Saltar ao contido

Monopatinaxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Skate»)
Monopatinaxe na Coruña.

A monopatinaxe[1], tamén coñecida polo seu nome en inglés -skateboarding ou skate- é unha modalidade de patinaxe inventada en California (Estados Unidos) e que consiste en desprazarse enriba dun monopatín (tamén coñecido en inglés como skateboard ou skate) sobre o asfalto ou nunha pista especialmente deseñada para a práctica deste deporte (Skatepark).

As persoas que practican este deporte son chamadas monopatinadores[2] ou skaters e os obxectivos desta práctica son variados: o simple lecer, a arte e beleza plástica, a profesional, ou simplemente como medio de transporte. Nas interpretacións da monopatinaxe como actividade recreativa, artística e profesional, o obxectivo non é outro que o de procurar a beleza no manexo do monopatín executando manobras de diferente grao de dificultade.

A monopatinaxe é unha práctica sobre todo urbana, razón pola cal se relacionou moi estreitamente coa cultura de rúa e urbana e, dado que os seus practicantes adoitan ser de idade moi nova, coa cultura xuvenil. É especialmente intensa a relación co mundo do punk, chegándose mesmo a desenvolver o denominado skate punk. Segundo un informe da American Sports Data de 2002 existían nese ano 18,5 millóns de monopatinadores, dos cales o 85% eran menores de 18 anos e o 74% de sexo masculino[3].

As orixes da monopatinaxe encóntranse moi probabelmente nalgún momento entre finais da década de 1940 e comezos da de 1950, cando os surfeiros andaban na procura de algo no que «surfear» cando non había ondas no mar. O caso é que nesta altura comezou a ser frecuente ver a surfeiros pola rúa divertíndose con caixas de madeira ou táboas con rodas cravadas nun dos lados. Pouco a pouco fóronse perfeccionando os instrumentos ata chegar a pranchas máis parecidas ás actuais.

Os primeiros monopatíns manufacturados producíronse nunha tenda dos Ánxeles, propiedade de Bill Richard, que orixinalmente estaba adicada ao surf e que chegou a un acordo coa Chicago Roller Skate Company para produciren estes novos monopatíns. A práctica da monopatinaxe foise espallando axiña por todo o país aumentando a produción de monopatíns e de empresas adicadas á súa elaboración. Probas da popularidade desta actividade son que se crease en 1964 unha revista adicada a esta disciplina, o Skateboarder Magazine, e que en 1965 fose retransmitido pola TV un campionato internacional de monopatinaxe. A marca de monopatíns Makaha chegou á cifra de 10 millóns de dólares en vendas entre 1964 e 1965. Porén as vendas a partir dese ano comezaron a caer e o Skateboarder Magazine parou a súa publicación. A práctica da monopatinaxe quedou relegada á marxinalidade ata a década de 1970.

Década de 1970

[editar | editar a fonte]

A comezos desta década, Frank Nasworthy comezou a desenvolver unhas novas rodas para monopatín feitas con poliuretano. Con estes novos avances aumentouse a tracción e manobrabilidade dos monopatíns ao mesmo tempo que se reducía o seu peso, o que foi unha das causas determinantes no novo e rápido incremento da popularidade da monopatinaxe a partir de 1972. Pouco a pouco fóronse introducindo novas melloras en materiais, nos eixes ou en aspectos máis superficiais como a utilización de cores nos deseños de monopatíns.

Ao mesmo tempo que as técnicas de fabricación foron evolucionando, tamén a propia práctica da monopatinaxe foi mudando. Novos monopatinadores entre os que habería que destacar a Ty Page, Bruce Logan, Bobby Piercy, Kevin Reed, e os Z-Boys desenvolveron novos trucos e acrobacias. A partir dese momento comezouse a tentar patinar sobre as paredes verticais de piscinas que foran deixadas baleiras. Inaugurábase así o coñecido como vert que incrementaba a velocidade acadada polos monopatíns e que, sumada á maior manobrabilidade que se conseguira, permitiu o desenvolvemento de trucos e manobras máis rápidas, acrobáticas e perigosas. Isto comportou, ao mesmo tempo, que se desenvolveran novas medidas de seguranza para protexer cabeza, xeonllos e cóbados e que se abandonase en moitos casos o estilo libre (freestyle) en favor de prácticas máis profesionalizadas. Algúns monopatinadores, debido ao caro que é dispor de ramplas para o vert, comezaron a construír as súas propias estruturas.

A finais da década a monopatinaxe novamente comezou a decaer.

Década de 1980

[editar | editar a fonte]

Nesta década asistiuse a un afondamento da separación da monopatinaxe máis comercializada, con espectáculos patrocinados por grandes marcas, e a variedade afeccionada, que continuaba a desenvolverse na rúa ou en pistas de monopatinaxe públicas. Tamén se idearon novas manobras: flip, heelflip, hardflip, kickflip, casper, darkslide, rockslide, 50-50, body varial, nollieflip underflip, primo, reemo, varialflip, inward heelflip, 360 flip, fs flip, bs flip, varial heelflip, fs heelflip, bs heelflip,etc.

Tamén nesta época a monopatinaxe, en tanto que cultura urbana, se vencella, sobre todo en California, co movemento hardcore. Moitos dos mozos que acudían aos primeiros concertos de hardcore en California de bandas como Black Flag, Circle Jerks ou Minutemen eran monopatinadores e tamén surfeiros.

Os últimos anos

[editar | editar a fonte]

Desde os 80 a vertente dominante é a da monopatinaxe practicada na rúa, toda vez que a variedade de exhibición con grandes patrocinios económicos, aínda que se mantén, non ten os niveis de épocas anteriores. As innovacións técnicas e materiais continuaron aínda que sen se producir ningún gran salto tecnolóxico. Tampouco houbo novidades importantes no referente a manobras.

Nos primeiros anos de existencia da monopatinaxe esta estivo moi vencellada á cultura do surf. Mais a medida que a práctica da monopatinaxe se ía estendendo a lugares onde non estaba implantada esta cultura surfeira, ía adquirindo a súa propia identidade e idiosincrasia como ben se reflicte no filme Video Days (Spike Jonze, 1991) onde os monopatinadores aparecen reflectidos coma xoves rebeldes.

Durante os anos 80 esta imaxe de rebeldía dos monopatinadores coincidiu coa explosión do Hardcore en California polo que desde entón a cultura do monopatín estivo asociada ao movemento punk e a unha imaxe de mocidade inconformista e rebelde. Co tempo tamén se relacionou coas vertentes máis underground e politicamente concienciadas do hip hop, reggae e rock. Mesmo os habitantes de moitos barrios de diferentes vilas e cidades se chegaron a opor á construción de pistas de monopatinaxe pola imaxe asociada a estes mozos. Porén, co tempo, esta imaxe rebelde foise diluíndo sobre todo pola expansión da vertente comercial da monopatinaxe que incluía exibicións e competicións esponsorizadas por grandes marcas, aparecendo grandes estrelas da monopatinaxe que gravaban vídeos con música HC, punk, reggae, hip hop e rock, mais nas súas expresións máis comerciais e mercantilizadas, co que o espírito rebelde que a monopatinaxe aparellaba se perdeu.

Como exemplo disto pódese facer referencia a publicacións adicadas á monopatinaxe nas que se reflicte esta dualidade. Por un lado revistas coma Trasher retrata unha monopatinaxe sucia, rebelde e aínda vencellada ao punk, mentres que outras coma Transworld Skateboarding, ofrecen unha visión menos perigosa e máis asimilábel polo público xeral.

A relación entre a monopatinaxe e o punk callou de feito nun estilo denominado skate punk, que ben sendo unha deriva do Hardcore punk melódico e que engloba a bandas de certo éxito comercial como a dalgunhas bandas pertencentes a selos como Epitaph.

Filmes como Grind (Casey La Scala, 2003) ou Lords of Dogtown (Catherine Hardwicke, 2005) contribuíron a dar unha imaxe «positiva» da monopatinaxe amosándoa como unha sá competición deportiva e minimizando os trazos «conflitivos» dese mundo. Porén non se fai unha crítica seria da mercantilización de parte do mundo da monopatinaxe, mentres que a parte violenta ou perigosa é frivolamente retratada.

Outro director de cinema, Larry Clark, retratou nalgún dos seus filmes a mozos metidos dentro da cultura da monopatinaxe (aínda que non só se reflicta esta realidade) neles mestúrase o sexo explícito, a música, as drogas e a inmediatez da mocidade: Kids (1995) e Ken Park (2002).

Partes do monopatín

[editar | editar a fonte]

O monopatín está formado por oito partes, todas fundamentais para un bo funcionamento, estas son:

É a táboa de madeira que serve como base para as manobras. Composto por madeira leve e resistente disposto en follas. Existen varios tipos, con pouca ou moita inclinación, ou con pouca ou moita anchura, podendo escollerse o que máis se adecúa a cada tipo de manobras e estilo. A táboa posúe un nose e un tail, ambos son extremidades da táboa, sendo o nose a parte dianteira e o tail a parte traseira. O cóncave da táboa é a curvatura antes do tail e do nose, esa curvatura inflúe no tipo de estilo de preferencia da persoa. Tamén contén diversas formas de cortes.

É a peza na cal o truck é encaixado, tamén é coñecido coma "base". Hai dúas mesas en cada monopatín. En cada unha das mesas ten unha cavidade onde se debe colocar as chupetas (parte integrante dos amortecedores).

Son os eixos do monopatín, a parte onde se encaixan as rodas, os rolamentos e o amortecedor que absorbe os impactos de cada chimpo. Os trucks son xeralmente feitos en aluminio, mais poden ser de material plástico e até mesmo de poliuretano que é o mesmo material utilizado para confección de rodas de monopatín.

Amortecedores

[editar | editar a fonte]

Son catro (dous pares por truck) en cada monopatín: que son postos nas partes superiores puntiagudas dos trucks; dous en formatos circulares, que son postos entre a mesa e o truck; e outros dous de forma irregular - unha parte maior do que a outra - que son usados entre o truck e a porca do parafuso central. Os amortecedores reciben unha clasificación: Vai de 95 até 100. Noventa e cinco, ou máis próximo de 95 (ex.: 96, 97), son máis suaves. Cen, ou máis próximo de 100 (ex.: 98, 99), son máis duros. Eses números veñen acompañados dunha letra que pode ser: A, B ou C, Exemplo: 98A. Non existe combinación: 95AB, 97AC etc.

Existen varios tipos de rodas, marcas e tamaños. Unha marca das máis utilizadas é a Moska porque dura moito[Cómpre referencia], non escorrega demasiado e é ben redonda.

Rolamentos

[editar | editar a fonte]

Permítenlle ás rodas xiraren libremente e por tanto que o monopatín esvare polo chan. Son feitos con ligaduras de aceiro e existen diversas marcas. Hai unha clasificación dos rolamentos denominada ABEC. Esta, clasifica o rolamento en canto a súa precisión nas dimensións. Unha especie de certificado de enxeñaría. Esta certificación ABEC non clasifica os rolamentos por durabilidade e velocidade. Esas características dependen da calidade dos compoñentes: esferas, gaiolas, lubrificación etc.

É perfectamente posíbel que un rolamento ABEC 3 de determinada marca corra e dure máis ca un ABEC 7 doutra marca. Existen tamén rolamentos sen certificación ABEC, como os da "Bones". Esa clasificación é feita a partir de números impares de 1 até 11, por tanto os "ABECs" existentes son ABEC 1, ABEC 3, ABEC 5, ABEC 7, ABEC 9 e ABEC 11.

Parafusos

[editar | editar a fonte]

Responsábeis de fixar partes do monopatín. Son cinco en cada truck, sumando un total de dez parafusos: oito para prender as dúas mesas (catro en cada mesa) e dous parafusos centrais (kingpin) —son aqueles parafusos grandes onde son tamén encaixados dous amortecedores.

Fica adherida á superficie da táboa e fai que aumente a adhesión entre o calzado e a táboa do monopatín, posibilitando así a execución de manobras e impedindo que o calzado deslice involuntariamente sobre a táboa. Esa lixa é como un "adhesivo" e é pegado en riba da táboa.

Modalidades

[editar | editar a fonte]

Street Style

[editar | editar a fonte]

Na monopatinaxe de rúa (street skate), os practicantes utilizan a arquitectura da cidade, por exemplo, bancos, escadas e pasamáns (elementos do mobiliario urbano) como obstáculos para executar as súas manobras e expresarse. É con distancia a modalidade máis difundida e popular da monopatinaxe.

Vert ou Vertical

[editar | editar a fonte]
Half-Pipe

A modalidade vertical é practicada nunha pista con curvas (transicións), con 3'40m ou máis de altura, tres metros de raio e corenta centímetros de verticalización, xeralmente posúen extensións. A pista, que presenta a forma de U, é chamada half-pipe e pode ser feita de madeira ou formigón.

Pool Riding

Está considerado como unha das modalidades máis loucas de monopatinaxe, pois é practicado en piscinas baleiras, que coas súas paredes arredondeadas son verdadeiras pistas de monopatinaxe. Na realidade as pistas de forma cócava están inspiradas nas piscinas, que tiñan a transición redonda (o fondo redondo das piscinas americanas é para evitar problemas en caso de conxelación da auga). Na década de 1970, algúns monopatinadores de California, máis concretamente de Santa Mónica, aventuráranse a andar en piscinas baleiras, así foi criado o Pool Riding que actualmente é unha modalidade underground practicada por algúns monopatinadores con afección polas transicións rápidas. En 1999, a Vans (unha marca de calzado deportivo para monopatinadores) inaugurou unha das maiores pistas da América, onde a atracción principal é unha réplica da famosa piscina Combi Pool que estaba na extinta pista de Pipeline en Upland e xa promete outra pista en breve, sempre coa inclusión de piscinas no seu deseño.

Big Air

O seu nome fai referencia ao tempo que o monopatinador pasa no aire[4], xa que o Big Air ten como principal característica o uso de ramplas moito máis grandes que en calquera outra modalidade. O monopatinador descende por unha destas ramplas para lanzarse, facer un truco, e logo aterrar noutra rampla deseñada especialmente para amortecer o salto, que nalgunhas ocasións pode chegar a ser superior aos 20 metros de distancia. Nalgúns casos, o oco entre as dúas ramplas pode conter algún obstáculo, coma un pasamáns. Debido ao seu alto risco, á dificultade técnica e á necesidade de contar cunhas instalacións específicas, o Big Air é un dos estilos menos practicados. Esta modalidade foi creada por Danny Way e actualmente é unha das máis prestixiosas da competición dos X-Games. É unha adaptación do slopestyle ao monopatín nunha variante máis extrema.

Downhill Slide

Modalidade onde o monopatinador descende unha ladeira facendo manobras a alta velocidade. Un dos inventores do downhill-slide foi Clifford Coleman, de Berkeley (California). El e os seus amigos crearon o Slide por volta de 1965, mais soamente en 1975 se encontraron nun evento no que puideran compartir as súas experiencias vividas neses 10 anos e exhibiron os primeiros slides en pé (Stand-up) dos que se ten noticia.

Co pasar dos anos, Cliff comezou a desenvolver outro tipo de Slide, o Slide de man, agachado, o cal podería ser executado en velocidades maiores proporcionando unha maior seguranza no Downhill, visto que este slide podería ser utilizado como unha especie de freo na descida de inclinación maiores. Desenvolvendo a habilidade dos monopatinadores de descer desniveis cada vez maiores e máis rapidamente.

Freestyle

[editar | editar a fonte]

Modalidade onde o monopatinador presenta varias manobras en secuencia, xeralmente no chan. O freestyle é considerado unha das primeiras modalidades da monopatinaxe. Cada monopatinador efectúa as súas combinacións de manobras nun tempo estipulado previamente. Hoxe, esta modalidade está volvendo con forza no mundo enteiro. Moitas manobras do street de hoxe en día veñen do freestyle.

Longboard downhill

[editar | editar a fonte]

Consiste en descer unha pendente executando manobras de slide, cun monopatín maior, chamado Longboard. Con características ben próximas á modalidade Downhill Slide, no long, o estilo clásico do "surf" é máis explorado, no aproveitamento dos laterais das pistas e da propia madeira (Shape). Hoxe, co desenvolvemento técnico, o longboard downhill consegue equilibrar agresividade, velocidade e o clásico ao mesmo tempo.

DownHill Stand-up (SPEED)

[editar | editar a fonte]

Ten como finalidade descer a ladeira ou pendente imprimindo velocidade, os equipamentos de seguranza necesarios para a práctica do Downhill speed son varios incluíndo casco e outras proteccións, alén dun monopatín especial para velocidade. O récord mundial de velocidade está en posesión do brasileiro Douglas (Dalua), chegando a 113 km/h na ladeira máis rápida do mundo no RS-teutônia en outubro de 2007.

Mini-ramplas

[editar | editar a fonte]

As mini-ramplas son populares en todo o mundo pois, debido á pouca altura que teñen, as manobras son executadas cunha maior facilidade. Nesta modalidade, hai unha mestura de street con vertical. Na realidade as mini ramplas son un mini half pipe, onde as paredes non chegan á vertical. Elas varían de 1 a 2 metros e 10 cm de altura. Son excelentes para aprender manobras. Estas pistas son facilmente construíbeis. O risco de se mancar nunha manobra é ben pequeno e é unha práctica necesaria na aprendizaxe de calquera monopatinador.

Manobras básicas

[editar | editar a fonte]

As manobras máis simples e primeiras en aprender son.

Allan "Ollie" Gelfand revolucionou este deporte ao inventar a técnica de salto sen agarrar o monopatín coas mans, técnica que adoptou o seu nome: o ollie, que podía practicarse tamén na rúa, e que é a técnica de salto básica da monopatinaxe.

  • Posicionar a punta do pé de atrás na parte de atrás do monopatín e o de diante un pouco atrás dos parafusos dianteiros;
  • Agacharse un pouco, preparándose para impulsar o corpo para arriba. Manter os brazos lixeiramente abaixados;
  • Bater o tail no chan con forza, levando os brazos para arriba ao mesmo tempo que se salta. Inclinar lixeiramente o corpo para diante;
  • Ao bater o tail, o monopatín vai subir, nese momento débese botar o pé de diante para a fronte, deslizando o peito do pé sobre a lixa, facendo o monopatín retornar á posición horizontal;
  • Controlar o "voo". Despois dalgunha experiencia, deixar que o monopatín e o corpo aterren pola forza da gravidade, sen forzar;
  • Ao sentir que o monopatín toca o chan, amortecer a caída flexionando os xeonllos;
  • No comezo, é natural que as rodas de atrás non saian do chan. Para que elas suban, débese bater o tail con toda a forza e encoller a perna de diante;
  • Despois diso, levar o pé de diante para a fronte, deslizándoo sobre a lixa, empurrando o nose e impulsando o monopatín, tanto para diante como para arriba;
  • Ficar na súa base normal.
  • Co pé do Tail, dar un impulso para atrás, e co pé do nose chutar para diante.
  • Xuntar isto cun pequeno pulo para diante.
  • Lembrar, a manobra perfecta é aquela na que se consegue caer cos pés enriba do parafuso. (Tamén é menos probábel unha caída).
  • Posicionar os pés e flexionar os xeonllos.
  • Bater o tail e chutar o flip, impulsando o corpo para diante e para arriba;
  • O monopatín debe pegar nos pés no alto, e en paralelo ao chan (repare a altura á que o monopatín está do chan).
  • E débese manter así até chegar ao chan.
  • Xirar coas catro rodas ao mesmo tempo, cos pés enriba das bases.
  • Os xeonllos flexionados axudan a absorber o impacto.
  • Manter tranquilidade ao continuar andando.

Monopatinaxe en Galiza

[editar | editar a fonte]

Un dos lugares de Galiza onde máis se expandiu a práctica da monopatinaxe é a área da Coruña, onde desde os anos 90 era habitual ver monopatinadores entre outros sitios na Praza Pontevedra ou na zona da estación de trens. Fóra da cidade tamén hai monopatinadores no Burgo e en Arteixo, onde foi construída unha pista para practicar este deporte.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "monopatinaxe". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  2. "monopatinador". TERGAL: Banco de termos galegos recomendados, versión 1.5.2. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Consultado o 19 de xullo de 2021. 
  3. Ocean Howell, Topic Magazine. "Extreme Market Research". http://www.webdelsol.com/Topic/articles/04/howell.html. Retrieved on 2006-12-13.
  4. "big air" (en inglés). 2023-05-23. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Borden, Iain. (2001). Skateboarding, Space and the City: Architecture and the Body. Oxford: Berg. (en inglés)
  • Hocking, Justin, Jeffrey Knutson e Jared Maher (Eds.). (2004). Life and Limb: Skateboarders Write from the Deep End. Nova York: Soft Skull Press.
  • Weyland, Jocko. (2002). The Answer is Never: a History and Memoir of Skateboarding. Nova York: Grove Press.
  • Hawk, Tony e Mortimer, Sean. (2000). Hawk: Occupation: Skateboarder. Nova York: HarperCollins.
  • Thrasher Magazine. (2001). Thrasher: Insane Terrain. Nova York: Universe.
  • Brooke, Michael (1999) The Concrete Wave - the History of Skateboarding. Warwick Publishing
  • Mullen, Rodney e Mortimer, Sean (2003). The Mutt
  • Skateboard Kings, documental de 1978.
  • SkateSpotter, directorio sobre skate.
  • Eduardo Britto, (2000)A onda dura. Parada Inglesa NPL (Brasil).

Filmografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]