Saltar ao contido

Sector agroalimentario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O agroalimentario é un sector industrial centrado na produción agraria de alimentos . Este sector en Galiza pode dividirse en catro tipos de industria: cárnico, lácteo, pesca e marisqueo, e bebidas.

Características

[editar | editar a fonte]

No subsector cárnico resulta sorprendente que o consumo interior sexa menor cá produción e que o resultado comercial sexa deficitario tendo en conta tamén o incremento da habenza gandeira total. Os seus subsectores son os matadoiros e as elaboradoras.

O subsector lácteo ten un gran superávit e unha boa parte da produción destínase ó exterior. O seu subsector con máis expectativas é o das queixerías, agás polo incremento descontrolado sen capacidade comercializadora e baixa rendibilidade e creación de emprego. Esta falla estratéxica fixo intervir ós poderes públicos. Outros produtos coma manteigas e iogures son marxinais e a produción fornece só ó mercado galego, no cal as industrias propias non parecen estar en posición favorable.

Canto ás conservas enlatadas ou conxeladas, a atomización e individualismo dos produtores están permitindo presións cruzadas de provedores e distribuidores así coma a perda de oportunidades pola falla de colaboración coas empresas estranxeiras, a pesar de ter o sector conxelado e o seu asociado do frío industrial teñen dende hai uns anos unha expansión, calidade e recursos humanos sen precedentes na nosa historia.

No sector das bebidas atópanse moi diferentes situacións segundo o subsector: mentres o viño de calidade segundo Denominación de Orixe está medrando cada vez máis en cantidade (Galiza conta con cinco das chamadas empresas gacela, onde o negocio medra máis do 15% durante catro anos seguidos), calidade e exportación, ou a xestión e embotellado de auga medra coa demanda, outras bebidas aumentan moito máis a modo (cervexa) ou mesmo diminúen (gasosa).