Saltar ao contido

Troita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Salmo trutta fario»)

A troita,[1] Salmo trutta fario, é un peixe osteíctio de auga doce, unha forma de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.[2]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A subespecie foi descrita por primeira vez en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo tamén foi coñecida polos sinónimos:[2]

  • Salmo fario (Linnaeus, 1758)
  • Salmo faris
  • Trutta fario (Linnaeus, 1758)

Clasificación

[editar | editar a fonte]

As troitas do norte de Italia foron clasificadas como Salmo cenerinus.[3] Pero recentes investigacións bioxeográficas e moleculares do ADN mitocondrial demostraron que este taxon non era válido xa que entraría na variabilidade da aínda non descrita troita mediterránea Salmo mediterraneus. Cómpre ter en conta que esta suposta especie é xeneticamente idéntica a Salmo cettii (troita sarda) do centro-sur da península italiana, polo que se pode supoñer que a súa coloración sexa un carácter fenotípico e non xeneticamente determinado.[4][5]

Características

[editar | editar a fonte]
Troita no momento de ser capturada coa técnica da mosca artificial.

A troita é unha especie morfoloxicamente moi semellante ao salmón, de corpo alongado, comprimido nos flancos, coa cabeza robusta, aguzada cara á boca, dotada de fortes dentes; diferénciase do seu parente, á parte do tamaño, pola constitución do corpo, que é máis forte, curto e alto.[6]

Os maxilares superan o nivel da marxe posterior do ollo. As aletas pectorais e caudal son moi robustas, e as aletas pelvianas e anal pequenas, esta última oposta á adiposa, que está moi atrasada.[6]

A lonxitude varía xeralmente nos cursos de auga nos que habita. Nos regatos e pequenos ríos de montaña non supera case os 30 cm e os 300 g de peso; nos ríos máis grandes dos vales, e nos lagos, onde a riqueza da ictiofauna é maior, algúns exemplares poden alcanzar pesos considerábeis, de entre os 5 e os 7 kg. Porén, en Galicia non adoitan acadar máis de 40 cm de lonxitude e 1 kg de peso.[7]

A coloración é extremadamente variábel, para mimetizárense co contorno. Normalmente o dorso e os flancos son apardazados con manchas negras ou vermellas, aureoladas ou non de claro.[6]

As troitas que viven nos lagos presentan un aspecto semellante ao do reo (Salmo trutta trutta).

Distribución, hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]
Troita no río Moldava en Praga.

Encóntrase en case toda Europa, desde Noruega, Suecia, Finlandia e o norte de Rusia até España, o norte de Portugal, Francia, Suíza, Eslovenia, Croacia, Serbia e Romanía, e foi introducida no norte de Italia.[8] Hoxe en día, e debido ás repoboacións, pode acharse case en calquera lugar.

Vive en cursos de auga rápidos e fríos, claros, ben oxixenados; nos meses invernais xeralmente baixo cataratas, fervenzas e cachóns, co fociño cara á corrente á espreita das súas presas, mentres que en verán permanece no fondo agardando polos insectos que pousan na superficia da auga, dos que se alimenta.

Pero non só come insectos, senón tamén outros invertebrados, como pequenos crustáceos, e tamén pequenos peixes.[7]

Reprodúcese nos meses invernais, entre novembro e febreiro, poñendo de 80 a 1.600 ovos.[7]

Troita acabada de pescar.

A troita é a especie de peixe máis abundante nos ríos de Galicia, aínda que parece ser menos común na provincia de Ourense debido ás numerosas alteracións dos leitos.[7]

Dado que este peixe é un depredador, captúrase con larvas de insectos, con miñocas de terra e mariños (como o poliqueto Arenicola marina) e con peixes vivos ou mortos, de auga doce e auga salgada (que non deben exceder os 5 cm de longo para que se poidan enganchar no anzol máis facilmente.

Tamén se pesca coas técnicas da pesca con mosca e da pesca con culleriña.

A súa carne é moi apreciada.

Ademais, é unha peza moi apreciada tamén pola súa suspicacia, xa que require a máxima atención para a súa pesca.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Segundo a UICN o estado de conservación desta subespecie en estado silvestre é de LC (preocupación menor). Porén, moitas das súas pobacións lacustres declinaron considerabelmente debido á contaminación.[8]

A troita na gastronomía galega

[editar | editar a fonte]

Dicía o mestre Álvaro Cunqueiro que

Galicia é o país dos dez mil ríos: algúns son grandes, outros medianos, outros pequenos, outros regatos que baixan dos montes ás valiñas e vales, e que nunha parte do curso seu atorrentan e brincan, escumexan, e noutras rermansan e apozan.
Cunqueiro, Á. A cociña galega, p. 89.

Proseguindo:

Coma o océano é fértil en peixe, so ríos glegos sóno en troitas. A máis corrente é a "salmo fario", que vive sempre nos ríos e nunca naixa ao mar, (...) As millores troitas son as de abril deica se veda a pesca. As máis grandes non son as máis sabrosas. Unha troita de dez centímetros de longo está moi ben. O millor é fritilas, e no país deuse cunha grande invención, que é botar no maceite en que se friten uns cachiños de unto. A troita fritida mesmo pide unha ensalada de leituga. Si non hai unto á man, pódense botar no aceite, na tixela, unhas lonchiñas de xamón, co blamco, e si está algo rancio, millor. Aínda que nalgúns lugares empanan a troita, a verdade é que non lle dá gosto ao pan, e coido que seña a peor das empanadas.
Cunqueiro, Á. A cociña galega, p. 94.

Pola súa parte, o seu discípulo Jorge Víctor Sueiro cóntanos que

En Galicia, con centenares de ríos trucheiros, a afeizón a esa pesca é enorme e todos os anos, ao seu tempo, miles de afeizoados pescadores saen con canas e trebellos á busca dos delicados e requintados peixes. Cada tempada, polo que me din, a pesca da troita ponse máis difícil. Mais aínda, porén, pode un "encargar" aos expertos, aos vellos e sabios pescadores, unha "troitada", de non importar demasiado o que nos custe. (...).
(traducido de Sueiro. J-V. Comer en Galicia, p. 113.)

En canto á forma de preparalas, relata que unha noite en Mondoñedo, no curso dunha pantagruélica cea cun grupo de amigos,

Fan a súa aparición as troitas es seis sabores: fritidas en unto de porco, encamisadas en xamón, escabachadas, con maionesa, empanadas e... non lles digo maís que para "El Capellán", de Viloalle, as troitas sí están boas con arroz...
(traducido de Sueiro. J-V. Comer en Galicia, p. 18.)

Máis adiante inclúe dúas das recitas de troitas que lle facilitou "El Capellán":

Troitas adobadas. Ao limpar as troitas hai que deixarlles a vea que segue a espiña. Prepárase un mallado a base de allo, pemento moído doce e un airiño de picante, perexil, aceite e vinagre.Ben untadas con este adobo permanecen as troitas durante unha hora. NMa tixola mesturase aceite e unto de porco ao cincuenta por cen. Cando a temperatura está tan alta que "esté doente", frítense,
Troitas con arroz. Prepárase un arroz con tomate, pemento verde e azafrán e, cando está cercano ao punto, incorpóranse as troitas adobadas [ao xeito da receita anterior]. Para "El Capellán" este "elle un plato que sabe coma mel". (...) (pero el non se fiaría...).
(traducido de Sueiro. J-V. Comer en Galicia, p. 230.)
[editar | editar a fonte]

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • A muller e a troita pérdense pola boca.
  • A troita e o unto canto máis vellos millor.
  • A troita pra que che guste ha de ter sete efes: fresca, fría, frita, fiada, fragosa, fea e femia.[9]
  • Ende vindo o perdigón, perde a troita sazón.
  • Non se pillan as troitas coas bragas enxoitas.
  • O que troitas quer pescar, as calzas ten que mollar.
  • Troita cara non é sana.
  • Troita de hoxe; pan, de onte; carne, de antronte.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
  • Polo río abaixo vai/ unha troita de pé,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera pillar,/ polo río abaixo vai/ unha troita a nadar.
  • Vaite á merda, vaite á merda,/ cara de troita lambeta/ que na punta do zapato/ levo un corno que che meta.

Fraseoloxía

[editar | editar a fonte]
  • Ter moita troita: Sarmiento recolleu esta expresión co significado de ter moita picardía, e engade que “Creo que es la treta castellana”.
  • Estar coma a troita na auga, dise a quen vive comodamente.
  • Picado da troita: dise de quen ten pencas na cara. Mancha ou marxa da troita é a propia penca.
  1. troita Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. 2,0 2,1 Salmo trutta fario Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  3. Kottelat M. & Freyhof J. (2007): Handbook of European Freshwater Fishes, Publications Kottelat, Cornol (CH), pp. 401-430.
  4. Bernatchez, L. (2001): "The evolutionary history of brown trout (Salmo trutta L.) inferred from phyleogeografic, nested clade, and mismatich analyses of mitochondrial DNA variation". Evolution, 55: 351-379.
  5. Gibertoni, P. P.; Penserini, M.; Esposito, S.; Leonzio, C.; Radi, M. & Querci, G. (2010): "Ipotesi di distribuzione originaria delle popolazioni di salmonidi nativi per le acque italiane". Atti del XII congresso AIIAD, S. Michele dell'Adige (Tn), 6-7 giugno 2008. Studi Trentini di Scienze Naturali – Acta Biologica.
  6. 6,0 6,1 6,2 Rodríguez Villanueva et al. (1995), p. 368.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Rodríguez Villanueva et al. (1995), p. 369.
  8. 8,0 8,1 Salmo trutta na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2 Consultada o 30 de agosto de 2014.
  9. ’’Fragosa’’ quere dicir que vive en augas batidas, con penedos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-181-5.
  • González Pérez, Clodio (1988): "O refraneiro do mar", en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12, pp. 137–147. Santiago: Museo do Pobo Galego.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, J. S. (2006): Fishes of the World. 4th ed. Nova York: John Wiley and Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Piñeiro, Miguel (2004): La pesca tradicional del reo en Galicia: metodología y lugares de captura. Madrid: Ediciones Tutor. ISBN 978-84-7902-430-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L.; Xavier Vázquez e Henrique Álvarez Escudero (1995): Peixes do mar de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Santamarina, Antón (2003): Dicionario de Dicionarios. A Coruña / Santiago: Fundación Pedro Barrié de la Maza / Instituto da Lingua Galega.
  • Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8537-32-8.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]