy: Wall Street’s Institutional Culture of Crisis and the Downsizing of American Corporations." American Anthropologist, Vol. 111, No. 2.
- ↑ "Institute of Social and Cultural Anthropology".
- ↑ "School of Anthropology and Conservation".