Saltar ao contido

Skate punk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Skate punk
Orixe musicalpunk rock, surf rock, thrashcore, hardcore melódico, pop punk
Orixe culturalmaediados dos 80 en Norteamérica
Instrumentos típicosvoces, guitarra, baixo, batería e ocasionalmente teclados
Derivadospop punk, ska punk, third-wave ska

Skate punk (ás veces chamado skate core ou skate rock) é un subxénero do punk rock, orixinalmente derivado da escena hardcore punk da costa oeste estadounidense, chamado así pola súa popularidade entre patinadores e pola súa relación coa cultura skate. O skate punk principalmente describe ás bandas de hardcore melódico dos anos 90 cun son agresivo, e a bandas de son semellante modernas. Os vídeos do xénero tradicionalmente ofreceron o estilo agresivo do punk rock en paralelo coa sensación de patinar. Isto tivo un papel importante na creación do termo "skate punk". Porén, moitas bandas que comunmente son referidas como skate punk non aceptan esta etiqueta, xa que non asocian co skate.

O estilo musical do skate punk combina a intensidade do hardcore punk e o thrashcore con composicións máis melódicas. Porén, as primeiras bandas de skate punk tiñan un son máis cru que foi facéndose máis melódico co tempo. O skate punk adoita a ser máis técnico que outras formas do punk, contando habitualmente con riff de guitarra principais, solos e harmonías vocais. Os toques de batería son normalmente extremadamente rápidos, prestados da tradición hardcore punk e thrashcore. Hai unha considerable cantidade de son do skate punk que se superpón ás outras formas de punk, polo que moitas bandas clasificadas neste estilo tamén entran dentro doutras categorías como poden ser pop punk, hardcore melódico ou thrashcore. Os membros das bandas moitas veces son patinadores, e algúns grupos ocasionalmente céntranse, ou polo menos fan referencia, na cultura skate nas súas letras, ademais de usar outras temáticas comúns ao punk.

O skate punk iniciouse a mediados dos anos 80 en California, onde o skate medraba en popularidade e era considerado unha forma de rebelión. Entre as bandas que influíron no xénero están Black Flag, JFA, Agent Orange e Minor Threat. The Big Boys de Texas e JFA de Arizona son amplamente considerados os primeiros grupos deste xénero. Ámbolos dous grupos estaban compostos enteiramente por patinadores e tocaban música alta e rápida feita para que coincidise coa intensidade da patinaxe. Bandas como RKL, NOFX, Stalag 13, Hogan's Heroes e Suicidal Tendencies estiveron tamén entre as primeiras do xénero.

Nos 90 a popularidade do skate punk medrou e evolucionou para facerse máis melódico. Durante este tempo as bandas do xénero experimentaron un aumento de éxito comercial e foron presentadas en eventos como a Warped Tour.

Selos destacados do xénero

[editar | editar a fonte]