Theodore Kaczynski
Theodore John Kaczynski, nado en Chicago (Illinois) o 22 de maio de 1942, e finado o 10 de xuño de 2023, máis coñecido co alcume de Unabomber, foi un matemático, filósofo, neoludita e terrorista estadounidense, que se dedicou á fabricación e envío de cartas e paquetes bomba, motivado e influenciado por un pensamento crítico da sociedade actual.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ted Kaczynski amosou grandes capacidades intelectuais dende unha curta idade. Kaczynski graduouse na Universidade de Harvard, obtendo posteriormente un doutoramento en matemáticas pola Universidade de Míchigan. Ao rematar a súa formación académica, comezou a exercer como profesor asociado na Universidade de Berkeley á idade de 25 anos no ano 1967, ata a súa dimisión dous anos máis tarde.
Tras a súa dimisión en Berkeley, Kaczynski mudouse en 1971 a Lincoln, Montana para vivir nunha cabana artesá feita por el mesmo, a cal carecía de electricidade e auga corrente. En 1978 comezou a fabricar bombas, que enviou a distintos obxectivos empregando o Servizo Postal dos Estados Unidos. A súa actividade terrorista durou dende o 1978 ata a súa detención en 1995. Os obxectivos principais de Kaczynski eran universidades e aeroportos. Atentar contra un avión está contemplado como delito federal nos EUA, polo que o caso pasou a mans do FBI, que o nomeou baixo o acrónimo UNABOMB (do inglés University and Airline Bomber)
Manifesto Unabomber
[editar | editar a fonte]En 1995, Kaczynski escribiu un manifesto denotando os seus principios, titulado A sociedade industrial e o seu futuro. O manifesto foi enviado ao New York Times e o Washington Post baixo o pseudónimo de FC (Freedom Club). No ensaio, amosa o seu descontento coa sociedade tecnolóxica actual, produto da Revolución Industrial, argumentando que a tecnoloxía supón un obstáculo para a liberdade humana. Kaczynski solicitou a publicación íntegra do seu manifesto a cambio de poñer fin á súa actividade terrorista.
Despois de deliberalo, ambos os dos xornais decidiron publicar o manifesto completo, que na cultura popular pasou a coñecerse baixo o alcume de Manifesto Unabomber. Ao mesmo tempo, as autoridades pediron a colaboración cidadá para a súa detención, esperando que algunha persoa recoñecese o xeito de escribir de Ted.
O seu irmán David Kaczynski recoñeceu no manifesto diversas expresión propias do seu irmán e púxose en contacto coas autoridades. Theodore Kaczynski foi detido na súa cabana en Montana o 3 de abril de 1996. No interior, o FBI atopou varios compoñentes para construír bombas así como unha bomba xa preparada, un xornal de 40.000 páxinas con experimentos detallados e descricións dos crimes de Unabomber e o que semellaba ser o manuscrito orixinal do Manifesto Unabomber.
Kaczynski foi condenado a 8 cadeas perpetuas sen posibilidade de liberdade condicional. No momento da súa morte, estaba retido no ADX Florence, un centro penitenciario de máxima seguridade no condado de Freemont, Colorado, cumprindo a súa condena.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ted Kaczynski, o Unabomber, morre aos 81 anos – Notícias do Brasil" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2023. Consultado o 2023-06-10.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Theodore Kaczynski |
- Manifesto Unabomber orixinal publicado no Washington Post (en inglés)
- Manifesto Unabomber (en castelán)
Este artigo sobre unha personalidade é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |