Tomás Barros
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de febreiro de 1922 Toledo, España |
Morte | 3 de setembro de 1986 (64 anos) A Coruña, España |
Formación profesional | Maxisterio, Belas Artes |
Actividade | |
Ocupación | pintor, escritor, poeta |
Membro de | |
Xénero artístico | Pintura, poesía, teatro |
Tomás Barros Pardo, nado en Toledo o 3 de febreiro de 1922 e finado na Coruña o 3 de setembro de 1986, foi un pintor e escritor galego.
Pintor, poeta, ensaísta, autor teatral, novelista, articulista, catedrático, e membro correspondente da Real Academia Galega, Tomás Barros é un dos intelectuais galegos máis prolíficos do extrañamento interior, grupo de intelectuais antifranquistas que non optaron polo exilio pero cos que compartiron inquedanzas e colaboracións, tal como sucedeu no caso de Barros con Luís Seoane, Rafael Dieste, Vicente Aleixandre, Celso Emilio Ferreiro ou seu primo Isaac Díaz Pardo.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado accidentalmente en Toledo en 1922, a familia retorna en 1929 á cidade orixinaria dos seus pais, Ferrol, onde residirá o resto da súa infancia e adolescencia. Tras estudar Maxisterio en Santiago de Compostela, marcha a Madrid en pos da licenciatura en Belas Artes da academia de San Fernando. Durante máis de trinta anos exercerá a Cátedra de Debuxo e Expresión Plástica na escola de Maxisterio da Coruña, compaxinando a docencia coa creación artística ata o final dos seus días.
A súa actividade literaria desprégase dende os inicios da década dos 50, coa publicación da súa primeira obra poética en 1950 baixo o título de Gárgolas, e a fundación en 1952 da revista de poesía e crítica literaria Aturuxo, xunto ós ferroláns Mario Couceiro e Miguel Carlos Vidal.[2] O longo da década Barros publica sucesivas obras poéticas e teatrais, así como unha crecente produción ensaística en periódicos e revistas. En 1975 funda a revista de poesía Nordés xunto a Luz Pozo Garza, e en 1973 acada o Premio Internacional de Poesía do Círculo de Escritores y Poetas Iberoamericanos de Nova York.
En 1980 foi escollido membro correspondente da Real Academia Galega por unanimidade.[3] Nesa década a produción literaria de Barros inclúe varias pezas dramáticas e abundantes artigos xornalísticos e de ensaio. En 1986 foi proposto por Xosé Leyra como membro da Real Academia Galegas de Belas Artes, aínda que non ingresou polo seu pasamento.[3]
Discípulo de Bello Piñeiro e admirador de autores como Vincent van Gogh e Georges Rouault, a súa produción pictórica evolucionou do realismo cara ao expresionismo.[4] Nunha primeira etapa, foi influído por movementos de vangarda como o postimpresionismo, o expresionismo e o fauvismo.[2] Cadros como El aparecido e El testigo responden a modelos desta última corrente. Posteriormente, nunha segunda fase, expresionista, amosa unha crecente tendencia abstractiva a partir da década dos 60, caracterízase por unha preocupación polo ritmo, a forma e a cor manifesta polo propio artista en varios dos seus ensaios. A súa obra tamén presenta a influencia de movementos relixiosos orientais, que influíron sobre o seu pensamento.[5]
Participou en diferentes exposicións tanto en Galicia como no estranxeiro, salientando a de Ansdell Gallery de Londres.
O 27 de outubro de 2017 os fillos de Sara Cao e Tomás Barros doaron á Real Academia Galega todo o arquivo do autor (escritos, manuscritos, correspondencia, recortes de prensa, borradores, gravacións, orixinais de libros etc.) co fin de garantir a súa divulgación entre os investigadores e na sociedade en xeral. A institución comprométese a conservar toda a documentación, a preservar a súa unidade e a facilitar a súa consulta e difusión.[6]
Dá nome a un centro educativo privado de formación profesional do barrio coruñés da Agra do Orzán aberto en 2000.[7]
Obra escrita en galego
[editar | editar a fonte]Poesía
[editar | editar a fonte]- Berro diante da morte, 1963, Galaxia.
- Abraio, 1978, Ediciós do Castro.
- Vieiro de señardade, 1987, Ediciós do Castro.
Teatro
[editar | editar a fonte]- Tres pezas de teatro, 1981, Ediciós do Castro.
- A casa abandoada, 1985.
- Fausto, Margarida e Aqueloutro, 1993, Ediciós do Castro.
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Antoloxía da poesía galega actual. Nordés, 1978, Ediciós do Castro (edición bilingüe galego-castelá).
Obra escrita en castelán
[editar | editar a fonte]Poesía
[editar | editar a fonte]- Gárgolas, 1950, Benito Soto.
- El helecho en el tejado, 1957.
- La estrella y el cocodrilo, 1960, Ferrol.
- Los ojos de la colina, 1963, Bilbao.
- A imagen y semejanza, 1973, CLA, Bilbao.
Teatro
[editar | editar a fonte]- Panteón familiar, 1956.
Narrativa
[editar | editar a fonte]- El rastro invisible, 1990, Ediciós do Castro.
Ensaio
[editar | editar a fonte]- Los procesos abstractivos del arte contemporáneo, 1965, Ediciós do Castro.
- Sobre el origen de la corteza en los astros, 1973.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Coruña, Redacción A. (2008-04-04). "Santiago muestra la obra universal del artista coruñés Tomás Barros". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-02-04.
- ↑ 2,0 2,1 La Noche, 13-9-1952, p. 3.
- ↑ 3,0 3,1 Muruais, Perfecto Conde (1980-03-25). "Tomás Barros, académico de la Lengua Gallega". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-02-04.
- ↑ "Tomás Barros". Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo. 2013-04-12. Archived from the original on 12 de abril de 2013. Consultado o 2022-02-05.
- ↑ "TOMÁS BARROS - Afundación". www.afundacion.org. Consultado o 2022-02-04.
- ↑ EFE (2017-10-27). "La Real Academia Galega recibe en donación el archivo personal del académico Tomás Barros". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-02-04.
- ↑ Barros, Centro Tomás. "Sobre el Centro Tomás Barros· Formación Profesional". Centro Tomás Barros · Formación Profesional (en castelán). Consultado o 2022-02-04.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- IRIZARRY, Estelle e POZO GARZA, Luz: Estudios sobre la obra de Tomás Barros, Universidade da Coruña, 1992.
- LOPEZ GARCÍA, Antía: Tomás Barros. Tal vez unha sede de luz, Biblioteca Ferrolterra, 2001.
- McDERMID, Paul: "Tomás Barros and his Faust: Love, Mystery and Synchronicity", en Galicia 21, 2011