Saltar ao contido

Serialismo integral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O serialismo integral é unha corrente compositiva nacida no século XX e é a extensión do principio da serie dodecafónica de Schönberg a outros elementos musicais ademais da altura dos sons. O principio do serialismo integral é o pensamento de que se se podían serializar os doce sons da escala cromática, tamén se poderían serializar outros elementos como a duración, a intensidade, o timbre e a textura. A técnica denomínase serialismo integral para diferencialo do serialismo limitado de Schönberg, o dodecafonismo.

A xeración máis nova dos compositores europeos xurdida trala segunda guerra mundial, rodeada de privacións materiais e dun grande illamento cultural, experimentou unha forte reacción contra a súa herdanza cultural, xa que para eles a tradición da música occidental parecía intrínsecamente vencellada aos fracasos políticos e sociais do pasado. Pensaban que se ía xurdir un mundo novo e mellor, tamén era necesario crear un novo tipo de música totalmente distinta a calquera outra que existira ata o momento. O neoclasicismo, a corrente dominante na música europea durante un cuarto de século, foi visto con certa sospeita e aversión pola meirande parte dos compositores máis novos, que o vían como unha tentativa de reconciliar as revolucións técnicas postonais e os fundamentos estéticos da época anterior, polo que era necesario levar a cabo unha ruptura total coas nocións musicais anteriores. Crian que os primeiros compositores do século XX fallaran á hora de levar a cabo unha revolución musical que comportase unha era radicalmente nova, en palabras de Pierre Boulez:

En 1945-1946 nada estaba preparado e todo quedaba por facer: foi todo un privilexio o poder levar a cabo certos descubrimentos e atoparnos a nós mesmossen ningún punto de referencia, o cal tivo as súas dificultades, mais tamén as súas vantaxes.[1]

Nun famoso e provocativo ensaio titulado Schönberg está morto, escrito en 1952 pouco despois da morte do compositor vienés, Boulez comeza alabando a figura do mestre austríaco por ter inventado o sistema dodecafónico, para logo criticalo por non telo desenvolvido en toda a súa extensión. Schönberg tratara as series como se foran un tema en lugar dunha configuración abstracta de intervalos, e as substituíra polo esquema formal clásico e preclásico en lugar de derivar as estruturas seriais das propias características da serie.

Segundo o punto de vista de Boulez, era necesario realizar un tratamento consciente de tódolos elementos da música, e non só dos melódicos, senón tamén dos rítmicos, dinámicos, texturais e formais, de acordo cuns procedementos estritamente seriais e que non tiveran nada que ver con ningún presuposto musical anterior. Debussy e Webern xa mostraran o camiño ao tratar os sons musicais "obxectivamente", isto é, segundo os seus propios termos e non como elementos determinados por un conxunto de relacións preestablecidas. Boulez alabou a Webern dun xeito especial por ter conseguido dar comezo a un novo dominio musical:

El foi o único... que tivo consiencia dunha nova dimensión do son, da desaparición da oposición entre o horizontal e o vertical (por exemplo, entre a tradicional distinción existente entre a harmonía e a melodía) polo que o único que viu nas series foi un xeito de proporcionar unha estrutura ao espazo sonoro.[2]

Tamén o alemán Stockhausen alabou a Webern, véndoo como un dos precursores da nova música, acerca do cal escribiu:

O principio Schönbergiano da serie temática rompeu... O esencial deixou de ser un único Gestalt (un tema ou motivo) escollido polo compositor. Agora todo se basea nunha secuencia de proporcións melódicas, de duracións e de sonoridades.[3]

A rixidez do serialismo integral pronto se relaxou.

Principios compositivos

[editar | editar a fonte]

Os principios compositivos do serialismo integral son unha ampliación do sistema dodecafónico de Schönberg, no que existía unha única serie con varias permutacións que afectaba unicamente á altura dos sons. Nesta "evolución" do sistema dodecafónico existen varias series que afectan a outros elementos da música como a intensidade, a duración etc.

Unha composición totalmente serial podería, con facilidade, producir no oínte a impresión de aleatoriedade, xa que a música que se basea nestes principios carece de temas no sentido clásico de entes melódico-rítmico-harmónicos facilmente perceptibles con ampliacións, derivacións e desenvolvementos recoñecibles dos mesmos. Con isto coexiste unha ausencia típica dun pulso rítmico distinto e a ausencia de todo sentido de progresión, de movemento cara puntos de culme.

Principais compositores

[editar | editar a fonte]
  1. Orientations, ed Jean-Jacques Nattiez
  2. Relevés d'apprenti, ed. Paul Thévenin (París, 1966)
  3. "Weberns Konzert für 9 Instrumente, Op 24", Texte (Colonia, 1963)

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • DONALD J. GROUT & CLAUDE V. PALISCA: Historia de la música occidental (vol. 2), Editorial Alianza Música
  • ROBERT P. MORGAN: La música del siglo XX, Editorial Akal