Waveform Audio Format
WAV (ou WAVE), apócope de WAVEform audio file format, é un formato de son dixital normalmente sen compresión de datos desenvolto e propiedade de Microsoft e de IBM que se utiliza para almacenar sons no PC, admite arquivos mono e estéreo a diversas resolucións e velocidades de mostraxe. A súa extensión é .wav.
É unha variante do formato RIFF (Resource Interchange File Format, formato de ficheiro para intercambio de recursos), método para almacenamento en "paquetes", e relativamente parecido ao IFF e ao formato AIFF usado por Macintosh. O formato toma en conta algunhas peculiaridades da CPU Intel, e é o formato principal usado por Windows.
A pesar de que o formato WAV é compatible con case calquera códec de son, emprégase principalmente co formato PCM (non comprimido) e, ao non ter perda de calidade, é adecuado para uso profesional. Para ter calidade CD de son necesítase que o son se grave a 44100 Hz e a 16 bits. Por cada minuto de gravación de son consómense uns 10 megabytes de espazo en disco. Unha das súas limitacións é que só se poden gravar arquivos de 4 xigabytes como máximo, o cal equivale aproximadamente a 6,6 horas en calidade de CD de son. É unha limitación propia do formato, independentemente do sistema operativo que se utilice, e débese a que na cabeceira do ficheiro se indica a lonxitude do mesmo cun número enteiro de 32 bits, o que limita o tamaño do ficheiro.
En Internet non é popular, fundamentalmente porque os arquivos sen compresión son moi grandes. Son máis frecuentes os formatos comprimidos con perda, como o MP3 ou o Ogg Vorbis. Como estes son máis pequenos, a transferencia a través de Internet é moito máis rápida. Ademais, existen códecs de compresión sen perda máis eficaces, como Apple Lossless ou FLAC.