Mascate
مسقط (ar) | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Omán | |||
Gobernación | Governamento de Muscat (pt) | |||
Capital de | ||||
Poboación | ||||
Poboación | 1.421.409 (2019) (406,12 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 3.500 km² | |||
Bañado por | Golfo de Omán | |||
Altitude | 69 m | |||
Datos históricos | ||||
Evento clave
| ||||
Organización política | ||||
Membro de | ||||
Identificador descritivo | ||||
Fuso horario | ||||
Outro | ||||
Irmandado con | ||||
Páxina web | mm.gov.om |
Mascate[1] (en árabe: مسقط, "Masqat"), é unha cidade cunha poboación de 880.200 habitantes (2005), e a capital de Omán.
É a maior cidade do sultanato. Está ben planificada, estendéndose por unha comprida área de cerca de 1.500 km². A causa disto boa parte da urbe está baleira, pero ao tempo aberta a desenvolvementos futuros. Hai distritos con forte concentración residencial e comercial, colocados en zonas ben precisadas. Estes distritos poden ser agrupados en tres sectores principais:
- Mascate Oeste: Al-Sayb, Azhaiba, Busher, Al-Ghubra e Ghala
- Mascate Centro: Al-Khuwair, Madinat Qābūs, Shāṭīʾ al-Qurm, Qurm e PDO
- Mascate Leste: Wattaya, Ruwi, Mutrah, Kalbuh, Old Muscat, Sidab e Al-Bustan
Historia
[editar | editar a fonte]Mascate é unha das cidades máis antigas do Medio Oriente. É coñecida desde fins do século II. Cerca de 1.400 kg de olibano, resina da que se obtén o incenso, eran transportados cada ano por naves da Arabia Meridional até Grecia e Roma, no Mediterráneo. O centro reexpedidor deste comercio era un lugar chamado Khur Ruri, que os gregos denominaban "Muscat".
Logo da Idade Media, a primeira presenza occidental en Mascate foi a do explorador portugués Vasco da Gama, que atracou en Omán na ruta para a India. O navegador portugués retornou no 1507, para saquear e tomar Mascate, que se converteu nunha factoría estratéxica no Índico. En 1649, o imán Sultán bin Sayf botou os portugueses de Mascate, expulsándoos a Goa (India).
Coa superioridade das naves de guerra capturadas aos lusos, o imán fundou un imperio que se estendeu desde Zanzíbar no sur, até Guadar en Paquistán no leste. Foron levados escravos desde Zanzíbar e do Beluchistán para traballaren en Omán ou para seren vendidos a outros lugares. Isto forneceu un período de relativa estabilidade e prosperidade para Mascate e Omán.
O país foi desfeito a consecuencia das loitas e rebelións producidas á morte do imán en 1679. Mascate foi logo invadida polos persas en 1737, aínda que por pouco tempo, pois Ahmad bin Saʿīd os expulsou e foi logo nomeado imán.
En 1803, os Wahabitas da Arabia Saudita atacaron Omán, mais foron rexeitados por Sayyid (Sa'id bin Sultan). O sultán creou unha colonia nas zonas fértiles de Zanzíbar e, na práctica, gobernou Omán desde esa illa africana. En 1853, o sultán transferiu oficialmente o título de "capital" de Mascate a Zanzíbar. Iniciouse, deste xeito, o declinio de Mascate e Omán.
No ano 1913, Taymur bin Faysal converteuse no novo sultán e o territorio foi rebautizado como "Mascate e Oman", co sultán a gobernar Mascate e o imán a dirixir Omán. Logo da independencia da India, en 1947, o sultán, co auxilio dos británicos, expulsou o imán e unificou gran parte de Omán, tomando o control dos oasis de Buraimi.
En 1964 estalou a guerra de Dhofār, que tentaba expulsar os británicos de Omán. Seis anos despois o emir Qābūs bin Saʿīd, fillo de Taymūr, deu un golpe e reclamou o trono. O Taymūr refuxiouse en Londres, e Qābūs iniciou un novo e moderno sultanato, instituíndo reformas sociais e territoriais, aínda que autocráticas, mais que consolidaron a dinastía.
Economía
[editar | editar a fonte]En Mascate, como en boa parte de Omán, domina o comercio. Os produtos tradicionais de exportación son dátiles, madreperlas, olibano e peixe. Moitos mercados (zocos ou suq) da vella Mascate e de Mutrah venden estes produtos e os elaborados polo artesanado local.
O petróleo, a través de Petroleum Development Oman (PDO), foi o gonzo sobre o que xirou a economía de Mascate desde 1962 e é o segundo provedor de traballo da nación tras o goberno mesmo. Entre os principais accionistas de PDO figuran Shell Oil e Partex. A súa produción está estimada en cerca de 840.000 barrís diarios.
En Mascate hai tamén grandes compañías comerciais como Suhail e Saud Bahwan, que son socios comerciais para empresas; así a primeira está asociada a multinacionais como Toshiba, Subarau, Seiko, Hewlett Packard, General Motors; mentres Saud Bahwan Group e socio de Toyota, Lexus, Daihatsu e Hertz Rent-a-Car; en tanto Zubair Automotive é, á súa vez, socio de Mitsubishi, Dodge e Chrysler.
Mina Qabus ou Mutrah é o principal porto de Mascate e un importante centro comercial entre o Golfo Pérsico, o subcontinente indio e o Extremo oriente, cun volume anual de movemento de 1,6 millóns de toneladas (o porto comercial máis importante da zona está en Dubai).
Todos os servizos de infraestruturas son propiedade do goberno de Omán e xestionados polo mesmo. A General Telecommunications Organization (GTO) é a única estrutura de telecomunicacións de Omán e fornece servizos de telefonía local, interurbana e internacional, ademais de ser o único provedor de servizos de Internet do país.
Trasportes
[editar | editar a fonte]O principal aeroporto é o Aeroporto Internacionale Seeb situado a uns 25 km do distrito financeiro de Ruwi e a uns 15 a 20 km das principais áreas residenciais de Al-Khuwayr, Madīnat Qābūs, Shāṭīʾ al-Qurm e Al-Qurm. Mascate é un dos tres cuarteis xerais da Gulf Air e a base da compañía local Oman Air. O aeroporto ten voos internacionais para todas as zonas do mundo.
Hai dous portos marítimos, un sito en Mina al-Fahal, que serve só o petróleo da refinarías do PDO (Petroleum Development Oman); o outro é o de Mina Qabus (Mutrah).
A área de Mascate está ben servida de estradas e conta cunha autoestrada.
Os transportes públicos de Mascate, e en xeral de Omán, deixan moito que desexar. Non hai ferrocarril ou redes de metro en todo o país. O transporte público popular está formado por autobuses, ou Baiza. Os taxis carecen de taxímetro, polo que é preciso acordar previamente o prezo da viaxe.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Véxase a entrada de «Omán». Diciopedia do século 21 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. p. 1511. ISBN 9788482893600.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mascate |