Saltar ao contido

Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
European Court of Human Rights
Cour européenne des droits de l’homme
Información xeral
AcrónimoTEDH
TipoTribunal de xustiza
Fundación21 de xaneiro de 1959 [1]
31 de outubro de 1998 [2]
XurisdiciónUnión Europea Consello de Europa
PaísFrancia Francia
SedeEstrasburgo
Organización
PresidenteGuido Raimondi [3] (2012- )
Composición47 xuíces; un por cada país membro
RelacionadosConvención Europea de Dereitos Humanos
Sitio web

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH; tamén denominado Tribunal de Estrasburgo e Corte Europea de Dereitos Humanos) é a máxima autoridade xudicial para a garantía dos dereitos humanos e liberdades fundamentais do Consello de Europa.

Trátase dun tribunal internacional ante o que calquera persoa que considere ser vítima dunha violación dos seus dereitos recoñecidos polo Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (CEDH) ou calquera dos seus protocolos adicionais, mentres se atopaba legalmente baixo a xurisdición dun estado membro do Consello de Europa, e que esgote sen éxito os recursos xudiciais dispoñibles nese Estado, pode presentar unha denuncia contra o devandito Estado por violación do Convenio.

Este convenio é un tratado polo que os 47 estados membros do Consello de Europa (todos os Estados europeos salvo Belarús e a Cidade do Vaticano) acordaron comprometerse a protexer os dereitos humanos e as liberdades fundamentais, tipificalos, establecer o Tribunal e someterse á súa xurisdición, é dicir, acatar e executar as súas sentenzas.

A execución das sentenzas do Tribunal polos Estados membros que foron condenados está supervisada polo Comité de Ministros, órgano decisorio do Consello de Europa composto por un representante de cada Estado membro. É importante resaltar que o TEDH non é unha institución da Unión Europea, non está relacionado con ela nin por tanto co Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O TEDH é un órgano xudicial que se crea en virtude do CEDH. Para evitar confusións co Tribunal de Xustiza da Unión Europea é preferible denominar ao Tribunal de Dereitos Humanos como Tribunal de Estrasburgo, pois ten a súa sede na cidade de Estrasburgo (Francia).

Os dereitos humanos e liberdades fundamentais tipificados no Convenio, na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de Nacións Unidas, na Convención Europea de Dereitos Humanos e na Carta da Unión Europea, son, en substancia, os mesmos.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos foi establecido o 21 de xaneiro de 1959 e renovado o 1 de novembro de 1998, coa entrada en vigor do Protocolo 11 ao Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais.

Un sistema mixto (un Tribunal e unha Comisión) existía xa anteriormente con base no Convenio. O 31 de outubro de 1998 o antigo Tribunal deixou de existir. Con todo, de acordo co Protocolo 11, a Comisión continuou en funcións durante un ano máis (até o 31 de outubro de 1999) para instruír os casos declarados admisibles por ela antes da entrada en vigor do protocolo.

Organización interna

[editar | editar a fonte]
Unha Sala do Tribunal.
  • O Tribunal componse dun número de xuíces igual ao das Altas Partes contratantes (en 2018 son 47), elixidos pola Asemblea durante un período de 9 anos non renovables.
  • O Tribunal, en pleno, elixe o seu presidente e a un ou dous vicepresidentes (desde 2006 son dous) por un período de tres anos reelixibles. Os dous vicepresidentes son igualmente presidentes de sección. Cada unha das cinco seccións conta, así mesmo, cun vicepresidente.
  • A composición das cinco seccións, estable por tres anos, debe estar equilibrada tanto desde o punto de vista xeográfico como desde o da representación de sexos, tendo en conta os diferentes sistemas xurídicos existentes nos Estados contratantes.
  • Dúas seccións son presididas polos vicepresidentes do Tribunal e as outras dúas polos presidentes de sección elixidos polo Tribunal. Os presidentes de sección son asistidos e, se é necesario, substituídos polos vicepresidentes de sección.
  • No seo de cada sección constitúense á súa vez, por períodos de doce meses, comités de tres xuíces. Estes comités son un elemento importante da nova estrutura, pois efectúan unha gran parte do labor de filtrado que antes desenvolvía a Comisión
  • Salas de sete membros constitúense dentro de cada sección, de modo rotatorio, co presidente da sección e o xuíz elixido a título do Estado en cuestión segundo cada caso. Cando este xuíz non é membro da sección, actuará na Sala en calidade de membro 'ex officio'. Os membros da sección que non son membros titulares da Sala serán suplentes.
  • A Gran Sala, de dezasete xuíces, constitúese por tres anos. Á parte dos membros 'ex officio' —o presidente, os vicepresidentes e o presidente de sección—, a Gran Sala fórmase mediante un sistema de rotación de dous grupos, que se alternarán cada nove meses, cuxa composición ten en conta o equilibrio xeográfico e tenta reflectir as diferentes tradicións legais existentes nos Estados parte.

Nomeamento e cesamento

[editar | editar a fonte]

Os xuíces do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos son elixidos pola Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, por maioría, de entre unha terna de candidatos que presenta cada Estado membro do Consello de Europa. Os candidatos deben ser xuristas da máis alta consideración moral e reunir as condicións requiridas para o exercicio de altas funcións xudiciais ou ser xurisconsultos de recoñecida competencia (artigo 39.3 do Convenio).

Xuramento

[editar | editar a fonte]

Antes de tomar posesión do seu cargo, os xuíces deberán prestar o seguinte xuramento ou declaración solemne, na primeira sesión na que o Tribunal se reúna en Pleno e o xuíz estea presente, ou en caso de necesidade, ante o Presidente do Tribunal:[4]

«“Xuro” —ou “declaro solemnemente”— “que exercerei as miñas funcións de xuíz con honor, independencia e imparcialidade, e que gardarei o segredo das deliberacións”».

Cesamento

[editar | editar a fonte]

Os xuíces son elixidos por un período de nove anos non reelixibles e finalizará cando alcancen a idade de 70 anos. Así mesmo, poderán ser relevados das súas funcións se os demais xuíces deciden, por maioría de dous terzos, que o devandito xuíz deixou de reunir as condicións requiridas para selo (artigo 23 do Convenio).

Competencia

[editar | editar a fonte]

O TEDH non pode xulgar calquera presunta violación de dereitos humanos, senón que deberán cumprirse os seguintes requisitos:

  • Ratione loci: Poderase presentar unha demanda se se sufriu unha violación dos dereitos humanos no territorio dos estados que ratifiquen o CEDH.
  • Ratione materiae: Hai que alegar e xustificar adecuadamente a infracción dalgún ou algúns dos dereitos recoñecidos no CEDH, non basta con facer unha alegación xenérica ou abstracta sobre o CEDH.
  • Ratione temporis: Só serán perseguibles os feitos acaecidos a partir da entrada en vigor do CEDH no Estado de que se trate, pero só se poderá presentar a demanda se ese estado aceptou a competencia do TEDH.
  • Ratione personae: Teñen lexitimación activa os Estados e calquera persoa, física, ONG ou grupo de particulares, con independencia da súa nacionalidade, residencia ou estado civil, que sexan os prexudicados directos; e teñen lexitimación pasiva os Estados que ratifiquen o CEDH (o acto lesivo debe ser responsabilidade do Estado, isto é, cometido por algunha Administración ou axente dependente del, non por unha persoa física ou xurídica privada).

Requisitos de admisibilidade

[editar | editar a fonte]

O TEDH desestimará a demanda se non concorren os seguintes requisitos:

  • Requisito temporal: A demanda debe presentarse nun prazo de 6 meses a partir da última notificación ou decisión interna (art. 35 Regulamento).
  • Non bis in idem internacional: Non se pode presentar unha demanda se anteriormente xa se presentou ante o TEDH ou outra instancia internacional, sendo esencialmente a mesma e sen que sucedan feitos novos.
  • Esgotamento dos recursos internos: Requírese ter recorrido a todas as instancias ordinarias —non discrecionais ou extraordinarias— posibles no sistema xudicial interno do Estado presuntamente infractor, incluíndo o recurso de amparo, aínda que non sexa admitido. Exceptúanse aqueles casos de dilacións indebidas onde se vexa claramente que será inútil, debendo xustificarse adecuadamente. Tamén se esixe alegar a infracción —non necesariamente o artigo concreto do CEDH— en vía interna. Con todo, esta é unha regra flexible, non pode ser excesivamente formalista impedindo o acceso ao TEDH.
  • Fundamentación da demanda: Débese invocar algún artigo do CEDH na demanda e alegar a infracción desde o inicio do proceso en vía interna, que a demanda non estea manifestamente mal fundada e que non sexa abusiva, e que o prexuízo sexa importante.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]