Skacha
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Skacha | |
---|---|
Orixe | Coia (Vigo), Galiza |
Período | 1991-2011 |
Xénero(s) | Punk-Rock |
Membros | Martín (guitarra 1992-2011), Pablo (baixo 2000-2011), Kino (batería 1991-2011), Esteban (voz 1991-2011), Gontxu (guitarra 2004/2006 - 2011/2011), Petetas (técnico de son) |
Antigos membros | Xose - batería (1991/1994 - 1995/1997), Roberto - guitarra (1991-2004), Mikele - baixo (1997-2000), Sime - batería (1994/1995) |
Na rede | |
páxina oficial do grupo | |
Skacha é un grupo musical de punk-rock, formado no barrio vigués de Coia en 1991 e disolto no ano 2011. Os contidos das súas letras alternan aspectos sociais con outros máis desenfadados, sempre baixo unha perspectiva de expresión de potencia e xenreira propia do Punk-Rock. Co paso do tempo a banda foi acumulando experiencia con numerosos concertos ó longo da xeografía estatal. Teñen compartido escenario, entre outros, con; The Adicts, R.I.P. ,U.K. Subs, M.C.D., The Vibrators, The Anti-Nowhere League, Kaos, The Business, Ostia Puta, Menace, Código Neurótico, Red Alert, Siniestro Total...
Historia
[editar | editar a fonte]O grupo nace no barrio vigués das Travesas, no 1991, onde vivían os tres membros fundadores do grupo: os daquela adolescentes Kino (baixo), Xose (guitarra e voz) e Roberto (batería). Montaron o local de ensaio nun soto familiar do barrio de Coia, comezando a tocar con medios materiais bastante precarios e sen moitos coñecementos musicais.
Meses máis tarde incorporouse Esteban como cantante, o que derivou nunha reformulación da banda, pasando Xose a tocar a batería e Roberto á guitarra.
En 1992 o grupo pasa a compartir local de ensaio co grupo K.O.P. (Keostiaspasa), logo de velos nun concerto no instituto no que estudaban. Martín, guitarrista de K.O.P, pasa pouco despois a formar parte de Skacha dando lugar á formación que funcionaría durante 5 anos: Esteban (voz), Roberto e Martín (guitarras), Kino (baixo) e Xose (batería).
Con esta formación, en 1993 dan o seu primeiro concerto en Priegue (Nigrán), e o 20 de novembro gravan a súa primeira maqueta, Galiza´s Montes, no local do grupo Desvirgheitors.[1] A maqueta, de edición caseira, tiña 7 cancións, cunha fotocopia en cor como portada e cunha tirada de só 75 copias.
En 1994 compartiron escenario co grupo británico Red Alert na sala Iguana Club de Vigo, onde pouco despois repetirían tocando cos franceses Skarface. Estes dous concertos daríalles a oportunidade de dárense a coñecer ante o público da súa cidade.
En 1995 gravan a súa segunda maqueta, editada polo selo Plastic Disc de Barcelona, baixo o título de Sempre Ceibes, que incluía cancións xa coñecidas entre os seus seareiros coma "A por ellos", "Sempre Ceibes" ou "O Viño". A maqueta chegou a ser seleccionada entre as cinco mellores maquetas estatais de 1995 pola revista musical Free Rock, e a súa repercusión foi tal que a súa capa chegou a aparecer entre as viñetas da tira "Pedro Pico & Pico Vena", inseridas nas páxinas da revista semanal El jueves. Pouco despois, esta mesma gravación veríase editada en formato CD polo selo alemán S.O.S. Records.
Isto permitiulles acadar certa sona nos contornos punks e skins de Europa, sendo convidados a participar co tema "Enganados" no LP compilatorio Oi! Against racism. De clara temática antirracista, foi editado en 1995 polo selo italiano Havin´A Laugh Records, e incluía bandas coma Angelic Upstars, Klaxon, Red Alert, Red London, Sham 69 ou The Oppressed.
Logo de realizar diferentes concertos, en 1997 gravan o maxi-CD Xustiza cega, tamén editado por Plastic Disc. Pouco despois Xose deixou o grupo, forzando unha nova reestruturación en Skacha, pasando a formación a ser a seguinte: Esteban (voz), Roberto e Martín (guitarras), Mikele (baixo) e Kino (batería).
Con esta nova formación en 1999 gravan o disco Skacha, unha coprodución dos selos galegos Sons de Luita e Janie Jones records. A súa distribución foi moi limitada debido á quebra da distribuidora que acadara a distribución exclusiva, polo que un bo número de copias quedou sen saír ao mercado, limitando o espallamento do que para moitos é o mellor disco da banda viguesa.
Ao ano seguinte Mikele deixou o grupo, sendo substituído por Pablo. A nova formación pasa a estar integrada por Esteban (voz), Roberto e Martín (guitarras), Pablo (baixo) e Kino (batería).
En 2001 regresan ao estudo de gravación para rexistrar cinco temas destinados ao complitario Estado de Sitio (Janie Jones records, 2001), que recolle cancións de varias bandas viguesas e unha de Bilbao. Skacha conmemoraría así os seus 10 anos de existencia versionando a 5 grupos galegos que marcaron a súa vida musical: Desvirgheitors, Kruze de Kables, Oxtiax ke te Pariu, Os Raiados e Kaos, contando para a gravación coa participación de representantes de todos eses grupos, agás Os Raiados. As guitarras dos cinco temas foron gravadas por Roberto, agás o solo de guitarra da canción "Paraísos Perdidos" que foi gravado por Beni, ex-guitarrista de Desvirgheitors.
No 2004 Roberto abandonou o grupo, logo de máis de 13 anos como integrante da banda. Foi substituído por Gontxu, quedando a formación composta por Esteban (voz), Martín e Gontxu (guitarras), Pablo (baixo) e Kino (batería).
No 2005 o selo italiano Anfibio Records proponlle á banda editar un recompilatorio, que deciden chamar 1995/2003, xa que contén temas editados entre eses anos.
No ano 2006 publicouse A ferro e lume, editado por Potencial HC, con temas novos. Un par de anos despois, Gontxu decide marchar do grupo quedando a formación en tan só catro membros: Esteban (voz), Martín (guitarra), Pablo (baixo) e Kino (batería).
Con esta formación, e logo de dar múltiples concertos, entran a gravar o seu último disco: Catro (Escacha records, 2010), titulado así porque, por primeira vez na historia de Skacha, o grupo gravaba un disco con só catro compoñentes.
No ano 2011, coincidindo coa celebración dos XX anos, Gontxu volta a Skacha. Fan un concerto de vinte aniversario na súa vila e deciden facer un parón indefinido. Tamén nese ano sae editado un tributo de bandas galegas chamado XX anos de Skacha, canta historia na barriada editado por La Contra Records.
Discografía
[editar | editar a fonte]Casetes:
- Galiza's Montes (1993)
- Sempre Ceibes (1995)
CD's:
- Sempre Ceibes (1996)
- Xustiza Cega (1997)
- Skacha (1999)
- Estado de Sitio (2001) CD/split
- 1995/2003 recopilación (2005)
- A ferro e lume (2006)
- Catro (2010)
Vinilos:
- Catro (2010) 10"
- Sempre Ceibes (2021) 12"
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Non sei qué pasa en Vigo cos movementos musicais, habería que facer un estudo!". Vieiros. Consultado o 2023-11-06.